Autor: Servicios Galicia

  • CCOO asina importantes melloras económicas e sociais no convenio de comercio téxtil de Ourense

    A Federación de Servizos de CCOO asinou hoxe canda outras organizacións o convenio do comercio téxtil da provincia de Ourense 2020-2022. Comisións, sindicato con máis representación na mesa de negociación, salienta que o novo convenio recolle un incremento salarial do 5 %, o que vai permitir rematar coa conxelación de salarios que padecía o persoal. Ademais do aspecto económico, conséguense importantes melloras sociais en cuestións como as licenzas, excedencias ou clasificación profesional. Ler máis.

    Canto a este último punto, pactouse a promoción automática aos tres desde a categoría de auxiliar de dependenta a dependenta. «Isto vai significar tamén un incremento económico para moitas traballadoras e remata cunha longa discriminación», apunta CCOO.

    O novo convenio tamén actúa na contratación a tempo parcial, de xeito que os contratos que sigan esta fórmula deberán ser dun mínimo de trinta horas semanais —agás excepcións como a garda legal—, o que tamén significará elevar o nivel de ingresos das persoas así empregadas.

    Outras melloras son o aumento do pagamento da nocturnidade e a creación dun complemento para compensar o traballo realizado os días 24 e 31 de decembro.

    Como novidade, o texto introduce artigos como a obriga de entrega de uniforme —non estaba recollido e resultaba especialmente incomprensible no sector téxtil—, a desconexión dixital —para evitar comunicacións fóra da xornada laboral— e o rexistro de xornada —para un maior control do uso abusivo das horas extraordinarias.

    Nota informativa

    Noticia en La Voz de Galicia

    Noticia en Faro de Vigo

  • CCOO ponlle nome á precariedade e explotación laboral no comercio: «traballar gratis é escravitude»

    A Federación de Servizos de CCOO inicia en todo o Estado unha campaña para denunciar a precariedade e as cargas de traballo «extremas» no sector do comercio. En Galicia, segundo o informe que o sindicato presentou este martes, esta rama da actividade está marcada pola temporalidade e, sobre todo, o predominio da xornada parcial. Todo isto, malia que foi considerado un sector considerado «esencial» durante a pandemia, o cal non se traduciu nunha mellora das condicións laborais. Ler máis

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, explicou que a precariedade laboral e o abuso da contratación a tempo parcial predominan nas grandes empresas, «grandes cadeas de moda que nestes intres amplían horarios, modifican horarios, recorren a horas complementarias» porque hai un marco normativo que llelo permite.

    Neste sentido, a dirixente sindical sinalou que «é imprescindible a derrogación da reforma laboral», para modernizar o mercado de traballo como para «eliminar dunha vez» a precariedade, especialmente o fenómeno da pobreza laboral «que padecen moitos traballadores e traballadoras que, a pesar de teren un emprego, non conseguen chegar a fin de mes».

    A secretaria xeral de CCOO, concluíu afirmando que o «necesario» cambio de modelo produtivo do país ten que ir da man dunha mellora das condicións de traballo, especialmente no sector do comercio.

    Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, sinalou que a precariedade no comercio prexudica de xeito especial as mulleres, pois é un sector altamente feminizado. Hai un abuso na figura dos contratos de xornada parcial, que en máis da metade dos casos obedecen a unha decisión da empresa por non ofertar unha xornada completa.

    A sindicalista demandou que o carácter «esencial» que se lle outorgou ao persoal desde o comezo da pandemia se traduza en condicións laborais dignas. Esixiu que se cumpran todas as condicións laborais e salariais, que se respecte o descanso diario e semanal, políticas de contratación baseadas na estabilidade, melloras en prevención de riscos, a ampliación de persoal cando haxa máis carga de traballo, racionalización dos horarios comerciais e investimento en formación para unha transición dixital xusta.

    Trenor tamén demandou que as empresas retribúan o tempo adicional traballado para a apertura e peche dos establecementos —é habitual ter que estar minutos antes da apertura e minutos despois do peche— e que se aboen todas as prolongacións de xornada. Neste sentido, foi tallante: «traballar gratis é escravitude».

    Negociación colectiva

    O secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, Juan Zas, denunciou a parálise da negociación colectiva no comercio. «Hai moitas patronais que nin sequera teñen interese en sentar nunha mesa de negociación», criticou. Isto, malia que os convenios colectivos «falan de moito máis que o salario». De feito, un dos principais problemas está a ser cos sistemas de control de entrada, que en moitas empresas aínda se está a facer en papel, «que é un sistema totalmente manipulable».

    Outros puntos de conflito coas empresas son o abuso da contratación a tempo parcial, incluso cando pola carga de traballo podían ser contratos a xornada completa, ou o dereito á desconexión dixital.

    Sector número 1 en fraude na contratación temporal

    Por último, a responsable de comercio de CCOO-Servizos, Patricia Mariño, deu uns apuntamentos sobre o informe elaborado pola Inspección de Traballo tras acometer un plan de choque para reducir a fraude na contratación neste sector.

    A sindicalista salientou que o labor da Inspección se produciu tanto por iniciativa propia da autoridade laboral como polas denuncias presentadas polos sindicatos. Neste sentido, puxo en valor o «importante» papel das delegadas e delegados sindicais de CCOO á hora de asesorar os traballadores e traballadoras e poñer en coñecemento da Inspección as irregularidades detectadas.

