O comité de empresa de Froiz na provincia da Coruña esixe xornadas de traballo continuas

O comité de empresa de Froiz na provincia da Coruña convocou este mediodía unha concentración na cidade herculina para esixir xornadas de traballo continuas, de xeito que se facilite a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Actualmente, existen dúas modalidades de xornada nos centros de Froiz na provincia: partida e mixta. Neste segundo caso, o persoal goza de catro días con xornada continua e outros dous con xornada partida.

Durante a pandemia da COVID-19, unha das medidas adoptadas pola empresa foi a xeneralización da xornada continua para todo o persoal. Malia se tratar dunha situación puntual, demostrouse que organizativamente era posible que todas as traballadores e traballadoras gozasen desta modalidade de xornada.