Autor: Servicios Galicia

  • Carta ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo: CCOO solicita que equipare en todas as CCAA os horarios de apertura de establecementos comerciai

    O art. 10 do RD 463/2020 supón unha redefinición dos establecementos comerciais comerciantes polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, en termos de sector esencial para garantir o abastecemento da poboación nesta situación, asegurándose de que "a permanencia nos establecementos comerciais cuxa apertura estea permitida (sexa) ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan realizar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade".

    Por iso, CCOO Servicios considera que debe abordarse os termos de aplicación presentes e concretos da Lei 1/2004, de 21 de Decembro, de horarios comerciais, para os establecementos comerciais cuxa apertura se definiu baixo principios de abastecemento esencial, xustamente para definir os seus horarios de apertura en base aos devanditos principios e á limitación de permanencia para a contención da emerxencia sanitaria. Ler máis

    Moi especialmente, CCOO Servicios entende que debe suspenderse sempre que prolongue o estado de alarma, a regulación relativa á definición de "zonas de gran afluencia turística". No mesmo sentido, deberían suspenderse durante o estado de alarma normativas autonómicas de liberalización de horarios comerciais, existentes ou que puidesen articularse.

    En definitiva, o sindicato entende que deberían unificar a definición de horarios de apertura dos establecementos comerciais previstos no RD 463/2020 baixo os criterios xa indicados de garantía de abastecemento esencial e seguridade para persoais e clientela. O que iría na liña das recomendacións da Guía de Boas Prácticas de Prevención da Saúde recentemente publicada polos ministerios de Sanidade e de Industria, Comercio e Turismo

    Desde CCOO Servicios enténdese que é moi recomendable tentar que as quendas e os horarios sexan sustentables e máis reducidos para uns persoais que están a facer un sobre esforzo considerable, acumulando cargas de traballo e véndose reducidas polos contagios e os consecuentes procesos de corentena, que aparellan protexer a toda a contorna.

    Carta Ministerio Comercio Industria e Turismo sobre horarios comerciais

  • Carta á Xunta de Galicia: A liberdade de horarios vai en contra da saúde

    Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia, entendemos como «inapropiada e inadecuada» a resolución sobre liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade, recollida no DOG núm. 51 do 15 de marzo de 2020.

    O acceso aos bens imprescindibles xa está garantido polo RD no que o Goberno declarou o estado de alarma, ademais da garantía expresada en múltiples comunicados por parte das grandes distribuidoras de alimentación, que indican que o abastecemento de todos os supermercados e hipermercados desta comunidade autónoma, ademais dos do resto do país, está garantido.

    A maioría das empresas do sector tomaron a decisión de reducir o seu horario comercial, co fin de poder atender tanto a reposición de mercadoría, como a desinfección dos centros, e así preservar as garantías de saúde do persoal e dos propios clientes, polo que non cabe facer normas que alenten un efecto chamada cara aos comercios de alimentación, cando o importante é que prevaleza a mensaxe á cidadanía #QuedaNaCasa Ler máis

    Por outra banda, este tipo de normas promove de maneira subrepticia, en opinión da Federación de Servizos de CCOO, a competencia desleal entre formatos comerciais no momento máis inoportuno. Non é hora de facer negocio e, sobre todo, non é o momento de poñer máis en risco a saúde das persoas traballadoras.

    Por todo iso, solicitamos da Xunta de Galicia a derrogación inmediata da medida adoptada respecto da Liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade.

    «Todos os establecementos comerciais de primeira necesidade exceptuados da suspensión no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo e neste acordo, e que, por tanto, poden continuar abertos, terán liberdade horaria para fixaren sen limitacións os horarios dos seus establecementos comerciais».

    Carta á Xunta de Galicia

  • Exposición ao contaxio: Os Comités de empresa de Gadis Pontevedra ratifican a denuncia de CCOO Servizos ante a empresa

    Con data 14 de marzo CCOO Servizos denunciamos ante a dirección da empresa Gadis (Mercartabria Coruña) unha serie de carencias que colocaban nunha situación de vulnerabilidade ao persoal ante a ameazada de infección por COVID19.

