Autor: Servicios Galicia

  • Lucía Trenor, reelixida secretaria xeral de CCOO-Servizos

    Lucía Trenor foi reelixida secretaria xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia. Así o decidiron hoxe, na Coruña, as delegadas e delegados que participaron no 3.º Congreso da Federación, que deron o apoio unánime á candidatura de Trenor. Pola súa parte, a Comisión Executiva foi electa co 98,21 % dos votos favorables. Ler máis

    Daquela, a nova dirección de CCOO-Servizos conformarana Lucía Trenor, Juan Zas, Isabel Rodríguez, Arturo Cruzado, Ángela Junco, Ignacio Castro, Rocío Blanco, Jorge Carneiro e Gloria Alonso.

    O informe de xestión presentado por Trenor logrou tamén un total consenso, pois foi aprobado por unanimidade. A secretaria xeral marcou como prioridade «procurar a coordinación da organización e da acción sindical no ámbito autonómico» para axudar as persoas traballadoras dos sectores que integran a Federación de Servizos, «moi castigados durante a pandemia».

    Trenor tamén incidiu na «necesidade de influír» nos procesos de transformación dixital, para evitar a destrución de emprego ou o empeoramento das condicións laborais. «A tecnoloxía ten que estar ao servizo das persoas, non as persoas escravizadas a través das tecnoloxías», salientou.

    Ademais , pediu a implicación do conxunto do sindicato para «seguir defendendo as políticas de igualdade» e corrixir así as fendas que existen no ámbito laboral e social, «que se agravan en cada crise, deixando as mulleres desprotexidas». Lembrou que os traballos con maior porcentaxe de mulleres «seguen a estar mal pagados e con condicións de temporalidade e parcialidade máis elevadas. Hai que dignificar e revalorizar os empregos feminizados», insistiu.

    A Federación

    CCOO-Servizos abrangue os sectores financeiro, comercio, hostalaría e servizos técnicos. Ten máis de 7600 persoas afiliadas e 746 delegados e delegadas sindicais en toda Galicia, que negocian 35 convenios sectoriais.

    Convidadas ao Congreso

    O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a directora xeral de Traballo do Goberno de España, Verónica Martínez Barbero, enviaron un saúdo telemático ás delegadas e delegados deste Congreso. Tamén asistiron presencialmente o secretario xeral estatal da Federación, Chema Martínez, así como unha ampla delegación do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, encabezada polo secretario xeral, Ramón Sarmiento.

     

  • 28 de abril de 2021, Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo

    O 28 de abril é a data que elixiu o movemento sindical para lembrar as compañeiras e compañeiros que perderon a saúde e a vida en accidentes de traballo ou por enfermidades de orixe laboral e para denunciar as precarias condicións laborais que están na orixe destes danos. Posteriormente, a Organización Internacional do Traballo (OIT) institucionalizouna como Día Internacional para a Saúde e a Seguridade no Traballo. Ler máis

     

     

    A saúde e a seguridade no traballo deberían ser cuestións de primeira orde na axenda política en todo o mundo pero, por desgraza, non é así.Un bo exemplo do desinterese pola vida das persoas traballadoras atopámolo nas intolerables condicións laborais nas obras das instalacións para a Copa do Mundo de Fútbol de 2022 en Catar, nas que, segundo o diario británico The Guardian, xa faleceron polo menos 6500 traballadores e traballadoras. Un masacre que ocorre coa condescendencia dos Gobernos do resto de países e sen que se alcen voces que cuestionen a celebración dun evento deportivo en semellante contexto. Situacións como esta son as que empurran o movemento sindical a esixir que a saúde e a seguridade no traballo se recoñezan como un dereito fundamental e así o trasladamos como unha proposta da Confederación Sindical Internacional, que finalmente será tratada na Conferencia da OIT de 2022.

    En España, a situación tampouco é moi alentadora: a morte de máis de 700 traballadores e traballadoras cada ano evidencia que a prevención de riscos laborais no país é máis formal ca real. No 2020, o número de accidentes de traballo mortais, lonxe de diminuír, aumentou un 2 %, malia o acusado descenso da actividade económica por mor da pandemia por COVID-19. Ponse de manifesto que a seguridade e saúde no traballo estase deixando nun segundo plano nas empresas e administracións. As enfermidades profesionais seguen sen aflorar, fican ocultas, o que imposibilita a prevención de múltiples patoloxías relacionadas co medio laboral, algunhas delas moi graves ou mortais, como por exemplo os cancros de orixe laboral.

