Autor: Servicios Galicia

  • CCOO esíxelle ao Concello de Santiago a adopción de medidas inmediatas para axudar as pemes

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia, que engloba os sectores de hostalaría e comercio, especialmente afectados pola pandemia, e a Unión Intercomarcal de CCOO de Santiago-Barbanza, esíxenlle ao Cocnello de Santiago a adopción de medidas inmediatas para axudar as pemes. A proposta sindical realízase sen prexuízo do diálogo establecido no Consello Económico e Social e no Plan Compostela Móvese Covid-19. Ler máis

    Así mesmo, ambas as dúas organizacións de CCOO dirixíronse por carta a todos os concellos das comarcas de Santiago e Barbanza pedíndolles que acorden medidas para o emprego na hostalaría e no comercio nos seus respectivos municipios.

    CCOO coida que a precaria situación en que se atopan as pemes e autónomos tamén repercute moi negativamente na situación do persoal asalariado. Para o sindicato é unha «prioridade absoluta» evitar que se perda tecido empresarial, polo que se propón apostar por mecanismos de financiamento, axudas, moratorias e liquidez, que permitan o sostemento das empresas, maioritariamente de autónomos e pemes, pero en termos recíprocos: as empresas deben comprometerse a soster o emprego.

    CCOO considera que hai que incidir prioritariamente en: axudas a contratación; renegociación dos alugueres; dixitalización; axudas ao turismo; adiamento, reducións ou eliminación temporal dos impostos locais, ou fomento do consumo da hostalería e comercios locais.

    Segundo CCOO, estas axudas deben ir ligadas a unha serie de requisitos por parte das empresas: non estar sancionadas pola inspección de traballo; estaren ao día coas nóminas e obrigas con Facenda e Seguridade Social; a obriga de ter medidas de seguridade; así como o fomento da igualdade, da conciliación e da non discriminación.

  • Teleperformance Coruña utiliza a crise sanitaria para explotar e sancionar o persoal

    Teleperformance, en Agrela, é unha empresa de Contact Center, que ocupa a máis de 800 empregadxs en A Coruña, dando servizo a grandes multinacionais tanto de telecomunicacións, enerxéticas como doutros sectores. Segundo indica na súa páxina web, forma parte do 20% de empresas que están contratando durante a crise sanitaria. 

    O Comité de empresa de Teleperformance Coruña denuncia que a empresa continúa aproveitando a crise sanitaria do Covid-19 para explotar e sancionar o cadro de persoal en pleno estado de alarma. Ler máis

    Ante esta situación decidiu convocar PAROS PARCIAIS o próximo día 30 de novembro de 11:00 a 13:00 e de 18:00 a 20:00 horas, acompañados dunha CONCENTRACIÓN de traballadoras/es frente á empresa de 11:30 a 12:00 horas. 

    O OBXECTIVO dos paros parciáis consiste en que a empresa se aveña a: 

    • Retirar as sancións de suspensión de emprego e soldo de 30 días na campaña de Orange que afectan a 5 persoas e se facilite ó persoal unha formación axeitada en todos os ámbitos.
    • Cesar os descontos en nómina por incidencias técnicas responsabilidade de Teleperformance e tamén das presións ao persoal para que recuperen ditos tempos, tal como se lles requiriu por parte da Inspección de Traballo e cuxo requerimento ignoran.
    • Que a empresa facilite un teléfono móbil e a correspondente líña se quere que o persoal empregue o móbil para traballar, ademáis de facilitar os equipos necesarios para teletraballar.
    • Que a empresa garanta o dereito á desconexión dixital do persoal como establece a lei, de forma que o persoal traballe só durante a súa xornada laboral.  

    A convocatoria de folga prodúcese como consecuencia de ter resultado infructuosas as xestións realizadas coa dirección para acadar un acordo en torno ós temas que motivan as accións a levar a cabo. A día de hoxe a empresa non manifestou a súa intención de falar co Comité.

    CCOO – CIG – UGT – CGT

    Imaxes das concentracións do día 30.11.2020

  • CCOO insta as administracións locais e autonómica a que acorden en diálogo social medidas de choque polo emprego

    Desde a Federación de Servizos, que engloba os sectores de hostalaría e comercio, especialmente afectados pola pandemia, propomos que todas as Administracións poñan en marcha medidas para soster o emprego e o tecido produtivo, e reclamámoslle tamén ao Goberno de España melloras na coordinación.

    CCOO expón unhas liñas de proposta para debater desde a Administración pública, tanto nos marcos de diálogo social autonómico, como desde a Administración local, con fin de evitar que se siga destruíndo emprego e tecido produtivo.

