Autor: Servicios Galicia

  • CCOO chamamos á mobilización o 2 de febreiro contra o desmantelamento das medidas de protección social

    As confederacións sindicais CCOO e UGT convocamos mobilizacións en toda España para o domingo 2 de febreiro. O obxectivo é protestar contra o recente desmantelamento de medidas de protección social, que afecta directamente á clase traballadora. O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia chama á participación «masiva» da cidadanía nesta importante convocatoria.
     

    CCOO denunciamos o ataque ao escudo social

    Partidos como o PP, Vox e Junts aliáronse para tombar no Congreso medidas clave do chamado escudo social, que inclúen:

    • A revalorización das pensións.

    • O aumento do Ingreso Mínimo Vital (IMV).

    • A suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

    • Axudas ao transporte público.

    • Recursos para afectados pola DINA en Valencia.

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, cualificou esta votación como un «ataque directo contra a clase traballadora» e, sobre todo, contra os colectivos máis vulnerables. «En lugar de priorizar o benestar das persoas, estas forzas políticas demostran que antepoñen os seus intereses partidistas», afirmou Pérez.
     

    Impacto en Galicia: máis de 1 millón de persoas afectadas

    Os efectos deste desmantelamento serán especialmente graves en Galicia. Unha de cada tres persoas na comunidade verá empeorada a súa calidade de vida. Entre os máis afectados atópanse:

    • 782.000 persoas que reciben prestacións contributivas, das cales 200.000 son pensións mínimas.

    • 44.000 beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital (IMV).

    En palabras de Amelia Pérez, «case un millón de galegos e galegas sufrirá as consecuencias desta irresponsabilidade política de PP, Vox e Junts».
     

    Esixencia dun novo paquete social

    CCOO instamos ao Goberno do Estado a aprobar un novo paquete de medidas sociais mediante real decreto lei. Ademais, pídese ás forzas políticas que validen estas medidas no Congreso para evitar que a poboación máis vulnerable sexa usada como refén en xogos políticos.
     

    O SMI de 2024 mantense en Galicia

    A pesar do rexeitamento ao decreto ómnibus, o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) do 2024 non se verá afectado. Isto garante aos 120.000 traballadores e traballadoras en Galicia unha contía mínima de 1.134 euros mensuais en 14 pagas, segundo o artigo 27 do Estatuto das Persoas Traballadoras.
     

    Mobilizacións en Galicia o 2 de febreiro

    As mobilizacións en Galicia terán lugar nas seguintes localidades:

    • A Coruña: 11:00 h en Méndez Núñez (Cantóns).

    • Vigo: 12:00 h na Porta do Sol.

    • Ourense: 12:00 h na Subdelegación do Goberno.

    • Pontevedra: 12:00 h na Praza da Peregrina.

  • Despedimentos inxustificados e cargas de traballo excesivas: CCOO Servizos concentrámonos contra a explotación laboral en JOALPER (franquicia Eroski)

    Desde CCOO Servizos convocamos unha concentración para protestar pola situación laboral en JOALPER. Celebrouse hoxe, 14 de xaneiro de 2025, ás 11:30 horas, diante do supermercado Eroski en Ponteceso (Av. Eduardo Pondal 21, 15110, A Coruña), pertencente á empresa JOALPER, franquiciado para EROSKI na Costa da Morte.

    Desde CCOO denunciamos os despedimentos inxustificados que a empresa ven realizando nos últimos meses. Estos despedimentos veñen a agravar a situación de sobrecarga de traballo que sofre o personal dende hai meses, debido principalmente á escaseza de persoal.
     

