Autor: Servicios Galicia

  • Convenio Comercio Téxtil Ourense: Tardes do 24 e 31 de decembro e asuntos propios

    O día 25 de febreiro reuniuse a comisión paritaria do convenio colectivo comercio téxtil da provincia de Ourense coa finalidade de chegar a acordo sobre a interpretación dos seguintes artigos: Ler máis

    Art. 7 e 10, Traballo das tardes do 24 e 31 de decembro: A Comisión Paritaria no exercicio da súa función de interpretar o contido do convenio, segundo o previsto no apartado a) do artigo 36 do convenio colectivo, di por unanimidade que a referencia ao comezo dos efectos económicos do artigo 7 só se refire ao salario, e dado que o traballo o 24 e 31 de decembro ten un artigo que o regula especificamente, debe regularse en función do pactado expresamente para eses días, que era, neste caso, que a partir de decembro de 2021, as horas que se traballen a partir das 16:00 horas os días 24 e 31 de decembro terán unha recarga de 10€/hora efectiva traballada".

    Art. 12,- Xornada Laboral: "……. Os traballadores afectados por este convenio terán dereito en 2022 a tres días laborables e non recuperables, como consecuencia da aplicación do calendario laboral. Estes días fixaranse de común acordo entre a empresa e os traballadores. A falta de acordo, os traballadores terán dereito a gozar en 2022 os días 7 e 14 de novembro e 28 de novembro. De gozarse noutras datas non serán acumulable a vacacións, ou festivos, nin se poderá solicitar coincidindo cos períodos de máis venda para o comercio."

    Até a firma do convenio con vixencia 2021-2022, o persoal tiña dous días e medio libres e só respecto dese medio día, o convenio dicía que non era acumulable a vacacións, festivos ou datas de máis venda. Tras sometelo a deliberación a Comisión Paritaria acordou que:

    Dos tres días de asuntos propios que ten o persoal, un deles non poderá acumularse a vacacións, festivos ou períodos de máis vendas para o comercio. Negociándose en calquera caso as datas da súa goce de común acordo coa empresa.

  • Traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo concentráronse hoxe para esixir a súa subrogación ou que os indemnicen

    Traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión, concentráronse hoxe, 26 de febreiro, para esixir a súa subrogación ou ben que os indemnicen pola rescisión dos seus contratos. A protesta tivo lugar fronte ao propio hotel entre as 13 e as 14 horas.

    Segundo CCOO, sindicato que asesora os traballadores, a empresa —anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela— pechou a comezos do ano 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.

    O proceso concursal pechouse o 21 de maio. Menos dun mes despois, o 17 de xuño, rexístrase a nova sociedade Hotel Balneario do Tremo, que se fai cargo das instalacións e contrata só unha parte do persoal que previamente había, sen subrogarse nas súas condicións de traballo.

    CCOO apoia os traballadores e traballadoras nas súas reivindicacións, esixindo que a nova sociedade —que comparte mandatarios, apoderados, socios e colaboradores do grupo de empresa matriz da anterior— se faga cargo das obrigas adquiridas pola empresa extinguida. En resumo, que readmita a totalidade do persoal ou ben proceda ao pagamento da indemnizacións correspondentes a un despedimento improcedente.

  • A patronal de Contact Center resístese a aplicar a Reforma Laboral

    O 21 de febreiro levouse a cabo unha asemblea de delegados/as do sector de Contact Center de Galicia na que interviron a secretaría xeral da Federación de Servizos de Galicia, Lucía Trenor, o secretario de acción sindical Juan Zas, o responsable do sector de Contacr Center en Galicia Xosé González, e o responsable de Servizos Técnicos Iván Cordeiro.

    Nas intervencións expuxéronse ante os participantes, delegados e delegadas do sector en todas as provincias da comunidade autónoma, temas de total actualidade no sector, tales como:

    • Situación da negociación colectiva no Contact Center.
    • Calendario de mobilizacións para defender a plataforma sindical.
    • Importancia do labor da Representación Legal das Persoas Traballadoras RLPT nas empresas.
    • Afectación dos últimos decretos do Goberno: Reforma Laboral; Plans de Igualdade e Auditoría Salarial; Salario Mínimo Interprofesional.

    Ler máis

    Durante a asemblea realizouse un debate sobre os temas abordados, con participación das persoas asistentes nos cales se lembrou a importancia de facer chegar ao persoal a necesidade de participar nas mobilizacións que se van a levar a cabo durante o mes de marzo para conseguir o obxectivo marcado: un convenio colectivo que acabe coa precariedade do sector.

    Estas mobilizacións empezaron hoxe cunha concentración ante o Hotel Ritz de Madrid, hotel de Gran Luxo 5 estrelas, onde con total desvergoña, a patronal do sector, CEX, decidiu realizar o seu congreso. Todo isto mentres pretende coas súas propostas de convenio, condenar a un persoal profesionalizado e responsable á precariedade e a cobrar salarios coincidentes co SMI.

