Autor: Servicios Galicia

  • Asinado o I Plan de Igualdade de Joyerías José Luís

    Despois de varios meses de negociación interrompidos pola pandemia, hoxe 22 de novembro de 2021 asinamos o Plan de Igualdade de Joyerías José Luís. Un Plan que afecta a case 400 persoas repartidas maioritariamente por puntos de venda en toda España.

    As medidas máis destacadas son:

    • Crear un rexistro co persoal a xornada parcial que desexe incrementar a súa xornada
    • As persoas con xornadas parciais terán preferencia para aumentar a súa xornada dentro do seu centro e provincia
    • Garantir que os permisos por conciliación se cumpran impedindo que o seu exercicio supoña discriminación na promoción, ascensos, retribución, formación.
    • Conceder 8 horas anuais para as persoas en tratamentos de reprodución asistida
    • As persoas traballadoras terán 15h anuais para adaptacións escolares
    • Revisar e adaptar o código de conduta para asegurar un ambiente de respecto entre as persoas traballadoras
    • Habilitarase un espazo ou mobiliario adecuado para os descansos das mulleres embarazadas
    • As mulleres vítimas de violencia de xénero que como consecuencia teñan mobilidade xeográfica terán unha axuda económica de até 300€
    • O persoal terá dereito á desconexión dixital. Unha vez finalizada a xornada a empresa comprométese a non enviar mails, WhatsApp, recoñecendo o dereito a non contestar. Non poderá adoptase medidas sancionadoras por este motivo.

    Desde CCOO valoramos este acordo de maneira positiva, xa que establece un gran avance en medidas de promoción, formación, conciliación, violencia de xénero, acoso laboral, por razón de sexo e en dixitalización entre outras medias.

  • A Sección Sindical de CCOO-Servizos Galicia de Banco Santander celebrou hoxe o su Plenario Extraordinario.

    A Coruña, 16 de novembro de 2021. A Sección Sindical de CCOO-Servizos en Banco Santander celebra hoxe o seu Plenario Extraordinario en Galicia.

    O obxectivo do mesmo é a renovación dos seus órganos de dirección e a validación dun plan de traballo enfocado a buscar fórmulas que permitan o mantemento do emprego e das condicións laborais do persoal ante a transformación dixital acelerada por mor da pandemia do Covid-19, transformación que propicia un cambio no modelo comercial e de contacto cos clientes.

    Nesta entidade, CCOO é o sindicato maioritario, cunha representatividade en Galicia do 29% dos delegados e delegadas e un 40% de afiliación.

    A sección sindical renovada hoxe está integrada polas traballadores e traballadoras afiliadas a CCOO que forman parte do total de 1.289 persoas distribuídas en 163 centros en Galicia.

    Como secretaria xeral da sección sindical en Galicia foi elixida Agnes Servier, quen empezou a traballar en Banco Pastor no ano 2005. Presentouse ás primeiras eleccións sindicais na candidatura de CCOO no ano 2019 resultando elixida delegada na provincia de A Coruña.

    Actualmente ocupa a Secretaria Xeral da Sección Sindical de Banco Santander en Galicia, posto na que resultou reelixida por unanimidade.

    Xunto a ela, foron elixidas membros da Executiva Ana Otero, Ignacio Castro, Manuel A. García e Trini Martínez.

  • Pesar polo falecemento do compañeiro Gabriel Rosende, delegado de CCOO e membro do comité de Universal Support (Grupo Konecta)

    A Federación de Servizos de CCOO en Galicia lamenta o falecemento do compañeiro Gabriel Rosende de 56 anos, delegado do Comité de Empresa Konecta Komercializadora, empresa integrada a día de hoxe na empresa Universal Support (grupo Konecta).

    A secretaria xeral da Federación de Servizos, Lucía Trenor, así como o resto dos compañeiros e compañeiras da Federación, envíalles as máis expresivas condolencias á súa familia e amizades.

    Grabriel levaba exercendo coma delegado de CCOO dende o ano 2017 na empresa Konecta Komercializadora, empresa adicada o sector de Contact Center. 

  • Carrefour Ourense deberá aumentarlle a xornada a unha traballadora e indemnizala polo lucro cesante

    O Xulgado do Social núm. 1 de Ourense condena a Centros Comerciales Carrefour, S. A., de Ourense a lle aumentar a xornada laboral a unha traballadora e a indemnizala economicamente polo lucro cesante. A empregada, con máis de 25 anos de antigüidade, tiña xornada a tempo parcial e solicitara ampliala para traballar a tempo completo, ao considerar que se reunían os requisitos fixados no convenio colectivo. Ler máis

    Segundo o artigo 9 do convenio, en caso de aumento do cadro de persoal ou vacante para cubrir, os traballadores ou traballadoras a tempo parcial «terán preferencia nas novas contratacións a tempo pleno», coa finalidade de poder ampliar a súa xornada ata o máximo permitido.

    Isto é o que fixo a denunciante, asesorada por CCOO, pero a empresa negouse a atender a súa petición. Por esta razón, a sentenza afirma que Carrefour incumpriu o disposto no convenio. A resolución xudicial tamén coida probado que a empresa ten a recorrente necesidade de ampliar o cadro de persoal, algo que fixo con ducias de contratos a tempo parcial formalizados nos últimos anos.

    Polo tanto, no caso levado a xuízo, «enténdese que concorren todos os requisitos» para que a denunciante poida ver ampliada a xornada laboral de 36 a 39 horas, «condenando a empresa demandada a estar e pasar por esta declaración», sinala a sentenza. Así mesmo, tamén obriga a que «lle aboe os salarios deixados de percibir como consecuencia do dito incremento desde o 14 de maio do 2020».

    Loita contra a precariedade

    Para a Federación de Servizos de CCOO, a Xustiza continúa a darlle a razón ao sindicato na súa loita contra a precariedade laboral, «que se ceba principalmente coas mulleres traballadoras», como pode comprobarse en empresas como Carrefour Ourense, onde máis do 80 % dos contratos a tempo parcial están cubertos por mulleres, ou onde a proporción de mulleres no equipo de mandos é do 16 %.