Autor: Servicios Galicia

  • A Xustiza recoñece a nulidade dun despedimento inxusto a un candidato de CCOO en Cedar Bay

    Unha loita que comezou en marzo de 2024

    No pasado mes de marzo de 2024, a empresa Cedar Bay, unha consultora coñecida pola súa actividade telemática, despediu de forma inxusta a un traballador afiliado a CCOO. O motivo? O compañeiro decidira presentar a súa candidatura para ser delegado sindical. Ese mesmo día no que Cedar Bay recibiu por correo electrónico a notificación da súa candidatura, procederon ao seu despedimento.
     

    Intento de evitar as eleccións sindicais

    Tras o despedimento, a empresa tentou anular o proceso electoral sindical, argumentando que, ao ser unha unidade de traballo telemática, non se podían facer eleccións sindicais. Presentaron un laudo arbitral para paralizar este dereito, pero a xustiza desestimou o recurso. O proceso electoral seguiu adiante, e o noso compañeiro, mesmo despedido, foi elixido como delegado sindical polas súas compañeiras e compañeiros.
     

    Reivindicacións xudiciais e resolución final

    Mentres tanto, iniciamos unha demanda para que se declarase a nulidade do despedimento. Durante o proceso no SMAC (Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación), Cedar Bay xa recoñecera que o despedimento era nulo, pero intentaba non pagar os salarios pendentes.

    Finalmente, onte mesmo, antes de entrar á sala xudicial, a empresa admitiu a nulidade do despedimento, aceptando abonar:

    • Os salarios pendentes.

    • Indemnizacións mínimas por danos e prexuízos

    Unha vitoria de todas e todos

    Desde CCOO queremos expresar a nosa satisfacción por este logro, que demostra que a unión e a loita pola xustiza son máis fortes que as inxustizas das empresas. Este caso é unha proba máis de que, cando defendemos os nosos dereitos, podemos gañar.

    Agradecemos o apoio de todos os compañeiros e compañeiras durante este proceso e animamos a quen enfronte situacións similares a denunciar e loitar polos seus dereitos.

    Seguimos traballando pola defensa de todas as persoas traballadoras. Xuntas somos máis fortes!

  • Precariedade no sector comercio, que terá que cubrir en Galicia máis de 3.500 postos de traballo entre novembro e xaneiro

    Desde CCOO Servizos estimamos que a campaña de ofertas deste final de ano xerará, como mínimo, 3.500 postos de traballo en Galicia e 71.000 en todo o Estado español. Porén, preocupan as características do emprego creado. No comercio por xunto, detéctase un aumento alarmante das contratacións fixas-descontinuas, mentres que no comercio polo miúdo prevalecen o emprego temporal e as xornadas a tempo parcial. Isto reflicte unha falta de estabilidade nos cadros de persoal e a non consolidación das contratacións tras rematar as campañas.
     

    Recuperación económica e desigualdade na creación de emprego

    O crecemento da renda dos fogares impulsou a recuperación das vendas no comercio tras a pandemia, consolidando o sector como un motor da economía. Non obstante, os datos económicos contrastan cos niveis de creación de emprego:

    • Comercio por xunto: as empresas aumentaron o seu marxe de beneficios sobre vendas un 9,9% no último ano, mentres que a creación de emprego só medrou un 1,4%.
    • Comercio polo miúdo: o marxe de beneficio incrementouse nun 7,9%, pero o crecemento de emprego alcanzou apenas un 1,3%.

    Estes datos indican que o aumento da actividade recae sobre os cadros de persoal, minimizando os custos laborais e incrementando as esixencias de traballo.

    Condicións laborais durante as campañas de promocións

    Durante as campañas como o Black Friday ou o Nadal, ademais de xerarse emprego precario, as condicións laborais agrávanse. As empresas adoitan escudarse en "necesidades produtivas do sector" para:

    • Aplicar xornadas irregulares.
    • Impoñer horas complementarias e extraordinarias.
    • Restringir períodos de descanso e vacacións.

    Os datos sobre horas extras impagadas son alarmantes:

    • Comercio por xunto: máis de 245.000 horas extras semanais, das cales un 45% non se pagan.
    • Comercio polo miúdo: máis de 391.000 horas extras semanais, das cales un 27% non se remuneran.

