Autor: Servicios Galicia

  • Convenio Alimentación A Coruña: A nosa resposta á patronal

    Na reunión do 28 de abril contestamos ás súas propostas:

    • Propón un convenio a 6 anos (2022-2027)

    Para CCOO non pode ser de máis de 4 anos 2022-2025 e iso en función dos incrementos salariais de cada ano, que teñen que ser importantes. Ler máis.

    • Eliminación o grupo IV, creación dun novo nivel no Grupo III e cambio do tempo mínimo para promoción de 3 a 4 anos.

    Desde CCOO vemos positivo eliminar o grupo 4, pero non pode ser a condición de subir o tempo de promoción de 3 a 4 anos, xa que non está justificado.

    • Redución da xornada laboral de 1812 horas anuais a 1805 horas anuais, con 2 fins de semana de calidade (un recuperable e outro non recuperable) e regulando os 3 días de asuntos propios e que só se poida coller 1 cada 4 meses e sen unir a vacacións, sábados, festivos  ou o mes de decembro.

    Desde CCOO trasladámoslle que é imprescindible reducir a xornada anual por baixo das 1800 horas. A xornada media en Galicia é de 1776 horas, a media estatal 1779 e estamos moi afastados. Tres fins de semana de calidade significa 1792 horas ao ano e non pedimos nada que sexa desorbitado ou fóra do que hai noutros convenios.

    Para CCOO NON É NEGOCIABLE tocar os días de asuntos propios, téñense que quedar como están e non entendemos que queiran relacionalo coa redución de xornada.

    • Xornada Continua, segue a estudalo e comprométense a presentar unha proposta.

    CCOO lembra que a xornada partida penaliza o gasto de acudir ao centro de traballo e agora coa subida do combustible, moito máis. HAI QUE BUSCAR UNHA SOLUCIÓN.

    • Transición dixital e licenzas retribuidas.

    Desde CCOO estamos dispostos a abrir mesas específicas para tratar tanto estes temas, como a regulación da contratación en base á Reforma Laboral.

    • Como Incremento Salarial propón: 2022 – 2´75% 2023 – 2´5 % 2024 – 2´25% 2025 – 2´25% 2026 – 2 % 2027 – 2%

    Os datos de Abril son IPC 8,4% e o subxacente 4,4%, non é de recibo que a subida que ofrecen para os anos 2022 a 2025, sexa dun 9,75%, case igual ao IPC deste ano.

    A media de convenios asinados en Galicia este primeiro trimestre ten unha suba do 5,82% e en concreto na provincia da Coruña do 4,25%. A patronal ten que actuar con seriedade e ofrecer uns incrementos acordes.

    Desde CCOO manifestamos que cómpre dar un impulso á negociación, a patronal non pode asistir á próxima reunión con propostas inaceptables. A pandemia, a guerra, a subida do IPC, teñen que ter unha resposta e esforzo especial pola súa parte, porque o persoal meréceo e porque a situación é dura e crítica para moitas familias. Este convenio non pode verse como un máis.

  • Actualización pluses Grupo Inditex

    Con motivo de situación que estamos a vivir derivadas do covid-19, a guerra de Ucraína  e a repercusión que está a ter nos incrementos de prezos que disparan o IPC, as centrais sindicais UGT e CCOO, dirixímonos á dirección de INDITEX para solicitar a actualización a IPC Real dos pluses que abona o Grupo Inditex (Plus provincia, plus sede,?) ás persoas traballadoras das distintas cadeas en GALICIA.
    Ademais, solicitamos que este incremento do 6,5% (IPC do ano 2021) se abone con efecto retroactivo de data 1 de xaneiro de 2021. Lembrar que Inditex xa paga o 1,5% a conta, polo que a diferenza sería un 5%.
    Esta actualización e abono correspondente, son independentes dos diferentes convenios colectivos provinciais e calquera concepto salarial que neles aparezan. E de futuras negociacións que se poidan ter con Inditex. Ler máis

    Despois de varias conversacións nas últimas semanas, a dirección da empresa respondeu positivamente á actualización dos pluses (aumento do 5%). O abono de atrasos desde 1 de Xaneiro de 2021 non deu contestación, reuniranse coa representación legal dos traballadores de cada empresa para tratar este asunto e ver como e cando sería o cobro.
    Somos conscientes que as cantidades das que falamos son moi pequenas, pero é importante consolidar esta subida, que quedará de maneira definitiva para futuros incrementos. Ao mesmo tempo, UGT e CC.OO volven abrir unha vía de dialogo con Inditex que se paralizou durante os últimos anos.

