Autor: Servicios Galicia

  • Toca mobilizarse no convenio do comercio-metal de Pontevedra

    A día de hoxe, a negociación do convenio de Comercio Metal da provincia de Pontevedra atópase nunha situación de bloqueo total.

    As propostas da patronal son inadmisibles. De seren aceptadas, suporían un retroceso histórico nos nosos dereitos. Que pretenden?

    • Eliminar o complemento de IT (Incapacidade Temporal/Baixa).
    • Permitir a compensación e absorción das melloras voluntarias que xa conceden as empresas.

    Estas medidas implicarían unha perda directa de salario para moitas persoas traballadoras do sector. A parte empresarial insistiu nestes recortes na reunión do pasado 12 de xaneiro, reiterando a súa postura inmobilista.

    Ademais, pretenden que non se cobren os atrasos do ano 2025 (lembremos que o convenio rematou o 31 de decembro de 2024).

    É hora de mobilizarse

    Ante este ataque, as tres centrais sindicais presentes na mesa, tras asemblea cos delegados e delegadas do sector, decidimos que é o momento de iniciar mobilizacións para obrigar á patronal a mudar as súas pretensións.

    Nos vindeiros días valoraremos cales son as accións máis efectivas e trasladaremos ao conxunto do persoal das empresas a necesidade dunha participación masiva.

    Seguiremos informando

  • A Xustiza confirma unha sanción de 1.501 euros a unha empresa do sector de contact center por enviar un correo sobre unha formación fóra do horario

    O Xulgado do Social nº 5 da Coruña confirmou a sanción imposta a unha empresa do sector de contact center por enviar un correo electrónico aos traballadores fóra do horario laboral. No mensaje comunicábase tamén un curso de formación obrigatoria sen preaviso suficiente, o que lles modificaba a xornada.

    Os feitos remóntanse ao 5 de abril de 2024, cando a empresa enviou un email anunciando a actividade “curso de formación sobre acoso laboral”. A situación chegou á Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social da Coruña tras unha denuncia presentada por CCOO. A Inspección emitiu acta de infracción o 24 de outubro de 2024 e fixou unha sanción no grao mínimo de 1.501 euros.

    A empresa recorreu ante a Xunta de Galicia, que confirmou a sanción nunha resolución do 20 de febreiro de 2025. Posteriormente, presentou demanda contra a sanción administrativa, que foi desestimada na sentenza 498/2025, asinada pola maxistrada Pilar Carreira Vidal.

    Dous incumprimentos: preaviso e desconexión dixital

    Segundo a sentenza, a decisión unilateral de fixar unha formación obrigatoria fóra do horario ordinario altera a distribución da xornada diaria. Isto pode facerse, pero debe respectar os períodos mínimos de descanso e cumprir os prazos legais de aviso.
    Neste caso, o xulgado entende que non houbo antelación suficiente: notificouse con catro días, en vez do preaviso mínimo de cinco días.

    Ademais, o envío do correo fóra do horario laboral vulnera o dereito á desconexión dixital, xa que “non se pode presupoñer que un traballador estea obrigado a revisar o seu correo electrónico fóra da súa xornada”. Por estes motivos, o xulgado mantén a sanción de 1.501 euros.

    En CCOO Servizos defendemos o teu dereito á desconexión dixital. Se estás nunha situación semellante contacta con CCOO, asesorámoste e axudámosche a defender os teus dereitos.

    Se aínda non estás afiliada/o, afíliate a CCOO para reforzar a capacidade de negociación e protección no teu centro de traballo.

  • CCOO aclara a realidade do conflito no sector téxtil e denuncia o uso da folga para crear expectativas irreais

    Ante a avalancha de informacións interesadas difundidas nas últimas semanas sobre as mobilizacións e folgas no sector do comercio téxtil na Coruña —e non no conxunto de Galicia—, así como tras a publicación de noticias deturpadas sobre unha suposta mediación do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), a Federación de Servizos de CCOO aclara publicamente a realidade do conflito e do proceso negociador fronte á desinformación xerada deliberadamente.

    CCOO non cuestiona o dereito de folga nin a lexitimidade de quen decide exercelo. O que denuncia é o uso da folga como coartada para construír relatos interesados, crear expectativas irreais e manipular as persoas traballadoras.

    Desde hai semanas difúndense mensaxes que non se corresponden coa realidade da negociación do convenio estatal promovido pola patronal ARTE. Determinadas organizacións trasladan ás persoas traballadoras informacións conscientemente distorcidas, creando unha ficción de avances inexistentes e dun acordo inminente que é falso.

    A negociación do convenio de ARTE, que só afecta ás grandes empresas do sector téxtil e non ao comercio en xeral nin ao pequeno comercio, non está avanzada nin madura, nin próxima a pecharse. Atópase nunha fase inicial. Afirmar o contrario non é un erro: é unha estratexia de intoxicación do conflito e de desinformación sindical.

    Prevalencia autonómica

    É grave facer crer que a patronal estatal estaría disposta a «recoñecer» os marcos autonómicos ou provinciais como consecuencia das folgas. A prevalencia dos convenios non depende da vontade patronal: o Estatuto das Persoas Traballadoras, no artigo 84 —modificado hai dous anos—, regula a prevalencia autonómica e as condicións para a provincial. Non é concesión, nin novidade, nin vitoria derivada de mobilizacións. Presentar unha previsión legal como un logro é faltar á verdade e enganar deliberadamente as persoas traballadoras.

