Comeza a Negociación Colectiva no sector do Comercio da Provincia de Pontevedra

Neste ano 2016 cómpre negociar
dez convenios de comercio nesta provincia, dos que catro terminaron a
súa vixencia en 2015 (Comercio Alimentación, Comercio retallista
téxtil, Comercio do moble e Comercio de materiais de construción) e
seis fixérono en anos anteriores (Comercio de bazares, Comercio
metal e Comercio almacenistas de froitas, en 2014 e Comercio de peixe
fresco 2010, Venda por xunto de tecidos 2012 e Comercio da pel 2009).

A primeira mesa que se constituiu
foi a de Comercio de materiais de construción, na que despois de
tres reunións a formulación da patronal segue sendo a conxelación
salarial, baseándose na mala situación que segue soportando o
sector. Por parte de CCOO as propostas seguen sendo a necesidade de
incrementar as táboas salariais unida á inclusión de melloras
normativas, sobre todo na xornada de traballo.

Tamén se constituiron as mesas
de negociación dos convenios de Comercio do Moble e de Comercio Alimentación. No primeiro caso a representación de CCOO é o 100%, polo que xa fixemos entrega da nosa plataforma, do mesmo xeito que no
segundo, no que pola parte social estaremos CCOO, CIG, UGT e USO,
sen que ningún dos tres sindicatos teña a maioría absoluta.

Esperamos que axiña poidamos
iniciar a negociación do convenio de Comercio retallista téxtil.
Continuamos instando á patronal para que nos convoque.

Sobre os Convenios que remataron
a súa vixencia en anos anteriores sen sequera constituírense as
mesas de negociación
, seguimos insistindo e ante a falta de resposta
por parte da patronal estamos a estudar outro tipo de medidas legais
para conseguir sacar da parálise na que están os traballadores e
traballadoras afectados polos mesmos.

As formulacións que estamos a
facer CCOO nas nosas plataformas baséanse na mellora dos salarios,
das condicións de xornada de traballo para garantir a conciliación
e na regulación da contratación.