Autor: Servicios Galicia

  • Alcanzamos PREACORDO no Convenio Colectivo de Aforro

    O preacordo acadado, no día de hoxe, na mesa de negociación do Convenio Colectivo de Aforro 2024-26, recolle entre outros puntos

    Un incremento en 3 anos do 11% – 14% máis un pago único do 3% do Nivel VI Ademais, 3 días adicionais de libre disposición (1 cada ano) Garántese a aplicación dos incrementos de convenio, sen se veren afectados por adaptacións progresivas. Ler máis

     

    Despois do proceso de mobilización impulsado por CCOO dende o pasado 8 de febreiro, conseguimos pechar o seguinte preacordo de Convenio de Aforro 2024-2026:

    • Suba mínima en táboas 2024-2026: 11,5% en 2024 – 3% en 2025 – 3% en 2026 (Incremento mínimo acumulado en táboas en 3 anos = 11,40%)-
    • Suba máxima en táboas 2024-2026 en función do IPC: 14% Garantía no caso de exceso do IPC 2024-2026 sobre o incremento do 11,40%, actualizándose a táboa salarial o 1/1/2027 no exceso, co tope do 3%. (Incremento máximo acumulado en táboas en 3 anos = 14,40%). Noutras palabras, en función do IPC 2024-2026, as táboas salariais e outros conceptos actualizaranse en 3 anos entre un 11,40% e un 14,40% acumulado.
    • (Adicionalmente) Pago único do 3% sobre 18,5 pagas de nivel VI, arredondado á alza = 1.000 euros lineais para todo o persoal. 
      É dicir, en 2024 cobraríase o 5% de actualización + o pago lineal de 1.000€ equivalente ao 3% de NVI + o abono vinculado ao ROE 2023 (ademais do plus convenio, o plus mellora convenio e resto de conceptos estruturais).
    • Eliminación nivel XIV (o nivel de entrada será o XIII, só de 1 ano de duración, e sitúase moi preto dos 20.000€ para 2024 como salario mínimo de convenio).
    • 1 día adicional de libre disposición en 2024, en 2025 e en 2026 (teríamos neses anos 25 días de vacacións + 3 días de libre disposición)
    • Garántese a aplicación dos incrementos de convenio, sen verse afectados por adecuacións progresivas.

    Valoración dende CCOO
    Este preacordo terá un desenvolvemento en forma de acordo e negociación de texto de convenio, en próximas datas. Ademais, dende CCOO iremos ampliando a información sobre os seus contidos durante esta mesma semana.

    Dende CCOO, dende a responsabilidade como primeiro sindicato do sector, consideramos que este preacordo supón un primeiro paso nos nosos obxectivos, principalmente a nivel salarial, ao conseguir un incremento acumulado en táboas en só 3 anos de entre o 11,40% e o 14,40% (moi por enriba da subida acumulada de táboas nos 13 anos anteriores -5,3%-), ademais do pago único do 3% de nivel VI (1.000€), o que se suma ao Plus mellora convenio que conseguimos engadir como concepto permanente en xaneiro de 2023, abrindo o convenio. O feito de que todo o persoal perciba estes incrementos é tamén algo clave.

    Un preacordo, ademais, que se consegue sen cesións de ningún tipo á Patronal, nin en materia de ampliación de mobilidade xeográfica, nin de eliminación de axuda de estudos, nin de desregulación de horarios.

    Queda moito por seguir reivindicando, en materia de préstamos (a nivel de cada entidade) e de compromisos de negociación en cada empresa de medidas sobre clima laboral (tempo de traballo, emprego, clasificación, presión comercial, etc.), o que traballaremos para concretar na fase de redacción e en cada empresa. Nesta liña, introducir 3 días de descanso no convenio é un primeiro paso sobre o que seguiremos traballando.

    Unha vez máis, agradecemos o apoio do persoal en todo este proceso.

    INFOGRAFÍA RESUME:

     

    Ver preguntas frecuentes:

  • El 15M, nuevas movilizaciones en el sector financiero como antesala de la HUELGA del 22M

    Tralas mobilizacións do 8F e 21F, e a folga parcial masiva do pasado 26 de febreiro, cun 84,7% de seguimento, convocamos novas mobilizacións de delegadas e delegados o venres 15M, ás 11:00, en sedes de 8 cidades, como antesala da folga de 24 horas do próximo venres 22 de marzo.

    Estas son as cidades onde nos mobilizamos o próximo 15 de marzo, ás 11:00 da mañá, diante de diferentes sedes de entidades financeiras, incluíndo a Xunta de Accionistas do BBVA:

    — A Coruña: Sede Abanca (Rua Nova, 30)
    — Bilbao: Xunta Accionistas BBVA (Palacio Euskalduna)
    — Madrid: Sede Cecabank (Alcalá, 27)
    — Barcelona: B. Sabadell (Rambla Cat. 115) a Deutsche Bank (P. Gracia 112)
    — Málaga: Sede Unicaja (Av. Andalucía 10-12)
    — Zaragoza: Sede Ibercaja (Pza. Paraíso, 2)
    — Pamplona: Sede Caja Rural de Navarra (Pza. de los Fueros, 1)
    — Murcia: Sede Cajamar en Murcia (Pza. Julián Romea 4)

    Ao tempo que convidamos ao resto de sindicatos a unirse, facemos un chamamento ás patronais e empresas para que aposten por avanzar moi significativamente na negociación nos días que quedan até a folga do 22 de marzo, coincidindo coas Xuntas de accionistas de CaixaBank e Banco Santander.

