Categoría: Accion sindical

  • CCOO Servizos asinamos as novas táboas salariais da hostalaría de Lugo, con importantes subas e pagamento de atrasos

    Acabamos de asinar coa patronal do sector as novas táboas salariais do convenio provincial de hostalaría de Lugo, que recolle importantes subas económicas e o pagamento duns atrasos que se poden remontar ao 1 de xaneiro deste ano. Destacamos, ademais, que o incremento económico é superior ao que recollía o convenio colectivo para evitar distorsións derivadas do novo salario mínimo (SMI).

    No 2023 foi preciso incrementar moitos dos salarios deste convenio para adecuarse á suba do salario mínimo interprofesional, para evitar que quedasen por baixo do fixado legalmente.

    Adiantámonos á situación que se produciría nos anos seguintes co incremento do SMI, polo que propuxemos que os soldos se actualizasen en primeiro termo conforme ao salario mínimo e, despois, se aplicase a o incremento salarial pactado no convenio.

    Deste xeito, as categorías máis baixas, ao equipararse ao SMI, igualaron as que estaban por riba. Polo tanto, e de acordo con todas as partes asinantes, aprobáronse subas superiores ao establecido no convenio para poder manter a diferenza salarial entre as categorías inferiores e as superiores. Deste xeito, as táboas asinadas por CCOO supoñen para 2024 entre un 3% e un 5,66% máis ca o ano pasado, en función de cada categoría profesional.

    Por último, sinalamos que unha vez se publiquen as novas táboas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, serán de aplicación obrigatoria. Así mesmo, as empresas que non o fixesen xa voluntariamente, deberán pagar os atrasos con efectos desde o 1 de xaneiro do 2024.

    Noticia en:
    El Progreso

    GaliciaPress

    La Voz de Galicia

  • O persoal de DXC volve á folga!

    O persoal de DXC Technology, unha empresa multinacional dedicada á prestación de servizos informáticos e xestión de procesos para importantes empresas do sector bancario, enerxético e administracións públicas, volveu ás rúas en protesta polas súas condicións laborais. As seccións sindicais de varias organizacións, incluíndo CCOO, CGT, CSI, USO, Intersindical-CSC, UGT e CNT, convocaron unha folga para os días 29 e 30 de abril.

    O conflito entre o persoal e a empresa medra debido ás perdas acumuladas no salario, que se relacionan cunha inflación que alcanzou ata o 17% nos últimos tres anos. As propostas presentadas pola compañía non satisfacen as demandas dos traballadores, deixando unha gran distancia entre as partes.

    A pesar de presentar ingresos récord ano tras ano e ser a súa división en España unha das mellores a nivel mundial, o persoal sinala que estas cifras non reflicten a súa situación, xa que consideran que as ganancias da empresa son obtidas á custa da devaluación dos seus salarios.

    Durante as xornadas de folga, celebraranse concentracións e manifestacións por parte do persoal, co obxectivo de presionar á empresa para que atenda as súas demandas. En A Coruña, hoxe, 29 de abril realizouse unha concentración diante das oficinas de DXC Technology no Polígono de A Grela. A seguinte será diante do Obelisco na Rúa Nova, o 30 de abril ás 11:00 horas.

    Este movemento pon de manifesto a importancia da negociación e a mobilización do persoal para facer valer os seus dereitos laborais nun contexto de conflito.

    DXC salariosDXC revisión salarialDXC reivindicación salarial

  • A crise climática: un importante risco para a seguridade e a saúde no traballo

    O sindicato ten que estar vixiante para garantir que sexa efectiva a protección da saúde das persoas traballadoras. Por esta razón, Hoxe, 26 de abril, celebramos unha serie de actos e concentracións (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra e Arousa) para analizar os problemas relacionados coa saúde no traballo e visibilizar e difundir propostas de mellora, que expoñemos a continuación.

    A humanidade está a experimentar profundas transformacións que xa ninguén pode negar nesta segunda década do século XXI e que están impactando na nosa forma de vivir, no mundo do traballo e na saúde da clase traballadora.

    O envellecemento da poboación nas sociedades occidentais móstranos unha forza do traballo cada vez máis maior, cunha prolongación significativa da vida laboral, con problemas para adaptarse ao incremento da carga de traballo en moitos sectores e con dificultades para reincorporarse ao traballo logo dunha baixa por motivos de saúde. Doutra banda, entre as persoas máis novas séguense rexistrando as maiores incidencias de accidentes de traballo ocorridos durante a xornada laboral. Ante esta nova realidade, a xestión preventiva debe realizarse tendo en conta a idade, entre outras características, e adaptar así o traballo á persoa.

    A dixitalización das actividades produtivas efectuouse na maioría dos casos á custa do emprego, pero tamén da saúde das persoas traballadoras. A prevención de riscos laborais non é un dos insumos que se incorporan na xestión algorítmica da organización do traballo e a economía de plataformas, máis ben ao revés: incorpora elementos que incrementan e xeran riscos, sobre todo na dimensión psicosocial. A monitorización constante, a falta de desconexión, a intensificación do traballo, a redución da autonomía e determinación da persoa traballadora sometida á nova intelixencia artificial acaban provocando serios problemas de saúde física e mental nas traballadoras e traballadores. A epidemia de problemas de saúde mental que aflorou nos últimos tempos non é allea a estes factores laborais. Cómpre que a autoridade laboral controle que se garanta o dereito a ambientes de traballo seguros e saudables.

