Autor: Servicios Galicia

  • CCOO-Servizos avalía positivamente a derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia avalía positivamente a inminente derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais. O Centro de Coordinación Operativa da Xunta reunirase hoxe para, entre outras cuestións, deixar sen efecto o punto cuarto do acordo adoptado o pasado 15 de marzo, que outorga liberdade de horarios «sen limitacións» aos establecementos comerciais de primeira necesidade. Deste xeito, volverase á situación previa, coas limitacións establecidas na lei 13/2006 de horarios comerciais de Galicia, que fixa que só teñen liberdade horaria os establecementos de ata 300 m 2 , entre outras excepcións.

    Nos últimos dous meses, a Federación de Servizo de CCOO pediu a derrogación desta liberdade horaria, decretada ao abeiro da declaración do estado de alarma, por vela «inapropiada e inadecuada». Na práctica, só se estaba a beneficiar desta prerrogativa unha única empresa, pois a maioría do sector non a aplicou, pois dificulta a necesaria atención tanto á reposición da mercadoría, como á desinfección das instalacións. Desta maneira, reducindo horarios contribuíron a preservar as garantías de saúde do persoal e dos propios clientes.

     

    Dá resposta á reunión do mércores

    Esta decisión dá resposta a unha das cuestións que o sindicato formulou na videoconferencia do pasado mércores, día 13 de maio, co presidente da Xunta e cos conselleiros de Facenda e Economía, Emprego e Industria. Nesta reunión, unha das representantes de CCOO foi a secretaria da Federación de Servizos, Lucía Trenor, quen ademais de pedir a derrogación da liberdade de horarios, expuxo outras importantes reivindicacións para o persoal do sector. Entre outras, a necesidade de participación sindical no deseño de alternativas para os sectores do comercio, o turismo ou a hostalaría; ou o cambio de modelo produtivo, apostando pola mordernización tecnolóxica e situar a Galicia na vangarda da dixitalización.

    Foto de Personas creado por drobotdean – www.freepik.es

  • CCOO pídelle á Xunta un plan para a recuperación social e económica de Galicia

    Unha representación de CCOO reuniuse esta mañá por videoconferencia con Alberto Núñez Feijóo para propoñerlle varias medidas con esta finalidade. Na xuntanza co presidente participaron o secretario xeral do sindicato, Ramón Sarmiento, a a secretaria xeral da Federación de Servizos, Lucía Trenor, o secretario xeral da Federación de Industria, Víctor Ledo, e coordinadora da Área Pública, Emilia Lamas. Ler máis.

     

     

    Nesta longa reunión de case dúas horas e media, tanto Feijóo como os conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez, e Economía e Industria, Francisco Conde, amosaron «boa disposición», segundo Sarmiento, para establecer un «principio de arquitectura» sobre este proceso de diálogo. «Entendemos que ten que haber un emprazamento do Goberno galego ao conxunto de axentes sociais, económicos e políticos para chegar a un amplo pacto de reconstrución no ámbito social e laboral», apunta o dirixente sindical.

    O Plan de recuperación social e económica solicitado por CCOO «debe supoñer a redefinición do Plan estratéxico de Galicia 2021-2030», explica Ramón Sarmiento, pois a «actual situación ten un impacto non previsto hai tan só dous meses», data en que rematou o proceso de consultas do dito plan.

    Para isto, será necesario «abrir un proceso extraordinario de concertación» no que se convoque as organizacións sindicais máis representativas, a patronal galega e os partidos políticos presentes no Parlamento e representantes das Administracións provinciais e municipais.

    Segundo o secretario xeral de CCOO, o actual contexto en Galicia superponse a unha situación «especialmente delicada» en diversos ámbitos industriais, como o aluminio, o naval, o termoeléctrico, o pasteiro ou o binomio mar-industria, «nos que cómpre adoptar decisións con urxencia», apunta Sarmiento. Así mesmo, esta crise demostrou que é preciso «articular respostas amplas que faciliten o cambio a un modelo produtivo máis sostible», sinala o dirixente sindical.

    O secretario xeral de CCOO tamén coida «imprescindible» reformular e reforzar as respostas nos eidos da saúde, especialmente no que atangue á atención primaria, na dependencia e nos servizos sociais, aumentando a dotación de recursos. No ámbito educativo, a capacidade de integración do noso modelo está «seriamente deteriorada e débese iniciar xa o diálogo necesario» co conxunto da comunidade educativa de cara ao vindeiro curso. Canto ao turismo, o comercio e a hostalaría, «os desafíos existentes requiren predisposición para promover unha resposta de país».

    En definitiva, Galicia precisa que progresivamente «se recuperen a normalidade e a capacidade de crecemento económico», cunha repartición máis xusta, impulsando a mellora do emprego e combatendo a precariedade. Un proceso que, «por forza, debe ser inclusivo nos ámbitos da dixitalización e da transición tecnolóxica, cunha resposta transversal ao cambio climático», conclúe Sarmiento.

    Diálogo social, emprego público e liberdade horaria

    Outras cuestións abordadas na xuntanza do presidente foron a concertación social, as ofertas de emprego público e a liberdade dos horarios comerciais. CCOO esixiulle á Xunta de Galicia a execución dos acordos do diálogo social asinados o ano pasado —incluíndo as achegas asumidas na reunión do 22 de abril—, así como dos pactos laborais na Administración autonómica —execución dos acordos de estabilización e consolidación 2020 e anticipación da oferta de emprego público 2021—, para responder á necesidade de reforzar os servizos públicos e a imprescindible xeración de emprego.

