Autor: Servicios Galicia

  • Adecco Outsourcing despide o presidente do comité de empresa de Pontevedra, xesto que CCOO tacha de represión

    A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO-Servizos) denuncia o despedimento do presidente do comité de empresa de Adecco Outsourcing en Pontevedra. O afectado, Rafael López, encabezara un proceso de eleccións sindicais que a compañía demorou un ano. So o pretexto da «estraña» (segundo o sindicato) desaparición do servizo en que López traballaba, a empresa «manobrou» para o despedir «por causas obxectivas».

    Desde CCOO-Servizos consideran que se trata dunha «represalia» por parte de Adecco, que se «libra» así dunha persoa que se significou na loita por dignificar o traballo na empresa. Os devanditos acordos permitiron «mellorar sensiblemente as condicións laborais», o que representou un «feito inédito no tenebroso panorama estatal do sector multiservizos», aseguran fontes sindicais.

    O sindicato acusa a Adecco de «agocharse tras das reformas laborais» para, deste xeito, danar a negociación colectiva. Faino, ademais, «con premeditación, actuando contra un representante legal do persoal».

    CCOO-Servizos, amais de «rexeitar publicamente este despedimento», considera que se trata dun «atropelo» contra o afectado e contra as persoas que o elixiron como o seu representante. O sindicato está a traballar en distintas liñas para procurar unha solución.

  • Lucía Trenor, elixida secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia.

    No día de hoxe, 13 de marzo, en Santiago de Compostela, celebrouse o II Congreso de CCOO Servizos Galicia, federación sectorial de CCOO que engloba os sectores de Comercio, Hostalaría, Sector Financeiro, Seguros, Contact Center, Enxeñarías, Consultorías , Servizos Administrativos e Xogo.
    Presentouse unha única candidatura á Secretaría Xeral, obtendo Lucía Trenor López 59 votos (95,16 % dos e as asistentes ao II Congreso)
    Lucía Trenor provén do sector de Contact Center (Telemarketing), en concreto da empresa Teleperformance, onde é membro do comité de empresa así como responsable da sección sindical de CCOO do seu centro da Coruña. Ten 36 anos, e ostentou a responsabilidade de Mocidade no Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, así como a de Muller na Unión Comarcal de CCOO da Coruña . Acompáñana na Executiva: Isabel Fernández, Juan Zas, Arturo Cruzado, Jorge Carneiro, Rosario Pérez, Carmen Peteiro, Ignacio Castro, Antía García, Francisco Villares, Anxo Romeu, Xoancar Viveiro e Valentina Valderrey.
    A partir de agora iníciase unha nova etapa en Galicia que estará marcada pola unidade e o traballo en pos dos e as traballadoras de Galicia do sector Servizos.
    Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2017
    II CongresoII Congreso
    Resolucións aprobadas:
  • 10 de Marzo – Día da Clase Obreira Galega do 2017

    Hoxe, 10 de Marzo de 2017, conmemoramos o aniversario daquela tráxica
    data de loita, pero tamén de honra e de dignidade da clase obreira
    galega. Daquela, os traballadores e traballadoras da Bazán pelexaban
    polo seu convenio colectivo, por un salario digno, contra a carestía da
    vida, por mellores condicións de vida e polas liberdades democráticas.
    Hoxe, 45 anos máis tarde, a cerna daquelas reivindicacións é a mesma:
    seguimos loitando polos convenios colectivos, porque son o único
    instrumento válido para mellorar as condicións laborais das
    traballadoras e traballadores e porque con eles se aplica a primeira
    repartición da riqueza nas empresas.

    Por iso agora é máis importante, se cabe, a negociación colectiva. E por
    iso a patronal está menos interesada nela. A economía recupérase e
    estase a xerar riqueza, pero a súa distribución é inxusta: as rendas
    salariais perden peso fronte aos beneficios empresariais. Van aló case
    nove anos de crise e de nefastas políticas que non nos sacaron dela; e,
    sobre todo, dúas reformas laborais deixan tras de si un mercado de
    traballo deteriorado, emprego escaso e precario, salarios desvalorizados
    e unha negociación colectiva desposuída da súa antiga forza.

    Que
    saiba a patronal que daremos a batalla convenio a convenio, empresa a
    empresa, para recuperar a negociación colectiva. Temos capacidade de
    mobilización e temos propostas para frear a perda de poder adquisitivo
    dos salarios e para repartir de maneira negociada a produtividade.
    Medidas, por exemplo, como as recollidas nos Acordos Interconfederais de
    Emprego e Negociación Colectiva.

    Sen convenios non hai nin
    emprego nin salarios dignos e a recuperación económica non será sólida
    nin xusta. Sen negociación colectiva, a maioría social que carga cos
    efectos da crise non recuperará os niveis de vida anteriores.
    Galicia
    é hoxe máis pobre, máis inxusta, máis desigual. Temos peores servizos
    públicos e menor protección social que ao comezo da crise. Necesitamos
    máis e mellores empregos. Necesitamos anular os devastadores efectos de
    dúas reformas laborais e de case nove anos de axustes e recortes.

