Categoría: Accion sindical

  • Unidas e unidos por un traballo digno: As demandas dos Contact Center galegos

    Hoxe celebramos unha asemblea de delegados e delegadas de Contact Center de CCOO Servicios Galicia na que se abordaron e analizaron diversos temas que preocupan fondamente as persoas traballadoras do sector.

    Entre os principais asuntos, destacamos a elevada temporalidade nos nosos cadros de persoal, un problema que afecta á estabilidade laboral e á calidade de vida de moitas persoas e que precariza o noso sector cada vez máis, cando somos persoas traballadoras que damos servizo as grandes marcas e multinacionais do noso país, tales como as telecomunicacións, banca, seguros e mutuas, que se lucran da nosa precariedade.

    Tamén puxemos sobre a mesa os riscos psicosociais que enfrontamos diariamente. A presión constante, a carga de traballo excesiva e a falta de recoñecemento son aspectos que deterioran a nosa saúde mental e física. Neste sentido, reclamamos medidas urxentes para mellorar as condicións laborais e garantir un entorno de traballo seguro e saudable.

    Outro tema crucial que tratamos foron as subrogacións continuas. Estas prácticas, que supoñen cambios frecuentes de empresa, xeran incerteza e dificultan a creación de vínculos sólidos dentro dos cadros de persoal, afectando negativamente tanto ao rendemento como ao benestar dos traballadores e traballadoras.

    Queremos subliñar ademais que os nosos son uns dos cadros de persoal máis feminizados de todos os sectores. Esta característica fai aínda máis importante abordar cuestións como a conciliación familiar e laboral, un aspecto no que, lamentablemente, estamos moi descoidados. A falta de medidas que permitan compatibilizar o traballo coa vida familiar é unha realidade que afecta especialmente ás mulleres, perpetuando desigualdades que debemos combater con decisión.

    Desde CCOO, reafirmamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos de todos e todas as traballadoras do sector de contact center. Seguiremos loitando por un emprego digno, estable e en condicións xustas. Porque xuntos e xuntas, somos máis fortes.

    Animamos a todo o persoal a unirse ás nosas reivindicacións. A voz de todas as persoas traballadoras é fundamental para seguir avanzando cara un futuro mellor.

     

    delegadas contact centerdelegadas contact centerdelegadas contact center

  • O persoal de DXC Technology convoca tres xornadas de folga desde o luns e concentracións diante dos principais clientes

    persoal de DXC Technology na Coruña e Santiago convoca tres xornadas de folga, coincidentes coas que haberá no resto de centros de traballo no Estado. Comezarán o vindeiro luns, día 3 de xuño e continuarán o 4 e o 5. Asemade, comezarán a protestar diante dos principais clientes da empresa. De feito, o luns concentraranse entre as 10:45 e as 11:45 horas diante das oficinas de Abanca e Bankinter situadas no n.º 30 da rúa Nova da Coruña.

    Con estas mobilizacións será o terceiro mes consecutivo con folgas do persoal de DXC, que xa tivo dous días de paro en marzo e outros dous en abril.

    DXC Technology é unha multinacional que proporciona servizos informáticos e de xestión ás principais empresas do sector bancario, enerxético e Administracións públicas: Abanca, Evo Banco, Zurich, Mango, MRW, EDP, Carrefour, Caixabank e boa parte do Ibex-35.

    Actualmente existe un conflito coa compañía pola perda de poder adquisitivo dos salarios debido á inflación, de ata o 17 % nos últimos tres anos. Polo de agora, as propostas da empresa están extremadamente afastadas do que pide a parte social. A situación contrasta coa presentación de ingresos récord ano tras ano.
     

    Convocatoria

    • Día: luns, 3 de xuño do 2024

    • Hora: 10:45 horas

    • Lugar: oficinas de Abanca e Bankinter da rúa Nova, n.º 30 (A Coruña)

    _______________________________________________________________

    enlightenedActualización:
    Primeira das tres xornadas de folga convocadas en DXC Technology. Imaxes das concentracións:

    Concentración DXCDXC concentración diante AbancaDXC concentración BankinterDXC concentración Bankinter

     

     

     

     

     

    Vídeo da noticia en TVE

    Vídeo da concentración

    GaliciaPress

    Cadena Ser

    La Opinión

    Galicia Confidencial

    Xornal da Coruña

  • Paradores: Concentrámonos polo desbloqueo da negociación do convenio

    Despois de 4 anos de negociacións infrutuosas do Convenio e de non recoñecer o fondo existente de 1.700.000 € para a constitución do Plan de Pensións, o 29 de maio CCOO concentrámonos na sede de Paradores en Madrid para reivindicar un cambio de actitude por parte da Hoteleira Pública. Ler máis

     

     

    Cuns resultados económicos históricos da empresa pública Paradores e tras anos de negociacións sen ningún tipo de resultado, CCOO dixo "abonda xa!" e expuxo unha serie de mobilizacións co fin de forzar un cambio na actitude da empresa pública. A primeira destas accións desenvolveuse fronte á sede da compañía en Madrid, na rúa José Abascal, 2-4, o mércores 29 de maio ás 12:00 h.

