Autor: Servicios Galicia

  • Asinado o Convenio Colectivo do sector do Comercio de Materiais de Construción de Ourense

    Os sindicatos CCOO, UGT e CIG, xunto coa patronal ASEMACO, vimos de asinar o Convenio Colectivo do Sector do Comercio de Materiais de Construción para a provincia de Ourense para os anos 2017 e 2018, destacando os seguintes acordos:

    • Incremento salarial do 1,5% nos salarios a partires do 1 de xullo e ata o 31 de decembro de 2017.
    • Incremento salarial do 1,5% dos salarios de 2018.
    • Cláusula de revisión salarial durante os dous anos, de maneira que se incrementen os salarios en todo o que o IPC exceda do 1,5% ao final de cada un dos anos de vixencia, co pagamento dos correspondentes atrasos.
    • Complemento económico ata o 100% cando se produza baixa médica por enfermidade común e exista hospitalización (ata agora só existía o 100% cando a baixa era por accidente laboral ou enfermidade profesional). Este complemento, no caso de hospitalización, dure o que dure a mesma, manterase ata a alta médica definitiva.
    • Consolidación definitiva dos descansos dos sábados de semana santa e das tardes do 24 e 31 de decembro.
    • Introdución de protocolos de actuación para os casos de acoso sexual, laboral e por razóns de sexo.
    • Melloras no apartado de licenzas retribuídas.

    Desde os sindicatos asinantes valoramos positivamente o feito de manter un convenio vivo e actualizado que volve ao camiño de acadar conquistas que melloren a vida das persoas traballadoras.

    En canto ás retribucións, se ben somos conscientes de que os salarios aínda seguen a ser baixos, valoramos moi positivamente a implantación de novo na negociación do concepto de revisións salarial no caso de desvío do IPC, o que garante que non se perda poder adquisitivo.

    Tamén celebramos a unidade sindical mantida nas negociacións que significou que por primeira vez en moitos anos sexamos os tres sindicatos os que suscriben o convenio colectivo.

    Desde CC.OO. queremos destacar especialmente, ademais das melloras sociais e salariais respecto ao anterior convenio, o noso traballo para conseguir unha plataforma conxunta e o avance en protocolos de igualdade e loita contra o acoso sexual e psicolóxico

    Ourense, 29 de xuño de 2017.

  • Desconvocada a folga de Lefties (Inditex) en Vigo

    Motivado pola falla de personal e a conseguinte sobrecarga de traballo nas dúas tendas de Lefties de Vigo, o Comité de Empresa de Zara España na
    provincia de Pontevedra convocou unha folga para o próximo venres 30 nas devantitas tendas. Os contactos coa
    dirección da empresa deron os seus froitos e conseguironse cinco novas
    incorporacións, o incremento a 40 horas a dúas traballadoras na tenda de
    Gran Vía e unha na de Progreso, quedando así desconvocada a folga.

    Por parte de CCOO creemos que estes reforzos deben axudar a paliar a excesiva carga de traballo que soportan as traballadoras.
  • Concentracion fronte á central de Inditex para denunciar a situación laboral das traballadoras de LEFTIES (Inditex)

    Hoxe, 22 de xuño, ás 12:00h, realizouse unha CONCENTRACIÓN diante da sede principal de lnditex en Arteixo en protesta pola reiterada actitude de desprezo da Dirección da empresa cara aos nosos dereitos e en demanda das melloras que levamos reclamando infrutuosamente desde hai moito tempo:

    1.-A nivel ECONÓMICO:

    -Incremento na porcentaxe de comisión de todo o persoal de Lefties.

    -Incentivos equitativos cos que se cobran no resto das tendas da mesma empresa. Recordemos que LEFTIES É ZARA ESPAÑA, S.A. E NON UNHA CADEA INDEPENDENTE.

    2.-A nivel LABORAL:

    -Redución da excesiva carga de traballo mediante a oferta de horas ou ampliación de persoal.

    -Eliminación da esixencia de xustificación nas solicitudes de redución de xornada por garda legal, xa que supón unha grave intromisión na intimidade e vida persoal das traballadoras.