    O
    Goberno galego debe liderar un novo modelo de crecemento económico
    equilibrado e duradeiro, respectuoso co medio ambiente, condición
    necesaria para que creza a produtividade. Só nesas condicións a
    sociedade galega ampliará o seu horizonte de desenvolvemento e de
    cohesión social.

    Este novo modelo de crecemento debe asentar na
    formación ao longo da vida, na innovación e na industria, na creación de
    emprego estable e con dereitos, na protección ás persoas desempregadas e
    na igualdade entre mulleres e homes. Tamén ha contar con garantías para
    a protección da saúde no traballo, para asegurar condicións de vida
    dignas, con medidas para que as pensións, a educación, a sanidade ou a
    atención ás persoas dependentes sexan dereitos consolidados.

    Porque eles foron hai 45 anos, somos. Pola loita que fagamos, serán.

    VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
    VIVA O DEZ DE MARZO!!
    VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
    DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!

  • 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres

    Hoxe en día,
    ter un traballo e un salario non
    garante unhas mínimas condicións
    de vida porque os ingresos non
    abondan para cubrir as necesidades
    básicas das mulleres. Esta
    realidade, xunto coa destrución de
    emprego, o traballo a tempo
    parcial, a eventualidade e a
    segregación ocupacional,
    configuran un panorama no que é
    difícil pensar sequera en ter
    fillas ou fillos. Galicia
    despobóase, a media de idade
    aumenta. Galicia empobrécese
    porque as mulleres se empobrecen,
    vítimas da precariedade. Son
    imprescindibles políticas públicas
    que creen emprego de calidade e
    que corrixan con efectividade a
    desigualdade. Mentres non se actúe
    nesa dirección, as galegas
    seguirán abocadas á pobreza e á
    emigración. Segue


    8m Ourense8M Santiago

    Cada ano, a
    Secretaría da Muller do Sindicato
    Nacional de CCOO fai balance da
    situación das mulleres no emprego,
    con especial atención á calidade
    dos postos de traballo, ás
    diferenzas salariais, a como
    incide o desemprego entre a
    poboación feminina ou a que
    sectores están máis ou menos
    feminizados. Esta valiosa
    información bota luz sobre as
    brechas estruturais de xénero que
    perpetúan unha división sexual do
    traballo.

    Coa
    contundencia dos datos, podemos
    describir con fidelidade a dura
    realidade en que viven as mulleres
    galegas. Un país que non inviste
    na creación de emprego e no
    benestar das persoas, que non fai
    esforzo ningún para corrixir a
    desigualdade e a discriminación,
    ten un futuro escuro. É unha anomalía que
    perdura no tempo e conforma
    unha realidade de desemprego,
    precariedade, segregación
    ocupacional e pobreza salarial.
     E
    como adoita suceder, a realidade,
    tan teimuda, acábanos por dar a
    razón.

    As dificultades
    para poder vivir do seu traballo,
    a falta de oportunidades e de
    emprego digno e con salario
    suficiente empurran a mocidade á
    emigración. Así é como se chama,
    non «mobilidade exterior». As
    mozas e mozos que teñen que
    marchar á procura de oportunidades
    noutros países son emigrantes
    económicos. Coa súa partida,
    Galicia perde capital humano,
    intelectual e profesional, amais
    de provocar un drama persoal a
    estas persoas e as súas familias.

    Os datos do
    Instituto Galego de Estatística
    revelan que, desde o ano 2010,
    residen en Galicia 79.128 persoas
    menos, das que o 48,52 % serían
    mulleres. A poboación feminina
    mingua, especialmente no tramo en
    idade legal para traballar, con
    maior incidencia na franxa de 20 a
    34 anos. A idade media das
    mulleres galegas estaba nos 46,4
    anos en xaneiro do 2010 e cinco
    anos máis tarde subía ata os 47,8
    anos.

    A poboación
    estranxeira ten un peso pouco
    significativo en Galicia en
    comparanza coa media estatal. Ata
    o 1 de xaneiro de 2016
    representaba o 3,2 % da poboación
    total, mentres que no conxunto do
    estado se triplica ata o 9,5 %.
    Peso escaso que, á luz dos datos,
    intuímos que segue a baixar: desde
    xaneiro de 2010 hai empadroadas en
    Galicia 21.704 persoas menos de
    nacionalidade estranxeira. Por
    riba, Galicia está á cola do
    estado canto ao número de persoas
    refuxiadas que acolle.