    A principal conclusión do informe da Inspección de Traballo é que o comercio é o sector número 1 en fraude na contratación temporal, ao tempo que ocupa un dos primeiros postos canto á contratación a tempo parcial.

    Vídeo rolda de prensa

    Informe CCOO fronte a "Black Reality" do Comercio en Nadal

  • CCOO Servizos volve a ser o sindicato máis votado en CTAG

    Tras celebrarse no día de onte as eleccións sindicais no Centro Tecnolóxico do Automóbil en Galicia (CTAG), a candidatura presentada por CCOO foi novamente a máis votada polo persoal.

    Este resultado é consecuencia do gran traballo realizado durante o últimos catro anos dentro da empresa. Cunha participación do 70% do persoal o novo comité estará composto do seguinte xeito: CCOO: 8 delegadas /vos. 203 votos, CIG: 7 delegadas/vos.162 votos, IdeC: 6 delegadis/as.143 votos

    Tras unha campaña intensa onde tivemos que lidar con prácticas antidindicales doutras candidaturas, desde CCOO Servizos queremos agradecer ao persoal a súa participación nas eleccións e o apoio recibido tal como amosan os resultados.

    Desde CCOO Servizos comprometémonos a seguir traballando como sempre en beneficio de todo o persoal durante os seguintes catro anos.

  • Primeira reunión do convenio de hostalaría de Lugo

    O pasado mércores 24 de Novembro tivemos a primeira reunión da negociación do convenio de hostalaría provincial de Lugo, logo da formalidade de constituir a mesa negociadora.

    Expuxemos a necesidade de actualizar o convenio tanto na súa parte social como na parte salarial, donde entendemos que os salarios non se corresponden ca media xeral da hostalaría de Galicia. A nosa proposta é clara e presentamos uns incrementos salariais que afectan á totalidade das categorías profesionais.

    A resposta da patronal limítase a sinalar que a situación actual da pandemia impide poder aplicar incrementos salariais, salvo en casos contados a onde non chega o SMI.

    Por outra banda, con respecto ás melloras sociais que pretendemos incorporar ao convenio en puntos como vacacións, licenzas festivos etc, non se pararon a debatilas, quedando emprazados para unha próxima reunión o vindeiro 15 de decembro de 2021.

  • CCOO inicia unha campaña para denunciar a precariedade e as cargas de traballo extremas no sector do comercio

    A temporalidade y, sobre todo, a parcialidade definen as condicións de traballo do sector do comercio. Un sector considerado esencial durante a pandemia, cun gran número de convenios bloqueados e cadros de persoal que soportan durante os últimos meses do ano unhas cargas extremas de traballo.

    Aínda que o sector do comercio afronta a campaña de vendas de final de ano con máis persoal do que tiña antes da pandemia (o terceiro trimestre de 2021 pechou con 17 748 persoas ocupadas máis ca o mesmo período do 2019), hai que ter en conta que aínda quedan máis de 1300 en situación de ERTE no ramo. Ler máis

     

    E, sobre todo, que os indicadores de precariedade non melloraron. A temporalidade sitúase no 23 % e a parcialidade no 21 %, sendo a parcialidade feminina (32,55 %) catro veces superior á masculina (7,49 %), o que supón unha significativa fenda de xénero. A estes indicadores de precariedade hai que engadirlles os incumprimentos sistemáticos da normativa legal ou pactada: prolongacións de xornadas que non se retribúen, falsa parcialidade, persoas realizando horas moi por riba das legais e das fixadas nos seus contratos, cambios de horarios sen respectar os calendarios laborais…

    Resulta especialmente significativa, neste sentido, a análise sectorializada dos resultados do Plan Director por un traballo digno 2018-2020, da Inspección de Traballo e Seguridade Social, que indica que no sector do comercio se produciron un total de 1349 regularizacións (1147 contratos transformados en indefinidos e 202 incrementos de xornada).

    Ocorre que gran parte das traballadoras e traballadores do sector do comercio teñen as súas condicións laborais conxeladas. Segundo datos do REGCON, o 65,3 % dos convenios colectivos sectoriais (54,1 % das persoas traballadoras cubertas por eles) están vencidos con data do 31/12/2020 ou anterior. Un 20,5 % adicional (14,1 % persoas traballadoras) vencerá con data do 31/12/2021.

    No contexto descrito, constátase de novo que os cadros de persoal do sector viven nos últimos meses do ano un período de cargas de traballo extremas, cada vez máis concentradas entre a derradeira semana de novembro (co Venres Negro e o Ciberluns) e a primeira quincena de decembro (coas compras de Nadal que se prolongan durante todo o mes e continúan co período de rebaixas de xaneiro). De feito, unha media do 80 % dos domingos e festivos de apertura comercial concéntrase nos meses de novembro, decembro e xaneiro e, en contra do que poida pensarse ou proxectarse en medios, o volume de contratación extra ou de reforzo neste período é absolutamente marxinal: a repunta de cotización media na Seguridade Social respecto a setembro ou outubro non chega ao 2%  e é inferior ou igual ao período punta en agosto.

    Ante este escenario, CCOO inicia unha campaña dirixida a empresas, administracións, persoas consumidoras e cadros de persoal. O obxectivo é que se faga cumprir a normativa legal e se desbloquee a negociación colectiva sectorial para que os traballadores e traballadoras dun sector considerado esencial durante a pandemia poidan realizar o seu traballo baixo unhas condicións laborais que lles permitan vivir.

    Informe CCOO fronte á "Black Reality" do Comercio no Nadal