Autor: Servicios Galicia

  • Plenario de integración das Seccións Sindicais de Caixabank e Bankia

    A Comisión Executiva Federal, na súa reunión do 12 de agosto de 2021, aproba o proceso de Plenario de integración da Sección Sindical de CCOO de Caixabank e da Sección Sindical de CCOO de Bankia e a convocatoria do seu Plenario que se celebrará en Barcelona, os días 17 e 18 de novembro de 2021, así como as normas de funcionamento do mesmo.

    Estas normas réxense polo Regulamento Interno de Seccións Sindicais aprobado polo Consello Federal o 4 de outubro de 2017 e foron aprobadas pola Comisión Executiva Federal. Teñen como obxecto regular o proceso do Plenario Extraordinario de Integración da Sección Sindical de CCOO de Bankia na Sección Sindical de CCOO de Caixabank.

    Este Plenario Extraordinario realízase como consecuencia do proceso de adquisición de Bankia por Caixabank, o que supón un novo marco na interlocución cun persoal único procedente das dúas entidades.

    Ver as NORMAS e CALENDARIO do plenario de Galicia

    Ver as NORMAS e CALENDARIO do plenario

    Ver DOCUMENTO/PONENCIA Sección Sindical de CCOO de Caixabank

  • Plenario Extraordinario Sección Sindical de CCOO en BANCO SANTANDER en Galicia

    A Comisión Executiva Federal, na súa reunión do 12 de agosto de 2021, aproba o proceso de Plenario da Sección Sindical de CCOO de Banco Santander e a convocatoria do seu Plenario extraordinario que se celebrará na localidade de Torremolinos (Málaga), os días 30 de novembro e 1 de decembro de 2021, así como as normas de funcionamento do mesmo.

    Estas normas réxense polo Regulamento Interno de Seccións Sindicais aprobado polo Consello Federal o 4 de outubro de 2017 e teñen como obxecto regular o proceso de renovación da Sección Sindical de CCOO de Banco Santander.

    A Sección Sindical, na súa Executiva do 26 de xullo, acordou iniciar as xestións para o proceso de Plenario extraordinario. O Plenario de renovación deberíase de celebrar no mes de xuño de 2022 e ve a oportunidade da realización do proceso nestes momentos co fin de poder garantir o traballo nunha situación de estabilidade en todos os ámbitos de dirección da sección sindical, que asegure unha correcta preparación das Eleccións Sindicais ( a dous anos desde a celebración deste plenario), o mantemento da afiliación, así como a implementación dos plans de traballo aprobados coa continuidade dos traballos iniciados na anterior etapa.

    Ver as NORMAS E CALENDARIO do plenario de Galicia

    Ver as NORMAS y CALENDARIO del plenario

    Ver DOCUMENTO/PONENCIA Sección Sindical do Banco Santander

  • CCOO rexeita o ERE anunciado polo Banco Sabadell, que xa tiña previsto o peche de 31 oficinas en Galicia

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia rexeita o expediente de regulación de emprego (ERE) anunciado polo Banco Sabadell. Malia que a entidade non comunicou polo momento o alcance desta regulación de emprego, o sindicato avanza que «non llo poremos fácil» e manterá unha «firme defensa do emprego», como nas outras reestruturacións que xa houbo no sector nos últimos meses

    Actualmente, o Banco Sabadell emprega en Galicia a 428 persoas que traballan en 98 oficinas. Porén, antes de se anunciar o ERE xa estaba previsto o peche de 31 destes centros de traballo, co que esta regulación de emprego «podería implicar a fin de máis oficinas e agravar a carencia de servizos financeiros en numerosos concellos galegos».

    Sen xustificación

    Para CCOO-Servizos, non concorren causas que xustifiquen o despedimento colectivo. De feito, no que vai de ano, malia o axuste de 1800 empregos no primeiro trimestre —40 deles en Galicia— entre prexubilacións e saídas voluntarias, fixo máis de 200 novas contratacións en todo o Estado, «sinal de que non sobra ninguén».