    Pero se hai unha transición que se está mostrando de xeito máis descarnado nos últimos anos é a medioambiental. Ler máis

    28A28a28a28A28a28a28a28a28a

    Os sindicatos vimos alertando desde hai décadas da necesidade de afrontar e intensificar os esforzos para loitar contra o cambio climático e a perda de biodiversidade, así como das consecuencias de non actuar, tanto desde un punto de vista ambiental como económico, social e tamén para a saúde laboral.

    A Organización Mundial da Saúde sinala que 2023 foi testemuña dun «aumento alarmante de desastres relacionados co clima, incluídos incendios forestais, vagas de calor e secas, que provocaron desprazamentos de poboacións, perdas agrícolas e unha maior contaminación do aire. A actual crise climática aumentou significativamente o risco de enfermidades potencialmente mortais como o cólera, a malaria e o dengue».

    Tamén o ano pasado, a Organización Internacional do Traballo avisou de que a crise climática «sen os controis adecuados, pode aumentar o risco de lesións, enfermidades e morte dos traballadores debido ao estrés térmico, os fenómenos meteorolóxicos extremos, a exposición a produtos químicos perigosos, a contaminación atmosférica e as enfermidades infecciosas, entre outros». A OIT, ademais, engadiu que «numerosos efectos sobre a saúde dos traballadores se relacionan co cambio climático, incluíndo lesións, cancro, enfermidades cardiovasculares, afeccións respiratorias e efectos sobre a súa saúde psicosocial».

    Ata hai pouco, había quen consideraba que estes fenómenos ían producirse en latitudes afastadas, pero nos últimos anos puidemos comprobar que España non só non é allea a eles, senón que os informes do Comité de Expertos ante o Cambio Climático da ONU (IPCC) sinalan o noso país como unha das áreas máis vulnerables e onde estes impactos xa están a manifestarse de forma máis virulenta. As vagas de calor dos últimos anos, probablemente «os veráns máis frescos do resto das nosas vidas», cobráronse a vida de traballadoras e traballadores. Isto obríganos como sociedade a converter a seguridade e a saúde no traballo nun dos piares das políticas públicas de adaptación ao cambio climático.

    Polo tanto, débese recorrer ás ferramentas da prevención de riscos laborais para previr a exposición a temperaturas extremas nas empresas, pero sen esquecer outros fenómenos asociados ao cambio climático: fenómenos meteorolóxicos extremos, avance de enfermidades de transmisión por vectores, aumento da exposición á radiación solar.

    O reto de abordar os efectos do cambio climático para a prevención de riscos laborais debe facer parte do debate na mesa de diálogo social sobre saúde e seguridade no traballo, aberta na actualidade entre o Goberno, as patronais e os sindicatos. Pero hai máis materias que deben incorporarse neste ámbito de negociación. Aínda queda moito por recuperar e por mellorar en seguridade e saúde nas empresas, o que require modificacións estruturais na normativa de prevención.

    É intolerable que en 2023 se produciran 624 911 accidentes de traballo con baixa e 721 mortes polo mero feito de ir traballar, moitas delas por causas que facilmente se poden previr, como as caídas en altura, golpes ou atrapamentos e outras como as cardiovasculares, que son escasamente tratadas desde a prevención de riscos laborais e vinculadas coas condicións de traballo e coa calidade da prevención que se fai nas empresas.

     

    Neste ámbito, CCOO e UGT temos tres obxectivos prioritarios:

    enlightenedPRIMEIRO. Reforzar a calidade da xestión da prevención nas empresas, a través da súa internalización e revisando e modificando os sistemas de acreditación e control das entidades especializadas como os servizos de prevención, así como reverter as modificacións á LPRL que supuxeron a simplificación das actuacións de prevención de riscos laborais.

    enlightenedSEGUNDO. Acabar co subrexistro de enfermidades profesionais, empezando polo cancro laboral. En España, estímase que anualmente falecen 8700 homes e 850 mulleres por cancros debidos a exposicións laborais, pero en 2023 só se comunicaron 94 partes de enfermidade profesional por axentes canceríxenos, a maioría por amianto. Para reverter esta situación é imprescindible crear un rexistro nacional de empresas con riscos de exposición a axentes canceríxenos e un rexistro de persoas traballadoras expostas, pendente de desenvolvemento normativo por parte do Goberno desde 1997.

    enlightenedTERCEIRO. A necesidade de reforzar o marco normativo para a prevención efectiva dos riscos psicosociais, empezando por incluír de forma expresa a obrigatoriedade de facer as avaliacións de riscos ou por incluír as desordes mentais no cadro de enfermidades profesionais e continuando por impulsar, nas institucións europeas, a aprobación dunha directiva de riscos psicosociais que mellore a saúde mental e cardiovascular das persoas traballadoras.

