Autor: Servicios Galicia

  • Convenio Comercio Alimentación Ourense: suba salarial do 26% e novas melloras laborais ata 2028

    Despois de presentar ao persoal a proposta resultante da mediación celebrada o pasado 17 de xullo, esta foi aprobada por maioría nas distintas asembleas realizadas nas empresas afectadas polo Convenio de Comercio de Alimentación da provincia de Ourense.

    Como consecuencia, comunicarase formalmente á parte empresarial e ao Consello Galego de Relacións Laborais a aprobación da proposta co fin de redactar e asinar o preacordo.

    Queremos destacar que este resultado non sería posible sen o esforzo, a mobilización e a firmeza das traballadoras e dos traballadores durante estes meses de loita. Cando a patronal insistía en que non había marxe para melloras salariais, foi a unidade e a presión do persoal o que fixo posible avanzar cara a un acordo digno.

    Detalles do preacordo

    A proposta aprobada inclúe un incremento salarial acumulado do 26,08% respecto do convenio anterior, co seguinte detalle:

    • 2025: 18.100 € (suba do 11,74%)

    • 2026: 19.250 € (suba do 6,35%)

    • 2027: 19.827,50 € (suba do 3%)

    • 2028: 20.422,33 € (suba do 3%)

    Tamén se inclúe unha cláusula de revisión salarial ligada ao IPC real cun tope de garantía do 2,5%.

    Outras melloras destacadas

    • Grupo IV: subida a 17.750 € en 2025 e promoción automática ao Grupo III B cun ano de antigüidade.

    • 3 fins de semana de calidade ao ano (sábado e domingo libres); en 2025 garántese 1.

    • 1 día adicional de vacacións desde 2025.

    • Anticipo das pagas extraordinarias o día 15 de cada mes.

    • Plus de nocturnidade do 20% por hora traballada entre as 22:00 e as 6:00.

    • Axuda escolar de 80 € por cada fillo/a.

    As centrais sindicais consideramos un éxito notable o incremento acadado, que é un resultado positivo e que reflicte un avance real nas condicións laborais do sector.

    Grazas a todas as compañeiras e compañeiros pola súa forza, compromiso e participación. A mobilización e a unidade fixeron posible este paso adiante.

    Seguimos. A loita continúa.

  • Convenio de Hostalaría da Provincia da Coruña: Rexeitamento unánime á actitude da patronal

    As traballadoras e traballadores da hostalaría da provincia da Coruña, tras a celebración de asembleas en A Coruña, Santiago e Ferrol, expresan un rexeitamento absoluto e unánime á actitude da patronal no marco da negociación do convenio colectivo.

    Mentres o sector aumenta os seus beneficios, a patronal mantén o bloqueo

    O sector da hostalaría vive un momento de máxima actividade e beneficios récord. Con todo:

    • As cargas de traballo seguen aumentando de maneira continuada.

    • A patronal bloquea a negociación do novo convenio.

    • Os salarios permanecen conxelados.

    • Preténdese recortar dereitos laborais fundamentais, como o cobro íntegro durante as baixas médicas.

      As condicións laborais non poden seguir deteriorándose

    As propostas da patronal supoñen máis esforzo para o persoal, menos dereitos e a continuidade dos salarios conxelados. Esta situación é inaceptable e non será asumida pola representación das traballadoras e traballadores.

    Se non hai avances, haberá resposta

    Se na próxima reunión a parte empresarial mantén a mesma postura de bloqueo, as traballadoras e traballadores do sector están dispostos a responder con firmeza. O malestar é profundo e o límite xa foi superado.

    As traballadoras e traballadores da hostalaría da provincia da Coruña afirman con rotundidade: Abonda xa.

     

    Ler comunicado en PDF

  • CCOO impulsamos avances no convenio de hostalaría de Pontevedra

    A xuntanza do 8 de xullo foi breve pero deixou avances relevantes.

    Na anterior reunión CCOO sostivemos a proposta dun 8 % de incremento en dous anos, que finalmente foi asumida pola CIG tras rectificar a súa postura anterior.

    Pola súa parte, a patronal mantén unha posición restritiva:

    • Ofrece un incremento máximo do 6,5 % en dous anos.
    • Contratos fixos-descontinuos: un mínimo do 50% do tempo de apertura en establecementos de tempada, mantendo os 5 meses para os que abren todo o ano.

    Desde CCOO, coa vontade de seguir avanzando cara ao acordo, formulamos unha proposta revisada e equilibrada, asumida tamén por UGT:

    Proposta económica:

    • Incremento do 7,2 % en dous anos
    • Camareiras de pisos → Nivel salarial 8:
      • A partir do 1/01/2026: complemento de 40 €
      • A partir do 1/01/2027: incremento de 47 € nese complemento
      • A partir do 1/01/2028: paso definitivo ao nivel 8
    • Axudantes e auxiliares:
      • Ascenso automático á categoría superior aos dous anos, sempre que se demostren os coñecementos necesarios.
    • Contratos fixos-descontinuos:
      • Manter o mínimo do 70 % do período de apertura nos contratos de establecementos de tempada.

