Autor: Servicios Galicia

  • Máis precariedade e menos emprego: CCOO convocamos folga do comercio en Galicia tras o Black Friday

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia trasladamos hoxe aos medios as principais conclusións do Informe Comercio — Black Friday 2025, un diagnóstico que evidencia, novamente, a precariedade estrutural do sector: parcialidade imposta, horarios imprevisibles, cargas de traballo desbordadas e un incremento moi preocupante dos riscos músculoesqueléticos e dos problemas de saúde mental.

    Un sector que funciona á costa da saúde

    Explicamos que o comercio continúa funcionando á costa da saúde e da dispoñibilidade permanente das persoas traballadoras, nun contexto de persoal insuficiente e de crecente presión comercial.

    Imposición da Xunta no calendario de aperturas

    Denunciamos a decisión da Xunta de Galicia de aprobar o calendario de apertura de domingos e festivos para 2026 sen ningún proceso de consulta coa representación sindical. Deste xeito rompese a posibilidade de gozar de dúas fins de semana completos de descanso en xullo e en agosto de 2026, prexudicando notablemente a conciliación da vida laboral e familiar en datas especialmente sensibles para Galicia. Esta falta de diálogo, que afecta decenas de miles de persoas traballadoras do comercio, é para CCOO unha imposición inaceptable.

    Convocatoria de folga no comercio galego

    Ante esta situación, anunciamos a convocatoria de dúas xornadas de folga no comercio galego, que se celebrarán os días 26 de xullo e 15 de agosto de 2026, en defensa dos dereitos laborais, da saúde e da conciliación. Tamén as convocamos para esixir que calquera decisión sobre horarios comerciais conte coa voz das traballadoras e traballadores do sector a través das súas organizacións sindicais máis representativas.

    Esixencia de diálogo social

    Reclamamos á Xunta que rectifique, que abra un proceso real de diálogo social e que deixe de ignorar as persoas que sosteñen un sector estratéxico para Galicia.

    Datos do Informe Comercio — Black Friday 2025 en Galicia

    • Emprego en outubro de 2025: 135.433 persoas empregadas no sector do comercio.

    • Emprego previsto tras a campaña: 136.973 persoas empregadas.

    • Crecemento do emprego (outubro–decembro de 2025): 1,1 %.

    • Creación estimada de emprego: 1.540 novos postos de traballo durante a campaña.

    Comparativa co conxunto do Estado

    A previsión de crecemento do emprego no comercio para o conxunto do Estado é do 2,0 %, o que supón 52.308 novos postos de traballo. Galicia sitúase por baixo da media estatal e doutros territorios como Andalucía (4,0 %), a Comunitat Valenciana (3,7 %) e Canarias (3,2 %).

  • O 80% do emprego creado para a campaña do Black Friday é temporal e a tempo parcial

    O emprego no comercio polo miúdo no período de compras que comeza coa campaña do Black Friday e se estende ata as rebaixas de xaneiro xerará arredor de 33.000 postos. Deles, o 80% serán contratos temporais e o 90% a tempo parcial, segundo o informe Black Friday 2025 da Federación de Servizos de CCOO.

    A pesar do aumento continuado das vendas, o crecemento do emprego é reducido: apenas un 2%, unha cifra semellante á de 2024, insuficiente para reforzar cadros de persoal sometidos a cargas de traballo crecentes, horarios extenuantes e falta de descansos.

    CCOO reclamamos o respecto ao descanso diario e semanal, o cumprimento dos calendarios laborais, dotacións suficientes de persoal, a redución da parcialidade non desexada e a voluntariedade e remuneración do traballo en domingos e festivos.

    O comercio como motor económico en España

    O comercio emprega máis de 2,5 millóns de persoas, o 14,3% da poboación asalariada. Xera un 12,8% do valor engadido bruto e nel operan o 20% das empresas do país (635.000 no último ano).

    Tras o impacto da crise de 2020, a recuperación deixou incrementos de ata un 30% nas vendas e máis dun 40% nos excedentes, pero isto só produciu un aumento do 3% no emprego.

    O sector enfróntase a unha transformación marcada polo auxe das compras en liña, a apertura de macroestablecementos, o turismo orientado ao luxo e a irrupción das IAs xerativas, factores que condicionan as prácticas empresariais e afectan directamente a milleiros de traballadoras e traballadores.

    Emprego atípico, invisibilizado e con salarios precarios

    O comercio polo miúdo, especialmente o retail téxtil, supón un test de estrés en campañas como o Black Friday, das que as grandes marcas con maior cota de mercado son as principais beneficiarias.

    No comercio téxtil operan 60.000 empresas e 172.000 persoas asalariadas. A pesar de ser un sector intensivo en man de obra, o persoal diminuíu un 6% desde a pandemia. A inversión en I+D+i aumentou un 150% desde 2019, compensándose con redución de cadras e intensificación das cargas de traballo.

    Parcialidade e inestabilidade como norma

    O sector funciona con amplas bolsas de emprego inestable e mal remunerado baixo o pretexto da estacionalidade. A parcialidade afecta ao 31% das cadras en 2025. O contrato indefinido fixo-descontinuo apenas representa o 1% delas.