    Esiximos ás patronais de Banca, Aforro e Cooperativas de Crédito "que escoiten o clamor do persoal, que falou na folga do 26 de febreiro, e mostren unha vontade de achegamento real, con propostas acordes cos beneficios récord do sector, co aumento de retribucións da alta dirección, cos dividendos que reparten aos seus accionistas e co que reivindican e merecen as súas traballadoras e traballadores, o principal activo do sector financeiro".

  • Concentración contra a destrución de emprego en Teleperformance Coruña

    O comité de empresa de Teleperformance na Coruña, comprometido coa defensa dos dereitos laborais e a estabilidade dos traballadores, celebramos hoxe luns, once de marzo, unha concentración de delegadas e delegados de 13 a 14 horas, fronte ás instalacións da empresa. Esta acción ten como obxectivo denunciar a destrución de emprego na delegación coruñesa, así como visibilizar a precaria situación laboral que está a afectar ao persoal.

    Contexto

    Fomos testemuñas da desaparición de servizos históricos nesta delegación, que levou a unha redución significativa do persoal, pasando de case mil traballadores a só 515. A deslocalización a Colombia do servizo de atención ao cliente de Unión Fenosa Distribución e un ERE estatal que afectou a 38 persoas na nosa delegación —300 en todo o Estado— son situacións que contribuíron ao actual panorama laboral.

    Desafíos Actuais

    Neste momento, estamos a enfrontar un constante goteo de despedimentos, cualificados pola empresa como disciplinarios. Sen embargo, o comité vaticina que todos eles acabarán sendo declarados improcedentes, o que xera unha preocupación constante no persoal. Esta incerteza sobre o futuro laboral xera un ambiente de traballo baixo ameazas e presións constantes, onde cada traballador vive co temor de ser o próximo en ser despedido.
     

    Propósito da Concentración

    A concentración pretende ser un acto de visibilización e solidariedade entre os traballadores. Buscamos concienciar á opinión pública sobre a situación que estamos a vivir e reclamar unha solución que garanta a estabilidade laboral, o respecto aos dereitos dos traballadores e a continuidade dos servizos na nosa delegación.

  • Feminismo sindical para mellorar a vida das mulleres

    CCOO, como sindicato feminista, manifesta o seu firme compromiso de seguir loitando contra a discriminación laboral das traballadoras en calquera das súas formas e negociando propostas que melloren as condicións de vida das mulleres.

    O feminismo está sendo o maior motor de transformación social, e de aí o empeño en condenalo das faccións sociais máis reaccionarias; pero detrás del hai máis de corenta anos de historia de loita de moitas mulleres. Loitas constantes, comprometidas e arriscadas pero libradas coa alegría que produce ir acabando coas múltiples discriminacións e apostar con creatividade, sororidade e alegría por unhas condicións de vida xustas.
     

    Estas loitas libráronse en todos os ámbitos, e o laboral non foi o menor. As mulleres necesitamos independencia tamén económica para sermos autónomas e non dependermos de ninguén. O traballo asalariado é unha desas fontes de autonomía, e a necesaria batalla polo acceso ao emprego, a promoción profesional, a corresponsabilidade, a igualdade salarial ou a fin da violencia son obxectivos sindicais. Por esta razón, desde CCOO tamén reivindicamos o feminismo sindical, que colabora co resto de feminismos para conseguir dinamitar o machismo que aínda persiste e estender o feminismo a todos e cada un dos espazos.

    O 8M tamén reivindicamos este feminismo sindical que nos é propio e a loita polos dereitos laborais dentro do movemento feminista e, aínda que nos sumamos a gozar deste día lúdico de reivindicación feminista, actualizamos o feminismo nos centros de traballo todos os días do ano a través do noso activo sindical, porque os dereitos non se paran nas portas dos centros de traballo. Día a día denunciamos a discriminación laboral e achegamos propostas para mellorar as condicións laborais e de vida mediante o diálogo social en aspectos como o salario mínimo interprofesional. O SMI pasou de 736 euros ao mes en 2018 a 1134 euros brutos en 14 pagas en 2024; é un incremento de máis do 46 %. A suba do SMI beneficia máis as mulleres, ao sermos nosoutras as que temos as peores condicións laborais e salariais. Ler máis

    A suba do SMI  #ÉFeminismo

    A fenda salarial actual é do 18,6 % e, aínda que é a máis baixa dos últimos quince anos, hai que seguir reducindo a diferenza salarial entre homes e mulleres. Desde CCOO seguiremos poñendo un soldo mínimo nos convenios, cuestionando a falta de complementos salariais para as habilidades tipicamente femininas, diminuíndo a parcialidade e elevando o SMI.