    Por todo isto, CCOO Servizos convocamos esta concentración en contra da explotación laboral existente en JOALPER, esixindo que se poña remedio inmediato a sobrecarga de traballo que deteriora a saúde das persoas traballadoras e poñan fin aos despedimentos inxustificados.

    concentración JOALPERConcentración JOALPERconcentración JOALPER Eroskiconcentración JOALPER

    Noticia en Diario de Bergantiños

  • Persoal de Froiz, da tenda Juan de Austria (Caranza), mobilizámonos ante a falta de medidas fronte aos roubos e intimidacións

    Na tenda de Froiz, en Juan de Austria, Caranza (Ferrol), o persoal está a sufrir unha situación insostible debido a unha oleada de roubos e actos de intimidación que afectan tanto á nosa seguridade como á dos clientes. Esta situación, que se prolonga desde hai semanas, agrávase pola inacción da empresa, que ata o momento ignorou as nosas demandas para implementar medidas de protección eficaces.

    Ante esta falta de resposta, vimos na necesidade de manifestarnos hoxe diante da tenda para visibilizar o noso problema e reclamar solucións inmediatas.
     

    Unha situación que afecta a todas as persoas

    Os roubos non só prexudican o persoal, senón que xeran unha sensación de inseguridade entre a clientela, que moitas veces presencia situacións de risco sen que haxa protocolos claros de actuación. Como traballadores e traballadoras, sentímonos abandonados pola empresa, que non tomou ningúnha medida efectiva para garantir a seguridade no establecemento.
     

    As nosas demandas

    Desde a sección sindical solicitamos de forma urxente:

    1. Instalación de medidas de seguridade como vixilancia privada e sistemas de control máis eficaces.

    2. Formación ao persoal para actuar de maneira segura e eficiente en situacións de conflito.

    3. Creación dun protocolo de actuación que contemple o apoio inmediato ao persoal afectado por situacións de intimidación.
       

    Por que nos manifestamos?

    Esta mobilización é unha acción necesaria. Queremos deixar claro que non pedimos luxos, senón dereitos básicos: traballar nun entorno seguro e respectuoso.
    Se a empresa non actúa, seguiremos incrementando as medidas de presión sen descartar xornadas de folga.

    Para máis información, visita esta web ou síguenos nas nosas redes sociais, onde compartiremos actualizacións sobre a situación e próximas accións.

    Concentración FroizConcentración FroizConcentración Froiz

    Noticia en Diario de Ferrol
    Noticia en La Voz de Galicia

  • Os supermercados disparan as vendas no Nadal mentres os seus cadros de persoal afogan na precariedade

    Desde CCOO Servizos facemos un chamamento ás empresas do sector da distribución alimentaria para que reforcen os cadros de persoal no Nadal, consonte o aumento de carga de traballo que se produce nesta época. Ao tempo, denunciamos que o incremento da facturación non se traduce en melloras económicas para as traballadoras e traballadores, que seguen sufrindo un salario inferior á media en España, ademais do impacto da inflación.
     

    Aumentan as vendas, pero tamén a precariedade laboral

    O Nadal supón un aumento significativo das vendas no sector da alimentación, mais tamén implica maiores ritmos de traballo, quendas máis longas e traballo de luns a domingo. Estas dinámicas levan a unha sobrecarga laboral importante para o persoal, sen que as empresas prioricen o benestar das persoas traballadoras.

    A situación agrávase coa destrución de postos de traballo: durante o último trimestre de 2023, elimináronse 18.000 empregos no comercio de alimentación en toda España, evidenciando unha falta de estabilidade no sector.
     

    Salarios un 26 % inferiores á media

    Un dos problemas máis graves do sector é a gran desigualdade salarial. As traballadoras e traballadores dos supermercados perciben un salario anual que é un 26 % inferior á media española, o que supón uns 7.000 euros menos ao ano.

    Esta situación é especialmente preocupante no contexto actual de inflación, con subas significativas nos prezos dos alimentos desde 2021. Ademais, no Nadal, as familias incrementan de media entre un 25 % e un 30 % o seu gasto en alimentación, mentres o persoal segue soportando condicións laborais moi precarias.
     

    Xornada parcial e desigualdade de xénero

    A parcialidade laboral tamén é un problema estruturado no sector. Catro de cada dez traballadores/as teñen unha xornada parcial, sendo a maioría mulleres. A escasa prevalencia do emprego fixo-descontinuo, que apenas alcanza o 2 %, contribúe a unha maior inestabilidade laboral.
     