    Logo de 25 anos de vixencia da Lei de prevención de riscos, os danos á saúde no traballo seguen presentes no noso día a día. Seguimos lonxe de alcanzar o obxectivo que se marcara de interiorizar a prevención de riscos nas empresas; pola contra, temos que denunciar a mercantilización da saúde laboral. A falta de cultura preventiva entre o tecido empresarial, unida á inestabilidade laboral e ás condicións precarias do emprego, caracterizadas pola enorme temporalidade e parcialidade da contratación, conforman o caldo de cultivo perfecto para a deterioración da saúde laboral. As reformas laborais supuxeron un punto de inflexión na extensión dun marco de relacións laborais determinado pola precariedade que tivo como consecuencia o inicio dunha repunta na sinistralidade no 2013. A precariedade mata e, desde ese ano, 5183 persoas perderon a vida no traballo. A derrogación da reforma laboral de 2012 é o primeiro dos pasos que se han dar para garantir a protección da seguridade e a saúde no traballo. Os traballadores e traballadoras debemos recuperar os nosos dereitos, polo que hai que avanzar no establecemento dun modelo de relacións laborais que xere empregos libres de risco, un modelo de calidade e con salarios dignos.

    Este 28 de Abril toca facer balance dun ano de pandemia de COVID-19 e dos seus efectos na seguridade e a saúde no traballo. Un ano en que se puxo de manifesto de maneira dramática a contradición entre a saúde e a vida e as presións para manter a actividade económica moito máis alá do que aconsellaban os expertos en saúde pública. Foron os cadros de persoal dos sectores xa coñecidos como esenciais os que sufriron os estragos do virus de forma máis directa e, en moitas ocasións, sen o debido recoñecemento por parte das autoridades. Recentemente asimilouse a COVID-19 a enfermidade profesional no caso dos colectivos sanitarios e sociosanitarios, no canto de accidente laboral, como se viña facendo ata o momento. Desde UGT e CCOO, consideramos insuficiente esta medida e esiximos que a COVID-19 se inclúa na listaxe española de enfermidades profesionais e se estenda esta cobertura a un maior número de profesións expostas ao risco e sen limitación temporal.

    O 2021 debe ser o ano que marque o inicio da fin do inmenso problema do cancro de orixe laboral. A falta de recoñecemento dos cancros de orixe laboral é un grave problema que está privando as persoas afectadas das prestacións derivadas da continxencia profesional. Desde CCOO e UGT imos facer presión para que as modificacións da Directiva Europea sobre protección fronte á exposición a canceríxenos e mutáxenos sexan traspostas en tempo e garantan a máxima protección da saúde dos traballadores e traballadoras. Seguiremos reivindicando a transposición da Directiva para a protección contra os perigos derivados da exposición a radiacións ionizantes, entre as que se encontra o gas radon, que causa cancro. Doutra banda, este mesmo mes de abril comezou a tramitación no Congreso dos Deputados da proposición de lei para a creación dun fondo de compensación para as vítimas do amianto, unha reivindicación formulada desde hai décadas polos sindicatos e as asociacións de vítimas.

    É evidente que aínda queda moito por facer; é hora de acometer cambios normativos para adaptarnos ás novas realidades, pero, sobre todo, para mellorar a protección da seguridade e a saúde das persoas traballadoras, sendo conscientes de que isto é só unha parte do problema, pois tamén temos que solucionar o altísimo grao de incumprimento da normativa existente, intensificando os mecanismos de garantía da efectividade do cumprimento.

    UGT e CCOO volvemos reclamar a plena integración da saúde laboral na saúde pública, hoxe con maior convencemento desde a experiencia da pandemia, o que esixe máis coordinación entre os departamentos de Sanidade e de Traballo, tanto na Administración xeral do Estado como nas comunidades autónomas. E insistimos na necesidade de dotar de maiores recursos a Inspección de Traballo e Seguridade Social e os organismos de referencia en saúde laboral, como o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e os institutos rexionais. Pola nosa parte, seguiremos demostrando que a saúde e a seguridade no traballo marcan unha das liñas prioritarias da nosa acción sindical, e así o demostran día a día nos centros de traballo os nosos principais axentes: as delegadas e os delegados de prevención.

