Autor: Servicios Galicia

  • Negociación do Plan de Igualdade de DENODO

    O pasado 24 de abril do 2021 procedeuse a constituír a mesa de negociación do primeiro Plan de Igualdade de ámbito estatal da empresa DENODO, de acordo ao establecido polo RD-901/2020, que indica que as empresas teñen a obriga de negociar e elaborar un Plan de Igualdade para garantir a igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación.

    Neste caso, ao non existir Representación Legal das persoas Traballadoras, as empresas deben dirixirse aos sindicatos máis representativos a nivel estatal e/ou no sector para a negociación do Plan de Igualdade. Ler máis

    CCOO como un dos sindicatos máis representativos a nivel sectorial, formamos parte da comisión negociadora que se constituíu coa vontade de defender os intereses do persoal dos centros da Coruña e Madrid.

    Segundo a lexislación vixente, os plans de igualdade conterán un conxunto ordenado de medidas avaliables dirixidas a eliminar os obstáculos que impiden ou dificultan a igualdade efectiva de mulleres e homes. Con carácter previo elaborarase un diagnóstico negociado, no seu caso, coa representación legal das persoas traballadoras, que conterá polo menos as seguintes materias:

    a) Proceso de selección e contratación.

    b) Clasificación profesional.

    c) Formación.

    d) Promoción profesional.

    e) Condicións de traballo, incluída a auditoría salarial entre mulleres e homes.

    f) Exercicio corresponsable dos dereitos da vida persoal, familiar e laboral.

    g) Infrarrepresentación feminina.

    h) Retribucións.

    i) Prevención do acoso sexual e por razón de sexo.

    A elaboración do diagnóstico realizarase no seo da Comisión Negociadora do Plan de Igualdade, para o que, a dirección da empresa facilitará todos os datos e información necesaria para elaborar o mesmo en relación coas materias enumeradas neste apartado, así como os datos do Rexistro regulados no artigo 28, apartado 2 do Estatuto dos Traballadores. Tras a recompilación dos datos mencionados actualmente atopámonos na fase da análise dos mesmos para elaborar o informe do diagnóstico de xénero necesario para poder identificar aquelas áreas sobre as que levar a cabo medidas concretas que poidan corrixir posibles desigualdades de xénero.

    Por parte de CCOO quedamos a disposición de todo o persoal para contactar connosco e aclarar calquera dúbida sobre o proceso que leva a negociación do Plan de Igualdade.

  • Suspensión Plenario da Sección Sindical de CCOO en BBVA Galicia

    A Comisión Executiva da Federación de Servizos de Galicia, en reunión extraordinaria o 11/02/2022, aprobou a suspensión das asembleas e plenarios da Sección Sindical de BBVA de Galicia que se ían levar a cabo no trascurso deste mes e finalizarían o próximo día 8 de marzo, para a renovación dos seus órganos de dirección. Ler máis

    O motivo da citada suspensión obedece á celebración das eleccións sindicais no ámbito da empresa, que terán lugar no primeiro trimestre de 2023, considerando a Sección Sindical de BBVA Galicia, máis operativo e eficaz levar a cabo o citado proceso unha vez transcorridas as mesmas.

    Así mesmo, a renovación da Sección Sindical de BBVA en Galicia englobarase, en tempo e forma, dentro do marco do proceso de plenarios a realizar para a renovación da Sección Sindical Estatal de BBVA, de acordo coas normas específicas que se aprobasen polo órgano superior competente.

    Como sempre, as delegadas e delegados de CCOO na túa provincia están á túa disposición para apoiarte no teu día a día e traballar por mellorar os nosos dereitos como persoas traballadoras de BBVA. Xuntos somos máis fortes, xuntos somos CCOO.

  • CCOO esixe aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) inicia unha campaña co obxectivo de aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia, unha situación que padecen de maneira especial as mulleres. Para CCOO, non hai escusas para non reducir as taxas de traballo temporal, de contratación a tempo parcial ou de horas extras non remuneradas. Neste punto, o sindicato advírtelles ás empresas que «traballar gratis é escravitude». Ler máis

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, considerou moi acaída no tempo a presentación desta campaña, xusto no día a seguir da aprobación da reforma laboral que se pactou no diálogo social. «Este sector é un exemplo da precariedade que esta reforma vai corrixir», apuntou. «Non podemos consentir que se minusvalore un sector tan importante como é a hostalaría. Non son traballadoras ou traballadores de segunda», insistiu a sindicalista.