    CCOO non participa porque non existe un escenario real de bloqueo. Só se celebraron dúas reunións do convenio estatal de ARTE tras o desbloqueo da mesa: unha inicial coa exposición da patronal e outra na que CCOO foi o único sindicato que deixou claro que as posicións están moi afastadas e que velará pola mellora das condicións do conxunto do sector.

    Falar de acordo próximo, de negociación avanzada ou de conquistas logradas é falso. Ademais, na Coruña deféndese agora un Convenio de Comercio Vario que foi rexeitado no seu día pola CIG por insuficiente. A memoria selectiva non cambia a realidade.

    A reunión co CGRL: nin froito das folgas nin mérito alleo

    CCOO desminte que a reunión co CGRL sexa consecuencia das folgas. É resultado dun traballo sostido durante os últimos anos e, en concreto, de dous escritos recentes: un de CCOO reclamando un Convenio Galego de Comercio e outro da CIG sobre un acordo marco no mesmo ámbito pero limitado e insuficiente.

    Galicia presenta un mapa desigual: A Coruña ten convenio a renovar en 2026; Lugo acumula baleiro desde 2015; Ourense desde 2024; Pontevedra segue en negociación. Levamos anos defendendo a necesidade dun convenio autonómico que poña fin ao caos actual no sector do comercio galego. Este é o problema real.

    CCOO non pode apoiar mobilizacións limitadas á Coruña que ignoran a situación do resto do país e consolidan un modelo desigual e precario. CCOO sempre estará para loitar por un convenio autonómico que garanta as mesmas condicións laborais para todas as persoas traballadoras do comercio en Galicia.

    CCOO defenderá os dereitos desde o rigor e a verdade. O obxectivo é unificar o sector, acabar coa atomización, garantir igualdade de condicións e dignificar o comercio en Galicia mediante negociación colectiva real, honesta e xuridicamente sólida.

  • O persoal dos grandes almacéns mobilízase para reclamar domingos e festivos voluntarios e remunerados, menor carga de traballo e salarios xustos

    O persoal dos grandes almacéns protagonizou este xoves un Nadal vermello, con concentracións convocadas por CCOO Servizos en distintos puntos do Estado para reclamar melloras salariais, laborais e de conciliación. En Galicia, as protestas centráronse no Alcampo de Palavea (A Coruña) e no Carrefour de Ourense, cun amplo seguimento.

    Mobilizacións en Galicia: A Coruña e Ourense

    As accións en Galicia tiveron unha resposta significativa do persoal, que denuncia unha situación sostida de sobrecarga de traballo, falta de descanso e ausencia de compensación económica polo traballo en domingos e festivos.

    Domingos e festivos: voluntariedade e compensación económica

    O secretario de Acción Sindical de CCOO Servizos de Galicia, Juan Zas, sinalou como reivindicación central que o traballo en domingos e festivos deixe de ser obrigatorio e pase a ser voluntario e remunerado, xa que na actualidade non conta con compensación económica.

    Críticas á Xunta de Galicia polas aperturas en festivos

    Neste contexto, CCOO criticou á Xunta de Galicia por permitir a apertura comercial o 26 de xullo (domingo) e o 15 de agosto (sábado), decisión que impide o descanso en dúas fins de semana do verán en datas especialmente sinaladas. Esta política levou á convocatoria de dúas xornadas de folga coincidentes con eses días.

    Sobrecargas, falta de persoal e salarios insuficientes

    As persoas traballadoras reclaman tamén o fin das sobrecargas, con reforzos de persoal nos picos de vendas —como o período de Nadal—, así como a cobertura de baixas e ausencias. Xunto a isto, esíxense salarios dignos, acordes co esforzo realizado, e incentivos reais que non sexan meramente simbólicos.

    Conciliación e saúde laboral, eixos da protesta

    Outro piar fundamental das mobilizacións é a mellora da conciliación da vida laboral e persoal. CCOO demanda a ampliación dos descansos, a redución de horarios estendidos —especialmente para persoas maiores de 55 anos— e o respecto estrito do calendario laboral, sen cambios arbitrarios. Tamén se reclama unha maior protección da saúde física e mental.

    Enquisa de clima laboral: datos contundentes

    Estas reivindicacións apóianse nos resultados da última enquisa de clima laboral de CCOO Servizos, realizada entre o 1 e o 8 de decembro. Case o 100 % das persoas enquisadas afirma sufrir sobrecarga laboral e falta de descanso, mentres que o 75 % apoia que o traballo en domingos e festivos sexa voluntario e compensado economicamente, unha demanda que o sindicato levará ás futuras negociacións coas empresas.

  • CCOO impulsamos un convenio galego para reducir desigualdades no sector do comercio

    Hoxe trasladamos ao Consello Galego de Relacións Laborais unha solicitude formal para que convoque ás patronais galegas co obxectivo de iniciar a negociación dun convenio colectivo galego do sector do comercio.

    Na actualidade, as condicións laborais das persoas traballadoras do comercio dependen en gran medida da provincia ou do convenio aplicado, mesmo cando o traballo desenvolvido é equivalente. Esta situación provoca desigualdades en salarios, xornadas e dereitos laborais que non teñen xustificación obxectiva.

    A negociación dun convenio galego permitiría establecer condicións mínimas comúns para todo o sector en Galicia, evitar a competencia á baixa entre empresas e avanzar cara a unha maior igualdade entre as persoas traballadoras.

    O Consello Galego de Relacións Laborais dispón das ferramentas necesarias para facilitar o diálogo entre as partes e contribuír á apertura deste proceso negociador.

    Este paso supón o inicio dun camiño que consideramos imprescindible. Continuaremos informando puntualmente e defendendo os dereitos de todas as persoas traballadoras do comercio en Galicia.