    O sindicato explica que tampouco o xustifican causas económicas, porque o Sabadell pechou o primeiro semestre do ano cun beneficio neto atribuído de 220 millóns de euros —un 51,5 % de incremento interanual— e prevé pagar un dividendo do 30 % do beneficio.

    Tampouco se dan razóns técnicas ou produtivas, pois non houbo cambios nin nos medios nin nos instrumentos de produción —que son financeiros e non sofren obsolescencia—, nin variou a demanda dos produtos e servizos financeiros. De feito, debido á pandemia hai máis demanda de refinanciamentos, avais do ICO e doutros organismos públicos, e proximamente os bancos serán os canalizadores dos fondos europeos Next Generation, o que incrementará a carga de traballo.

    Finalmente, CCOO sinala que non hai causas organizativas que se poidan aducir para este despedimento colectivo, xa que os posibles cambios de sistemas ou métodos de traballo non son alleos á entidade, «senón forzados por ela». Neste punto, a única razón organizativa podería ser a dixitalización, «pero nin sequera os clientes están tan familiarizados co contorno dixital como se quere dar a entender e como proba a afluencia ás oficinas», puntualiza o sindicato.

    Por todo iso, CCOO rexeitará calquera medida traumática en materia de emprego; calquera saída deberá ser voluntaria ou mediante prexubilacións anticipadas e xubilacións —no Banco Sabadell hai uns dous mil traballadores e traballadoras maiores de 55 anos—, na liña do asinado o pasado mes de decembro.

  • CCOO alerta do recorte de persoal na adxudicación do servizo de rastrexadores da Xunta

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia denuncia que a adxudicación do servizo de rastrexadores da Xunta de Galicia a unha nova empresa vai provocar unha importante deterioración deste servizo público. Malia se producir a adxudicación o pasado 29 de xullo, a data de hoxe non se lle facilitou á representación sindical a información sobre a data e condicións do traspaso do servizo, nin tampouco sobre o persoal afectado.

    Segundo a información de que dispón CCOO, no servizo de rastrexadores hai traballando unhas 650 persoas. Porén, co cambio de adxudicación preténdese comezar a campaña no mes de setembro cunhas 250 persoas, estando en risco a perda duns 400 postos de traballo. Todo isto, nunha situación actual onde o volume de casos de covid non deixa de aumentar.

    A Federación de Servizos de CCOO solicita unha reunión urxente coa Xunta de Galicia para esixir o mantemento do número de rastrexadores, entendendo que non é este o momento de recortar persoal.

  • A mediadora de seguros Asnorte contrata falsos autónomos para reducir custos

    En novembro do ano 2020 a Federación de Servizos de CCOO en Galicia iniciou unha campaña contra os falsos autónomos existentes na empresa Asnorte, axencia exclusiva de mediación de seguros de Santa Lucía.

    CCOO interpuxo unha denuncia ante inspección de traballo nas catro provincias galegas, denunciando a práctica fraudulenta na subscrición de contratos mercantís con persoas que estaban baixo a potestade organizativa de Asnorte.

    Esta campaña iniciouse tras contactar co sindicato máis dunha decena de persoas que consideraban que se atopaban baixo unha situación fraudulenta de contratación mercantil, que o que enmascaraba era unha relación laboral.

    Tras as devanditas denuncias, Asnorte procedeu á finalización de numerosos contratos optando a maioría das persoas afectadas acudir aos xulgados para o recoñecemento da vinculación laboral.

    Foron xa varias as sentenzas que a día de hoxe se resolveron favorables aos intereses das persoas traballadoras.

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia quere pór o foco na práctica habitual do sector onde se realizan contratacións fraudulentas vía a mercantilización das relacións laborais para evitar asumir os custos derivados dunha contratación directa.