Autor: Servicios Galicia

  • DEICHMANN Vigo en folga por incumprimento de convenio

    As traballadoras de Deichmann Vigo convocaron folga en protesta por o incumprimento por parte da empresa do convenio colectivo de comercio vario da provincia de Pontevedra asinado no pasado mes, no tocante a voluntariedade de traballar en domingos e festivos.A representación legal das traballadoras e CCOO tentaron ata o último momento unha solución  negociada co fin de evitar a folga. Non foi posible. Na semana pasada a empresa rexeitou expresamente acudir a reunión de mediación do procedemento AGA solicitado por CCOO, deixando claro que non é a súa vontade consensuar unha solución. Ler máis

      O calendario de folga abarca os seguintes días durante a xornada completa:

     • sábado 17/12; domingo 18/12, venres 23/12 e xoves 5/01/2023.  

    Tamén se convocaron concentracións diante do centro de traballo, sito no centro comercial  Gran Vía, 2º andar, nos seguintes horarios: 

    • 11:30 a 13:00 ; 17:00 a 18:30 

    Na primeira xornada de folga a participación foi do 100% das 8 traballadoras do centro de  traballo de Deichmann Vigo, permanecendo a tenda pechada durante toda a xornada do sábado 17. 

    A dirección da empresa mantén que poden incumprir o convenio e que o traballo en domingos e  festivos é obrigatorio e sen compensación de ningún tipo.  

    CCOO tentou trasladar diferentes propostas en materia de compensación económica e flexibilidade organizativa favorable ás traballadoras que voluntariamente traballen en domingos e  festivos. Lamentablemente a empresa non quixo reunirse con CCOO, e convocou a unha reunión coas traballadoras o día antes do comezo da folga para tentar desactivala sen valorar seriamente ningunha proposta.  

    CCOO lamenta profundamente que a empresa se negue a negociar e opte por incumprir sistematicamente o convenio colectivo. 

  • Revisión salarial en EROSKI pola aplicación da Reforma Laboral

    As persoas traballadoras de Vegalsa- Eroski non somos traballadores de segunda, por iso CCOO levamos un ano reivindicando a subida salarial que nos corresponde, por xustiza social e pola aplicación da Reforma Laboral. Hoxe tras unha dura negociación coa empresa informamos os resultados: A partir de 01 xaneiro do 2023 todos os traballadores de Vegalsa, nas categorías máis baixas e a xornada completa, pasarán a ter: Ler máis

    Para paliar a perda de poder adquisitivo de 2022 CCOO conseguimos tamén que a empresa se comprometa a unha paga única na nómina do mes de xaneiro de 2023 do 3% sobre o salario basee persoal de cada traballador, o que supón aproximadamente 500€ nas xornadas completas, e en categorías inferiores en función do salario base. Significa que en 2022 todos cobrariamos un 5,5% máis. En xaneiro de 2023 cobraremos como mínimo o 3% máis, que xa fora asinado, e na categoría inferior o 10,5% máis. CCOO seguiremos negociando por mellorar e temos a próxima reunión coa empresa o día 10/01/23. Isto non é suficiente, pero cremos que na vía da negociación está o camiño.

    Circular

  • #25N – Día Internacional para a Erradicación da Violencia de Xénero

    As Confederacións Sindicais de Comisións Obreiras (CCOO) e da Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) reiteramos o noso compromiso coa erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres e facemos un chamamento ás traballadoras e os traballadores e á cidadanía para combatelas ata a súa erradicación, tanto nos centros de traballo como no conxunto da sociedade. Chamamos a combatela atallándoa desde as súas causas, e a aumentar todos os recursos de prevención para que no suceda. Chamamos tamén ao rexeitamento frontal e á condena dos discursos negacionistas que poñen en perigo os avances, cuestionan as políticas públicas contra as violencias machistas e a educación en igualdade e revitimizan as mulleres superviventes. Ler máis

    Denunciamos que, ante a desvergonza da ultradereita e a cegueira de quen non quere ver, estas violencias non só persisten, senón que en moitos casos están a aumentar, tal e como mostran reiteradamente numerosas estatísticas.

    Denunciamos tamén que este é un problema político e social de primeira orde que supón un déficit nos nosos sistemas democráticos que cómpre abordar desde todas as frontes e sen escatimar recursos. 

    Recordamos que as cifras da violencia son escandalosas, comezando polas asasinadas por ser mulleres no marco da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, 1/2004, é dicir, as asasinadas pola súa parella ou exparella:

    — Un total de 37 mulleres, que foron asasinadas ata o 8 de novembro de 2022.

