Categoría: Accion sindical

  • Precariedade no sector comercio, que terá que cubrir en Galicia máis de 3.500 postos de traballo entre novembro e xaneiro

    Desde CCOO Servizos estimamos que a campaña de ofertas deste final de ano xerará, como mínimo, 3.500 postos de traballo en Galicia e 71.000 en todo o Estado español. Porén, preocupan as características do emprego creado. No comercio por xunto, detéctase un aumento alarmante das contratacións fixas-descontinuas, mentres que no comercio polo miúdo prevalecen o emprego temporal e as xornadas a tempo parcial. Isto reflicte unha falta de estabilidade nos cadros de persoal e a non consolidación das contratacións tras rematar as campañas.
     

    Recuperación económica e desigualdade na creación de emprego

    O crecemento da renda dos fogares impulsou a recuperación das vendas no comercio tras a pandemia, consolidando o sector como un motor da economía. Non obstante, os datos económicos contrastan cos niveis de creación de emprego:

    • Comercio por xunto: as empresas aumentaron o seu marxe de beneficios sobre vendas un 9,9% no último ano, mentres que a creación de emprego só medrou un 1,4%.
    • Comercio polo miúdo: o marxe de beneficio incrementouse nun 7,9%, pero o crecemento de emprego alcanzou apenas un 1,3%.

    Estes datos indican que o aumento da actividade recae sobre os cadros de persoal, minimizando os custos laborais e incrementando as esixencias de traballo.

    Condicións laborais durante as campañas de promocións

    Durante as campañas como o Black Friday ou o Nadal, ademais de xerarse emprego precario, as condicións laborais agrávanse. As empresas adoitan escudarse en "necesidades produtivas do sector" para:

    • Aplicar xornadas irregulares.
    • Impoñer horas complementarias e extraordinarias.
    • Restringir períodos de descanso e vacacións.

    Os datos sobre horas extras impagadas son alarmantes:

    • Comercio por xunto: máis de 245.000 horas extras semanais, das cales un 45% non se pagan.
    • Comercio polo miúdo: máis de 391.000 horas extras semanais, das cales un 27% non se remuneran.

    Estas prácticas aumentan as cargas de traballo e expoñen as persoas traballadoras a problemas de saúde e seguridade laboral.

    Propostas de CCOO Servizos

    Desde CCOO Servizos demandamos:

    1. Contratación estable: redución da parcialidade e eliminación do fraude na contratación.
    2. Impulso á conciliación corresponsable e á igualdade, diminuíndo a parcialidade feminina.
    3. Cumprimento estrito da prevención de riscos laborais, con énfase na avaliación dos riscos psicosociais.

    Este modelo de contratación é clave para garantir un comercio sostible que respecte os dereitos laborais e mellore as condicións das persoas traballadoras.

    • Entrevista a Patricia Mariño, responsable do Sector Comercio en CCOO Servizos, na Radio Galega (A Crónica). Minuto 37:25
    • Resumo Ejecutivo CCOO
    • Ver informe completo:“Black Friday e o seu impacto no sector do comercio en España. A oportunidade de comprar con descontos… á custa de empeorar as condicións de traballo”
  • Tras demanda de CCOO, unha traballadora con fibromialxia logra que a Xustiza lle recoñeza a incapacidade absoluta

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou unha sentenza que recoñece a incapacidade permanente absoluta para unha traballadora de 59 anos que padece fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e múltiples síntomas severos. A defensa correu a cargo de Matilde Mallo Nieves, Graduada en Dereito e Graduada Social na asesoría xurídica na Unión Comarcal de CCOO Santiago-Barbanza.

    A afectada, cociñeira de profesión, experimenta unha serie de síntomas graves e debilitantes, como dores en todas as articulacións, fatiga extrema, depresión maior crónica, dificultades de concentración, insomnio e perda severa de peso (26 quilos en cinco meses). En 2019, obtivo a baixa laboral e, dous anos despois, o INSS concedeulle unha incapacidade total que só cubría o 75% da súa base de cotización. Sen embargo, dado o avance dos seus síntomas, a traballadora decidiu loitar polo recoñecemento da incapacidade absoluta, que lle permite recibir o 100% da base reguladora.

    O tribunal conclúe que os graves síntomas lle impiden desenvolver calquera traballo con eficacia, mesmo ocupacións non físicas. O TSXG entende que a incapacidade non se limita á imposibilidade de realizar un traballo concreto, senón que tamén inclúe aqueles casos nos que a persoa non pode levar unha vida laboral activa debido á gravidade da súa doenza.

    A sentenza, ao ser firme, marca un importante precedente para o recoñecemento de enfermidades incapacitantes como a fibromialxia. A Graduada en Dereito, Matilde Mallo, sinala que este é un gran paso para visibilizar unha enfermidade que afecta a moitas persoas en condicións similares.

    Desde CCOO Servizos queremos salientar a importancia desta sentenza, que supón un paso máis nun sector como o da hostalaría, no que se sofren múltiples doenzas músculo-esqueléticas debido ás longas xornadas de traballo de pé e en movemento, sen que estas cheguen a ser recoñecidas como enfermidades laborais.