    Estas prácticas aumentan as cargas de traballo e expoñen as persoas traballadoras a problemas de saúde e seguridade laboral.

    Propostas de CCOO Servizos

    Desde CCOO Servizos demandamos:

    1. Contratación estable: redución da parcialidade e eliminación do fraude na contratación.
    2. Impulso á conciliación corresponsable e á igualdade, diminuíndo a parcialidade feminina.
    3. Cumprimento estrito da prevención de riscos laborais, con énfase na avaliación dos riscos psicosociais.

    Este modelo de contratación é clave para garantir un comercio sostible que respecte os dereitos laborais e mellore as condicións das persoas traballadoras.

    • Entrevista a Patricia Mariño, responsable do Sector Comercio en CCOO Servizos, na Radio Galega (A Crónica). Minuto 37:25
    • Resumo Ejecutivo CCOO
    • Ver informe completo:“Black Friday e o seu impacto no sector do comercio en España. A oportunidade de comprar con descontos… á custa de empeorar as condicións de traballo”
  • Que che fagan sentir violenta non debería estar normalizado.

     

    yes Identificar cando estás exposta ao machismo no traballo é a mellor forma de previlo
    A estas alturas, a case ninguén que queira entender se lle escapa que a violencia de xénero, a violencia machista, é un tipo de violencia estrutural cara ás mulleres polo feito de selo. É a consecuencia dun sistema cimentado na desigualdade e na infravaloración das mulleres, sendo o asasinato a máxima expresión desta violencia. Aínda así, podemos contabilizar os asasinatos machistas e tamén as denuncias, pero esta violencia e aquilo que a precede seguen, en demasiadas ocasións, tendo aparencia de normalidade.  

    Cada asasinato non é só unha vida truncada, é a punta do iceberg que nos mostra que a TOLERANCIA CERO que como sociedade dicimos ter, convértese nalgunhas ocasións en tolerancia.
     

    enlightenedExemplos de violencia machista invisibilizada no traballo
    Moitas situacións de violencia machista permanecen invisibilizadas ou normalizadas no ámbito laboral. Moitas veces, estas situacións rematan sen que se adopten medidas efectivas para protexer ás traballadoras, con consecuencias directas para a súa saúde física ou psicolóxica, ou mesmo levando á baixa laboral ou ao abandono do posto de traballo.

    Desde CCOO consideramos que nas empresas pódense previr algunhas destas situacións mediante a implantación de medidas que ofrezan mecanismos para protexer a saúde e a integridade das traballadoras. Priorizar a prevención implica realizar avaliacións dos postos que inclúan o acoso sexual e por razón de sexo como un risco a combater.

    Estas avaliacións deben evidenciar que, ademais de elementos comúns a este tipo de acoso, tamén hai exposicións determinadas pola actividade, a relación con equipos doutras empresas, clientes, etc. A formación en igualdade para o persoal non é suficiente por si soa.

    yes A importancia da prevención
    A prevención debe ser a prioridade, analizando os riscos reais segundo o sector, ocupación ou modalidade de traballo con maior exposición: traballo illado, nocturno, etc. Por este motivo, é fundamental a participación da representación legal en todo o proceso, sendo tamén parte activa nesta loita contra a violencia de xénero no ámbito laboral.

    enlightenedActuar ante a denuncia
    Cando hai denuncia, hai que actuar con contundencia e rigor. Rexeitamos calquera intento de mediación que, lonxe de erradicar condutas sexistas, dificulta a comunicación das denuncias e protexe ao agresor.  
    Ante a denuncia, protección á vítima; e ante o acoso, tolerancia cero.  

    Desde CCOO interviñemos na negociación de protocolos contra o acoso nas empresas, esixindo a implementación de medidas que traten as denuncias que as traballadoras presentan a diario. Estas situacións non deberían estar normalizadas; reclamamos espazos de traballo seguros e libres de violencias.

    yes Campaña 25N da Federación de Servicios de CCOO
    Este ano, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, lanzamos a campaña co seguinte lema:

    “Que che fagan sentir violenta no traballo non debería estar normalizado”.  
    “Identificar cando estás exposta ao machismo é a mellor forma de previlo”.
     

    no A discriminación e a precariedade laboral como sustento da violencia
    Parte desta violencia estrutural susténtase na discriminación, na maior precariedade laboral e nos obstáculos ao desenvolvemento profesional das mulleres. Desde CCOO seguimos reivindicando que a igualdade pase de ser un concepto a unha realidade no ámbito laboral. O emprego é unha ferramenta fundamental para a autonomía económica e persoal das mulleres fronte á violencia machista.  