    O sindicato tamén instou o Goberno galego a reverter a norma aprobada ao inicio da crise sanitaria que permite liberalizar os horarios comerciais, unha situación que, na práctica, está beneficiando a unha única empresa. No ámbito social, CCOO reiteroulle ao presidente da Xunta a necesidade de implantar unha axuda extraordinaria para conciliación, na liña da proposta xa o pasado 20 de marzo na Comisión de seguimento laboral do COVID-19.

  • Teleperformance aproveita o teletraballo para precarizar aínda máis ao persoal

    O Comité de empesa de Teleperformance Coruña denuncia que aproveitando a crise sanitaria de Covid-19 quere implantar o teletraballo de forma unilateral e abusiva.

    Teleperformance obriga ós seus traballadorxs a asumir todos os custos xerados polo traballo no domicilio (equipos, conexión a internet, luz…) sen recibir ningunha contraprestación.

    Asemade desconta das nóminas das persoas traballadoras importes de ata 200€ por incidencias informáticas responsabilidade de Teleperformance derivadas da falla de inversión á hora de implementar o teletraballo. As persoas traballadoras están pagando por traballar.
    Esta ilegalidade púxose en coñecemento de Inspección de Traballo e o Comité de empresa no día de hoxe, decidiu interpoñer conflicto colectivo.

    Teleperformance emprega unha medida preventiva prioritaria na crise do Covid -19, como é o teletraballo, necesaria para velar pola salúde das persoas traballadoras,como medida de coacción a cambio de manter a súa rendabilidade a toda costa. PENALIZA retirando do teletraballo se non se cumpren as esixencias de Teleperformance en canto ó cumprimento de obxectivos.

    O COMITÉ DE EMPRESA DE TELEPERFORMANCE CORUÑA XA EMPRENDEU AS ACCIÓNS LEGÁIS NECESARIAS EN DEFENSA DOS DEREITOS DE TODAS AS PERSOAS TRABALLADORAS

  • Carta á Xunta de Galicia: A Consellería de Economía non facilita datos dos ERTEs

    Desde o inicio da alerta sanitaria a Consellería de Economía recibiu preto de 33000 solicitudes de procedementos de expedientes de regulación de emprego temporais, a maior parte deles a causa de concorrencia de causas de forza maior.

    A lei establece que nos procedementos de Expedientes de Regulación de Emprego Temporais derivados de forza maior, non é preciso formar unha comisión negociadora coa representación legal das persoas traballadoras nin cos sindicatos máis representativos polo que solicitamos proporcione datos concretos das empresas que na comunidade autónoma de Galicia solicitaran, estean a solicitar

    a iniciación e tramitación ou estean xa aplicando estes ERTEs derivados de forza maior, e tamén dos derivados por concorrencia de causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, todos eles derivados da situación de estado de alarma.

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria limítase a proporcionar unha listaxe indicando o número de ERTEs que se están a tramitar por provincia polo que esta Federación non está podendo exercer o labor de vixilancia e control derivado da acción sindical que, en aplicación do previsto no artigo 28 da Constitución Española e no artigo segundo, apartado 2, d), da Lei Orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de Liberdade Sindical, ten atribuída e que constitúe un dereito fundamental susceptible de amparo constitucional.

    Polo anterior, desde esta Federación enviouse un escrito, solicitando datos concretos das empresas e un listado cos CNAE, que na Comunidade Autónoma de Galicia están solicitando a iniciación, tramitación ou están xa aplicando ERTEs derivados de forza maior e os derivados por concorrencia de causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción, todos eles derivados da situación de estado de alarma ocasionado pola alerta sanitaria do COVID-19.

    Carta solicitude datos ERTEs

  • Carta á Xunta de Galicia: A liberdade horaria no comercio non é xusta

    Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia remitimos un escrito ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, para insistirlle na necesidade de derrogar a resolución do pasado 15 de marzo sobre liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade. Cuestionamos á Xunta de Galicia que manteña en vigor un texto que unicamente beneficia a El Corte Inglés. «Unha norma que favorece só unha empresa non é xusta nin racional», salienta a organización sindical.

    O acceso aos bens imprescindibles xa está garantido polo Real decreto en que o Goberno central declarou o estado de alarma, así como na garantía expresada en múltiples comunicados das grandes distribuidoras de alimentación.

    A maioría das empresas do sector tomaron a decisión de reducir o seu horario comercial, co fin de poder atender tanto a reposición de mercadoría, como a desinfección dos centros, e así preservar as garantías de saúde do persoal e dos propios clientes, «cuestión prioritaria nestes momentos».

    Actualmente, ao abeiro da dita resolución da Xunta só abre os domingos El Corte Inglés, polo que esta empresa está a alentar a xente a que tamén acuda ese día da semana a facer a compra, malia que «o importante é que prevaleza a mensaxe á cidadanía de quedar na casa».

    Así mesmo, a norma promove a «competencia desleal entre formatos comerciais», xusto no peor momento para moitas empresas «que xa se encontran en situacións económicas moi delicadas».

    Rexeitamos que El Corte Inglés estea a facer negocio á custa do descanso do seu propio persoal, non só abrindo os domingos, senón tamén o pasado 10 de abril (Venres Santo), en que a empresa traballou a porta pechada. Ese persoal non ten nin terá dereito a ese descanso.

    Carta á Xunta de Galicia