Categoría: Accion sindical

  • Convenio comercio vario Coruña: Primeira reunión de patronal e sindicatos no marco do AGA

    Tras a solicitude da Patronal de Comercio de acudir ao AGA, (Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo) e aceptar todas as centrais sindicais esta mediación, este luns, 27 de marzo, tivo lugar a primeira reunión.

    A patronal pretende centrar a proposta na parte estritamente económica e sen que se poidan tratar outros temas importantes da plataforma.

    A proposta económica non avanza o suficiente para achegarse a incrementos que permitan o mantemento do poder adquisitivo e a patronal propón unha cláusula de revisión salarial, que ante a incerteza de como vai evolucionar o IPC, parécenos totalmente insuficiente.

    Tras a mobilización do domingo, 26 de marzo, a patronal non pode manter a súa posición de inmobilismo e ten que dar un paso adiante e rápido, porque o persoal de comercio non pode soportar máis unha conxelación salarial desde o ano 2019.

    Como conclusión desta reunión inicial só podemos dicir que seguimos en situación de bloqueo.

    O vindeiro mércores, 29 marzo, celebrarase unha segunda reunión de mediación no AGA e reivindicaremos de novo a necesidade dun desbloqueo inmediato dun convenio colectivo que afecta a unhas 22.000 persoas.

  • Masiva mobilización das persoas traballadoras do comercio vario de Coruña por un convenio digno

    O sector do comercio vario da provincia da Coruña mobilizuse este domingo, día 26 de marzo. Os sindicatos Comisións Obreiras (CCOO), UGT e CIG, que promoven as mobilizacións, denuncian que a parte empresarial pretenden «condenar» os traballadores e traballadoras «a salarios conxelados ou de miseria». Ler máis

    As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT convocaron unha manifestación este domingo, 26 de marzo, en demanda dun convenio colectivo digno para o comercio vario da provincia da Coruña. A mobilización tivo lugar ás 12:00 horas do centro comercial Catro Camiños, dirección Bailén (rematando ao final da rúa Real), pasando por Juan Flórez e Praza de Lugo.

    Despois de moitas reunións, na súa última proposta, a patronal ofreceu un incremento do 0% para 2020, do 4% para 2021, do 3,5% para 2022, do 2,5% para 2023 e do 2% para 2024. Durante os anos 2021 e 2022, nos que IPC sumou 12,20 puntos, só ofrecese unha recuperación do 7,5 %, pretendendo que se acepte unha perda do poder adquisitivo dos salarios do persoal do 4,7%.

    Para o resto de anos de vixencia, as subas son moi pequenas e cunha cláusula de revisión que non garante o incremento conforme ao IPC. A patronal tampouco quere asumir a plataforma reivindicativa: redución da xornada anual, aumento dos descansos, incrementos nos pluses de sábado e tardes, premio na antigüidade, introducir limitacións á contratación inferior a 24 horas (como xa se recolle noutros convenios provinciais), máis días asuntos propios e mellorar outras licencias.

    O comercio vario agrupa o de téxtil, calzado, ópticas, multiprezos, material eléctrico e construción. Desde CCOO denuncian que a patronal ven alongando o proceso de negociación aproveitandose da pandemía e a posterior situación socioeconómica de xeito «deliberado» para facer que as condicións laborais «retrocedan case vinte anos».

    Para Comisións, a actitude da patronal «non ten xustificación», xa que moitas delas están «nunha boa situación económica». Por ese motivo, o sindicato repróchalles que «intenten aproveitar a conxuntura para aumentar beneficios á custa de recortar dereitos laborais».

  • CCOO Servizos ante o 8 de Marzo de 2023: A igualdade é un plan que funciona

    "A actuación cotiá de defensa da igualdade e a loita contra a discriminación levou ao sindicato á aprobación por unanimidade da inclusión do feminismo como principio estatutario de CCOO no seu 12º Congreso Confederal".

    Podemos dicir con orgullo que somos a maior organización feminista deste país. As mulleres están a afiliarse máis ao sindicato e mantéñense afiliadas a pesar de que traballan nos sectores máis precarios e con peores condicións de estabilidade no emprego. Para a Federación de Servizos en Galicia isto non son simples palabras, é unha realidade que podemos comprobar desde todas as áreas e comarcas, onde as mulleres están a asumir de forma notable a máxima responsabilidade. Ler máis

    Simone de Beauvoir dicía que "mediante o traballo foi como a muller puido franquear a distancia que a separa do home. O traballo é o único que pode garantirlle unha liberdade completa" e esta liberdade é difícil de conseguir sen autonomía económica. Non hai nada máis duro que unha muller maltratada que non pode saír da violencia pola súa dependencia económica.

    Porque o feminismo non se para nas portas dos centros de traballo e xuntas somos máis fortes, propoñemos á representación legal das persoas traballadoras despregar a acción feminista en todos os seus centros de traballo, mediante as fórmulas que consideren idóneas, o 8 M pola mañá, e a todas as traballadoras e traballadores asistir ás convocatorias das manifestacións que se realicen nas súas respectivas cidades.

