Convenio Comercio Alimentación provincia de Pontevedra: xornadas de folga e mobilización os próximos días 5 e 7 de decembro

 Nas asembleas celebradas no día de hoxe para valorar a situación do
convenio de Comercio de Alimentación da provincia de Pontevedra, cunha participación de máis de 200 persoas, presentouse por parte
dos catro sindicatos presentes na mesa de negociación a última
proposta da patronal.

A
patronal maioritaria (ASAP) expuxo na última reunión, coa
presenza dos mediadores do AGA, a seguinte proposta, na que a premisa
é a conxelación da antigüidade: Segue

  • Vixencia de catro anos.
  • No referente a xornada, 20 minutos de descanso
    retribuído para xornadas continuadas de máis de 6 horas e a
    posibilidade de pechar as 19 horas os días 24 e 31 de decembro
    sempre que se consiga que así o estableza a Xunta de Galicia.
  • Prioridade para a contratación de tempo parcial para ocupar as vacantes a tempo completo e consolidación do 50% das
    horas complementarias estruturais traballadas nun período de 18
    meses.
  • Dereito ao disfrute de 14 días de vacacións entre o 1 de xuño e o
    30 de setembro para o 100% do cadro de persoal
  • Posibilidade de acumular o período de lactación nun total de 22
    días consecutivos.
  • Ampliar aos 14 anos do fillo a posibilidade de
    redución de xornada por garda legal e ampliar ata os cinco anos a
    excedencia por coidado de fillos con reserva do posto de traballo.
  • Incremento salarial do 0,5% para 2016, 0,5% para 2017, 1% para 2018
    e 1% para 2019.
  • Conxelación da antigüidade na cantidade que se teña a 31/12/2016
    e a cambio a creación dun plus adpersonam só para as persoas que
    estén de alta a esa data consistente en 50 ? mensuais por 15
    pagas. Este plus sería consolidable non absorvible nin
    revalorizable.
A outra asociación patronal presente na negociación (FEGACOIN) fixo unha proposta na que non se conxela a antigüidade e propón melloras sobre o
establecido no actual convenio, pero que non pode ser valorada pola
parte social por non contar esta patronal coa representación
suficiente, o que suporía poñer ao sector nunha situación
incerta, cun convenio de eficacia limitada pola parte empresarial.

O exposto por parte da representación de ASAP na mesa negociadora foi
valorado de forma unánime pola asemblea como INASUMIBLE, e ante a
situación de bloqueo da negociación decidiuse iniciar mobilizacións
e convocar folga para os próximos días 5 e 7 de decembro
, a cal
será convocada polos catro sindicatos presentes na mesa e presentada ante a autoridade laboral o luns.

Por parte de CCOO valoramos esta proposta da
patronal totalmente insuficiente, xa que supón no seu conxunto unha
merma económica con respecto ao actual convenio, disfrazada cun
hipotético incremento salarial deixando incluso fóra desta «hipotética mellora» aos futuros traballadores e traballadoras do
sector, os que non van ter nin incrementos de antigüidade nin o plus
establecido pola conxelación desta.

O próximo martes día 29 estamos convocados pola mediación do AGA
para unha nova reunión
na que esperamos que a posición da patronal
mude considerablemente. Ao mesmo tempo convocamos xa unha nova
asemblea para o próximo domingo día 4
, na que valoraremos os
posibles cambios que se produzan nesta semana.