  • Convenio Comercio Alimentación Coruña: Por un convenio digno e salarios xustos

    O persoal do Comercio de Alimentación fomos considerados esenciais durante toda a pandemia, expoñendo a nosa saúde e a das nosas familias para atender a toda a cidadanía, e evitar desabastecementos en momentos tan complicados.

    Agora toca negociar o noso convenio colectivo e é o momento de que se recoñeza este traballo.

    A diferenza doutros sectores, non se pode dicir que o sector da alimentación fose un sector especialmente afectado por problemas económicos derivados do covid-19, máis ben todo o contrario. Ler máis.

    Nestes tempo complicados, onde a guerra e a pandemia están a provocar unha situación crítica para os traballadores e traballadoras deste país, é o momento de que as empresas do sector da alimentación, fagan un esforzo, recoñezan este traballo e atendan ás solicitudes do seu persoal:

    • Incrementando salarios de forma que teñan en conta a situación actual de IPC.

    • Reducindo unha xornada anual de 1812 horas, a maior con respecto ao resto do comercio.

    • Elaborando quendas en xornada continua para evitar o gasto dun dobre desprazamento ao centro de traballo.

    • Poñendo encima da mesa solucións ao futuro inmediato da transición e a desconexión dixital.

    • E outra serie de medidas de conciliación da vida laboral ou familiar, que xa se aplican no resto do comercio, como conseguir un número mínimo de fins de semana libres ao ano.

    Para esixir ás empresas do sector, que dean un paso adiante na negociación e compensen a seu persoal como se merecen, as centrais sindicais CCOO, UGT e CIG, imos realizar as seguintes concentracións o vindeiro venres día 22 de abril:

    12:00 Frente GADIS de Rúa Menéndez y Pelayo, 4-6 – A Coruña

    13:00 Frente FROIZ de Avenida de Oza, 16, 15006 – A Coruña

    Imaxes das concentracións

  • As empresas da AEC queren que traballes 12 horas ao día

    Pensabas que as empresas de consultoría ían conformarse con que traballes de balde os sábados? Non traemos boas noticias.

    As empresas da Asociación de Empresas de Consultoría propuxeron na mesa de negociación do convenio que traballemos quendas de 12 horas e sen compensación ningunha. Deámoslle a benvida ao novo concepto de «media xornada» para os integrantes da Asociación Española de Empresas de Consultoría (AEC)! Ler máis

    Pensabas ir ao parque cos teus fillos ao rematar a túa xornada ás 18:00? Síntoo, terá que ser outro día, hoxe toca quedar ata as 22:00.

    Cea de amigos despois do traballo? Imposible, hoxe quedas ata as 22:00.

    E así ata que a empresa queira! E completamente de balde!

    Mi madriña, que oferta tan boa, é imposible rexeitala! Apúntaste?

    Axúdanos a que retiren a súa proposta asinando esta petición en "Change.org" https://bit.ly/NOPrecaryTIC, apúntaste?

    E non esquezas darlle máxima difusión en redes sociais #ConvenioTICdigno #NoPrecaryTIC .Seguiremos informándovos.

    CCOO É O TEU SINDICATO, AGORA MÁIS CA NUNCA. AFÍLIATE!

  • Plenario de renovación da Sección Sindical de CCOO Galicia en Paradores

     A Comisión Executiva Federal, na súa reunión do 14 de marzo de 2022, aproba o proceso de Plenario da Sección Sindical de CCOO en Paradores e a convocatoria do seu Plenario de renovación que se celebrará (o lugar comunicarase na carta de convocatoria) o día 19 de maio de 2022, así como as normas de funcionamento do mesmo. 
    Estas normas réxense polo Regulamento Interno de Seccións Sindicais aprobado polo Consello Federal o 4 de outubro de 2017 e teñen como obxecto regular o proceso de renovación da Sección Sindical de CCOO en Paradores.
     A Sección Sindical, acordou iniciar as xestións para o proceso de renovación. O Plenario de renovación debíase de celebrar no mes de novembro de 2020, pero por mor das restricións e medidas implantadas en España para combater a pandemia da COVID 19 impediron a súa renovación en tempo e forma.

    Normas Plenario Galicia

    Normas Plenario Estatal