Categoría: Accion sindical

  • CCOO súmase á folga do sector do comercio de alimentación de Lugo

    CCOO lembra que o persoal deste sector foi considerado esencial durante a pandemia, «expoñendo a nosa saúde e a das nosas familias para atender a toda a cidadanía e evitar desabastecementos en momentos tan complicados».

    Pasado ese momento delicado, e despois de que as empresas «tivesen amplos beneficios», o sindicato reclama negociar o convenio colectivo, tanto para recoñecer o traballo do persoal, como para evitar unha «situación crítica» para as traballadoras e traballadores por mor da inflación.

    CCOO esixe «acabar coa indecencia» de soldos próximos do salario mínimo en empresas con grandes beneficios. Tamén quere reducir a xornada anual, de 1812 horas, unha das maiores do comercio.

    Outras demandas son acabar coa discriminación pola que o persoal deste sector en Lugo «é o único que non percibe o 100% do salario en caso de baixa médica», así como garantir a desconexión dixital e a conciliación familiar e laboral.

  • CCOO Servizos asinamos o convenio para o comercio vario de A Coruña

    CCOO logramos hoxe un acordo de convenio colectivo para o sector do comercio vario de A Coruña, que afecta a case 22.000 traballadores e traballadoras. O convenio supón un incremento salarial acumulado do 18.29%. Estos incrementos significan unha actualización inmediata de salario do 11,5% no momento da súa entrada en vigor, ao que hai que engadir un 3% no 2024 e outro 3% no 2025. Ademais inclúense outras melloras sociais e laborais.

    O acordo pon fin a unha situación de conxelación salarial que se prolongaba desde 2019 e que provocou unha perda de poder adquisitivo pola subida do IPC. Ademais, o convenio inclúe medidas como o pago de 25 ou 30 euros por traballar en domingos e festivos, o aumento dos permisos por matrimonio ou parella de feito a 20 días, a incorporación do persoal da venda de mobles ao ámbito do convenio ou un plus compensatorio de beneficios para as empresas con máis de mil empregados na provincia.

    CCOO consideramos que a sinatura do convenio é un acto de responsabilidade que dignifica as condicións dun sector moi feminizado e precarizado. 

    CCOO instamos á Administración a axilizar o máximo posible o rexistro do convenio para que os traballadores e traballadoras poidan percibir canto antes a subida salarial pactada.

    Poden consultarse máis detalles no documento adxunto.

    Resume convenio comercio vario Coruña

  • CCOO Servizos convoca mobilizacións en Sarria en contra do ERE de Inelcom Operaciones Técnicas

    Sarria, 25 de maio – O Comité de Empresa do centro de traballo de Sarria, integrado por delegadas e delegados da Federación de Servizos de CCOO en Galicia, convocou unha serie de accións en resposta ao proceso de negociación do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) presentado pola empresa Inelcom Operaciones Técnicas, que afecta aos seus dous centros de traballo situados en Xativa (Valencia) e Sarria (Lugo).

    Despois de sete reunións de negociación entre a parte social e a empresa, as posicións aínda se atopan afastadas. A última oferta presentada pola empresa inclúe o despedimento de 58 persoas cunha indemnización de 24 días por ano traballado, proposta que é considerada inasumible pola parte social.

    Segundo informou o Comité de Empresa, a decisión de levar a cabo estas mobilizacións foi tomada de forma conxunta cos traballadores e traballadoras do centro de Xativa, tras a realización de asembleas nas cales se lles transmitiu o apoio ás accións propostas.

    Unha manifestación está programada para o día 30 de maio ás 20:30 horas, a cal percorrerá o centro de Sarria. O punto de partida será o centro de traballo situado na Rúa Liberdade, 212 (antiga rúa Calvo Sotelo), e a marcha concluirá na Praza da Vila. Ademais, unha folga de 24 horas está convocada para o día 1 de xuño, xunto cunha concentración diante do centro de traballo ás 11:30 horas.

    É por iso que o Comité de Empresa fai un chamamento á sociedade de Sarria e vilas próximas para que se unan masivamente á manifestación, co obxectivo de mostrar un rexeitamento frontal ás medidas anunciadas pola empresa. É hora de demostrar unha unidade solidaria en defensa dos postos de traballo e dos dereitos laborais.