    Esta proposta foi ratificada por UGT, reforzando o consenso sindical.

    A patronal comprometeuse a valorar con detalle as propostas e a dar resposta na próxima reunión, fixada para o día 21 de xullo ás 16:30 h.

    Desde CCOO seguiremos impulsando o diálogo e defendendo melloras reais para as traballadoras e traballadores da hostalaría na provincia de Pontevedra.

    Circular

  • CCOO propoñemos unha suba salarial do 8 %, non entendemos a «rebaixa» da CIG na negociación

    Como comezo da xuntanza da mesa do convenio de hostalaría de Pontevedra, celebrado o pasado 1 de xullo, a patronal recriminou á CIG a convocatoria das concentracións unilaterais, xa que a mesa continúa aberta e con posibilidades reais de acordo.

    O tema centra actualmente a atención en dúas cuestións principais, sen prexuízo doutras incluídas na plataforma.

    Sobre o contrato fixo-descontinuo

    Desde CCOO propuxemos un achegamento nos seguintes termos:

    • Establecer un mínimo de 5 meses para os establecementos abertos todo o ano.
    • Para os que abren por tempada, fixar un mínimo do 75 % do tempo de apertura previsto.
    • No caso do fixo-descontinuo a tempo parcial, establecer tamén un mínimo de 5 meses e 20 horas semanais.
    • Incluir a posibilidade de aplicar o contrato por eventos, coa mesma redacción que figura no convenio da Coruña.
    • No resto de aspectos vinculados a este contrato, xa había practicamente un acordo, polo que non se volveron tratar.

    A parte empresarial valorou positivamente este achegamento e comunicou que o estudará en profundidade, abríndose á posibilidade de acordo.

    Sobre as condicións económicas

    Desde CCOO propuxemos:

    — Un incremento salarial do 8 % en dous anos, cunha cláusula de revisión vinculada ao IPC real en 2025.
    — A integración progresiva da categoría de camareira de pisos no nivel salarial 8.
    — Aclarar o contido do artigo 10 respecto ao ascenso automático de axudantes e auxiliares, para que sexa aplicable a todo o persoal e se adapte á realidade actual.

    UGT sumouse a esta proposta, achegando outras cuestións complementarias.

    Sorprendeu a posición da CIG, que tras convocar mobilizacións unilaterais, presentou unha proposta económica do 6,8 % en dous anos, inferior á formulada por CCOO, facilitando así a defensa dunha suba máis contida por parte da patronal.

    Lembramos que, para que o convenio teña eficacia plena, é necesaria a sinatura de polo menos dous sindicatos; a dunha soa organización non é suficiente. Quedamos pendentes da reacción da patronal ante a proposta da CIG.

    Vindeira xuntanza o 8 de xullo ás 16:30

    Emprázamonos para unha nova xuntanza o vindeiro día 8 ás 16:30, coa intención de avanzar cara á sinatura do convenio antes de rematar o verán.

    Resulta difícil comprender a estratexia da CIG: convoca unha concentración para chegar á mesa e logo presenta unha proposta inferior á do resto das organizacións sindicais.

    Reiteramos que estamos á vosa disposición para aclarar calquera dúbida ou inquedanza.

    Circular da mesa do 01.07.2025

  • A verdade que a patronal non conta

    Ante o comunicado emitido polas empresas do sector do comercio de alimentación da provincia de Ourense, desde a representación sindical queremos manifestar o seguinte:

    O bloqueo da negociación é responsabilidade da patronal:

    Levamos meses esixindo un convenio digno, con melloras reais para as persoas traballadoras, mentres a representación empresarial mantén propostas claramente insuficientes, que non compensan a perda de poder adquisitivo nin melloran as condicións laborais actuais.

    Gadis, Froiz e Cuevas lideran a precariedade.

    A realidade é que estas empresas, con beneficios millonarios, son as que se opoñen frontalmente a avances sociais e económicos no convenio.

    Non se trata dun ataque ao “pequeno comercio”, como pretenden facer crer, senón dunha denuncia necesaria ás compañías que máis poder acumulan no sector.

    O intento de desacreditar a acción sindical con insinuacións políticas é inaceptable.

    As mobilizacións, as folgas e os actos reivindicativos son ferramentas lexítimas do movemento sindical. Están ao servizo das persoas traballadoras, e non de ningún interese alleo á defensa dos seus dereitos. A patronal, en lugar de dar explicacións, opta pola desinformación e a confrontación.

    As súas ofertas salariais son enganosas

    Non chegan ao nivel da suba do custo da vida, non recoñecen perdas pasadas e manteñen horarios e xornadas precarias.

    Non aceptamos chantaxes nin manipulacións

    O persoal exerce o seu dereito á folga. O verdadeiro problema é o inmobilismo da patronal, non as mobilizacións.

    Seguimos firmes:

    • Por un convenio digno, galego e con melloras reais.
    • Sen tolerar ataques nin intoxicacións.
    • Coa forza da unidade obreira, a loita continúa.

    A dignidade non se negocia!!

    Circular