    Para o sindicato é unha prioridade absoluta evitar que se perda tecido empresarial, polo que se propón apostar por mecanismos de financiamento, axudas, moratorias e liquidez, que permitan o sostemento das empresas, maioritariamente de autónomos e pemes, pero en termos recíprocos: as empresas deben comprometerse a soster o emprego. Ler máis
     

    CCOO considera que estas axudas deben estar equilibradas, é dicir, que existan axudas directas tanto para empresas como para os sectores e as persoas traballadoras. As propostas de CCOO articúlanse nos distintos niveis de actuación: laboral, seguridade sanitaria, fiscal e institucional. Entre elas, destacamos:
    •    Axudas para a contratación de persoas que quedaron no paro por mor da COVID-19.
    •    Promover medidas de mediación para renegociar temporalmente o prezo do alugueiro cos propietarios dos inmobles.
    •    Subvencións para a modernización e dixitalización.
    •    Axudas a empresas de sectores relacionados co turismo e a súa actividade.
    •    Mecanismos para adiar o pagamento de débedas tributarias de pemes e autónomos, así como adiamento temporal, reducións ou eliminación temporal dos pagamentos dos impostos locais.
    •    Axilizar a liquidación de axudas económicas ás pemes e autónomos.
    •    Programas para fomentar o consumo na hostalaría e o comercio local.

    Entendemos que estas axudas deben ir ligadas a unha serie de requisitos por parte das empresas:
    •    Que non foran sancionadas pola inspección de traballo (fraude ERTE).
    •    Que estean ao día no pagamento de nóminas, obrigas con Facenda e Seguridade Social.
    •    Que teñan plans e medidas de seguridade na empresa e favorezan a igualdade, a conciliación e non discriminación por razón de sexo, amais dun compromiso co medioambiente e a saúde pública.
     

      |  Nota de prensa

  • Nin un paso atrás na loita contra as violencias machistas

    A loita contra as violencias machistas é un compromiso no que actuamos cada día. Dar visibilidade ás causas, o noso empeño en acabar coas desigualdades de xénero, esixir que se afronte socialmente e que se dediquen os recursos necesarios, son elementos que están presentes permanentemente na nosa actividade sindical. Ler máis

     

     

    As cifras de asasinadas estremécennos, pero é necesario tamén visibilizar que as violencias machistas incumben a un número altísimo de mulleres sobreviventes, mulleres que teñen minguados os seus dereitos, a súa liberdade. No ámbito das empresas, centramos as nosas actuacións na aplicación de dereitos laborais que garantan a estas traballadoras facer compatible esta situación tan dramática coa súa seguridade, o mantemento dun posto de traballo que lle achegue recursos económicos, de comunicación e de recuperación.

    O acoso sexual e por razón de sexo, é outra das formas nas que se manifesta a violencia machista, que traspasa os muros da empresa e contra a que actuamos no desenvolvemento de protocolos que fagan intervir ás empresas asumindo a responsabilidade que lles corresponde.

  • Reunión da mesa do convenio de Comercio Alimentación Coruña

    Tras varias reunións, a patronal de Alimentación da Coruña teimaba en non entrar a discutir a plataforma sindical e só se dedicaba a informar sobre a situación económica xerada pola COVID-19, sobre o incremento de gastos en epi e a repercusión negativa nas vendas.

    Non tiña en conta o esforzo feito polos cadros de persoal, nin os fortes incrementos de vendas e carga de traballo durante o confinamento, nin o risco persoal como sector esencial de abastecemento da poboación, nin que esta pandemia debe tratarse como o que é: un problema temporal que non pode utilizarse para rebaixar as condicións do convenio. Ler máis

    Por fin, na última reunión do 20 de outubro, vimos un pequeno avance. A patronal presentounos dúas propostas:

    1. Manter o actual convenio con vixencia para os anos 2020-2021, cun incremento do 0,25 % dos salarios e sen modificar nada do seu texto.

    Para CCOO, ante o esforzo dos traballadores e traballadoras durante a pandemia e o confinamento, un incremento salarial do 0,25 % é INACEPTABLE.

    2. Tratar unha parte da plataforma sindical, especialmente centrándose en categorías, xornada, licenzas, horas complementarias, pero sen presentar de momento unha proposta de incremento salarial.

    Desde CCOO entendemos que este pode ser un primeiro paso para entrar de vez e de forma seria na negociación, e lembramos que para nós existen temas importantes aos que hai que dar unha solución:

    • Por que temos unha das xornadas máis alta de todo o sector?: 1812 horas anuais

    • Como é posible un control de presenza asinado nunha folla de papel?, estamos na época das cavernas ou en plena era dixital?

    • Por que un exceso de horas complementarias convertidas case nunha xornada completa, pero con horarios irregulares que impiden a conciliación da vida laboral e familiar?

    • Por que non se implantan xornadas continuas e se teima en manter xornadas partidas, cando a pandemia demostrou que son totalmente realizables?

    • Que pasa cos cadros de persoal que fan traballos profesionalizados pero seguen no GRUPO SALARIAL IV, o que ten o salario máis baixo?

    • Que pasa coas persoas obrigadas a asumir responsabilidades de 2º encargado/a e sen recoñecemento salarial?

    • Que pasa cos gastos de quen debe desprazarse a outros centros de traballo?

    • Cando imos adaptar as sentenzas xudiciais sobre licenzas para que estas se gocen en días hábiles de traballo?

    • É imprescindible un INCREMENTO SALARIAL XUSTO, que recoñeza o esforzo das traballadoras e traballadores polo risco que están asumindo, a tremenda carga de traballo e o altísimo estrés.

    • E MOITOS OUTROS TEMAS QUE TEÑEN IMPORTANCIA E QUE TEMOS QUE TRATAR.

    Seguiremos informando