Autor: Servicios Galicia

  • Acordo histórico en Inditex: a igual traballo, igual salario

    CCOO, como sindicato maioritario no Grupo Inditex, alcanzou un acordo histórico que homologa salariamente todas as marcas e territorios, en retribucións fixas e variables, concretando salarios fixos garantidos de entre 18 000 e 24 500 euros, a través dun complemento que se revalorizará no futuro baseándose no IPC. Ademais, conseguíronse avances de moito calado en condicións sociais e o compromiso de negociar medidas sobre parcialidade e tempos de descanso no marco da negociación do plan de igualdade de grupo. Ler máis

    Desde o noso 53 % de representación global en Inditex, vimos reivindicando desde hai anos a equiparación de condicións laborais no grupo. Con 50 convenios provinciais e sete marcas distintas, a situación ata o de agora era que persoas que facían o mesmo traballo na mesma empresa tiñan condicións laborais distintas. Esta situación de desequilibrio corrixiuse por fin, despois de anos de traballo sindical.

    A finais de 2019, CCOO solicitou a Inditex reunións de ámbito estatal, dada a importancia de iniciar conversas sobre materias comúns a todas as cadeas e territorios, como eran a dixitalización, temporalidade, parcialidade ou a necesidade de abordar a negociación do Plan de Igualdade do Grupo Inditex.

    Esta reivindicación de negociar no ámbito estatal, impulsada por CCOO e da que fixemos bandeira, levou aos acordos para o desconfinamento tras o estado de alarma e, posteriormente, ao acordo marco estatal do proceso de transformación dixital, asinado o 26 de outubro de 2020, no que se regulan as condicións ante o proceso de peche de tendas. Un acordo que priorizaba o mantemento do emprego durante a transformación dixital da empresa. 

    Esta negociación inicia un camiño cara á negociación de alcance estatal, que foi aínda máis aló co arranque da negociación do I Plan de Igualdade do Grupo desde o 21/6/2022, con nove representantes de CCOO dun total de trece, e co acordo do 18/11/2022 no que se recuperaba o incentivo de dependentas/es, incrementando a súa contía a 1000 euros, amais de comprometer a negociación sobre retribucións que culminou co acordo de onte e aumentar a contía do complemento sede da Coruña.

    Grazas a este percorrido, asinouse un acordo histórico, unha aposta pola homologación salarial fixa e variable en todas as marcas da cadea e en toda España.

    O salario fixo de entrada, a tempo completo, sitúase na emblemática cifra de 18 000 € (un 19 % por encima do SMI), que está a reivindicar CCOO como salario mínimo en todos os subsectores de comercio, ao que se lle suma o incentivo de 1000 € e unha pinza estimada de cobramento de comisións, ata totalizar entre 21 500 e 22 500 euros anuais. No caso de dependentas/es con catro ou máis anos de servizo, o salario fixo sitúase en 22 000 € que, sumando os variables, alcanzarían o salario medio do conxunto da economía española (ao redor de 26 000 €).

    Estes salarios fixos garánteos Inditex a través dun complemento que se actualizará en 2024 e 2025 en función do IPC.

    Desde CCOO conseguimos, ademais, un avance substancial en melloras sociais, que xa existían na parte de produción e loxística, equiparando na súa aplicación a todo o persoal de comercio; isto supón acabar cunha diferenza de condicións histórica.

    Inditex comprometeuse tamén a acometer na negociación do plan de igualdade dúas cuestións claves para un persoal moi feminizado: avanzar na erradicación do traballo a tempo parcial non voluntario e garantir descansos semanais de calidade.

    CCOO considera que este acordo, histórico e de referencia, mellora claramente as condicións laborais das preto de 30 000 persoas en persoal do Grupo Inditex, sobre a base da aposta pola equidade retributiva («igual traballo, igual salario»), a eliminación de fendas salariais e avances globais que terán unha segunda parte cos acordos que se alcancen na negociación do plan de igualdade.

  • Parálise no convenio comercio vario de A Coruña

    Desde CCOO indicamos na mesa de negociación á patronal e resto de sindicatos que era imprescindible axilizar as reunións, e de ser necesario, celebrar unha semanalmente co fin de avanzar na negociación e tentar conseguir un acordo antes de finalizar o ano.

    En decembro 2022, tivemos reunións os días 12, 16 e 22. En xaneiro 2023, os días 3 e 19. E en febreiro, cancélase a reunión prevista para o pasado martes día 7.

    Para CCOO é incomprensible a retardación da negociación, que desde o día 22 de decembro se paraliza de forma notable, despois de tratar na mesma como tema exclusivo a inclusión no convenio do Plus Compensatorio de Beneficios que só afecta a INDITEX, dando a impresión de que unha vez alcanzado este obxectivo, xa non hai tanta présa en manter a axilidade da negociación e poder así alcanzar canto antes un acordo no resto de temas que afectan ás 22.000 persoas que están baixo o paraugas deste convenio.

    Esta paralización é moi grave para o sector desde o punto de vista de CCOO, porque non só repercute na perda de poder adquisitivo do persoal, senón que ademais pon en risco o abono de atrasos de convenio, sen ter en conta o resto de medidas que se negocian no mesmo e que tardarán máis en entrar en vigor.

