Autor: Servicios Galicia

  • ERTE sen acordo no hotel EUROSTARS ATLANTICO CORUÑA

    O xoves, 18 de marzo, a representación sindical de CCOO no Hotel Eurostars Atlántico da Coruña, decidiu asinar sen acordo a acta final do período de negociacións dun ERTE promovido pola empresa e que afecta ao persoal do hotel.

    As razóns polas que a representación sindical de CCOO decidiu asinar SEN ACORDO son as seguintes: Ler máis

    • Galena Hotels “Eurostars Atlántico da Coruña” promoveu un ERTE antes do período de Estado de Alarma o pasado 14 de marzo.

    • Desde a representación de CCOO solicitáronse varias medidas para paliar os efectos deste ERTE, entre elas:

      • O cambio a ERTE de Forza Maior, para que o persoal puidese acollerse ás medidas do RD 8-2020, que beneficia coas súas condicións e de forma substancial ás persoas afectadas por un ERTE con motivo do COVID-19.

      • Un complemento salarial para que a empresa abonase a diferenza entre o que se cobra como prestación do desemprego e a nómina de cada traballador.

     

    A empresa negouse a aceptar ningunha destas medidas e decidiu seguir adiante cun ERTE que non só non recolle ningunha das melloras aprobadas polo goberno para o persoal, senón que ademais renuncia á subvención que podería recibir no pago de cotizacións dos traballadores e traballadoras do hotel.

    É incomprensible esta actitude, cando ademais e de forma especialmente gravosa, impide o cobro de prestacións por parte de calquera traballador do hotel que non teña cotización suficiente e que quedaba amparado para poder facelo polo Real Decreto do Goberno.

    Desde CCOO cremos que Galena Hotels “Eurostars Atlántico da Coruña”, aínda está a tempo de rectificar esta medida, pechar o ERTE actual e promover un novo en base ás causas de forza maior con motivo do COVID-19 e se non o fai, é porque entre as súas prioridades desde logo non parece que estea preocuparse polo seu persoaL e a situación en que quedan comparativamente coas doutras empresas que ante esta situación tan grave, optaron por esta medida que mellora substancialmente as condicións que sufrirán por culpa do COVID-19.

  • CCOO insta a Bosch e Unísono a garantiren a seguridade e saúde laboral nos seus centros de Vigo

    17-3-2020.- A Federación de Servizos de CCOO dirixiuse ás empresas Bosch e Unísono para esixirlles medidas que garantan a seguridade e saúde laboral nos seus centros de traballo de Vigo. Nestas empresas, un numeroso cadro de persoal comparte espazos moi próximos, sen que se teñan tomado medidas especiais para previr un contaxio por coronavirus COVID-19. Por esta razón, o sindicato puxo os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo. Ler máis

    No día de onte, Bosch manifestou a súa vontade de implementar medidas de contixencia e permisos para o persoal. Porén, hoxe responde que só se fará «en casos excepcionais», polo que actualmente as traballadoras e traballadores fan o seu laor habitual, sen que se teña en conta a normativa actual relativa ao COVID-19.

    Canto a Unísono, o persoal entrou e saíu dos seus postos de traballo sen poder manter a distancia de seguridade. Os postos non foron hixienizados e están a unha distancia inferior a un metro. Tampouco hai a disposición xeles para as mans.

    CCOO pediulle á Inspección de Traballo e Seguridade Social que transmita as pautas de actuación a seguir, co obxectivo prioritario de actuar «coa máxima dilixencia posible» nos centros de chamadas no caso de que se confirme algún caso de contaxio por coronavirus.

     

    Medidas solicitadas por CCOO

    CCOO-Servizos pídelles ás empresas do sector dos centros de chamadas que implanten o teletraballo como fórmula prioritaria para todas as campañas, sempre de xeito voluntario. Tamén, a adaptación de horarios e flexibilización nas entradas e saídas; o establecemento de 1,5 metros de seguridade entre persoas, o que implica deixar un posto baleiro entre cada traballador ou traballadora; fornecer xeles desinfectantes hidroalcohólicos; a apartura das portas dos centros de traballo, para evitar riscos innecesarios; a limpeza completa de todos os elementos dos postos nos cambios de quendas; facilitar cascos e auriculares individuais como medida adicional; limpeza exhaustiva todos os días, previa ventilación do centro de traballo; e o permiso retribuído para persoas inmunodeprimidas ou en situacións vulnerables de risco.

    Segundo CCOO, desde o primeiro momento desta crise sanitaria, o sindicato bateu coa negativa das empresas a realizar teletraballo aludindo a motivos de protección de datos. Por esta razón, Comisións tamén se dirixe aos seus clientes —entre os que están Administracións e grandes empresas como Iberdrola, BBVA, Teléfonica ou Orange— para lembrarlles que as medidas sanitarias «son para toda a sociedade, sen distincións».

