Autor: Servicios Galicia

  • A loita por condicións laborais dignas no convenio de oficinas e despachos de Pontevedra. Concentración e rolda de prensa

    Trala convocatoria de folga convocada para os días 16, 17, 18 e 19 de abril pola Federación de Servizos de CCOO en Galicia e UGT, o 18 de abril levouse a cabo unha rolda de prensa onde se denunciou publicamente o bloqueo por parte da patronal do convenio de Oficinas e Despachos.

    Na devandita rolda de prensa tamén se denunciou por parte da Federación de Servizos a intención de seguir precarizando un sector altamente cualificado, con salarios cuxas táboas non alcanzarían nin sequera o Salario Mínimo Interprofesional, segundo as intencións da patronal.

    Pola tarde tivo lugar unha concentración diante da sede da CEP de Pontevedra en Vigo, con numerosas persoas persoas traballadoras do sector a reivindicar a non eliminación do plus de antigüidade e o dereito a unhas condicións e salarios dignos.

    Vídeo rolda de prensa

    Imaxes das concentracións

  • UGT e CCOO convocamos folga os días 16, 17, 18 e 19 de abril no sector de oficinas e despachos de Pontevedra

    A patronal manifestou a súa liña vermella de eliminar a antigüidade na última reunión da mesa negociadora do convenio de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra do pasado 19 de marzo, á cal nos opoñemos frontalmente a parte social. Por este motivo nos emprazamos ao 12 de abril para tentar desbloquear a situación. Porén, onte á tarde comunicóusenos a anulación da xuntanza prevista para hoxe.

    É por iso que, dacordo tamén ás asembleas de traballadores/as levadas a cabo, UGT e CCOO convocamos unha folga na provincia de Pontevedra de 4 días, dende o 16 ata o 19 de abril, na que ti poderás escoller o día que queres facer folga sen necesidade de preavisar a ninguén. Ditas folgas convócanse en protesta respecto ao intento da patronal de seguir precarizando as condicións económicas e laborais do sector de Oficinas e Despachos de Pontevedra. As persoas traballadoras do sector non son persoal de segunda e merecen condicións laborais similares ás doutras provincias.

    Así mesmo, convocamos unha concentración o día 18 de abril as 19:30 horas diante da sede da CEP Pontevedra. Esperámosvos a todos/as, é o momento de dicir BASTA XA!!!

  • Demandamos a Decathlon por vulneración do dereito á Liberdade Sindical

    Presentamos unha demanda de tutela contra a empresa Decathlon pola vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical. Esta demanda ven motivada pola negativa da empresa a aportar documentación e información relativa ás condicións laborais do persoal, por impedir o desenvolvemento da nosa actividade sindical negando o uso do crédito horario e por tomar represalias laborais cara ao activo sindical de CCOO, entre outras prácticas. Ler máis

    CCOO, como sindicato máis representativo a nivel estatal dentro do Sector Retail, interpuxemos unha demanda contra a empresa Decathlon por tutela de dereitos fundamentais. En primeiro lugar, porque se vulneraron os dereitos de información, consulta e competencias recollidos no Artigo 64 do Estatuto dos Traballadores.

    A empresa negouse a facilitar ás delegadas e delegados de CCOO a documentación e información requirida de forma sistemática. En consecuencia, vulneran e impiden o dereito deste sindicato a realizar un análise sobre a situación dos cadros de persoal e poder tomar medidas para mellorar a situación.

    Por outra banda, negaron a autorización ou consentimento do uso por parte de CCOO dos correos electrónicos de todas as persoas da plantilla, non poñendo á disposición de CCOO os medios necesarios para garantir o dereito á comunicación e defensa da nosa afiliación e persoas traballadoras. Autorización que si foi dada ao sindicato SGICD.

    En segundo lugar, negaron a CCOO a solicitude para facer uso do crédito sindical, o que é unha acción lesiva contra os dereitos fundamentais de todas as persoas traballadoras de Decathlon.

    En terceiro lugar, porque desde o Sindicato tivemos constancia da imposibilidade de incrementar as horas de traballo ou de promocionar ou ascender do noso activo sindical, só por pertencer a CCOO.