    Ante esta situación non nos queda outra alternativa que expor a posibilidade de convocar mobilizacións no sector, en CCOO temos claro que non podemos permitirnos un novo ano en branco

  • Asinado o convenio de Comercio Metal da provincia de Pontevedra 2020-2024

    Despois dun longo período de negociacións acompañadas de numerosas mobilizacións e folgas, este mércores logrouse a sinatura do convenio de Comercio Metal da provincia de Pontevedra, un dos convenios que ampara a maior número de persoas traballadoras dentro do sector.

    As negociacións -que comezaron o 8 de xuño de 2021- permitíronnos alcanzar un acordo coas seguintes características:

    • Incrementos salariais: 2022 = 6,5 %; 2023 = 4 %; 2024 = 4 %
    • Revisión salarial na diferenza entre a suma do IPC dos anos 2023 e 2024, e o incremento real destes anos (8 %) cun tope do 10 %, que se aplicará con carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2024.
    • Xornada: Redución de 16 horas (8 a partir do 1/01/23 e 8 a partir do 1/01/25)
    • Adaptación do convenio ás novidades da reforma laboral e en materia de conciliación, trasladando para iso o acordado no convenio de comercio vario recentemente asinado.
    • Vacacións: Os 22 días que marca o convenio son sempre de 8 horas, para que non lles conte un día completo ás persoas que traballan medio día os sábados.
    • Traslado ao convenio o réxime de faltas e sancións establecido no convenio de comercio vario.

    A pesar de non alcanzar o obxectivo inicial de introducir a este subsector dentro do recentemente asinado convenio de comercio vario -obxectivo que seguirá vivo para a seguinte negociación-, CCOO consideramos que o resultado final é satisfactorio, aínda que supoña un avance menor do que consideramos que debía ter.

    Agora toca pór o convenio en marcha e esixir que se aplique en cada unha das empresas e persoas traballadoras ás que afecta.

    CCOO poñémonos á vosa disposición para conquistar este importante obxectivo e animámosvos a afiliarvos e a participar como representantes das persoas traballadoras por esta organización onde se convoquen eleccións para que, desde o noso sindicato, se faga a forza necesaria para mellorar as condicións laborais de todas e todos.

    Convenio publicado no BOPP

  • Peche de tendas INDITEX

    Ante a comunicación de peche das tendas a continuación relacionadas:

    BERSHKA PONTEVEDRA: c/ Benito Corbal

    BERSHKA VILAGARCÍA: c/ Arzobispo Lago

    OYSHO SANTIAGO: C.C. As Cancelas

    MASSIMO DUTTI SANTIAGO: C.C. As cancelas

    KIDDYS CLASS VIGO: C.C. Travesía

    Queremos informar de que como membros da Comisión de Seguimento do Acordo Marco Estatal, aínda vixente, e en liña co asinado no que respecta ao compromiso de garantía do emprego, esixiremos á dirección de INDITEX, na reunión a manter respecto das recolocacións, a necesidade de manter as mesmas condicións que viña gozando o persoal até a data e no centro máis próximo ao de peche.

    Queremos lembrar que este acordo marco, asinado por CCOO e UGT, segue tendo como obxectivo o mantemento dos postos de traballo e as súas condicións, ante calquera peche, evitando a aplicación de medidas máis traumáticas.

    Así se conseguiu en situacións de peche anteriores e seguiremos esixindo que se faga nas actuais.

  • Continúan as mobilizacións para esixir melloras salariais en Abanca

     

    A sección sindical de CCOO-Servizos en Abanca volveuse mobilizar na Coruña este venres, 13 de xaneiro, para esixir melloras salariais na entidade bancaria que compensen o esforzo realizado polo persoal os últimos anos. Desde que Juan Carlos Escotet se fixo coa propiedade do banco, as traballadoras e traballadores viron minguado o seu poder adquisitivo de xeito «drástico», nun contexto de contracción económica en que a empresa lles pediu «sacrificios» para afrontar a situación. Ler máis

    Desde o ano 2013, o persoal viu suspendidas as súas achegas no sistema de previsión —que se reduciron ata un 20 %—, así como a suspensión de 2013 a 2015 da retribución variable, a suspensión da devindicación de trienios, a suspensión da parte variable do complemento convenio de 2013 a 2016, o seguro de saúde pasou a ser financiado ao 50 % pola persoa traballadora e o complemento de antigüidade comezou a devindicarse en só doce pagamentos.

    A este esforzo asumido polas persoas traballadoras, cómpre engadir os recortes de persoal que aplicaron como consecuencia de cinco ERE e dous acordos de prexubilacións. 

    CCOO pide unha paga lineal de 1500 euros

    Por esta razón, CCOO pediulle á empresa o aboamento dunha paga lineal a todas as persoas traballadoras por valor de 1500 euros. No caso de que no sector bancario se asine un incremento salarial que supere ese importe, o pagamento tería a consideración como ingreso a conta.

    O sindicato lembra que a empresa afronta agora un contexto moi diferente ao de hai nove anos, con tipos de xuro á alza «que repercutirán de forma moi positiva na conta de resultados». Por esta razón, CCOO esíxelle á empresa «dar un paso adiante» e compensar dalgún xeito a perda de poder adquisitivo na última década, máis aínda nun contexto de inflación que contribuíu a minorar a capacidade de compra dos salarios.