    — 26 menores que quedaron orfos e orfas por mor da violencia de xénero.

    — En todo o ano 2021, 47 mulleres foron asasinadas e 31 menores quedaron orfos e orfas. 

    — O número de mulleres asasinadas desde 2003 ascende a 1165, mulleres que son moito máis ca números, son vidas arrebatadas. 

     

    Datos sobre violencias machistas

    Ademais, por primeira vez desde que se recollen datos sobre violencias machistas, en cumprimento do establecido no Convenio de Istambul e do que viñamos reclamando tamén as organizacións sindicais, este 2022 están a rexistrarse xa outros feminicidios que van alén do ámbito da parella e a exparella e que comprenden os feminicidios sexuais (relacionados con agresións sexuais, incluídas as vítimas de tráfico e explotación sexual); os feminicidios familiares (cometidos no círculo familiar e que inclúen os crimes de honra); os feminicidios sociais (perpetrados por parte de homes que non sexan familia nin parella ou exparella, como amigos, veciños ou compañeiros de traballo) e feminicidios vicarios ou por substitución (asasinato dos fillos e fillas para danar a nai ou ben dunha muller para danar a outra). 

    As cifras son tamén arrepiantes:

    — Durante os meses de xaneiro a xuño de 2022, 19 mulleres en total foron asasinadas fóra do ámbito da parella e/ou exparella, deixando tres orfos/as. 

    — O 100 % dos agresores eran coñecidos das vítimas.

    — Cerca do 60 % destes feminicidios prodúcense no ámbito familiar; o presunto agresor foi o fillo en seis casos e o neto en tres casos.

    — Os feminicidios sociais representan neste primeiro semestre de 2022 o 32 % do total, dos cales, en tres casos, o presunto agresor era un veciño, en dous era un compañeiro de piso e nun, outro coñecido.

    — O resto de asasinatos, o 10 %, corresponden a feminicidios sexuais. Os presuntos agresores foron un veciño e un coñecido, e en ambos os casos as mulleres asasinadas eran menores de 16 anos.

    — No 89,5 % dos casos, as vítimas non denunciaran.

    Lembramos que as asasinadas non son senón a punta do iceberg das violencias machistas que, segundo algúns indicadores, están crecendo. Por exemplo, no último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), sinálase que: 

    — Entre abril e xuño de 2022 contabilizáronse 44 543 vítimas de violencia machista, un 10,89 % máis que no mesmo período de 2021.

    — Esta cifra indica que case 20 de cada 10 000 mulleres sofren este tipo de violencia en España.

    —Trátase de cifras máis altas ca as que se rexistraron antes da irrupción da covid-19 (40 687 no último trimestre de 2019 e 36 185 no primeiro trimestre de 2020).

     

    A fotografía máis completa da extensión das violencias machistas no noso país, máis alá dos asasinatos ou das denuncias no marco da Lei 1/2004, ofrécea a macroenquisa sobre violencias contra as mulleres de 2019, elaborada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas por encarga da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, que sinala que unha de cada dúas mulleres (57,3 %) residentes en España de 16 ou máis anos sufriron violencia ao longo das súas vidas. Case doce millóns de mulleres. Ademais, unha de cada cinco (19,8 %) sufrírona nos últimos doce meses. Más de catro millóns de mulleres.

    En Europa, un terzo das mulleres da UE sufriron violencia física ou sexual, segundo datos da Axencia Europea de Dereitos Humanos. Unha de cada dúas, acoso sexual. De aí a iniciativa da Comisión Europea para sacar adiante unha directiva para combater a violencia contra as mulleres e a violencia doméstica, proposta aínda suxeita ás pertinentes revisións e negociacións, pero que debería servir para elevar a rango de lei europea as disposicións do Convenio de Istambul. Esperamos e esiximos que isto sexa posible o máis axiña posible.

    No plano internacional, cabe destacar que os obxectivos da Axenda 2030 de Nacións Unidas sitúan a igualdade de xénero e o apoderamento de mulleres e nenas no centro do desenvolvemento sostible, para o que se require garantirlles o dereito a unha vida libre de violencias machistas. A meta 5.2 fala explicitamente de «eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e as nenas nos ámbitos público e privado, incluídas o tráfico e a explotación sexual e outros tipos de explotación».

    Ante estes números e esta realidade, como é posible permitir o discurso mentireiro da extrema dereita antifeminista? Os seus exabruptos non só son un insulto, senón que teñen nefastas consecuencias que se traducen en recortes de recursos institucionais e perigosas ideas que se estenden entre as xeracións máis novas: un de cada cinco homes de entre 15 e 29 anos considera que a violencia machista non existe e que é só un «invento ideolóxico», segundo se recolle no barómetro sobre xuventude e xénero da Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), publicado no 2021.