     

    Hai que revisar a normativa a fondo para integrar a perspectiva de xénero e eliminar as desigualdades, incorporándoa como un dos principios de acción preventiva establecidos pola Lei de prevención de riscos laborais e feminizando o cadro de enfermidades profesionais, engadindo actividades feminizadas para patoloxías xa incluídas e incorporando patoloxías prevalentes en actividades con alta ocupación feminina.

    E todas estas reformas legais deben acompañarse cun pulo ás políticas públicas activas en materia de prevención e un aumento dos recursos económicos e humanos destinados a elas. Non se pode seguir demorando o cumprimento do compromiso de aumentar os cadros de persoal da Inspección de Traballo. E tamén é necesario mellorar as dotacións do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo e dos institutos autonómicos de prevención de riscos laborais, alí onde existen, e propiciar a súa creación nas CCAA que aínda non os puxeron en marcha. Tampouco imos renunciar a demandar a creación de xulgados especializados en seguridade e saúde no traballo e a potenciar a fiscalía especializada.

    E queremos finalizar cunha lembranza ás vítimas do amianto, que levan esperando a aprobación do real decreto necesario para que entre en vigor a lei que regula o seu fondo de compensación e que acumula máis dun ano de atraso. O RD debe aprobarse con carácter inmediato e cunhas indemnizacións equiparables ás xa existentes para outros colectivos de afectados.

    Un ano máis, desde CCOO e UGT lembramos as vítimas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais e as súas familias. Este 28 de abril renovamos o noso compromiso para visibilizar e pór fin a esta eiva e que a seguridade e a saúde no traballo se sitúen no centro das políticas públicas.Seguiremos loitando ata conseguir empregos de calidade e libres de riscos para todos e todas.

  • Novas concentracións en Abanca: Esiximos mellores horarios, retribucións xustas e un bo clima laboral

    Hoxe, 26 de abril, delegados sindicais de CCOO, UGT e SIB reunímonos de novo fronte ás sedes de Abanca en A Coruña e Madrid. O noso obxectivo: reclamar melloras nas condicións laborais, incluíndo horarios máis flexíbles e unha maior capacidade para conciliar a súa vida persoal e profesional, así como un clima laboral máis saudable, actualmente marcado pola crispación.

    ¿Por que estas demandas? As razóns son evidentes: Abanca non está a demostrar responsabilidade social cara á súa plantilla. Desde que a entidade foi adquirida hai unha década, tras ser rescatada polo FROB e renomeada como ABANCA, as persoas traballadoras foron fundamentais para garantir a súa viabilidade.

    Durante este período, o persoal realizou sacrificios significativos en termos de salarios e horarios laborais para contribuír ao éxito do negocio. Porén, agora, cun entorno económico máis favorable, onde ABANCA rexistra beneficios exponencialmente crecentes ano tras ano, os propietarios non mostran disposición a retribuír eses sacrificios.

    Esta falta de reciprocidade por parte da dirección de ABANCA xenera serias cuestións éticas. O cadro de persoal séntese explotado e polo tanto demanda traballar en condicións saudables e recuperar os dereitos que cederon en beneficio da entidade, que hoxe se sitúa entre as máis ricas do país.

    Mentres ABANCA continúe priorizando o crecemento dos seus beneficios sen atender ás necesidades do seu persoal, a presión sobre o persoal seguirá sendo insostible. É fundamental que a empresa recoñeza e valore o esforzo de quen a respaldarou en momentos difíciles, garantindo así un ambiente laboral xusto e equitativo para todos.

     

    concentración Abanca

     

    Máis imaxes das concentracións

  • Mobilizacións en Abanca: Por un mellor horario, retribución e clima laboral

    Ante o imobilismo da dirección de Abanca na Mesa de Negociación, e perante a falta de avances, é o momento das mobilizacións.

    Expuxemos diversas propostas encamiñadas a mellorar:

    O horario de todo o persoal. A empresa non está disposta a mellorar o horario se a cambio non se aumenta considerablemente o número de persoas con horario dispoñible para a empresa,sen ofrecer compensación salarial adecuada.

    Salario e beneficios sociais. A empresa argumenta que xa aplicou un incremento salarial, que se vincula ao acordado no convenio colectivo, e que non está disposta a discutir unha maior compensación. A incerteza reina sobre a retribución variable, suxeita á decisión empresarial.

    Clima laboral. Négase a abordar a mellora do ambiente laboral. Non entende que a baixa produtividade que alegan se pode mellorar con cambios na forma de traballar e de dirixir ás persoas, está demostrado que sacar o látigo e diminuír o número de plantilla nin dá resultado nin mantén san ao persoal. É hora de cambiar as cousas.

    Hoxe venres, 19 de abril, as delegadas e os delegados das seccións sindicais de CCOO, UGT, e SIB-sf de ABANCA concentrámonos ás portas de Rúa Nova en A Coruña e de Recoletos en Madrid. Convidamos ao resto de sindicatos con representación no banco para que se unan a estas mobilizacións.

    Imaxes da concentración