  • CCOO defende a recuperación dos salarios no convenio do comercio alimentación de Pontevedra e rexeita as artimañas da patronal

    CCOO rexeita calquera convenio que non teña un efecto inmediato na recuperación do poder adquisitivo dos salarios. Nesta reunión, reiterou este posicionamento, mentres a patronal, facendo malabares, intentou convencer de que non só o persoal non sufriu perda de poder adquisitivo, senón que incluso o gañou. Sen entrar nunha explicación matemática detallada, a patronal non convenceu. CCOO ten a capacidade de avaliar a situación con precisión sen caer en xogos matemáticos.

    Outro obstáculo para poder negociar que a patronal expuxo é que nos enfrontamos a catro propostas económicas distintas, o que é certo (CCOO solicita un aumento lineal que representa entre un 8% e un 9% cada ano de vixencia, UGT arredor dun 10%, CIG un 7% e USO en torno a un 6%). Pero esta discrepancia de propostas non debería ser un problema. Pedimos repetidamente á patronal que presentara unha proposta para comezar as negociacións, pero foi imposible.

    O que si repite constantemente a patronal, como en todas as negociacións, é o custo que lle supón a antigüidade e a clasificación automática.

    CCOO quere deixar claro na mesa, e así quedará reflectido na acta, que cando fala dun incremento do 8%, refírese a telo en conta na situación actual do convenio, incluíndo a antigüidade, a reclasificación e o resto dos conceptos económicos. A patronal quere deducir deste incremento o custo que alega que ten a antigüidade, por contra CCOO solicita o 8% e que a antigüidade e a reclasificación automática se manteñan.

    CCOO quere destacar este último aspecto no posicionamento sobre a antigüidade, porque USO emitiu un comunicado no que se pretende ensuciar o proceso electoral en Gadis e Froiz con mentiras interesadas. Non todo vale nas eleccións sindicais, e a verdade debe seguir a prevalecer. E a única verdade é que CCOO mantén firmemente a súa proposta económica, mentres que outros sindicatos, casualidade ou non, con propostas máis baixas parecen non ter máis opción que utilizar mentiras e artimañas en lugar de defender o que deben defender con firmeza.

    A próxima reunión será o 13 de xuño ás 16:30. Non todo vale para obter unha presada de votos, e a mentira e a falsidade teñen as pernas moi curtas.

  • CCOO Servizos asina un preacordo para actualizar salarios e mellorar condicións laborais no sector do comercio do moble en Pontevedra.

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia informa do asinamento do preacordo do Convenio do comercio do moble da provincia de Pontevedra, que levaba caducado desde o ano 2018 e cos salarios por baixo do salario mínimo interprofesional (SMI). Deste xeito, para o período 2019-2021, actualízanse os salarios ao SMI e, partindo da categoría máis baixa, aplícase un incremento escalado do 2 % para diferenciar as categorías. Xa para o ano 2022 prodúcese un incremento nas táboas salariais do 4 %, do 7,62 % no 2023 e dun 2 % para o 2024 e outro tanto o 2025.

    Así mesmo, páctase unha cláusula de revisión salarial. No suposto de que a suma do IPC real dos anos 2024 e 2025 supere o incremento económico acordado, faríase unha revisión do exceso, cun máximo do 2 % adicional e efectos desde o 1 de xaneiro do 2025.

    Asemade, inclúese o plus de transporte no salario base e establécese a clasificación profesional en base ás funcións establecidas no Convenio do comercio vario da provincia de Pontevedra, pero elminando as de axudante e auxiliar.

    Canto á xornada laboral, páctase non traballar as tardes dos sábados entre xuño e setembro; nas xornadas de maís de seis horas, haberá unha pausa de 15 minutos coa consideración de tempo de traballo efectivo; os contratos a tempo prcial con xornada; regúlase o traballo en domingos e festivos do mesmo xeito que no sector do comercio vario; o traballo nocturno aboarase cun 50 % de recargo sobre o prezo da hora ordinaria e gozarase de 15 días de vacacións entre xuño e setembro, entre outras novidades.