     

    Consenso fronte ás violencias machistas

    A Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) e a Confederación Sindical de Comisións Obreiras cremos que é deber das forzas democráticas reforzar o consenso fronte ás violencias machistas e rexeitar de cara os discursos negacionistas que minimizan a súa incidencia e poñen en risco todo o avanzado. Esiximos tolerancia cero fronte ás violencias contras as mulleres. Instamos, ademais, a reforzar a educación en igualdade co obxectivo de identificar e neutralizar estas violencias e desterrar estereotipos. 

    CCOO e UGT instamos o Goberno central e os Gobernos autonómicos e locais a que dediquen recursos e garantan servizos de prevención e de atención integral ás vítimas de todas as violencias machistas.

    Instamos as forzas democráticas a realizar unha avaliación coidadosa e pormenorizada das 290 medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a elaborar propostas máis ambiciosas e eficaces para a Estratexia Estatal que ha poñerse en marcha a partir de 2023. Celebramos, en todo caso, que o Pacto de Estado se convertera nunha ferramenta permanente. E demandamos que o seu financiamento sexa tamén suficiente e estable, para garantir a plurianualidade dos fondos do Pacto de Estado. Tamén pedimos que se garanta unha rede pública de atención integral a vítimas destas violencias machistas que lles asegure unha atención especializada e interdisciplinaria 24 horas 365 días ao ano, sen interrupción, porque esta violencia tampouco descansa.

    Subliñamos a importancia do ámbito laboral para garantir a autonomía das mulleres superviventes das violencias machistas. Neste sentido, celebramos a extensión de dereitos que supón a aplicación dos dereitos laborais (suspensión de contratos, mobilidade xeográfica e funcional, etc.) ás vítimas de violencias sexuais na recentemente aprobada Lei orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual.

    Canto aos contratos bonificados, un total de 845 mulleres vítimas de violencia de xénero accederon a un destes contratos nos seis primeiros meses de 2022, segundo datos do SEPE. O total no 2021 foi de 1231 contratos. Malia os esforzos, é unha porcentaxe aínda exigua das vítimas. Por iso reclamamos o reforzo e a revisión das políticas activas de emprego para estas mulleres, e a formación específica dos operadores que interveñen.

    Tamén recordamos que existen violencias machistas no ámbito laboral, como o acoso sexual e por razón de sexo, que fican ocultas e invisibilizadas porque non se contan, e por iso esiximos a mellora dos instrumentos estatísticos para evitar que permanezan.

     

    Ratificación Convenios 189 e 190

    UGT e CCOO felicitámonos pola ratificación do Convenio 189 sobre as traballadoras e traballadores domésticos e polo Convenio 190 sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo, ambos instrumentos historicamente reclamados polas nosas organizacións e que teñen que servir para eliminar as violencias. Instamos á inmediata posta en marcha dos instrumentos necesarios para lles dar cumprimento. 

    No ámbito da nosa competencia sindical, CCOO e UGT comprometémonos a: 

    — Formar e sensibilizar o noso activo sindical fronte ás violencias machistas.

    — Formar e sensibilizar o persoal nos centros de traballo.

    — Que os nosos delegados e delegadas exerzan de barreira fronte a calquera manifestación de violencias contra as mulleres.

    — Negociar e aplicar os protocolos de acoso sexual e por razón de sexo previstos na lexislación.

    — Negociar plans de igualdade e medidas de acción positiva na negociación colectiva que contribúan á erradicación das discriminacións, os estereotipos e a violencia.

    — Colaborar permanentemente coas Administracións públicas e as asociacións de mulleres no obxectivo de erradicar estas violencias.

    — Asesorar as vítimas e mulleres superviventes.

     

    Chamamos os traballadores e traballadoras e a toda a cidadanía a participar xunto co movemento feminista nos actos reivindicativos do 25N para sumarnos ao berro global contra as violencias machistas. 

    Fronte á violencia contra as mulleres, nin un paso atrás. 

  • O comercio de metal de Pontevedra mobilizouse o sábado en Vigo e comeza unha folga

    Os sindicatos CCOO, UGT e CIG convocan unha concentración do sector do comercio de metal da provincia de Pontevedra. Foi o sábado, 19 de novembro, ás 12 horas, diante do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI). Con esta protesta, os traballadores e traballadoras esixiron a actualización do seu convenio, que leva tres anos caducado, e déronlle unha última advertencia ás empresas antes da xornada de folga provincial que tivo lugar hoxe.