    Paradores é unha hoteleira pública con centros en todas as provincias do noso país, que se concreta en 97 Paradores Nacionais e un cadro de persoal de máis de 5.300 persoas, das cales, un 60 % son mulleres.

    O convenio colectivo atópase caducado e en negociación desde hai catro anos, e o Plan de Pensións comezou a funcionar hai máis de vinte anos, pero a Empresa négase a recoñecer as achegas acumuladas, que suman 1.700.000 €. Ademais, a conflictividade está disparada, tanto colectivamente como individualmente, o que leva a xudicializar a inmensa maioría dos conflitos.

    O cadro de persoal de Paradores leva anos arrastrando unha perda de poder adquisitivo con respecto ao sector público, e en moitos casos estando por debaixo dos convenios provinciais de Hostalería. Persoal que ve como a Empresa saca peito dos seus resultados económicos e de actividade, mentres que nunca é bo momento para abordar de forma seria os seus problemas. Isto provoca unha fuga de talento que pon en perigo a viabilidade e o futuro da empresa. CCOO reivindicamos a Paradores como unha empresa pública, cuns valores máis alá dos propiamente económicos (o cal é moi positivo) que contribúen a un desenvolvemento social e sostible das zonas onde se atopan situados, e que serven como motor turístico e económico, ademais de protexer e manter un patrimonio de gran valor histórico-artístico.

  • Denunciamos a parálise dos convenios do sector dos servizos en Lugo

    Este mércores denunciamos o bloqueo que padecen os convenios colectivos da provincia de Lugo no ámbito desta federación e pedimos a intervención do Consello Galego de Relacións Laborais. Así o explicamos nunha conferencia de prensa na que interviñeron a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, o secretario de Acción Sindical, Juan Zas, e o secretario xeral de CCOO de Lugo, Manuel Quiñoá. Ler máis.

     

          

    É inaceptable que as diferentes patronais manteñan bloqueados os convenios, situación que se arrastra desde o ano 2010. Nin se actualizaron os salarios, nin os beneficios sociais que xa incorporan os convenios doutras provincias, tales como licenzas, descansos ou reducións de xornadas.

    A única mellora foi grazas aos incrementos do salario mínimo, suba na que CCOO tivemos un papel fundamenta como primeira organización sindical do Estado. O desleixo por parte das empresas e das Administracións non fai máis que incrementar a desigualdade e a precariedade das traballadoras e traballadores de Lugo e fomentar a saída de persoal para traballar noutras provincias.

    Para reverter a situación, CCOO deu un primeiro paso convocando as patronais de forma inmediata mediante unha solicitude a través do Consello Galego de Relacións Laborais, para estudar a posibilidade de abrir unha mesa de negociación dun convenio de comercio vario.

    En prensa:

    Xornal de Lugo

    GaliciaPress

    Lugo Xornal

     

  • Abanca: 31M folga en Galicia

    Recibida a proposta da empresa para a reunión deste martes 28 de maio, na que unicamente se avanzou en materia de horarios, seguen sen atender as reivindicacións económicas demandadas co fin de recuperar o poder adquisitivo perdido. A inmobilidade da dirección impide avanzar para chegar a un acordo que sexa xusto para todo o cadro de persoal de ABANCA.

    É necesario que o cadro de persoal manifeste o seu desacordo e lle demostre á dirección que non se nos pode mercar con medidas unilaterais, que lonxe de supoñer melloras reais, intentan xustificar que resolveron as nosas demandas:

    • Establecer un Plus do 3% sobre o convenio do 2024 non é recuperar significativamente a perda de poder adquisitivo desde o 2014.
    • Subir unilateralmente o SRV de maneira aleatoria segundo o posto, é dividir e enfrontar, non mellorar.
    • Fixar unilateralmente unha carreira profesional sen un marco ou regulación, é abrir a porta á dedocracia non á meritocracia.
    • Establecer un horario flexible sen voluntariedade, limitación e ningunha compensación para todos, é volver a dividir e enfrontar, non é conciliar nin mellorar o clima laboral.
    • As propostas da empresa para ABANCA Conecta non solucionan o problema da unidade.

    Probablemente nos presionarán para non participar na convocatoria do 31 de Maio, incluso poden chegar á ameaza para evitar a participación, pero é hora de que saiban que non imos ceder ata conseguir un acordo xusto para un cadro de persoal farto de non poder conciliar e de sufrir unha presión comercial desmedida.

    CCOO, como continuación das concentracións de delegadas e delegados levadas a cabo nas oficinas da Coruña e Madrid, apela á unidade de todos/as os compañeiros e compañeiras de ABANCA para que a convocatoria do día 31 de Maio en Galicia sexa un éxito, sen siglas e cunha única petición:

    Por último, lamentamos que a data fixada para o 31 de Maio non se nos consultara previamente, para que todo o cadro de persoal de fóra de Galicia tamén poida exercer o seu dereito a participar. Pedir unidade (solicitada por todos e todas os compañeiros e compañeiras) e facer todo o contrario non é serio. Este comunicado enviámolo desde CCOO pero temos claro que non nos pertence, obedece a un sentimento que comparte todo o cadro de persoal.

    MELLORAS LABORAIS REAIS!!!   ESIXIMOS Á DIRECCIÓN QUE O MARTES CAMBIE A SÚA POSICIÓN