Categoría: Accion sindical

  • CCOO asina o preacordo do convenio do comercio vario da provincia da Coruña

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia informa do asinamento do preacordo do convenio do comercio vario da provincia da Coruña, que regula as condicións laborais de máis de 22.000 persoas. O documento, que deberá ser validado pola afiliación do sindicato antes da súa ratificación, recolle incrementos salariais e diferentes melloras de carácter social. Os incrementos pactados supoñen unha actualización inmediata de salario do 11,5 % no momento en que o texto entre en vigor.

    No capítulo salarial, páctanse incrementos retributivos do 4% para o ano 2021, do 3,5 para o 2022 e do 4% para o 2023, sumando un 11,5 % entre os tres anos. Para 2024 e 2025, a suba acordada é dun 3% para cada exercicio. Así mesmo, pagaranse atrasos con data de xaneiro do 2022, que se aboarán durante a vixencia do convenio.

    Canto ao traballo en domingos e festivos, aboarase con 25 euros para os anos 2023 e 2024 e con 30 euros a partir do 2025. Pola súa parte, as tardes dos días 24 e 31 de decembro aboaranse con 12 euros por hora a partir das 14 horas.

    Outras melloras salariais son a actualización do salario de encargado ou encargada, cun salario inicial de 1125,73 euros —nas táboas vixentes era de 1080,64—, soldo sobre o que se aplicarán os incrementos pactados no convenio. Pola súa parte, as categorías de axudante de dependente/a pasarán a dependente/a aos seis meses, e todas as dependentas e dependentes pasarán ao salario de dependente/a maior.

    Canto aos complementos, o convenio recolle un plus compensatorio de beneficios de 200 euros mensuais para as empresas cun cadro de persoal na provincia de máis de mil persoas e beneficios nos últimos tres anos.

    Entre as melloras sociais está o aumento da licenza de matrimonio ou parella de feito a vinte días naturais; a licenza por falecemento ou enfermidade de familiar pasa a ser dun mínimo de cinco días; o recoñecemento do parte de repouso para a percepción do 100 % do salario; un día máis de libranza por asuntos propios; libranzas polo tempo necesario para presentarse a exames oficiais ou oposicións; e a equiparación da convivencia acreditada coas parellas de feito. Asemade, outórganse seis sábados libres completos cada ano co obxectivo de fomentar as coñecidas como «fins de semana de calidade», medida que entrará en vigor en xaneiro do 2024.

    O preacordo de convenio tamén cifra os importes dos seguros de invalidez e morte en 35.000 euros no 2024 e en 40.000 a partir do 2025. Tamén limita a un máximo de nove meses as contratacións de duración determinada, ao tempo que recolle unha inactividade máxima de cinco meses para o persoal fixo-descontinuo.

    Por último, eomo novidade, incorpórase ao ámbito do convenio do comercio vario da provincia da Coruña o persoal do sector de venda de mobles, cuxo convenio estaba sen renovar desde o ano 2011.

  • CCOO Servizos reúnese co comité de empresa de Inelcom e co alcade de Sarria para tratar o ERE anunciado pola dirección

    O Comité de Empresa de Inelcom en Sarria xunto co responsable de Servizos Técnicos dá Federación de Servizos de CCOO en Galicia, Iván Cordeiro, mantiveron unha xuntanza con alcalde de Sarria, Claudio Garrido, onde lle trasladaron a súa preocupación polo ERE anunciado pola dirección de INELCOM.

    Durante a xuntaza o rexidor trasladoulle á representación legal das persoas traballadoras o seu total apoio e interese pola situación que se pode derivar das decisións empresariais que se adopten. 
    Na xuntaza acordouse seguir mantendo un contacto estreito co Concello para facer un seguimento da evolución desta negativa decisión tomada pola empresa.

    A Federación de Servizos de CCOO en Galicia quere denunciar publicamente o impacto que dita decisión pode supoñer tanto para o emprego na provincia de Lugo como para as condicions de traballo e vida persoal das persoas traballadoras que puideran verse afectadas.

  • CCOO rexeita o ERE en Inelcom, unha das meirandes empresas de Lugo

    A Federación de Servizos de CCOO rexeita o ERE anunciado por Inelcom, empresa situada en Sarria, unha das compañías máis grandes de Lugo por volume de persoal. Dedícase ao sector de centros de chamadas, prestando servizos a Telefónica ou Hola Luz, entre outras.

    A comezos de mes, a dirección notificoulle ao comité de empresa a apertura do período de negociacións para un ERE en todo o Estado que atangue tanto ao centro de traballo de Sarria como ao de Xàtiva (País Valenciano). Entre ambos os dous suman máis de 500 persoas.

    A día de hoxe, non se sabe como afectaría a regulación de emprego a cada un dos centros. No entanto, CCOO informa de que este mércores haberá unha primeira xuntanza do comité de empresa co alcalde de Sarria, a quen lle trasladará na súa preocupación polo futuro da compañía e do emprego.

  • Nova reunión do convenio comercio vario Coruña coa mediación do AGA

    Na reunión de hoxe luns, 10 de abril, ao xa informado anteriormente, a patronal propón:

    • Un día máis de asuntos propios
    • Incremento salarial co seguinte detalle:
      • 2021-2022: 7.5%, con atrasos desde xaneiro 2022
      • 2023: 4% con revisión a táboas do 1%
      • 2024: 3% con revisión a táboas do 1%
      • 2025: 3% con revisión a táboas do 1%
      • 2026: 2.5% con revisión a táboas de IPC.