    As organizacións sindicais lembran que o actual convenio colectivo rematou a súa vixencia no 2019. Desde aquela estase intentando renovar o texto coas patronais ATRA e ACE, sen que a parte empresarial amose vontade negociadora. Ante isto, a parte social incluso pediu a incorporación deste convenio ao do comercio vario, onde xa están outros sectores comerciais, recibindo tamén unha negativa —neste caso, da patronal ATRA.

    Ademais dos salarios, onde os sindicatos piden incrementos acordes co encarecemento do custo da vida, estábanse a negociar outras cuestións, como a adaptación ao que esixe a reforma laboral no tocante á contratación, a xornada laboral anual e dereitos sociais como licenzas, días de libre disposición ou vacacións.

    CCOO, UGT e CIG sinalan que a parte social cedeu en moitas reivindicacións para tentar chegar a un acordo, incluso aceptando que non houbese incremento salarial retroactivo para os anos 2020 e 2021. Na xuntanza do pasado 11 de outubro, ATRA retirou todas as súas propostas, alegando que parte social pedira «moito» na anterior reunión.

    Para os tres sindicatos, este comportamento é contrario ao principio da boa fe que debe presidir todas as negociacións. A ruptura do diálogo non lles deixa aos traballadores e traballadoras outra saída que a mobilización en defensa dos seus dereitos.

    Noticia na TVG

    Noticia en EuropaPress

    Noticia en Elespañol

  • Manifesto 25N. #ImosContalo. Traballos Libres de Acoso Sexual

    Este 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Confederación Sindical de CCOO redobra o seu compromiso mediante feitos concretos para continuar loitando contra todas as violencias machistas e a discriminación das mulleres na que aquelas se sustentan.

    Na sociedade actual, as mulleres lograron unha igualdade de dereitos cos homes maior da que tiveron noutras épocas. A teoría, a práctica e a mobilización feministas de dous séculos de loita deron os seus froitos ata converter os feminismos no maior axente de transformación social. A igualdade de dereitos de homes e mulleres eríxese no principio regulador da orde social moderna. As formulacións feministas traspasan o imaxinario colectivo e a mentalidade social. Ninguén se atreve a manifestarse contra a igualdade formal que figura nos «papeis», porén, é obvio que a igualdade real non só non chegou, senón que está sendo progresiva e perigosamente ameazada ante a vaga reaccionaria. Por iso, hoxe máis ca nunca, non só reforzamos o noso compromiso, senón que, ademais, #ImosContalo. Ler máis

    E #ImosContalo porque os patriarcados de coerción amosan as súas feroces gadoupas en países como Afganistán, Irán ou Catar —onde todos aceptaron xogar un mundial de fútbol—, pero tamén nos de consentimento onde se intentan agudizar a diferenciación de roles sexuais e volver a modelos de masculinidade e feminidade de épocas pretéritas.

    Estamos asistindo a unha rearticulación do patriarcado polo avance das forzas reaccionarias de extrema dereita. E, mentres se aposta pola volta do «home de verdade» e «a muller como Deus manda», convértese os feminismos en inimigos que hai que derribar polo que significan de xustiza, democracia e liberdade. Precisamente por iso temos que contalo e contrarrestar unha extrema dereita que empezou por borrar as imaxes das xenealoxías feministas do ámbito público, seguiu cuestionado dereitos que coidabamos fortemente asentados, como o do aborto, e acabou negando a violencia de xénero aínda que haxa 1171 mulleres asasinadas desde 2003 e unha de cada cinco mulleres que viven en España afirme que sufriu violencia durante o último ano, segundo datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero. Os feitos contradín o discurso negacionista: as cifras de asasinatos, violacións e agresións sexuais non se deteñen. A violencia, por desgraza, ten sexo. Só no ámbito laboral, máis de 1,4 millóns de mulleres afirman que sufriron acoso sexual no seu lugar de traballo e o 98 % dos agresores eran homes.

    Esta violencia estrutural esixe un compromiso colectivo. Neste sentido, CCOO, como sindicato feminista, non só asume a súa responsabilidade actuando fronte ao acoso sexual e por razón de sexo no traballo, senón que ademais traballa acotro para acabar coa discriminación laboral en que se asenta esta violencia. Nos últimos anos conseguiuse elevar o salario mínimo (que afecta a moitas máis mulleres, por ocuparen os peores postos); actuar sobre a temporalidade coa última reforma laboral; aprobar (mediante o diálogo social) o Real decreto 901/2020, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e mais o 902/2020, de igualdade retributiva entre mulleres e homes. Ao tempo, delegadas e delegados propoñen a diario protocolos de actuación en caso de violencia de xénero e pactan novas medidas de corresponsabilidade. Medidas todas elas que, en conxunto, tenderán a diminuír as fendas laborais entre homes e mulleres.