    Os datos
    demográficos de Galicia amosan
    unha dura realidade de descenso de
    natalidade e envellecemento da
    poboación, de incapacidade de
    fixar poboación moza e inmigrante.
    Isto é indiscutible e débese á
    falta de expectativas laborais e a
    imposibilidade de desenvolver un
    proxecto de vida. A precariedade
    laboral, a temporalidade ou os
    atrancos para conciliar vida
    laboral e familiar tampouco
    axudan.

    Mención á parte
    merece a fenda salarial. As
    mulleres galegas cobran un 22,1 %
    menos que os homes, e ademais son
    maioría nos tramos salariais máis
    baixos. Segundo fontes da Axencia
    Tributaria, o 36,34 % das mulleres
    asalariadas teñen ingresos
    igual ou por debaixo do
    salario mínimo
    interprofesional. Isto chámase
    pobreza salarial, mulleres
    pobres con traballo.

    Esta é a
    realidade que lle queremos amosar
    ao presidente da Xunta, a
    realidade que Núñez Feijóo non
    coñece ou non quere ver. Cando se
    fan discursos mostrando
    preocupación polo problema
    demográfico pero durante anos non
    se poñen en marcha medidas
    estruturais para modificar a
    realidade, entendemos que non é
    unha preocupación real.

    Xa fracasaron
    dous plans de dinamización
    demográfica -ampuloso título para
    ridículas accións- do Goberno, por
    iso CCOO esixe este 8 de marzo
    medidas efectivas de carácter
    estrutural. Afrontamos a realidade
    que evidencian os datos, por iso
    esiximos investimentos en
    políticas públicas que eliminen as
    desigualdades e xeren empregos cos
    que as mulleres poidan emprender
    proxectos vitais e se fixe
    poboación no noso país.

    sindicato nacional de ccoo de galicia

    comisión executiva nacional

    secretaría da muller 

  • Concentracións fronte ás sedes das patronais en defensa da negociación colectiva

    UGT-Galicia e o S. N. de CCOO de Galicia convocaron para hoxe mércores, día 22 de febreiro, concentracións fronte ás sedes das patronais en
    defensa da negociación colectiva. Os sindicatos lembran que o actual escenario
    económico vén definido polo continuo do crecemento do produto interior bruto,
    un 3,3 en Galicia en 2016 e uns prognósticos de aumento para 2017 do 2,4 %. CCOO
    e UGT entenden que esta incipiente recuperación da economía se debe traducir
    nunha mellora, tamén, do poder adquisitivo dos salarios, desvalorizados tras
    máis de oito anos de crise.

    22f convenio colectivo22f convenio colectivo

    Mediado xa o mes de febreiro, aínda non
    foi posible consensuar coas patronais o díxito de aumento salarial para este
    ano, tal e como se establecía no III Acordo sobre Emprego e Negociación Colectiva.
    Os aumentos dos últimos meses sitúan a taxa interanual do IPC
    no 3 % en xaneiro, prexudicando a capacidade de compra dos fogares. Porén, a
    proposta das organizacións empresariais fica curta, con aumentos de «ata o 1,5
    %», cifra inaceptable, pois suporía a perda de poder de compra dos
    traballadores e as traballadoras nun contexto de expansión da actividade e dos
    beneficios empresariais.

    UGT e CCOO apostan por compatibilizar a
    mellora de competitividade empresarial coa mellora dos salarios reais: subas do
    1,8 ao 3 %, con cláusula de revisión para evitar que o aumento do IPC
    por riba da previsión prexudique o pactado.

    Ambos os dous sindicatos defenden a
    recuperación dos salarios, pero tamén da calidade do emprego: nos últimos anos
    non deixou de medrar a precariedade; hoxe, de cada 100 contratos que se asinan,
    91 son temporais e 9 indefinidos, dos cales unicamente 5 son indefinidos a
    tempo completo.

    Isto, sumado a un paro de longa duración
    que afecta ao 58 % do total de persoas desempregadas, un paro xuvenil que
    alcanza ao 40 % da poboación activa galega menor de 25 anos, a caída en 16
    puntos da cobertura das prestacións por desemprego ?só recibe prestación o 53 %
    das persoas paradas e rexistradas nos servizos públicos de emprego? e unhas
    baixas pensións que ocupan os últimos postos a nivel estatal ?e das que
    dependen cada vez máis familias? conduce a unha situación insostible.

    Os sindicatos defenden que a situación
    actual esixe actuar con urxencia para rescatar as familias e construír un
    modelo de crecemento que reduza o desemprego; que atalle a pobreza nas súas
    múltiples manifestacións; que sirva para soster o modelo social recuperando a
    calidade perdida na sanidade, a educación, a atención á dependencia; que aposte
    pola industria e a innovación e a ciencia e por un marco democrático das
    relacións laborais; que recupere a calidade do emprego, a negociación colectiva
    e o tratamento do despedimento. Nesta orde de cousas non se pode esquecer a
    necesidade de derrogar as reformas laborais impostas que tan lesivas están a
    ser para o mercado laboral.