    A parcialidade responde a un modelo que axusta os tempos de traballo ás necesidades produtivas, xerando novas formas de emprego atípico e salarios precarios.

    Un sector feminizado, con baixa formación e mocidade precarizada

    As mulleres representan o 70% da forza laboral no comercio téxtil e o 57% do persoal presenta baixa formación académica. As persoas de nacionalidade estranxeira aumentaron un 11% no que vai de ano.

    Nos picos de vendas —campaña prenadal, Nadal e rebaixas—, a mocidade é un activo esencial para as empresas.
    Todos estes colectivos sofren maior inestabilidade e precariedade, con menos capacidade de negociación e obrigados a aceptar horarios atípicos e salarios baixos.

    Baixos salarios e falta de recoñecemento

    A pesar de ser un dos principais nichos de emprego, o sector está entre os peor remunerados. O gasto laboral mantense no 16%, mentres o excedente empresarial aumentou case un 8% e a marxe de beneficio sitúase no 9,7%.

    O salario bruto medio no comercio polo miúdo é de 20.274 € anuais, un 26% inferior á media da economía. A brecha de xénero é do 17%: as mulleres perciben 18.945 € anuais, apenas un 14% por riba do SMI.

    Son traballos mal pagados, invisibilizados e sen compensación polo sobreesforzo que requiren.

    Reivindicacións de CCOO

    • Respecto ao descanso diario e semanal.
    • Cumprimento estrito dos horarios dos calendarios laborais.
    • Voluntariedade e compensación do traballo en domingos e festivos.
    • Redución da parcialidade non desexada e garantía de emprego estable.
    Retribucións superiores ao SMI e acordes á responsabilidade do sector.
    • Cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, con especial atención aos riscos psicosociais.
    • Dignificación do sector mediante formación axeitada.
    Dotación suficiente de persoal nos períodos de maior carga para garantir un servizo profesional e de calidade.

    Declaracións Eugenio Gámez. Responsable Comercio CCOO:

    Descargar Nota de prensa

    Descargar Informe Black Friday

    Descargar Nota Resumen Informe Black Friday

  • 25N: Un paso adiante por entornos laborais libres de violencias machistas

    Fronte ás violencias contra as mulleres e ante un novo 25N, as Confederacións Sindicais da Unión General de Trabajadoras y Trabajadores e de Comisións Obreiras (CCOO) reiteramos o noso compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e facemos un chamamento ás traballadoras e aos traballadores e ao conxunto da cidadanía para combatelas ata a súa total eliminación, tanto dos centros de traballo como da sociedade no seu conxunto.

    Chamamos a combatela desde todos os ámbitos, atallando as súas causas e aumentando os recursos e instrumentos públicos para a súa prevención e erradicación.

    Chamamos tamén ao rexeitamento frontal e á condena dos discursos negacionistas da violencia de xénero e antifeministas que poñen en perigo os avances, cuestionan as políticas públicas contra as violencias machistas e a educación en igualdade, e revitimilan as mulleres superviventes.

    Reforzamos o noso compromiso con máis actuacións e propostas para facer dos entornos laborais espazos libres de violencias machistas.?

    Manifesto conxunto de CCOO e UGT ante un novo 25N

  • A Xunta volve poñerse de parte da patronal e manterá as aperturas en domingos e festivos no comercio galego

    Conciliación laboral e familiar no comercio galego en risco

    Desde hai anos, a Xunta de Galicia négase a garantir a conciliación laboral e familiar do persoal do sector do comercio, consolidando un modelo insostible que deteriora o pequeno comercio e empeora a calidade de vida das traballadoras e traballadores.

    Apertura en domingos e festivos: impactos en 2025

    A situación agrávase en 2025 coa inclusión do 26 de xullo e do 15 de agosto como días de apertura, impedindo que o persoal poida gozar de fins de semana libres en pleno verán. A Federación de Servizos de CCOO sinalamos que estes días deberían ser un dereito básico para o descanso e a vida familiar.

    A postura de CCOO: apertura innecesaria

    CCOO insistimos en que a apertura en domingos e festivos non é necesaria: os horarios semanais xa permiten facer compras sen ampliar a actividade nestas datas. Ademais, neste exercicio a Xunta nin sequera pediu valoración ao sindicato, ignorando a voz das persoas traballadoras do comercio.

    Contexto de xornada laboral e horarios comerciais

    Nun contexto de demanda de redución da xornada laboral e racionalización dos horarios comerciais, para evitar xornadas interminables que chegan máis alá das dez da noite, o Goberno do PP toma a decisión contraria: suprimir de golpe dous fins de semana libres, recortando descanso e favorecendo só os intereses empresariais.

    Compromiso de CCOO

    CCOO seguiremos denunciando esta política regresiva e defenderemos un modelo de comercio xusto, sostible e conciliable.

    Noticias en prensa:

    Galicia Press: Críticas a la Xunta por permitir a los comercios abrir domingos y festivos: "Consumismo por delante de derechos"

    Galicia ConfidencialCC.OO. reprocha á Xunta que manteña a apertura dos comercios os domingos e festivos: "Castiga aos traballadores"