    En La Voz de Galicia

  • CCOO Servizos rexeitamos as peticións de apertura en festivos solicitadas por Alcampo e Mercadona en Ferrol

    CCOO Servizos vimos de emitir un comunicado ao Concello de Ferrol en resposta ás solicitudes das empresas Alcampo e Mercadona para modificar os festivos de apertura comercial autorizada. No escrito, mantemos a nosa firme oposición á apertura de establecementos comerciais en domingos e festivos.

    As solicitudes en cuestión propoñen o seguinte:

    • Mercadona solicita que se permita a apertura o 1 de novembro (festividade de Todos os Santos) en troques do 8 de decembro (Día da Inmaculada Concepción).

    • Alcampo solicita a apertura o 7 de xaneiro e o 21 de abril, festividades locais no Concello de Ferrol, sen especificar a cambio de que días festivos.

    Dende CCOO Servizos, subliñamos que, a día de hoxe, nada substancial mudou no sector comercial en relación co impacto que teñen as aperturas en domingos e festivos sobre as condicións de traballo das persoas traballadoras. Esta práctica, lonxe de mellorar o funcionamento do comercio, provoca unha precarización crecente das condicións laborais, con prolongacións de xornadas e incrementos de xornadas irregulares, o que dificulta gravemente a conciliación da vida laboral e familiar.

    Por estas razóns, reiteramos a nosa firme oposición a calquera ampliación dos horarios de apertura en festivos. Entendemos que o horario comercial actual xa atende adecuadamente as necesidades do público, sen necesidade de sacrificar os dereitos dos traballadores e traballadoras. A ampliación destes horarios só serviría para agravar os problemas existentes no sector e suporía un prexuízo directo para os empregados e empregadas do comercio, que verían máis limitadas as súas opcións de descanso e conciliación familiar.

    Dende CCOO Servizos, facemos un chamamento ao Concello de Ferrol e á Consellería de Economía, Industria e Innovación para que desestimen estas solicitudes, priorizando o benestar das persoas traballadoras e o equilibrio entre a actividade comercial e conciliación.

    A defensa das condicións dignas de traballo e a conciliación da vida laboral e familiar seguen a ser para nós unha prioridade innegociable.

    Carta contestación apertura festivos Concello Ferrol

    Comunicado de CCOO Servizos ao Concello de Ferrol

  • A Xustiza condena a Froiz Supermercados por sancionar sen motivo unha delegada de CCOO

    O Xulgado do Social n.º 1 de Lugo acaba de condenar a empresa Froiz Supermercados por sancionar indebidamente unha traballadora que ten a condición de delegada por CCOO e presidenta do comité de empresa en Lugo.

    A sentenza condena e obriga a empresa a anular a sanción, a lle aboar os salarios non percibidos e a indemnizar por danos morais a delegada de CCOO, pois quedou probado en sede xudicial que a sanción obedecía a unha represalia polas funcións sindicais exercidas pola traballadora.

    Amais desta traballadora delegada de CCOO, outra compañeira, tamén delegada de CCOO, foi sancionada. A Federación de Servizos de CCOO en Galicia impugnou tamén esta sanción e confían en que a empresa sexa novamente condenada pola mesma práctica antisindical demostrada no primeiro xuízo. 

    A Federación de Servizos de CCOO en Galicia lamenta que nunha empresa da envergadura de Froiz Supermercados se sigan utilizando nestes tempos prácticas antisindicais polo feito de actuar en defensa dos dereitos e intereses do persoal.

  • Traballar menos para traballar mellor. Pola redución da xornada sen redución do salario

    CCOO e UGT convocamos mobilizacións este 26 de setembro en A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra para forzar a patronal a «presentar dunha vez» propostas para a redución da xornada laboral. Defendemos unha xornada máxima legal de 38,5 horas en 2024 e de 37,5 en 2025.

    É o momento de ir cara a unha redución do tempo de traballo por lei: as empresas contan con marxes que non pararon de crecer mentres que os soldos non o fan ao mesmo ritmo. Ademais, é unha boa forma de inducir unha produtividade a longo prazo.

    Galicia e España deben decidir que camiño elixen para que as empresas sexan rendibles e ha pasar por bos salarios e xornadas laborais máis reducidas, ao tempo que se inviste en formación, en tecnoloxía e dixitalización.

    CCOO, que nos mobilizaremos xunto a UGT, queremos lembrar que hai máis de corenta anos que se instaurou a xornada laboral máxima de 40 horas semanais, polo que «xa vai sendo hora» de reducila.

    ____________________

    O xoves, 26 de setembro, concentrarémonos diante das sedes provinciais das patronais na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Non faltes!!

    enlightened A Coruña. Ás 11.30 h na praza de Luís Seoane, n.º 1.

    enlightened Lugo. Ás 11.30 h na praza de Santo Domingo, n.º 6.

    enlightened Ourense. Ás 12 h na praza das Damas, n.º 1.

    enlightened Vigo. Ás 11.30 h na rúa de García Barbón, n.º 104.

    Manifesto: Chegou o momento de reducir a xornada laboral