    Hoxe os comités de empresa de Gadis Pontevedra ratifican que en Gadis seguen prevalecendo os intereses económicos por diante da saúde do persoal, xa que a día de hoxe mantén o horario habitual, cando a maioría de supermercados e hipermercados acurtaron o tempo de apertura como medida preventiva.

    Xuntamos carta dirixida á dirección da empresa por parte de CCOO Servizos e comunicado emitido polos comités de Gadis Pontevedra

    Icons made by Flat Icons from www.flaticon.com

    Carta de CCOO Servizos a GADIS

    Comunicados comités de empresa

  • El Corte Inglés pon en perigo a saúde do seu persoal co COVID19

    NON IMPORTA A SAÚDE, nestes momentos para O Corte Inglés prevalece a súa ansia carroñeira e o seu afán de usar esta epidemia para facer caixa e incrementar os seus beneficios.Cando todas as indicacións sanitarias parecen dirixirse cara ao contrario, diminuír a presenza do persoal nos centros de traballo para tentar deter esta pandemia, O Corte inglés, nunha actitude mercantilista e que só pensa en beneficios económicos, decidiu expor durante máis tempo ao virus, tanto aos seus traballadores e traballadoras como aos seus clientes.

    CCOO entende isto como un acto de IRRESPONSABILIDADE, pero hai que deixar claro que conta co visto e prace e aval da Xunta de Galicia, que co seu decreto de liberdade horaria presentado polo Presidente Feijoo xusto antes da situación de alerta, permite esta calamidade.

    Como acto irresponsable o entenderon a maioría de empresas do sector de hipermercados e supermercados, xa que todas reduciron o seu horario, con excepción do grupo GADISA, empresa á que xa interpelamos tamén mediante escrito á súa dirección pola súa irresponsabilidade ao manter o horario de apertura. Ler máis

    Desde CCOO queremos facer público que tomaremos todas as medidas necesarias para tentar evitar esta actitude de competencia desleal, outras empresas pensaron primeiro tanto no seu persoal como no risco para a saúde da sociedade. Na decisión de aumentar o tempo de apertura, O Corte Inglés queda só.

    Tanto o seu persoal, como o do resto do sector da alimentación, merécese un respecto polo traballo, o sacrificio e o perigo ao que está exposto polo labor de abastecer a esta sociedade nestes momentos tan duros. A Dirección do Corte Inglés, NON ESTÁ Á ALTURA da xente que traballa para ela.

    Desde CCOO queremos solicitar da sociedade que sexa responsable, que faga prevalecer o interese por preservar a saúde das persoas e que reduza os tempos de compra, evitando especialmente acudir a comprar en domingo.

    Tamén comunicamos que nos poremos en contacto co presidente da Xunta o máis axiña posible, para solicitar que rectifique de forma urxente o decreto de apertura.

    De Luis García, CC BY-SA 3.0 es, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=29717801

  • CCOO Servizos velaremos polas garantías laborais do ERTE de Bosch SS Vigo

    Con data 19 de marzo a empresa Bosch Services Solution, situada en Vigo, notificou á representación sindical existente na empresa a súa intención de iniciar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) que afectaría a unhas 1309 persoas dun total de 1549 persoas e a finalización dos contratos existentes a día de hoxe por ETT.

    Na notificación realizada á RLT fundamenta a necesidade de levar a cabo o ERTE baseado en causas obxectivas organizativas e produtivas derivada da situación de alerta sanitaria decretada polo Goberno de España. A intención da empresa é levar a cabo devandito ERTE durante un prazo máximo de 6 meses.

    Desde a Federación de Servizos velaremos por que se dean todas as garantías laborais durante este proceso e esixiremos que a duración do ERTE anunciado non se prolongue máis aló da situación de alarma sanitaria existente no noso país. Así mesmo esixiremos á empresa que garanta o 100% dos salarios, facéndose cargo da diferenza entre as prestacións abonadas polo SEPE e o salario real do persoal.