    A IGUALDADE É UN PLAN QUE FUNCIONA E EN CCOO TEMOS UN PLAN (PARA A IGUALDADE)

    Manifesto 8M 2023

  • Froiz despide por enfermar

    Beatriz levaba traballando varios anos como charcuteira de Froiz en Brión, cortando friame de xeito continuado durante moitas horas todos os días de luns a sábado. Seguramente vos terá  atendido a moitas/os de vós. 

    Beatriz enfermou. Despois de anos de repetir o mesmo movemento o seu ombro non puido máis e os médicos prescribiron unha baixa que se prolongou durante varios meses. Cando se incorporou, Froiz non lle deu alternativa e asignouna de novo a cortar friame durante horas sen descanso. Aos cinco días despediuna por considerar que cometera un acto de indisciplina ao baixar o seu rendemento "de xeito voluntario". Ningunha compañeira percibiu esa baixada de rendemento a pesares da dor coa que traballaba.

    A varias compañeiras de toda Galicia lles pasou exactamente o mesmo que a Beatriz. Froiz sempre di que os xefes da empresa son os clientes. Pois valoren vostedes se queren mercar en Froiz. Esiximos readmisión!!

    Vídeo

  • Acordo histórico en Inditex: a igual traballo, igual salario

    CCOO, como sindicato maioritario no Grupo Inditex, alcanzou un acordo histórico que homologa salariamente todas as marcas e territorios, en retribucións fixas e variables, concretando salarios fixos garantidos de entre 18 000 e 24 500 euros, a través dun complemento que se revalorizará no futuro baseándose no IPC. Ademais, conseguíronse avances de moito calado en condicións sociais e o compromiso de negociar medidas sobre parcialidade e tempos de descanso no marco da negociación do plan de igualdade de grupo. Ler máis

    Desde o noso 53 % de representación global en Inditex, vimos reivindicando desde hai anos a equiparación de condicións laborais no grupo. Con 50 convenios provinciais e sete marcas distintas, a situación ata o de agora era que persoas que facían o mesmo traballo na mesma empresa tiñan condicións laborais distintas. Esta situación de desequilibrio corrixiuse por fin, despois de anos de traballo sindical.

    A finais de 2019, CCOO solicitou a Inditex reunións de ámbito estatal, dada a importancia de iniciar conversas sobre materias comúns a todas as cadeas e territorios, como eran a dixitalización, temporalidade, parcialidade ou a necesidade de abordar a negociación do Plan de Igualdade do Grupo Inditex.

    Esta reivindicación de negociar no ámbito estatal, impulsada por CCOO e da que fixemos bandeira, levou aos acordos para o desconfinamento tras o estado de alarma e, posteriormente, ao acordo marco estatal do proceso de transformación dixital, asinado o 26 de outubro de 2020, no que se regulan as condicións ante o proceso de peche de tendas. Un acordo que priorizaba o mantemento do emprego durante a transformación dixital da empresa. 

    Esta negociación inicia un camiño cara á negociación de alcance estatal, que foi aínda máis aló co arranque da negociación do I Plan de Igualdade do Grupo desde o 21/6/2022, con nove representantes de CCOO dun total de trece, e co acordo do 18/11/2022 no que se recuperaba o incentivo de dependentas/es, incrementando a súa contía a 1000 euros, amais de comprometer a negociación sobre retribucións que culminou co acordo de onte e aumentar a contía do complemento sede da Coruña.

    Grazas a este percorrido, asinouse un acordo histórico, unha aposta pola homologación salarial fixa e variable en todas as marcas da cadea e en toda España.

    O salario fixo de entrada, a tempo completo, sitúase na emblemática cifra de 18 000 € (un 19 % por encima do SMI), que está a reivindicar CCOO como salario mínimo en todos os subsectores de comercio, ao que se lle suma o incentivo de 1000 € e unha pinza estimada de cobramento de comisións, ata totalizar entre 21 500 e 22 500 euros anuais. No caso de dependentas/es con catro ou máis anos de servizo, o salario fixo sitúase en 22 000 € que, sumando os variables, alcanzarían o salario medio do conxunto da economía española (ao redor de 26 000 €).

    Estes salarios fixos garánteos Inditex a través dun complemento que se actualizará en 2024 e 2025 en función do IPC.

    Desde CCOO conseguimos, ademais, un avance substancial en melloras sociais, que xa existían na parte de produción e loxística, equiparando na súa aplicación a todo o persoal de comercio; isto supón acabar cunha diferenza de condicións histórica.

    Inditex comprometeuse tamén a acometer na negociación do plan de igualdade dúas cuestións claves para un persoal moi feminizado: avanzar na erradicación do traballo a tempo parcial non voluntario e garantir descansos semanais de calidade.

    CCOO considera que este acordo, histórico e de referencia, mellora claramente as condicións laborais das preto de 30 000 persoas en persoal do Grupo Inditex, sobre a base da aposta pola equidade retributiva («igual traballo, igual salario»), a eliminación de fendas salariais e avances globais que terán unha segunda parte cos acordos que se alcancen na negociación do plan de igualdade.