    CCOO tentou dialogar coa empresa para poñer fin a esta situación, pero non foi posible. Moi ao contrario, a empresa Decathlon continúa desenvolvendo prácticas lesivas cara ao noso activo sindical. Concretamente, os e as delegadas de CCOO en Decathlon reciben os peores horarios, modificacións nas tarefas asignadas e nos turnos, impídeselles entrar nos centros de traballo para desenvolver as súas funcións sindicais, etc.

    CCOO lamenta profundamente a actitude da empresa Decathlon cara os e as delegadas do noso Sindicato, así como que as relacións laborais dentro da empresa teñan que ser dirixidas por un xulgado.

  • 14.981 sinaturas (55,13% do persoal) apoian en só 8 días a campaña de CCOO

    Á dirección do Grupo Inditex: Trala publicación dos beneficios do Grupo Inditex (5.381 millóns, cun incremento do 30%) as traballadoras e traballadores do Grupo pedimos que se repercutan, de forma xusta e equitativa, en quen os facemos posíble: en todas as persoas traballadoras de todas as cadeas de todo o Estado, con avances reais e globais nas mesas estatais, homologando condicións:

    • Desenvolvemento do Plan de Igualdade: Fins de semana de calidade, ampliacións de xornada…
    • Defensa integral da saúde: Carga de traballo, climatización, protocolos de violencia.
    • Xestión da madurez: Prexubilacións, reducións de xornada, aumento de días de vacacións, plan de pensións de emprego…
    • Desenvolvemento doutros aspectos salariais: Prima de vinculación, Plus de antigüidade, Sistema de incentivos e transparencia nas comisións, Aplicación do incentivo de dependenta a todas as cadeas por igual, Aumento do desconto e límite Affinity.

    O momento é AGORA. Porque TODAS somos INDITEX

    Asinado entre o 15 e o 22 de marzo de 2024 por persoas traballadoras de Inditex (55,13% do persoal de tendas) Ler máis

     

     

    Comunicado informe sinaturas

  • CCOO Inditex mobiliza a máis de 500 delegadas en 8 cidades e recolle 13.843 sinaturas (50,94% do persoal) en só 7 días

    CCOO, sindicato maioritario en Inditex, impulsou a mobilización do seu activo sindical fronte ás tendas de Inditex en 8 cidades e a da plantilla a través dunha recollida de firmas subscrita por máis da metade das 27.176 persoas traballadoras nas tendas, para esixir a Inditex avances reais nas negociacións a nivel estatal, para mellorar de forma xusta e equitativa as condicións laborais no conxunto de marcas e territorios, tras os beneficios récord obtidos. Inditex, atendendo esta campaña de mobilización de CCOO, convocou Mesa estatal o 3 de abril.

    O Grupo Inditex declarou uns beneficios de 5.381 millóns, cun incremento do 30% respecto ao exercicio anterior. Na súa actividade en España, superou os 1.600 millóns de beneficios e os 5.665 millóns en vendas, o que supón 200.000 euros en vendas por persoa empregada en tendas. Con todo, estes beneficios non están revertendo na plantilla en forma de mellora global, en todas as marcas e territorios, das súas condicións laborais, ao non haber avances reais nas negociacións estatais.

    Ante esta situación, máis de 500 delegadas e delegados de CCOO mobilizáronse en Madrid, Barcelona, Sevilla, Málaga, Valencia, Bilbao, Las Palmas e Vigo. Ademais, o sindicato recolleu en tan só 7 días 13.843 firmas, desde o 15 ao 21 de marzo: É dicir, o 50,94% da plantilla do Grupo Inditex asinou para apoiar a campaña de CCOO e que os beneficios do Grupo revertan de forma xusta e equitativa, en quen os fan posible: en todas as persoas traballadoras de todas as cadeas de toda España, con avances reais e globais nas Mesas estatais, homologando condicións ao alza.

    Atendendo á reclamación de CCOO de establecer marcos de negociación onde se defendan os intereses de todas as plantillas do Grupo Inditex en todos os territorios, o Grupo Inditex dirixiuse a CCOO, como sindicato maioritario, anunciándolle convocatoria de Mesa estatal o próximo 3 de abril.

    Nota de prensa movilizaciones INDITEX