Autor: Servicios Galicia

  • CCOO e CTAG-IDIADA pactan melloras sobre o Convenio Estatal de Enxeñarías

    CCOO e CTAG-IDIADA
    asinaron acordo de melloras sobre o convenio estatal de Enxeñarías
    e Oficinas Técnicas o pasado venres 19 de Maio de 2017. Este feito
    supón un fito histórico a nivel sindical no quince anos de
    existencia da empresa.

    CCOO implicouse
    activamente neste proceso de negociación. A representación legal
    dos traballadores/as de CTAG-IDIADA (Roberto Pousada) recibiu o apoio
    e asesoramento directo de Celso Carneiro, Secretario Xeral da
    Federación de Industria de CCOO-Vigo; Pedro Comesaña, responsable
    de política industrial de CCOO Galicia; David Casal, responsable de
    Enxeñarías de CCOO Galicia e os servizos xurídicos de CCOO a nivel
    estatal. Traballando conxuntamente entre diferentes sectores
    fronteirizos (Industria e Enxeñaría), conseguiuse liquidar mediante
    acordo un conflito que se evidenciou durante os últimos 4 meses e
    que se viña arrastrado en silencio durante varios anos pola
    conxelación continuada de condicións.

    CCOO foi capaz de
    canalizar dunha maneira correcta e controlada as demandas dos
    traballadores/as de CTAG-IDIADA e conseguiu mediar coa dirección do
    centro para chegar a un acordo sen necesidade de que ninguén teña
    que perder nin un día de salario. Segue

    O acordo baséase en 6 puntos fundamentais: política de contratación,
    retribución, plus de actividade, plus de turnicidad, clasificación
    profesional e retribución variable.

    Cabe destacar que
    grazas a estes puntos garántense subidas salariais sobre o convenio
    estatal de Enxeñarías e Oficinas técnicas de: polo menos 1000 eur para 2017 e 1,5% para 2018, con carácter consolidado e non
    absorbible
    ; así como un escalado salarial de entrada para os
    técnicos en FP que asinen o seu primeiro contrato coa empresa
    (colectivo máis desprotexido), o que supón unha mellora nas
    condicións salariais de entrada de ata un 21% (para FPs en prácticas
    de primeiro ano) e unha evolución salarial para chegar a subir polo
    menos 25% nos primeiros 3 anos de contrato.

    Tamén se incorpora
    unha paga variable en función de beneficios que pode chegar ao
    4 %
    .

    Con respecto a
    categorías profesionais conseguiuse eliminar a contratación por
    niveis 8 e 9 de convenio (axudante e auxiliar técnico)
    , niveis nos
    que varios compañeiros levaban estancados toda a súa carreira
    profesional. 

    Á parte conséguese
    pactar a conversión a indefinidos de polo menos o 23% do persoal
    eventual
    a inicios de 2017 e limitar as bolsas a 6 meses en lugar de
    12. 

    Este acordo é de
    aplicación aos 40 traballadores/as de CTAG-IDIADA, sociedade
    limitada creada ao 50% entre CTAG (Galicia) e APPLUS IDIADA
    (Tarragona) para deseño e execución de ensaios de homologación de
    sistemas de seguridade para automoción. Na data actual, CTAG,
    empresa con máis de 500 traballadores/as, atópase tamén negociando
    un pacto de mellora sobre convenio colectivo de Enxeñarías. En
    leste proceso CCOO ten representación na mesa de negociación e no
    comité de empresa.

    A sección sindical
    CCOO-CTAG valora como moi positivo este acordo, no que as condicións
    dos traballadores/as experimentan unha forte mellora e establécese
    un marco para a negociación colectiva futura tanto en CTAG-IDIADA
    como en CTAG.

  • A Federación de Servizos celebra unha asemblea de delegados da comarca de Santiago

    Onte, 10 de maio,
    celebrouse unha asemblea de delegadas/os da comarca de Santiago para
    presentar o proxecto da Executiva da Federación de Servizos. A
    participación activa de todas las persoas asistentes propiciou un
    enriquecedor intercambio de ideas e inquedanzas, ademais de consenso
    sobre as liñas de traballo propostas pola Secretaría Xeral e
    Executiva desta Federación.

    Como ideas
    principais do proxecto para implementar no futuro máis inmediato
    cabe destacar a comunicación categorizada e fluída entre as
    diversas estruturas así como o traballo en equipo ordenado en
    función das distintas áreas e sectores, co fin de aproveitar e
    compartir a experiencia entre os mesmos nesta nova etapa.

    Desde a Federación
    de Servizos queremos agradecer a asistencia á xuntanza, e o empeño
    das delegadas e delegados da Comarca de Santiago para defender un dos
    principios básicos de CCOO, que é a defensa do emprego digno e de
    calidade.

  • CCOO Servizos revalida a súa maioría nas eleccións de Allianz en Galicia

    O pasado oito de maio tiveron lugar as votacións de Allianz en todo o Estado, e en Galicia para elixir aos delegados dos centros de Coruña, Vigo, Lugo e Ourense. Nesta ocasión o persoal volveu a escoller de forma maioritaria a candidatura de CCOO.

