Autor: Servicios Galicia

  • Constitúese a mesa de negociación do convenio comercio vario de A Coruña

    O día 7 de xuño de 2022, constituímos a mesa de negociación do convenio de comercio vario da Coruña, composta por 15 membros por parte da representación sindical e coa seguinte repartición: CCOO 4, CIG 7; UGT 4.

    Nesta primeira reunión ademais de constituír a mesa, presentouse unha proposta conxunta das tres centrais sindicais, coa que tentaremos mellorar as condicións de traballo do persoal do sector, incorporando unha vez máis propostas en temas de xornada laboral, descansos, vacacións, licenzas, clasificación profesional, incrementos salariais, abono de complementos, desconexión, transición dixital e igualdade.

    A pandemia dos últimos anos que atrasou o inicio desta negociación, ademais da situación actual de IPC disparado, vai complicar sen dúbida esta negociación, pero é de xustiza que o sector do comercio teña unha actualización do seu convenio tras varios anos conxelado.

  • Concentración polo convenio do Hostal dos Reis Católicos, vencido desde o 2010

    O persoal deste establecemento hostaleiro de Santiago de Compostela vén reivindicando a sinatura dun novo convenio desde o ano 2010, data na que caducou a súa vixencia.

    Despois de moito tempo de negociacións xa é a segunda vez que se chega a un preacordo, porén, a empresa non materializa a súa sinatura e polo tanto non é aplicable o texto acordado.

    Despois de moitas reunións, mobilizacións, folgas, mediacións e arbitraxes, o persoal do Hostal concentrouse diante dos xulgados para demandar ante a xustiza que se publique o convenio e se incrementen os salarios, conxelados desde o seu vencemento.

  • Haberá mobilizacións en defensa do convenio do comercio de metal da provincia de Pontevedra

    A asemblea de traballadores e traballadoras que tivo lugar o domingo, 29 de maio, aprobou iniciar mobilizacións en defensa do convenio colectivo do comercio de metal da provincia de Pontevedra. Os sindicatos CCOO, UGT e CIG, recollendo o sentir maioritario do persoal, anunciarán proximamente o calendario reivindicativo.

    As intervencións dos traballadores e traballadoras presentes na asemblea centráronse na crítica á conxelación dos salarios —non se actualizan desde o 2020— e na necesidade de amosarlle á patronal o rexeitamento a que non haxa avances nas negociacións.

    CCOO, UGT e CIG explicaron que a patronal se pecha en banda a incluír melloras para un sector de actividade que padece especialmente as consecuencias da pandemia, da guerra, da suba desmesurada de prezos ou da crise dos compoñentes tecnolóxicos.

    Desde CCOO inciden en que «só queda o camiño da mobilización cando as empresas non escoitan as reivindicacións dos traballadores e das traballadoras». Por esta razón, o sindicato anima a todo o persoal do sector a «participar activamente» nas mobilizacións que se convoquen.

     

  • CCOO pide compromiso para loitar contra os riscos laborais no sector das camareiras de pisos

    CCOO celebrará os meses de maio e xuño, encontros con camareiras de pisos, dentro do programa de “Intervención preventiva con traballadoras/es dos departamentos de pisos dos establecementos hostaleiros” financiado polo Plan de Nacional sobre Drogas, onde analizará e debaterá sobre o consumo de fármacos, hipnosedantes, analxésicos opioides e outras drogas. Ler máis

    No marco da campaña "Os teus dereitos, a mellor medicina”, impulsada por CCOO, celebraranse encontros con camareiras de pisos de Zaragoza, Santander, Toledo, Mérida, Coruña, Logroño, Bilbao e Oviedo, delegadas de persoal e de prevención de riscos laborais, ao longo destes meses. Nestes encontros preténdese dotar ás delegadas de ferramentas que lle permitan velar polo cumprimento da normativa en materia de prevención de riscos laborais, así como levar un papel activo nos Comités de Seguridade e Saúde.

    Tras a incorporación aos centros de traballo despois do parón da COVID-19, o colectivo de camareiras de pisos experimentou un importante aumento das cargas de traballo, de seu xa bastante altas antes da pandemia, o que unido a: existencia de temporalidade, precariedade no emprego, contratos parciais fraudulentos, xornadas interminables e o incumprimento das condicións salariais que estipulan os convenios de hostalería, lévanos a dicir que chove sobre mollado. É dicir, a hostalería tivo e mantén todo o malo do mercado laboral de España. O aumento das cargas de traballo está a supoñer un sobreesforzo que non foi avaliado de acordo cos artigos 15 e 16 da Lei 31/1995 e que provocou directamente un empeoramento das condicións laborais, co consecuente impacto na saúde, que ademais leva a un consumo elevado de medicamentos (analxésicos, antiinflamatorios, hipnosedantes) para poder finalizar a xornada laboral.