    A través da negociación colectiva en empresas, tanto en plans de igualdade como noutros convenios colectivos, seguimos trasladando medidas que apoien o mantemento da actividade laboral das mulleres, ampliando os dereitos recoñecidos legalmente. Así mesmo, reclamamos medidas de apoio para a integración laboral das mulleres que se atopan fóra do mercado laboral, con especial atención aos colectivos máis vulnerables.

    enlightenedReclamar recursos e compromiso contra a violencia machista 
    Os feminicidios, incluídos os cometidos fóra do marco da parella ou exparella, tamén son violencia machista. Mulleres asasinadas por homes do seu entorno familiar, laboral ou social, vítimas de violencias sexuais, explotación ou trata, matrimonio forzado ou violencia vicaria.  

    Negar estas violencias como algo que afecta ás mulleres polo mero feito de selo, ou reducir recursos para as superviventes, fai que a denuncia social chegue tarde. Por iso, reclamamos un compromiso firme das institucións e da sociedade para erradicar as violencias machistas e garantir servizos integrais de atención ás vítimas.

    yes O compromiso de CCOO
    Desde a Federación de Servizos de CCOO, manifestamos o noso compromiso firme e rotundo para erradicar as violencias machistas e loitar contra as súas múltiples causas. Non podemos falar de igualdade mentres haxa unha soa muller ou nena que siga sufrindo violencia polo feito de ser muller.

    enlightened Chamamento á mobilización
    Facemos un chamamento á participación nas manifestacións convocadas polas organizacións de mulleres, sociais e sindicais para expresar o noso compromiso e repulsa contra todo tipo de violencia machista.  

    "Por ti, por min e por todas as compañeiras"

     

    #PorTodas #ImosContalo #25N

    Descarga o MANIFESTO:

    25N 

    Descarga o  CARTAZ:

    25N

  • Tras demanda de CCOO, unha traballadora con fibromialxia logra que a Xustiza lle recoñeza a incapacidade absoluta

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou unha sentenza que recoñece a incapacidade permanente absoluta para unha traballadora de 59 anos que padece fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e múltiples síntomas severos. A defensa correu a cargo de Matilde Mallo Nieves, Graduada en Dereito e Graduada Social na asesoría xurídica na Unión Comarcal de CCOO Santiago-Barbanza.

    A afectada, cociñeira de profesión, experimenta unha serie de síntomas graves e debilitantes, como dores en todas as articulacións, fatiga extrema, depresión maior crónica, dificultades de concentración, insomnio e perda severa de peso (26 quilos en cinco meses). En 2019, obtivo a baixa laboral e, dous anos despois, o INSS concedeulle unha incapacidade total que só cubría o 75% da súa base de cotización. Sen embargo, dado o avance dos seus síntomas, a traballadora decidiu loitar polo recoñecemento da incapacidade absoluta, que lle permite recibir o 100% da base reguladora.

    O tribunal conclúe que os graves síntomas lle impiden desenvolver calquera traballo con eficacia, mesmo ocupacións non físicas. O TSXG entende que a incapacidade non se limita á imposibilidade de realizar un traballo concreto, senón que tamén inclúe aqueles casos nos que a persoa non pode levar unha vida laboral activa debido á gravidade da súa doenza.

    A sentenza, ao ser firme, marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia. A Graduada en Dereito, Matilde Mallo, sinala que este é un gran paso para visibilizar unha enfermidade que afecta a moitas persoas en condicións similares.

    Desde CCOO Servizos queremos salientar a importancia desta sentenza, que supón un paso máis nun sector como o da hostalaría, no que se sofren múltiples doenzas músculo-esqueléticas debido ás longas xornadas de traballo de pé e en movemento, sen que estas cheguen a ser recoñecidas como enfermidades laborais.

    En La Voz de Galicia