Autor: Servicios Galicia

  • A Hostalaría galega en loita: concentración o 20 de agosto pola defensa do convenio

    A Coruña, 18 de agosto de 2025 – CCOO, UGT e CIG Facemos un chamamento conxunto ao persoal do sector hostaleiro de Galicia para participar nunha concentración o mércores 20 de agosto, ás 19:00 horas, no Peirao Calvo Sotelo da Coruña, coincidindo coa entrada ao acto “The Champions Burger” das Festas de Agosto.

    O noso obxectivo coa mobilización é denunciar a situación de bloqueo que atravesa a negociación do convenio provincial de hostalaría, que afecta a preto de 20.000 persoas traballadoras na provincia. A negociación, que debería iniciarse en xaneiro de 2025, está paralizada debido á actitude obstrucionista e prepotente da patronal, que non só se nega a ofrecer melloras senón que pretende recortar dereitos laborais, entre eles a eliminación do Complemento por incapacidade temporal (IT), que garante o 100% do salario en caso de baixa durante os primeiros 12 meses.

    CCOO, UGT e CIG denunciamos que esta postura patronal ignora o crecemento do sector e as marcas históricas de turismo e facturación en Galicia, así como o aumento desproporcionado do custo da vida en 2025. Por iso, esiximos unha negociación con perspectiva social, que contemple a actualización salarial e melloras nas condicións de traballo, como a saúde laboral, a xornada e a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

    As organizacións sindicais convocantes facemos un chamamento a todas as traballadoras e traballadores do sector para que se sumen a esta concentración e dean visibilidade ao malestar do persoal e á reivindicación dun convenio xusto e digno.

    Concentración HOSTALARÍA

    Noticias en prensa:

    La Voz de Galicia: Traballadores da hostalería concentraranse este mércores na Coruña

    El Español – Quincemil: La hostelería del área de A Coruña convoca una huelga para este miércoles de agosto

    AcoruñaXa: Concentración en A Coruña para abordar la situación del convenio provincial de hostelería

    El Ideal Gallego: Los sindicatos convocan una concentración en A Coruña para desbloquear el convenio de hostelería

  • CCOO Servizos reclamamos á Coruña, Santiago e Vigo un diálogo sobre a taxa turística e criticamos a exclusión sindical

    Desde CCOO Servizos dirixímonos hoxe aos Concellos da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para reclamar a apertura dun diálogo serio e transparente sobre a taxa turística en Galicia. Denunciamos con firmeza a exclusión sindical deste debate, xa que, mentres na maioría dos casos se consultou ás asociacións empresariais do sector turístico e hostaleiro, non se nos deu a mesma oportunidade ás organizacións que representamos ás persoas traballadoras.

    Esta exclusión supón un debate incompleto e desequilibrado, xa que se silencia a voz do persoal do sector. O turismo non pode construírse só escoitando ás patronais: as persoas traballadoras tamén temos dereito a participar e a ser escoitadas. Desde CCOO Servizos, as Unións Comarcais de CCOO da Coruña, Santiago-Barbanza e Vigo, apostamos por un diálogo aberto e plural que permita avanzar cara a un modelo turístico máis xusto, sustentable e beneficioso para toda a sociedade galega.

    Defendemos que, se se xestiona de forma adecuada, a taxa turística pode converterse nunha ferramenta clave para reforzar a sustentabilidade e o equilibrio do turismo en Galicia. Por iso, reclamamos que os recursos recadados se destinen prioritariamente a:

    • Mellorar os servizos públicos básicos, que soportan unha forte presión pola chegada de visitantes.

    • Reforzar as condicións laborais no sector turístico e hostaleiro, garantindo emprego digno e estable.

    • Protexer o patrimonio cultural e natural galego, asegurando a súa conservación para as xeracións futuras.

    • Investir en transporte público, limpeza e seguridade cidadá, servizos esenciais que tamén se ven afectados pola actividade turística.

    En definitiva, desde CCOO Servizos reiteramos a nosa disposición ao diálogo cos concellos da Coruña, Santiago e Vigo e lembramos que un turismo sustentable en Galicia só é posible se se escoita tamén ás persoas traballadoras.

  • CCOO Servizos non asinamos o Plan de Igualdade de Mercatabria (GADIS) por insuficiente e discriminatorio

    Por que CCOO non asinamos o II Plan de Igualdade de Mercartabria nin o Protocolo de Acoso Sexual e por Razón de Sexo?

    Non a un Plan de Igualdade de mínimos

    En CCOO dicimos NON a este Plan de Igualdade porque:

    • É un plan feito á medida da empresa, que ignora moitas das nosas propostas.

    • As medidas son escasas e cun investimento ridículo para unha compañía que obtén grandes beneficios.

    • Négase a entrar de cheo na loita contra a discriminación e a desigualdade nun cadro de persoal altamente feminizado.

    Foron rexeitadas as nosas propostas de:

    • Garantir a transparencia retributiva.

    • Mellorar a conciliación e a corresponsabilidade.

    • Impulsar a promoción interna.