    CCOO agarda que se produza unha pronta rectificación na actitude das empresas, xa que nalgúns centros de chamadas galegos xa tivo que acudir a policía para levantar acta e mesmo, no caso máis grave, obrigar a pechar o centro de traballo.

  • Toda a información sobre prestacións e desemprego durante o Estado de Alarma

    A atención presencial no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) queda suspendida a partir deste luns 16 de marzo debido á pandemia do Coronavirus, pero si funcionará a vía telemática, que está a ser reforzada para garantir a tramitación das prestacións por desemprego e o resto de dereitos da cidadanía. En todo caso, o Ministerio de Traballo e Servizo Público de Emprego informou que non se terán en conta os prazos establecidos para solicitar prestacións mentres dure o Estado de Alarma. Ler máis

    Ligazón de listaxe de teléfonos do SEPE (para prestacións) á cidadanía

    E as xestións nas Oficinas de Emprego?
     

    • Non fai falla que seles o paro

    A Oficina de Emprego vai proceder a renovar de oficio todas as demandas de emprego. Enviaranche ao teu correo a demanda de emprego selada coa próxima data na que terás que renovar.

     

    • Si podes inscribirte como demandante de emprego

    Se necesitas a demanda de emprego, non hai problema. Fai a túa inscrición telemáticamente no portal de emprego da Xunta de Galicia, co DNI electrónico ou o Certificado Dixital. Se non dispós eses recursos podes enviar unha solicitude de inscrición ao correo electrónico da oficina que che corresponda, indicando un teléfono, correo electrónico ou dirección física para recibir as comunicacións relativas á demanda e o formulario de inscrición. Tamén, se solicitas cita previa na páxina web do Servizo Público de Emprego Estatal, as oficinas da Xunta de Galicia obterán os teus datos e daranche de alta de oficio. Despois enviaranche a demanda por correo electrónico.

     

    • Se che afecta un ERTE de forza maior

    Non tes que realizar trámite algún en relación á alta na demanda porque é a Dirección Xeral de Traballo quen remitirá a relación dos afectados ao Servizo Público de Emprego para tramitar de oficio a demanda. As empresas deberán facilitar todos os datos (DNI, Nome e apelidos e medio de contacto) para levar a cabo esta xestión.

     

    • Contacta coa túa Oficina de Emprego

    Podes comunicar coa túa Oficina de Emprego a través dos correos electrónicos e teléfono de contacto. Aquí tes a ligazón con todas as direccións e teléfonos

     

    • Se tes unha cita co teu orientador na Oficina de Emprego, queda anulada?

    Suspéndese temporalmente a xestión presencial de citas individuais e grupais, de orientación, intermediación e o resto de actividades. Tamén se inhabilita temporalmente o sistema de cita previa. Desde a Oficina de Emprego tentarán porse en contacto contigo para informarte da situación do teu itinerario de orientación. Se tes algunha dúbida ponte en contacto co teu orientador a través do teléfono ou o correo electrónico que che proporcionou.

     

    • Ofertas de emprego

    Suspéndese con carácter xeral a xestión de ofertas de formación e emprego. Atenderanse con caracter de urxencia as relativas a servizos relacionados coa crise do COVID 19, preferiblemente por medios telemáticos ou telefónicos.

     

    • Se tes que acreditar a realización da Procura Activa de Emprego para cobrar o teu subsidio faino a través do correo electrónico

    Durante a duración do Estado de Alarma o SEPE non esixirá a acreditación previa de Procura Activa de Emprego para o cobro do Subsidio Extraordinario de Desemprego ou a Renda Activa de Inserción. Pero se queres solicitar a acreditación podes dirixirte por correo electrónico á túa oficina de emprego (ligazón a direccións e teléfonos). Debes achegar a documentación acreditativa pertinente e o número de teléfono e/ou correo electrónico de contacto. Para esta acreditación admitirase unha declaración responsable do demandante indicando que realizou as accións esixidas.

     

    • Como obter os certificados que emiten as Oficinas de Emprego

    Podes obter os certificados entrando no portal de emprego da Xunta de Galicia co teu usuario e contrasinal ou utilizando DNI Electrónico ou Certificado Dixital

    Ligazón de listaxe de teléfonos do SEPE (para prestacións) á cidadanía

  • SE TRABALLAS EN HOSTALARÍA OU COMERCIO… Sobre o peche de centros de traballo e como afectará aos cadros de persoal

    Ante o peche de determinados centros de traballo, desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia queremos contestar a aquelas preguntas que poden facerse as persoas que forman parte do persoal do sector: Ler máis

    Que vai pasar cos traballadores/as?

    As empresas afectadas veranse na obrigación de solicitar un ERTE de carácter urxente por causa de forza maior ante o peche obrigado dos centros.

     

    Que é un ERTE?