    É este traballo silencioso de desmontar o machismo que zumegan as relacións laborais o que hoxe #ImosContalo e a este debe engadirse a actuación fronte á violencia que padecen as mulleres nos centros de traballo en forma de acoso sexual. Agora é o momento, non se pode esperar máis e hai que actuar sindicalmente e sumar o noso esforzo ao dos movementos feministas para acabar con todas as formas de violencia.

    A responsabilidade de centros de traballo libres de acoso sexual e acoso por razón de sexo é unha responsabilidade empresarial, pero como sindicato tamén actuamos para que isto sexa posible.

    Traballos libres de acoso sexual

    Desde un feminismo sindical, CCOO céntrase en previr, formar, concienciar e tratar laboralmente o acoso sexual e o ciberacoso nos centros de traballo. As empregadas pasan unha porcentaxe importante da súa vida no traballo e hai que asegurar ámbitos laborais seguros. Para conseguir que ninguén vaia traballar con medo, CCOO ofrece o seu activo sindical para que sirva de cordón preventivo contra o acoso.

    A negociación de protocolos de prevención e tratamento do acoso sexual e por razón de sexo é unha gran ferramenta que está servindo para informar e formar contra o acoso nos centros de traballo e investigar de forma rápida e confidencial as denuncias; pero a representación sindical non chega a todos os centros e por iso a Confederación Sindical de CCOO puxo en marcha o Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo (ligar a web https://observatorioacoso.ccoo.es/). Con el pretende vixiar os centros de traballo, para que non se produzan acosos e que, se chegan a producirse, as mulleres teñan un espazo onde acudir en busca de orientacións para saber como actuar.

    Co Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo preténdese visibilizar un tipo de violencia de xénero que polo xeral está oculto. A propia existencia do observatorio é unha apelación contra esta violencia e unha denuncia dela.

    O observatorio quere airear unha forma de violencia que, aínda que a padecen moitas mulleres, se denuncia moi pouco porque non se cre a quen o fai e mesmo as responsabilizan do acoso que reciben. Porén, hai unha responsabilidade colectiva e non se pode seguir situando as vítimas nin como culpables nin como responsables. Sindicalmente, trátase de realizar un traballo de prevención contra as violencias e os acosos e de sinalar tanto o sistema que permite que o machismo campe polos seus respectos como a quen acosa. O acoso sexual e o acoso por razón de sexo son un problema para as mulleres, pero son un problema social e de quen agride; tamén dun tipo de relacións laborais marcadamente sexistas coas que hai que acabar. Por iso hai que nomear o acoso e este 25 de Novembro desde CCOO #ImosContalo.

    E a través da nosa campaña imos contar situacións intolerables que acontecen no traballo ou en relación con el, pero tamén imos contabilizalo, porque o que non se conta non existe. Pórlle dimensións ao problema permitirá concienciar a toda a sociedade.

    O observatorio pretende ofrecer un espazo web á representación sindical e ofrece ferramentas e orientacións de como actuar fronte a este tipo de acosos. Unha das principais ferramentas fronte ao acoso é saber identificalo, para o cal se proporciona en aberto unha serie de formacións e recursos legais e de investigación que axuden a avanzar no estudo e tratamento profesional. Asemade, o observatorio pretende contribuír a facilitar a negociación de protocolos e boas prácticas ás persoas negociadoras que participan nas mesas de negociación de plans de igualdade.

    Ademais de á afiliación, o observatorio está pensado para orientar, axudar e acompañar a toda a poboación nas actuacións máis pertinentes ante este delito; isto é particularmente necesario para a pequena empresa e as persoas que traballan soas en fogares, como a empregadas de fogar ou as asistentes de axuda a domicilio, por exemplo.

    As traballadoras deben sentir que contan cunha ventá a través da cal poidan berrar que están sufrindo este tipo de violencia e sentir que alguén as escoita, acompaña e orienta.

    Fronte a esta conduta laboral delituosa, as mulleres e homes de CCOO, este 25N, reforzamos o noso compromiso contando as nosas prácticas con feitos e non só con palabras porque #ImosContalo, sumándonos tamén aos actos e manifestacións convocados polos movementos feministas en cada un dos territorios e, ademais, nos centros de traballo coreamos:

    Non ao acoso sexual!

    Non máis violencias machistas!

    O acoso sexual tamén é violencia machista! #ImosContalo.Traballos Libres de Acoso Sexual