  • Convenio comercio alimentación Coruña: Nova decepción

    Pouco que dicir na nova reunión da mesa do convenio celebrada onte mércores, e nova decepción: A patronal propón un Convenio de “estabilidade” que dure 8 anos sen ningunha proposta de incremento salarial.

    En CCOO preguntámonos para quen é a “estabilidade” cando a pretensión é que dure 8 anos nos que nada se poderá negociar nin mellorarse ademais de non aceptar moitas das nosas propostas: Ler máis

    • Pretenden que durante 8 anos sigamos tendo a maior xornada anual 1812 horas ao ano, cando o resto xa baixa das 1790.
    • Que mentres o resto do sector empeza a contemplar fins de semana de descanso de calidade, con sábados e luns libres ao ano, nós esteamos 8 anos sen poder negocialo.
    • Que durante 8 anos as xornadas sigan sendo partidas e non adquirir o compromiso de que o persoal poida conciliar a súa vida laboral e familiar con xornadas continuas.
    • Seguir contratando durante 8 anos á xente no nivel máis baixo de salarios en lugar do que lle corresponde pola función que vai realizar.
    • Queren seguir durante 8 anos dando a imaxe de empresas que están na época das cavernas asinando o rexistro da xornada nun papel, ou non querendo xestionar a transición dixital que está a afectar en todo o comercio, e tampouco abordar como xestionalo para evitar que afecte os empregos.
    • E aínda que non o sabemos, porque teñen medo ou vergoña de dicilo, supoñemos que pretenden unha subida salarial “raquítica”, que non permita revisión de IPC e que durante 8 anos poda abocar á miseria e á precariedade o persoal, cobrando soldos próximos ou iguais ao salario mínimo interprofesional en empresas que están nos postos máis altos do ranking por ganancias millonarias no sector.

    Desde CCOO, preguntámoslles se queren persoais profesionalizados, cualificadas e ben remuneradas, ou 8 anos de “estabilidade” nos seus gastos de persoal e nos beneficios sociais para incrementar as súas ganancias empresariais.

  • Negociación do Plan de Igualdade de COREMAIN

    Con data 9 de febreiro do 2022 procedeuse a constituír a mesa de negociación do II Plan de Igualdade de ámbito estatal da empresa COREMAIN, dacordo ao establecido polo RD-901/2020, que indica que as empresas teñen a obriga de negociar e elaborar un Plan de Igualdade para garantir a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación.

    Neste caso, ao existir centros de traballo con representación legal das persoas traballadoras (Santiago de Compostela) e centros de traballo sen representación legal das persoas traballadoras (RLPT), Pontevedra e Madrid, terase que constituír unha comisión mixta composta pola RLPT dos centros de traballo con representación e polos sindicatos máis representativos a nivel estatal e/ou no sector en representación dos centros de traballo sen RLPT para a negociación do Plan de Igualdade. Ler máis

    CCOO como un dos sindicatos máis representativos a nivel sectorial e formando parte da RLPT do centro de Santiago, formamos parte da comisión negociadora que se constituíu coa vontade de defender os intereses do persoal.

    Segundo a lexislación vixente, os plans de igualdade conterán un conxunto ordenado de medidas avaliables dirixidas a eliminar os obstáculos que impiden ou dificultan a igualdade efectiva de mulleres e homes. Con carácter previo elaborarase un diagnóstico negociado, no seu caso, coa representación legal das persoas traballadoras, que conterá polo menos as seguintes materias:

    a) Proceso de selección e contratación.

    b) Clasificación profesional.

    c) Formación.

    d) Promoción profesional.

    e) Condicións de traballo, incluída a auditoría salarial entre mulleres e homes.

    f) Exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral.

    g) Infrarrepresentación feminina.

    h) Retribucións.

    i) Prevención do acoso sexual e por razón de sexo.

    A elaboración do diagnóstico realizarase no seo da Comisión Negociadora do Plan de Igualdade, para o que, a dirección da empresa facilitará todos os datos e información necesaria para elaborar o mesmo en relación coas materias enumeradas neste apartado, así como os datos do Rexistro regulados no artigo

    28, apartado 2 do Estatuto dos Traballadores. Tras a recompilación dos datos mencionados actualmente atopámonos na fase da análise dos mesmos para elaborar o informe do diagnóstico de xénero necesario para poder identificar aquelas áreas sobre as que levar a cabo medidas concretas que poidan corrixir posibles desigualdades de xénero.

    Por parte de CCOO pómonos a disposición de todo o persoal para contactar connosco e aclarar calquera dúbida sobre o proceso que leva a negociación do Plan de Igualdade