8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres

Hoxe en día,
ter un traballo e un salario non
garante unhas mínimas condicións
de vida porque os ingresos non
abondan para cubrir as necesidades
básicas das mulleres. Esta
realidade, xunto coa destrución de
emprego, o traballo a tempo
parcial, a eventualidade e a
segregación ocupacional,
configuran un panorama no que é
difícil pensar sequera en ter
fillas ou fillos. Galicia
despobóase, a media de idade
aumenta. Galicia empobrécese
porque as mulleres se empobrecen,
vítimas da precariedade. Son
imprescindibles políticas públicas
que creen emprego de calidade e
que corrixan con efectividade a
desigualdade. Mentres non se actúe
nesa dirección, as galegas
seguirán abocadas á pobreza e á
emigración. Segue


8m Ourense8M Santiago

Cada ano, a
Secretaría da Muller do Sindicato
Nacional de CCOO fai balance da
situación das mulleres no emprego,
con especial atención á calidade
dos postos de traballo, ás
diferenzas salariais, a como
incide o desemprego entre a
poboación feminina ou a que
sectores están máis ou menos
feminizados. Esta valiosa
información bota luz sobre as
brechas estruturais de xénero que
perpetúan unha división sexual do
traballo.

Coa
contundencia dos datos, podemos
describir con fidelidade a dura
realidade en que viven as mulleres
galegas. Un país que non inviste
na creación de emprego e no
benestar das persoas, que non fai
esforzo ningún para corrixir a
desigualdade e a discriminación,
ten un futuro escuro. É unha anomalía que
perdura no tempo e conforma
unha realidade de desemprego,
precariedade, segregación
ocupacional e pobreza salarial.
 E
como adoita suceder, a realidade,
tan teimuda, acábanos por dar a
razón.

As dificultades
para poder vivir do seu traballo,
a falta de oportunidades e de
emprego digno e con salario
suficiente empurran a mocidade á
emigración. Así é como se chama,
non «mobilidade exterior». As
mozas e mozos que teñen que
marchar á procura de oportunidades
noutros países son emigrantes
económicos. Coa súa partida,
Galicia perde capital humano,
intelectual e profesional, amais
de provocar un drama persoal a
estas persoas e as súas familias.

Os datos do
Instituto Galego de Estatística
revelan que, desde o ano 2010,
residen en Galicia 79.128 persoas
menos, das que o 48,52 % serían
mulleres. A poboación feminina
mingua, especialmente no tramo en
idade legal para traballar, con
maior incidencia na franxa de 20 a
34 anos. A idade media das
mulleres galegas estaba nos 46,4
anos en xaneiro do 2010 e cinco
anos máis tarde subía ata os 47,8
anos.

A poboación
estranxeira ten un peso pouco
significativo en Galicia en
comparanza coa media estatal. Ata
o 1 de xaneiro de 2016
representaba o 3,2 % da poboación
total, mentres que no conxunto do
estado se triplica ata o 9,5 %.
Peso escaso que, á luz dos datos,
intuímos que segue a baixar: desde
xaneiro de 2010 hai empadroadas en
Galicia 21.704 persoas menos de
nacionalidade estranxeira. Por
riba, Galicia está á cola do
estado canto ao número de persoas
refuxiadas que acolle.

Os datos
demográficos de Galicia amosan
unha dura realidade de descenso de
natalidade e envellecemento da
poboación, de incapacidade de
fixar poboación moza e inmigrante.
Isto é indiscutible e débese á
falta de expectativas laborais e a
imposibilidade de desenvolver un
proxecto de vida. A precariedade
laboral, a temporalidade ou os
atrancos para conciliar vida
laboral e familiar tampouco
axudan.

Mención á parte
merece a fenda salarial. As
mulleres galegas cobran un 22,1 %
menos que os homes, e ademais son
maioría nos tramos salariais máis
baixos. Segundo fontes da Axencia
Tributaria, o 36,34 % das mulleres
asalariadas teñen ingresos
igual ou por debaixo do
salario mínimo
interprofesional. Isto chámase
pobreza salarial, mulleres
pobres con traballo.

Esta é a
realidade que lle queremos amosar
ao presidente da Xunta, a
realidade que Núñez Feijóo non
coñece ou non quere ver. Cando se
fan discursos mostrando
preocupación polo problema
demográfico pero durante anos non
se poñen en marcha medidas
estruturais para modificar a
realidade, entendemos que non é
unha preocupación real.

Xa fracasaron
dous plans de dinamización
demográfica -ampuloso título para
ridículas accións- do Goberno, por
iso CCOO esixe este 8 de marzo
medidas efectivas de carácter
estrutural. Afrontamos a realidade
que evidencian os datos, por iso
esiximos investimentos en
políticas públicas que eliminen as
desigualdades e xeren empregos cos
que as mulleres poidan emprender
proxectos vitais e se fixe
poboación no noso país.

sindicato nacional de ccoo de galicia

comisión executiva nacional

secretaría da muller