Suspendida a folga no Lefties do Centro Comercial Gran Vía de Vigo tras lograr o comité a readmisión do despedido

A Federación de Servizos de CCOO de
Galicia informa da suspensión da folga prevista para hoxe e mañá
no Lefties do Centro Comercial Gran Vía de Vigo, coa que se
pretendía lograr a readmisión dun compañeiro. Tras unha «intensa»
negociación, os sindicatos CCOO, CIG e UGT conseguiron na tarde do
xoves que a empresa readmita o traballador despedido noutra das
tendas do grupo (a da rúa Progreso), pero conservando as mesmas
condicións laborais. Este acordo determina a desconvocatoria da
folga. O vindeiro martes, día 27, haberá unha reunión para pechar
os flocos económicos da readmisión.

CCOO,
que ten a maioría no comité de empresa, congratúlase polo acordo
acadado. O sindicato salienta a unidade de acción sindical, que
contribuíu a que este conflito se resolvera positivamente para o
traballador afectado. «Neste conflito puxemos en valor a
solidariedade das persoas coa situación inxusta que padeceu un
compañeiro», insisten desde Comisións.

Antecedentes

CCOO
e o resto dos sindicatos afirmaron en todo momento que consideraban
«inxusto e arbitrario» o despedimento dun traballador do Lefties de
Gran Vía, que tiña a responsabilidade de segundo encargado e
contaba, ademais, co apoio dos seus compañeiros e compañeiras.

Como
reacción, o comité de empresa xa convocara concentracións os
pasados días 12, 13 e 14 para pedir a readmisión. Ao non haber unha
resposta «satisfactoria» á reivindicación, decidiuse convocar a
folga, agora xa sen efecto grazas ao acordo.