    É un Expediente de Regulación de Emprego Temporal, é dicir, unha suspensión temporal dos contratos.

     

    Como nos afecta o ERTE?

    O traballador/a pasa a cobrar a prestación por desemprego os días de duración do expediente.

    Salvo que o Goberno lexisle doutra forma, dadas as circunstancias excepcionais da situación, até o momento a percepción será do 70% da base reguladora, existindo melloras destas contías en caso de ter fillos menores a cargo.

     

    Ten o traballador/a que facer algún trámite?

    Salvo que haxa modificación neste aspecto, polo momento SI. Débese solicitar cita, de forma online ou telemática, no SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) para tramitar a presentación.

    As oficinas de emprego estableceron un protocolo de contención do virus, polo que non van atender presencialmente a ninguén. Farase toda xestión de forma telemática e/ou telefónica. Por iso, NON se terán en conta os prazos establecidos para solicitar as prestacións para que non se prexudique ningún dereito.

     

    Teñen que comunicar algo as empresas aos traballadores/as?

    Si, deben comunicar a todos os seus traballadores/as por escrito a orde de non asistir ao seu posto de traballo e informar o trámite do ERTE por causa de forza maior.

    Unha vez aceptado o ERTE deben emitir unha nova comunicación que sirva para o trámite individual da prestación por desemprego.

    Que documentación necesito para solicitar a prestación?

    – Comunicación da empresa onde se indique a afectación do traballador/a por o expediente

    – Demanda de emprego (debe tramitarse previamente no INEM)

    – Libro de familia

    – DNI

    – N° de conta onde quere que lle ingresen a presentación

     

    Afecta o ERTE ás miñas condicións laborais?

    Ao finalizar o ERTE, os traballadores/as incorporaranse ao seu traballo nas mesmas condicións salariais, de xornada, antigüidade, etc., que tivesen antes de iniciarse o mesmo.

    En caso de despedimento posterior, o período de ERTE computaría a efectos de indemnización.

    Para calquera outra dúbida, consulta ou pregunta, se hai representantes de CCOO na túa empresa, diríxeche a estas persoas. Se non é así, podedes contactar co voso sindicato no seguinte correo:

    comunicaciongalicia@servicios.ccoo.es

    Se pertences a unha empresa que pola súa actividade vai permanecer aberta e tes calquera dúbida, contacta tamén na dirección de correo anterior. Pedímosvos comprensión se tardamos un pouco en contestar as vosas dúbidas, estamos ante unha situación moi especial. Grazas.

  • 8 de marzo: construíndo e sumando pola igualdade real

    As confederacións sindicais de Comisións Obreiras e a Unión Xeral de Traballadores, ante a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, MANIFESTAMOS o noso compromiso de seguir construíndo a igualdade real entre mulleres e homes, a nosa vontade de seguir sumando neste esforzo colectivo e de combater todas as formas de discriminación e violencia contra as mulleres, sendo o noso ámbito prioritario a loita contra todas as discriminacións relacionadas co emprego.

    Para UGT e CCOO, o logro da igualdade efectiva entre mulleres e homes é un obxectivo que se insire nos nosos principios e plásmase nas nosas accións por unha sociedade máis xusta, inclusiva e solidaria.

    Despois dunha década regresiva, coa conxunción de crise económica, financeira, políticas de recorte do sistema de benestar, de reformas retrógradas en materia laboral, educativa, cidadá, etc., e de recortes e esquecementos na obrigación dos gobernos de achegar os recursos para o avance en políticas de igualdade, chegou o momento de avanzar substancialmente en igualdade real e de corrixir os efectos destas políticas regresivas que fixeron aumentar as desigualdades sociais e de xénero.

    A igualdade legal recibiu en marzo do ano pasado un pulo a través do Real decreto lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación. As medidas contidas nesta norma corresponden a reivindicacións históricas das organizacións sindicais CCOO e UGT. Entre elas, a equiparación dos permisos para os dous proxenitores por nacemento e coidado de lactante. Introdúcese o rexistro salarial desagregado por sexo no Estatuto dos Traballadores e as auditorías salariais nos plans de igualdade. Esténdese a obrigación de contar cun plan de igualdade ás empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras. E esperamos contar o máis axiña posible cun desenvolvemento regulamentario que xurda do Diálogo Social.

    Despois dun período de inestabilidade gobernamental, por primeira vez na nosa historia recente hai un Goberno de coalición progresista. UGT e CCOO esperamos que sexa unha oportunidade para poñer en primeira liña da acción política medidas e recursos humanos e económicos para conseguir que a igualdade legal contida nas normas por fin sexa igualdade real e efectiva. Queremos que este 2020 sirva para avanzar sen posibilidade de retorno cara a unha sociedade xusta, sostible, solidaria e con igualdade de xénero.

    Manifesto