    CCOO, do mesmo xeito que o resto das centrais sindicais, estivemos dacordo en que estas porcentaxes, á conta de aumentar a vixencia até o 2026, non son aceptables se non se produce un incremento maior nos anos 2022 a 2023.
    Pedimos á patronal que reaccione, porque o persoal non pode permitirse máis perda de poder adquisitivo na situación de graves incrementos de IPC dos últimos anos e porque quedou demostrado na mobilización do pasado domingo 26 de marzo, que as persoas traballadoras do comercio na provincia da Coruña están ao límite da súa economía e paciencia.

    Non podemos esperar máis, a patronal debe darnos unha resposta XA

  • CCOO desmente que en España falte persoal para traballar na Hostalaría, o que faltan son condicións de traballo dignas e mellores salarios

    Para CCOO Servizos, en España hai suficiente e cualificada man de obra no sector de Hostalaría, as dificultades esgrimidas polas patronais son debidas á precariedade, os baixos salarios e as deficientes condicións laborais (quendas partidas, dificultade conciliación vida laboral e familiar, nin tan sequera un fin de semana de descanso ao mes).

    Hai moitas persoas que abandonan a profesión e optan por traballar noutros sectores. Ler máis

    Concretamente, segundo datos de CCOO Servizos, desde o inicio da pandemia, máis de 70.000 persoas abandonaron a profesión, buscando máis estabilidade así como melloras sociais e económicas noutros sectores. É dicir, o que está a ocorrer en España, é que as patronais Hostaleiras optaron por buscar man de obra barata ("escrava") doutros países antes que mellorar as condicións laborais do persoal, sen ter en conta que, a escaseza de persoal, de forma puntual, débese ás condicións laborais precarias do sector. Persoal para traballar en Hostalaría hai, pero é necesario que se lle ofreza seguridade laboral e boas condicións salariais e de traballo.

    • Segundo os datos de afiliación á Seguridade Social, en 2022 houbo 1.352.782 persoas traballadoras por conta allea contratadas no sector, o que supera nun 0,53% a afiliación media de 2019 (1.345.603). Doutra banda, analizando os datos de afiliación á Seguridade Social da Hostalaría en España vemos que esta tivo un incremento de 201.954 empregos con respecto ao ano anterior (+13,71%). Por tanto, queda claro que todas as ofertas de emprego se cubriron, contradicindo estes datos, unha vez máis, aos que critican a falta de persoal na Hostalaría e evidenciando que as prazas de traballo que non se cobren son as que ofertan condicións inaceptables e en moitos casos fraudulentas.

    Por tanto, a nosa resposta ás queixas da patronal sobre a falta de persoas cualificadas, é que invistan en condicións dignas de traballo e en formación do seu persoal (a formación non é un gasto, é un investimento) e mellore as súas condicións salariais e de traballo, que é a única forma de reter aos profesionais do sector, e que non vexan a profesión de Camareiro/a, Cociñeiro/a ou Camareiro/a de Pisos como unha ocupación temporal, senón como unha profesión con percorrido profesional que lles permite vivir dignamente e conciliando a súa vida laboral e familiar.

    • Un grave problema engadido á falta de persoal en Hostalaría nalgunhas zonas turísticas, é a perentoria falta de vivendas e o encarecemento dos prezos de alugueres, o que provoca que, en moitos casos, máis da metade de salario vaise no pago do aluguer dunha habitación. Por tanto, estes son problemas que as patronais deben asumir se queren que as persoas se despracen no verán dunhas comunidades a outras; e o mesmo respecto ás persoas traballadoras que veñan doutros países.
    • Outra das cuestións a resolver no sector, é a aposta pola estabilidade no emprego, xa que a pesar de que se mellorou como consecuencia da última Reforma Laboral, constátase que a taxa de temporalidade e parcialidade, en moitos casos indesexada, é aínda moi superior ao conxunto dos sectores da economía española.

    Analizando os datos de temporalidade e parcialidad, apréciase o crecemento do emprego indefinido por conta allea en Hostalaría nun 26,40% con respecto ao que había o ano anterior, pasando dos 773.849 de 2021 aos 978.167 cos que finalizou de media o ano 2022. (372.707 en 2021 e 344.927 en 2022). Ademais, aumentou o emprego a tempo completo nun 22,82%, pasando dos 769.944 de 2021 a 945.663 de 2022, e tan só se incrementou nun 0,23% a xornada parcial (de 376.612 a 377.460). O emprego a tempo parcial é o 31% (24% en homes; 37% en mulleres), sendo o 50% o índice de parcialidade non desexada (55% en homes; 47% en mulleres) e tan só se incrementouse nun 0,23% a xornada parcial (de 376.612 a 377.460.

    • Por último, dicir que, de cara ao futuro inmediato (que presenta signos de forte crecemento no sector), é fundamental crear as condicións para facer que a Hostalaría e o Turismo sexa atractivo para persoas mozas e mediante a formación pór en valor as distintas profesións do sector, para o que, é prioritario desbloquear a negociación colectiva naqueles convenios que seguen sen renovar, así como darlle un pulo ao Acordo Laboral de Hostalaría de Ámbito Estatal con mais contidos para mellorar as condicións laborais en conceptos como salarios, horarios, conciliación, saúde laboral e tamén conseguir que, mediante unha boa formación sectorial, se poida apreciar que existen grandes oportunidades de traballo estable e de futuro.