    Reducir a fenda salarial  #ÉFeminismo

    A reforma laboral mellorou a contratación indefinida e reduciu a temporalidade, conseguindo maior estabilidade do emprego feminino. Nos últimos doce meses, o número de mulleres sen emprego reduciuse en 23 400. É dicir, houbo máis de 21 000 novos contratos laborais con selo feminino. A Enquisa de Poboación Activa demostra que a temporalidade diminuíu ata o 13,24 % e creáronse 783 000 empregos. Hai máis mulleres traballando ca nunca. Das 21 246 900 persoas ocupadas, o 46,7 % son mulleres; porén, o 75 % dos contratos a tempo parcial son femininos. En CCOO apostamos por reducir a parcialidade e mellorar as súas condicións laborais. 

    A reforma laboral  #ÉFeminismo

    A suba do SMI permite tamén reducir a fenda que existe nas pensións. No caso das pensións de xubilación, a fenda é dun 31,91 %, malia que se negociaron mellores condicións para integrar as lagoas de cotización. Considerados como cotizados ao 100 % ata tres anos os casos de redución de xornada ou excedencia por coidado de familiares e/ou menores e de aumentar o complemento para reducir nelas a fenda de xénero, aínda existe unha fenda nas pensións de xubilación do 31,4 %. É vital o noso compromiso sindical para acabar con esta fenda nas pensións.

    A reforma das pensións  #ÉFeminismo

    Tamén se mellora a vida das mulleres traballadoras negociando convenios colectivos que racionalizan a xornada e introducen medidas que favorecen a corresponsabilidade e plans de igualdade. Este ano rexistráronse case 5000 plans de igualdade no REGCON e actualmente hai 10 729 planes de igualdade en activo. Porén, un 66 % das máis de 31 400 empresas que deberían ter plan de igualdade non o teñen. Desde CCOO seguiremos denunciando a falta de negociación, reclamando a convocatoria das mesas de negociación e vixiando o seguimento das medidas adoptadas neles.

     

    Negociar plans de igualdade  #ÉFeminismo

    Aínda que é obrigatoria a existencia de protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo para todas as empresas, só contan con protocolos aquelas que teñen plan de igualdade, ao ser estes unha parte dos plans de igualdade. A maioría de empresas, sobre todos as PEMES e microPEMES, carecen de protocolo contra o acoso sexual e por razón de sexo e, ademais, hai mulleres —como as empregadas de fogar ou as de axuda a domicilio— que sofren acoso sexual nas casas dos seus empregadores. Para orientar tanto profesionais como sindicalistas e as vítimas, contamos co Observatorio de Acoso sexual y por razón de sexo, no que seguiremos traballando.

     

    A loita contra o acoso sexual  #ÉFeminismo

    Pero tamén é feminismo romper os estereotipos de xénero no acceso, impedir preguntas sexistas, acabar coa penalización da redución de xornada, conseguir permisos para as menstruacións incapacitantes, lograr flexibilidade da xornada, sensibilizar contra a homofobia, reducir a xornada laboral, facer rexistros retributivos para ver os nesgos nos complementos salariais, avaliar o posto de traballo atendendo a capacidades e habilidades femininas historicamente solicitadas, pero nin recoñecidas nin pagadas, pór en marcha unha prevención de riscos laborais acorde cos corpos e realidade das mulleres. 

    Todo isto e moito máis #ÉFeminismo e ademais de animar a afiliación a se sumar ás convocatorias do movemento feminista nos distintos lugares, manifestamos o noso compromiso cun #FeminismoSindical que fará as mulleres máis autónomas, felices e independentes.

    ____________________________________________________________

    MOBILIZACIÓNS 8M

    — A Coruña: ás 20 h desde o Obelisco

    — Ferrol: ás 20 h desde a praza de Amada García

    — Santiago de Compostela: ás 20 h desde a praza 8 de Marzo

    — Lugo: ás 20 h desde a delegación da Xunta

    — Ourense: ás 20 h desde a Subdelegación do Goberno

    — Pontevedra: ás 20:30 h desde a praza de España

    — Vigo: ás 20 h desde a praza de España

    Manifesto 8 de Marzo de 2024, Día Internacional das Mulleres

  • Maio, mes de verán? Gadis incumpre os seus acordos en materia de vacacións

    PONTEVICUS pretende agora que se inclúa o mes de maio como mes de vacacións de verán de forma unilateral e incumprindo todos os acordos e compromisos.

    Tanto o convenio colectivo como os acordos de empresa indican cales son os meses de verán, e dende hai máis de 20 anos, maio non está entre eles. Para protestar por esta situación:

    • Concentrámonos hoxe diante do GADIS de Rúa Barcelona en Vigo
    • CCOO denunciamos esta situación e presentamos un conflito colectivo cuxo xuízo será mañá xoves 7 de marzo no TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA.

    Mantédevos atentos/as a futuras actualizacións para máis detalles. CCOO non permitiremos que prexuízos ao persoal queden sen resposta.