No día de hoxe asinouse o primeiro acordo económico entre a
dirección de Randstad Project e o Comité de Empresa co que se
consegue mellorar os salarios do colectivo que presta os seus
servizos para a empresa GEFCO en Vigo, nun porcentaxe superior ó 8%.
Este acordo baséase en dous aspectos fundamentais, os cales teñen
un compoñente económico claro e que consegue mellorar os baixos
salarios destes traballadores e traballadoras. Estes dous aspectos
son por unha banda a regulación da xornada laboral e por outro as
condicións económicas que se rexen por un moi baixo convenio de
empresa. Segue
No que respecta á xornada laboral, acordamos en resumo que todas as
horas que se realicen en sábado e domingo despois das primeiras 21
realizadas, se abonen ao prezo de hora extraordinaria e ao prezo
establecido no grupo IV do convenio (supón un 1,8% de incremento no
valor de cada hora). Antes deste acordo e por aplicación da xornada
flexible establecida no Convenio moitas das horas que se realizaban
en sábado ou domingo considerábanse ordinarias.
En canto ás condicións económicas o acordo supón un incremento do
salario bruto anual do 8,15%, pasando dun salario bruto anual de
10.450 eur a 11.247,17 eur (10.839,17 eur de salario base, 308 eur de
plus de asistencia e 100 eur de plus de sinistralidade). Ademais todo
o persoal pasa do grupo I actual ao grupo III, con aplicación dos
salarios correspondentes do grupo IV, o que suporá que se lles
aplique ademais o incremento que se acorde para este último grupo na
negociación que se está producindo actualmente a nivel estatal do
Convenio Colectivo desta empresa.
O 8,15% parece un incremento importante, pero en CCOO temos claro que
cando se fala duns salarios tan baixos, un incremento deste tipo non
se pode considerar significativo, polo que consideramos que temos a
obriga como sindicato de seguir loitando por uns salarios dignos para
este colectivo. Este acordo non pode ser máis que un primeiro paso
en busca do obxectivo principal de lograr que os traballadores e
traballadoras de Randstad Project, e de todas as empresas de
multiservizos, gocen das mesmas condicións que teñen os que
traballan para a empresa principal.
Queremos significar e poñer en valor o labor dos cinco compoñentes
do Comité de Empresa, todos eles de CCOO, que en menos de seis meses
desde a súa constitución conseguiron mellorar as condicións de
traballo dos seus representados. Cónstanos a CCOO que non están do
todo satisfeitos e que seguirán loitando, co noso apoio e o do
persoal, por mellorar ao máximo tanto as condicións económicas
como as laborais de todos os traballadores e traballadoras.