    “Mesa Tripartita por un Emprego de Calidade en Hostalería”

    CCOO insta o Goberno para que convoque canto antes a “Mesa Tripartita por un Emprego de Calidade en Hostalería”, constituída na anterior lexislatura, para avaliar estes riscos e poder aplicar as medidas preventivas oportunas. Tamén considera que se debe abordar un procedemento que permita establecer coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación das camareiras de pisos, sen perda económica na súa pensión, así como insistir na urxencia de garantir que as mutuas apliquen o Real Decreto 1299/2006 en toda a súa extensión e o oficio da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social do 21 de setembro de 2018, e se recoñezan como profesionais todas as patoloxías recollidas na nosa lexislación e que son moi prevalecentes no colectivo de camareiras de piso.

    CCOO volve demandar que se realicen inspeccións de traballo que saquen á luz as verdadeiras condicións destas traballadoras. Débese insistir, ante as empresas e ás comunidades autónomas no fundamental que é desenvolver unha acción preventiva orientada aos riscos laborais correctamente identificados, incluíndo algo que poucas veces se ten en conta que é a política de compras de empresas, así como as lexislacións en materias turísticas que deben incluír por exemplo: camas con rodas que se eleven, material ergonómico, produtos de uso para a limpeza non tóxicos. En definitiva, que a organización do traballo conte coa participación das traballadoras, que se mellore e incremente a formación e información e que a vixilancia da saúde sexa específica para esta profesión.

    Por último CCOO valora positivamente o novo artigo 42.6, que se garanta a aplicación do convenio sectorial de hostalería conforme establece o RDL 32/2021. Por tanto, se se subcontrata o servizo de camareiras de pisos, a actividade que van desempeñar as traballadoras de contrata nun hotel, aínda que no contrato entre as partes poida figurar que é para a realización de tarefas de limpeza, a realidade é que van desempeñar funcións de camareira de pisos, unha actividade, cuxas tarefas veñen recollidas tanto nos Convenios Colectivos Sectoriais de Hostalería como no Acordo Laboral de Hostalería de Ámbito Estatal ( ALEH), onde as camareiras de pisos están encadradas na área funcional cuarta no grupo 2 que é o grupo dos profesionais. Ademais da aplicación do convenio sectorial, CCOO vai loitar no marco do ALEH, nos tribunais, ante a Inspección de Traballo e a través das mobilizacións, para a limitación da subcontratación de actividades propias e para que as empresas empresas cumpran coa aplicacións dos convenios sectoriais de hostalería.

    CCOO chama ás patronais para negociar de forma rigorosa e respectuosa coa representación sindical para evitar a escalada de tensión e conflito á que está levando a situación de bloqueo da negociación colectiva que está tendendo dramáticas consecuencias para o persoal.

  • Centros de Chamadas: Hoxe folga estatal para desbloquear o convenio

    O persoal do sector dos centros de chamadas está convocado hoxe a unha folga de 24 horas a nivel estatal por CCOO e UGT. O motivo é o bloqueo das negociacións do convenio por mor a actitude obstrucionista da patronal, pois non houbo avances nas negociacións nos últimos dous anos e medio.

    A Federación de Servizos de CCOO denuncia que ao persoal do sector se lle conxela o soldo desde o ano 2019. É un persoal moi profesional e que non percibe ningunha compensación de gastos por teletraballar. Ademais, en moitas perciben o SMI, polo que padece de xeito especial o impacto da inflación.

    As traballadoras e traballadores dos centros de chamadas son as persoas que están do outro lado do teléfono cando a cidadanía pide asistencia en sectores tan importantes como a banca, a enerxía, a sanidade ou as telecomunicacións e operan para empresas como Santander, Abanca, Inditex, Orange, R Cable, Vodafone, Natural, Iberdrola, Endesa, etc.

    CCOO realizou unha manifestación o propio 13 de maio que partiu ás 11:30 do Obelisco da Coruña e rematou na praza de Mina.

    Máis información sobre o conflito e seguimento da folga

    Vídeo e lectura do manifesto