O pasado luns 5 de xuño tivo lugar nos locais de CCOO en Monforte de
Lemos unha reunión de delegados e delegadas de Paradores de Galicia
na que participamos a Sección Sindical de Galicia e delegados,
delegadas, afiliados e afiliadas dos Paradores das provincias de Lugo
e Ourense.
Nesta reunión valoramos o plan de traballo desta Sección Sindical
e debatemos sobre os problemas máis importantes que afectan ó
persoal destes Paradores de cara a buscar solucións para cada un
deles. Segue
A conclusión máis importante que sacamos desta reunión é a
necesidade que temos todos os traballadores e traballadoras de
Paradores de reforzarnos sindicalmente para defender en conxunto os
nosos intereses. Neste mundo globalizado é imporante que se
globalicen tamén os dereitos que como clase traballadora nos
corresponden e iso só se acada estando organizados, para o que
entendemos que CCOO é a ferramenta axeitada e necesaria. Nestes
momentos nos que se intenta por todos os medios desprestixiar as
organizacións sindicais para eliminar a ferramenta que
historicamente tivemos a clase traballadora para defendernos, temos
que ser máis intelixente e non permitilo. Por isto un dos obxectivos
principais que nos marcamos a representación de CCOO en Paradores de
Galicia é trasladar ao conxunto dos traballadores e traballadoras a
necesidade de afiliarse e organizarse.
Tamén decidimos trasladar á dirección de Recursos Humanos da
empresa a través do seu representante na zona norte, os conflitos
que nestes momentos ocupan e preocupan a representación de CCOO nos
Paradores de Galicia co obxectivo de buscar solucións negociadas en
primeira instancia antes de iniciar outras vías de solución.
A Sección Sindical de CCOO de Paradores de Galicia, queremos
transmitir a todos os traballadores e traballadoras a nosa intención
de seguir traballando na mellora das condicións de traballo para
todo o colectivo, comezando pola recuperación de dereitos e
condicións de traballo que tanto esforzo custou conseguir e que
quedaron no camiño por mor da negociación do ERE.