    Reivindicacións de CCOO Servizos para mellorar as condicións laborais

    Desde CCOO Servizos propoñemos unha serie de medidas para mellorar a situación laboral nos supermercados:

    • Salarios xustos: Establecer unhas condicións mínimas de retribución que reduzan a desigualdade salarial.
    • Contratación estable: Incrementar os empregos indefinidos e reducir os niveis de parcialidade.
    • Quendas máis xustas: Limitar as horas presenciais, reducir as xornadas partidas e establecer quendas fixas anuais.
    • Conciliación laboral e persoal: Aumentar os fins de semana libres e garantir períodos de descanso adecuados.

    Estas medidas buscan limitar a sobrecarga laboral e mellorar a calidade de vida das persoas traballadoras no sector da distribución alimentaria.
     

    Conclusión: Un Nadal xusto tamén para as traballadoras/es

    O aumento da facturación no Nadal debe ir acompañado de condicións laborais dignas. Desde CCOO Servizos, seguiremos loitando por un sector máis xusto, no que o benestar do persoal sexa unha prioridade real.

     

  • Vivamos como galegos, pero non coma escravos en GADIS!!

    Convocamos a todos os traballadores e traballadoras a mobilizarse este luns 16 de decembro, ás 12:00 horas diante do GADIS da rúa Concello (Ourense).

    NON IMOS CALAR! Mentres GADIS acumula millóns en beneficios, o seu persoal sofre explotación, incumprimentos legais e acoso laboral. Por iso, organizámonos e loitamos por un cambio que non pode esperar.

    Cal é o problema?

    GADIS está vulnerando os nosos dereitos básicos como traballadores:

    • Non quere negociar co comité de empresa os asuntos salariais, remítenos ao convenio colectivo de alimentación.
    • Non respecta os descansos semanais obrigatorios, incumprindo o convenio colectivo.
    • Ameaza con peches de tendas e endurecemento dos horarios cando lle esiximos que cumpra coa lei.
    • Obriga a soportar unha sobrecarga laboral insostible, porque non cobren baixas, vacacións ou permisos.
    • Non paga os excesos de xornada realizados, un auténtico abuso que só agrava a precariedade.

    Ademais, moitos compañeiros e compañeiras denuncian situacións de acoso laboral por parte dalgúns encargados/as, que actúan como se non houbese normas nin respecto polas persoas traballadoras.

    Por que nos mobilizamos?

    Os traballadores e traballadoras de GADIS decidimos dicir: Abonda xa! Non estamos dispostos a seguir sendo tratados como escravos modernos. Loitamos por:

    • Respecto: Condicións laborais saudables, sen acoso nin abusos.
    • Cobertura das ausencias: Substitución de baixas, vacacións ou permisos, evitando a sobrecarga dos equipos.
    • Compensación económica xusta: Que se recoñeza a antigüidade e se paguen os excesos de xornada.
    • Melloras salariais: Revisión xusta que reflicta o custo da vida actual e o esforzo realizado en áreas como pescadería, carnicería ou reposición.

    Chamamos á solidariedade de todos e todas

    A explotación ten límites! Non podemos aceptar que GADIS, mentres se enriquece ás nosas costas, nos leve á precariedade laboral e á deterioración da nosa saúde física e mental.

    Se ti tamén estás farto/a de que as empresas abusen do seu poder, únete a nós este luns, 16 de decembro, ás 12:00 horas, diante do GADIS da rúa Concello en Ourense.

    Xuntos somos máis fortes. Non temos medo!

    Organizan: CCOO, USO, CIG

    ____________________________________

    enlightenedActualización: O 16 de decembro concentrámonos contra a explotación en GADIS. Imaxes e vídeo da concentración:

    Concentración GADISconcentración gadisconcentración gadisconcentración gadisconcentración gadisconcentración gadisconcentración gadisconcentracion gadisconcentración gadisconcentración gadis