    Partindo dun censo de 66 persoas os resultados quedaron da seguinte forma: CCOO obtivo 3 delegados na Coruña, e un en cada centro de Vigo, Lugo e Ourense; repartíndose un UGT en Lugo e outro a CIG en Ourense.
    A sección sindical de CCOO quere amosar o seu agradecimento a todas as persoas que participaron neste proceso e en especial ás que co seu voto depositaron a súa confianza nas Comisións Obreiras.
  • Mobilizacións do persoal de cociña do Hospital do Salnés

    Tras tentar negociar coa dirección da empresa un calendario laboral
    acorde ao convenio e á lexislación vixente e tras pasar pola Inspección de Traballo sen conseguir unha solución acorde, os
    traballadores e traballadoras de cociña do Hospital do Salnés
    decidiron poñer un Conflito Colectivo ante a maxistratura e iniciar
    mobilizacións que comezaron cunha concentración ás portas das
    instalacións do hospital o pasado 5 de maio.

    Xornadas de 50 horas semanais e de oito días consecutivos de
    traballo sen descanso e a contratación insuficiente, en precario e
    en fraude de lei dos traballadores e traballadoras que realizan
    substitucións; son algunhas das cuestións que é necesario
    solucionar.

    Unido á reivindicación dun calendario laboral axustado, reclámase
    tamén a necesidade de cubrir o persoal necesario convenientemente
    para poder dar un servizo en condicións aos usuarios do hospital. A
    presión por ter que sacar o traballo cun persoal insuficiente recae
    ademais sobre os 15 traballadores e traballadoras ás que se lle
    esixe que cubran un traballo que necesita dun maior persoal.

    A negativa da dirección da empresa concesionaria do servizo, Eurest
    Colectividades, de solucionar estes importantes problemas é a que
    provocou que o persoal se vise na necesidade de mobilizarse e acudir
    á xurisdición laboral.

    Tras esta primeira concentración do 5 de maio realizarán outra,
    tamén ás portas do hospital, o próximo día 11 de 11:15 a 11:30, e
    ás portas da Audiencia Nacional de Pontevedra o próximo 23 de maio
    de 10:45 a 11:15 aproveitando a celebración do xuízo.

    Juan Bao, delegado de CCOO, explícao en «La Voz de Galicia»

  • Xuízo polo despedimento de dous delegados de CCOO no Gran Hotel La Toja

    Mañá
    xoves, día 4 de maio, terá lugar en Pontevedra o xuízo polo
    despedimento de dous delegados de CCOO no Gran Hotel La Toja (O
    Grove), complexo hoteleiro xestionado polo grupo Hotusa. Por tal
    motivo, o sindicato convoca aos seus delegados e afiliados a asistir
    ao xuízo no Xulgado de Pontevedra.

    CCOO
    xa denunciou meses atrás «represión» contra este sindicato por
    parte da dirección do hotel grovense, actitude materializada no
    despedimento de dous delegados sindicais que reiteradamente esixiran
    o cumprimento dos compromisos adquiridos por Hotusa tras a aplicación
    dun expediente de regulación de emprego (ERE).

    As
    dúas persoas despedidas teñen unha antigüidade de 17 e 34 anos,
    unha profesionalidade «intachable», así como un «gran traballo
    sindical» en defensa dos seus compañeiros e compañeiras. As
    persoas despedidas denunciaban incumprimentos da cadea hoteleira,
    como o non pagamento das horas extras realizadas durante a vixencia
    do ERE. Segue

    Promesas
    incumpridas

    Desde
    a Unión Comarcal de CCOO de Arousa criticamos a «hipocrisía»
    dos responsables de Hotusa, pois cando se fixeron cargo das
    instalacións -hai máis un ano-, prometeran garantir todos os
    postos de traballo, amais de respectar as condicións laborais de
    todo o persoal por escrito nun documento asinado por todos os
    traballadores afectados.

    Desde
    CCOO lembramos que o Gran Hotel era un «referente» na hostalaría
    galega, pero que a consecuencia do ERE,
    dos recortes e da sobrecarga de traballo do persoal, padeceu unha
    «notable deterioración» tanto en mantemento como nos servizos
    ofertados. CCOO Arousa denunciamos , asemade, que o incremento da
    carga de traballo se fixo mantendo «salarios de miseria», incluso o
    caso dun traballador ao que se lle propuxo ser xefe de mantemento,
    con localización telefónica as 24 h, por só 900 euros mensuais.

    Ante
    este estado de cousas, desde a Unión Comarcal de CCOO de Arousa
    preguntámonos onde está o «investimento millonario» que se
    prometera para que o Gran Hotel contase con «emprego de calidade» e
    seguise a «crear riqueza na comarca» e no pobo de O Grove.

    Vilagarcía
    de Arousa. 3 de maio de 2017

    SECRETARÍA
    XERAL UNIÓN COMARCAL DE AROUSA

    630969055
    | ciglesias@galicia.ccoo.es