    Coma cada ano, desde CCOO e UGT lembramos os traballadores e traballadoras que sufriron as consecuencias dos accidentes e enfermidades laborais e continuaremos denunciando as precarias condicións de traballo que están na orixe desta epidemia social.

    Son moitas as voces que insisten en que tras a pandemia se configurará un mundo diferente. UGT e CCOO traballamos para que, nese hipotético novo mundo, o traballo sexa digno, de calidade e libre de risco. Que non se antepoñan outros intereses á saúde ou á vida das persoas. Ninguén debería ter que elixir entre traballo e saúde.

     

  • Un ano máis, volven os despedimentos a Media Markt Vigo!

    O Comité de Empresa de Media Markt Vigo, considera necesario manifestar publicamente a súa indignación e rexeitamento polos despedimentos inxustificados na nosa tenda. Unha vez mais a Empresa decide prescindir de persoas traballadoras cualificadas e cunha longa traxectoria na compañía, coa excusa de que non son produtivos.

    Esta multinacional está a afacerse a que os/as profesionais traballen baixo presión para conseguir os resultados que esperan, presionando para que vendan todo tipo de servizos sen importar como, e utilizando daquela as súas estatísticas para marcar a uns e premiar a outros inxustamente.

    Este caso é aínda mais sanguento se cabe, xa que os despedimentos coinciden coa incorporación á tenda dos estudantes de Formación Dual, que aínda que deberían de completar a súa formación na Empresa normalmente son utilizados para substituír as persoas traballadoras.

    Ademais estes días Media Markt presume nos medios de comunicación de incorporar algunhas tendas da competencia á súa marca e manter o emprego das mesmas, con todo vemos que non fai o mesmo cos traballadores/as que levamos anos dándoo todo por eles e situándoos como líderes no sector.

    Solicitamos por iso que se reincorpore aos traballadores despedidos e o cesamento da presión sobre os/as compañeiros/as para conseguir os obxectivos. Con esta actitude a Empresa empeza mal o camiño para conseguir ser un "BEST PLACE TO WORK", e unha Empresa con traballadores que crean nela para dar o mellor servizo aos seus clientes.

    BASTA DE DESPEDIMENTOS EN MEDIA MARKT, QUEREMOS TRABALLAR EN CONDICIÓNS E SEN PRESIÓNS INDISCRIMINADAS, SOMOS TRABALLADORES NON NUMEROS!

  • CCOO Servizos anuncia paros pola degradación das condicións de traballo en Bosch, a segunda maior empresa de Vigo

    A Federación de Servizos de CCOO anuncia paros pola degradación das condicións laborais en Bosch Service Solutions, a segunda maior empresa de Vigo por número de traballadores e traballadoras. Tras un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que afectou a máis de 800 persoas, hoxe en día conta cunhas 1200 teletraballando; a maior parte delas achegan os seus propios medios sen que lles compensen os gastos do xeito en que obriga a lexislación —RD 28/2020 sobre traballo a distancia.

    Desde o comezo da pandemia, a sección sindical de CCOO denuncia a «inadecuada» política de prevención de riscos laborais, especialmente en cuestións como a falta de ventilación axeitada ou sistemas de climatización estragados —que non se arranxaron ata que se denunciou na Inspección de Traballo—. «Isto pon en risco a saúde do persoal», advirten desde Comisións.

    Amais da non compensación dos gastos e das deficiencias en prevención de riscos, CCOO tamén denuncia que a empresa impuxo as vacacións a case 800 persoas, facendo caso omiso do acordo a que se chegara recentemente co comité de empresa ante o Consello Galego de Relacións Laborais.

    Horario dos paros

    Ademais de «interpoñer as medidas legais oportunas», CCOO-Servizos e o comité de empresas convocan paros parciais para as próximas semanas. Os primeiros terán lugar o xoves, día 17, de 11 a 12 e de 17 a 18 horas, e o venres, día 19, de 13 a 14 e de 17 a 18 horas.