    Un protocolo que non protexe

    Tampouco asinamos o Protocolo de Acoso Sexual e por Razón de Sexo porque:

    • Mestura este protocolo co de acoso laboral, o que dilúe a súa especificidade e dificulta a protección das vítimas.

    • Non garante unha protección real, xa que introduce un “procedemento previo” que atrasa e bloquea a apertura dun protocolo efectivo, restando garantías á representación legal das persoas traballadoras.

    UGT e USO decidiron asinar este plan de igualdade, a pesar de que non garante nin sequera un mínimo de avances reais en materia de igualdade e supón un retroceso nos dereitos do persoal, poñéndose do lado da empresa e non das traballadoras e traballadores.

    En CCOO non imos avalar documentos que non protexen, que maquillan a realidade e que deixan en segundo plano os dereitos do persoal. Queremos medidas reais, investimento suficiente e compromiso firme contra a discriminación e o acoso.

  • CCOO Servizos impulsamos un preacordo clave na hostalaría de Pontevedra: Melloras salariais, recoñecemento ás camareiras de piso e fixos-descontinuos

    CCOO Servizos asinamos un preacordo do convenio para o sector da hostalaría en Pontevedra, con vixencia durante os anos 2024 e 2025. O documento supón un avance histórico en condicións laborais, con melloras salariais, novos dereitos sociais e un recoñecemento profesional especial ás camareiras de piso e ao persoal fixo descontinuo.

    Suba salarial e garantía de poder adquisitivo

    O acordo establece un incremento do 7% en dous anos, así como unha cláusula de revisión vinculada ao IPC real, co obxectivo de evitar perdas de poder adquisitivo.

    Novos dereitos sociais

    Entre as novidades destacan:

    • Permiso retribuído para levar fillos e fillas menores de 16 anos ao médico.

    • Permiso por hospitalización fraccionable, aplicable mentres persista a causa.

    Recoñecemento ás camareiras de piso

    A partir do 1 de xaneiro de 2027, as camareiras de piso con 36 meses de antigüidade en hoteis de 3, 4 e 5 estrelas pasarán ao grupo salarial 8, un paso que CCOO considera o inicio dun proceso para recoñecer a especialización e responsabilidade deste colectivo. Ademais, desaparece o grupo 10 e os postos de axudante e auxiliar (grupo 9) ascenderán de categoría tras dous anos, sempre que conten coa cualificación requirida.

    Persoal fixo descontinuo: estabilidade e dereitos

    O preacordo tamén introduce unha regulación mínima para garantir contratacións máis xustas e estables:

    • En establecementos abertos todo o ano: chamamento mínimo de 8 meses e medio e garantía de 20 horas semanais.

    • En establecementos de apertura parcial:

      • Apertura ≤ 3 meses: mínimo 50% da duración.

      • Apertura = 4 meses: mínimo 60%.

      • Apertura ≥ 5 meses: mínimo 70%.

    Unha hostalaría con dereitos

    Este preacordo representa “un avance colectivo en estabilidade, dignidade e recoñecemento profesional”, freando a temporalidade extrema e mellorando os ingresos do persoal.

  • Asinado o convenio do comercio alimentación de Ourense

    Tras a ratificación en asemblea por parte das traballadoras e dos traballadores, anunciamos a sinatura definitiva do convenio colectivo do sector da alimentación da provincia de Ourense, acadado no proceso de mediación.

    Este logro é froito directo do apoio masivo das persoas traballadoras ás mobilizacións, concentracións e xornadas de folga. A loita sostida foi decisiva, e desde CCOO Servizos Galicia queremos recoñecer o papel fundamental do sindicalismo organizado para acadar este acordo.

    Melloras salariais principais

    O convenio terá unha vixencia de catro anos, cun incremento salarial acumulado de máis do 26%, distribuído así:

    • 2025: incremento do 11,74% sobre as táboas de 2024 (agás o Grupo IV, que sobe un 12,38%)

    • 2026: incremento do 6,35%

    • 2027: incremento do 3%

    • 2028: incremento do 3%

    Ademais, se a suma do IPC real supera o 3% nos anos 2027 e 2028, aplicarase unha actualización anual pola diferenza, ata un máximo do 2,5% adicional.

    Outras melloras sociais

    • 1 día máis de vacacións (ata 32 anuais)

    • 3 fins de semana de calidade garantidos

    • Axuda escolar: 80 € por fillo/a

    • Plus de nocturnidade: 20%

    Este acordo achega as condicións laborais de Ourense ás do resto de provincias galegas e rompe unha fenda histórica de discriminación territorial.

    Desde CCOO Servizos Galicia traballamos cunha visión estratéxica para acadar un convenio galego do sector da alimentación que garanta: a igual traballo, igual retribución en todo o territorio.

    Para conseguir este obxectivo é imprescindible reforzar a representatividade de CCOO, que cun traballo serio, responsable e eficaz na mesa de negociación demostrou ser unha ferramenta fundamental na consecución do acordo.

    A organización e o apoio sindical marcan a diferenza.

    Este convenio é un avance histórico, posible grazas á firmeza das traballadoras e dos traballadores e ao labor constante de CCOO.

    Seguimos demostrando que loitar serve