    En relación coas críticas ao texto aprobado, a secretaria xeral de CCOO asegurou que «a realidade vai colocar a cada un no seu sitio», en especial «a aqueles partidos que se din de esquerdas e votaron en contra».

    Precariedade con rostro de muller

    Segundo a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, a hostalaría recuperou practicamente os niveis de actividade previos á pandemia, pero aínda falta por recuperar o mesmo volume de emprego, principalmente polo uso abusivo dos contratos temporais e a tempo parcial, así como a prorrogación das xornadas laborais. Actualmente, o 45 % dos contratos no sector son temporais e o 29 % do persoal traballa a tempo parcial, moi por riba do promedio doutros sectores —25 e 16 %, respectivamente.

    A precariedade e baixos salarios teñen, ademais, rostro de muller. «Un home en calquera sector cobra o que dúas mulleres na hostalaría», denunciou.

    Patronais reaccionarias

    O secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, Juan Zas, relatou as dificultades con que bate a negociación colectiva neste ámbito, principalmente debido ás actitudes «reaccionarias» dalgunhas patronais.

    Como exemplo, sinalou a actitude abertamente contraria dalgunhas empresas a que se negocien cuestións «tan básicas» como protocolos contra o acoso sexual no traballo. «Se se opoñen a algo tan elemental, xa non falemos de que nos dean acceso aos rexistros retributivos para combatermos a discriminación salarial contra as mulleres», reflexionou o sindicalista.

    Neste punto, a secretaria xeral de CCOO-Servizos foi contundente. «Se non cumpres coas túas obrigas como empresario, non podes ter unha empresa».

  • Plenario da Sección Sindical de CCOO en BBVA Galicia

    O Plenario de Galicia celebrarase na Coruña o próximo 8 de marzo de 2022 seguindo o calendario establecido no punto 2 do documento adxunto. As normas polas que se rexe son o Regulamento Interno de Seccións Sindicais aprobado polo Comité Federal o 4 de outubro do 2017, e que á súa vez foron aprobadas pola Comisión Executiva da Federación de Servizos de Galicia o 26 de xaneiro do 2022.

     

    Normas Plenario BBVA Galicia 2022

  • A postura da patronal do Comercio Alimentación de Coruña é inaceptable e inasumible

    Na última reunión da mesa do convenio Comercio Alimentación Coruña a patronal calificou a nosa plataforma como "inasumible" alegando os seguintes motivos:

    • A situación económica é moi mala.
    • O IPC está disparado e polas nubes.
    • Deste xeito non poderían competir coas outras empresas do sector.
    • Porque cuantificado o seu custo, o importe de todas as melloras que pedimos, está por encima do que eles pretenden gastarse en negociación do convenio. Ler máis

    Do mesmo xeito din non estar dispostos a asumir:

    •  Unha subida de salario acorde á subida do custo da vida.
    • Xornadas continuas de mañá e tarde.
    • Un número de fins de semana de calidade e descanso ao ano para compartir coas nosas familias.
    • Máis contratos de fixos de 40 horas e menos parcialidade e temporalidade.

    A posición de CCOO quedou definida coa réplica nos seguintes termos:

    1. A suba do IPC, o custo da vida, alugueres, luz, os problemas en xeral da economía, tamén afecta o persoal e de forma máis grave que á propia empresa, xa que ten que asumir todas esas subidas con baixos salarios, contratos temporais e moitas veces a tempo parcial.
    2. Non ten en conta o esforzo que está a facer o persoal nestes tempos, con risco para a súa saúde e a das súas familias, ademais da sobrecarga de traballo que significa cubrir ao compañeiro e compañeiras que caen de baixa por covid.
    3. Prodúcese un grande agravio comparativo xa que outros compañeiros e compañeiras do sector teñen xornadas continuas de mañá e tarde que lles permite conciliar a súa vida laboral ou familiar e gozan de fins de semana libres por convenio, aquí hai que rogalos ou cambialos polos días de asuntos propios. 

    Xa abonda, teñen que dedicar un montante maior de diñeiro a mellorar as condicións do persoal, porque aínda así seguirán mellorando as súas contas, segundo a información que eles mesmos publican nos medios de comunicación con records de beneficios cada ano. É a hora de facer un esforzo maior co seu persoal, ese que fai pouco era considerado indispensable pola sociedade