    Coñecemos casos de acoso e discriminación laboral que, evidentemente, crean conflitos persoais e tensións entre as traballadoras. A Dirección da empresa e Dirección de Tendas non fixeron nada efectivo até o de agora para atallar de maneira efectiva estes comportamentos. O único que se lles ocorreu foi iniciar uns ?protocolos de averiguación? de maneira unilateral, Sen Consultar nin dar participación ao Comité de Empresa, polo que se realizaron sen a transparencia necesaria. NON IMOS PERMITIR ESTE ESTILO DE DIRECCIÓN. Queremos e esiximOS que Se nos Xulgue unicamente polo noso traballo, non por outras circunstancias discriminatorias e alleas á relación labOral.

    En canto á seguridade nas tendas, parece que, despois dunha longa loita por parte do Comité, a empresa vai contratar un VIXILANTE DE SEGURIDADE para a tenda do Torreiro. Esperamos que sexa unha medida permanente e non un APAÑO TEMPORAL como noutras ocasións.

    LEFTIES, SOLUCIÓN XA!!!

    CCOO UGT CIG

  • Inicio de mesa e plataforma Convenio material Construcción Ourense

    O
    pasado día 1 de xuño constituíuse a Mesa Negociadora do Convenio Colectivo de
    Comercio de Materiais de Construción e Saneamento da Provincia de Ourense, que
    en función da representatividade, está constituída da seguinte forma:

    • UGT :                 4 representantes.
    • CCOO:              2 representantes.
    • CIG:                   1 representante.

     O
    luns 12 de xuño mantívose a primeira reunión na que se presentou unha
    plataforma conxunta por parte de CCOO e UGT, co fin de tentar manter a unidade de acción para  fortalecer a
    negociación coa Patronal.

     Nesta
    reunión xa empezamos a tratar temas de xornada, salarios, licenzas,
    contratación ou incapacidade temporal, tal e como  propoñemos na plataforma adxunta.

     Seguiremos
    informando de como se van desenvolvendo as negociacións.

    Plataforma Convenio Colectivo Materiais Construción e Saneamento Provincia de Ourense

  • CCOO reitéralle ao Santander a petición dunha reunión formal sobre a adquisición do Popular

    A sección sindical de CCOO-Servizos no Banco Santander reiteroulle hoxe á entidade, como principal interlocutora, unha reunión formal para que informe sobre a adquisición do Banco Popular. O sindicato demanda «axilidade» para ter canto antes información «de primeira man» sobre este proceso, alén do que diariamente se publica nos medios de comunicación e que está a xerar «intranquilidade» nos cadros de persoal de ambas as dúas empresas. Segue

    Da Federación de Servizos de CCOO salientan que é a primeira vez que se aplica o mecanismo europeo de resolución de entidades financeiras, polo que no sindicato son «conscientes» de que os prazos poden alongarse. Con todo, as «incertezas» sobre o emprego directo e o indirecto requiren dunha resposta por parte da entidade compradora, neste caso o Banco Santander, xa que estamos a falar de case tres mil persoas en Galicia (1430 no Popular, 900 no Santander e 500 en empresas de servizos).

    A principal preocupación de CCOO son os postos de traballo. Calquera reordenación, tanto da rede de oficinas como de servizos centrais, con perda de personalidade xurídica do Banco Pastor e do Banco Popular, debe realizarse «sen medidas traumáticas e de xeito consensuado coa representación legal do persoal», insisten desde o sindicato. Como exemplo, o que se fixo no Pastor-Popular no pasado exercicio, co asinamento de acordos para a garantía do emprego e a homologación das condicións laborais.

    En segundo lugar, desde a Federación de Servizos do sindicato afirman que as garantías de emprego han estenderse ás diversas empresas en que o Popular é copartícipe.

    Outra das inquedanzas de CCOO é o restablecemento da confianza de clientes e persoal da entidade vendida. Neste sentido, o sindicato coida que o Banco Santander debe «ofrecer solucións» para os pequenos accionistas que viron desaparecer os seus investimentos ?bonos e accións? por mor da aplicación do mecanismo único de resolución.

    As persoas son o primeiro

    Desde CCOO-Servizos afirman que se o Banco Central Europeo e a Comisión Europea pretendían «transmitir tranquilidade» ao sistema financeiro español, decidindo nun tempo brevísimo a resolución do banco e evitando así un custo ás arcas públicas pola inminente creba do Popular, outro tanto debe acontecer con todas as incertezas. O sindicato pide que, unha semana despois, se despexen canto antes todas as dúbidas, especialmente as referentes aos prazos, o futuro das marcas Banco Popular e Banco Pastor e as garantías reclamadas tanto polo persoal como a clientela. «As persoas son o primeiro», enfatizan desde CCOO.