Categoría: Accion sindical

  • A Xunta volve poñerse de parte da patronal e manterá as aperturas en domingos e festivos no comercio galego

    Conciliación laboral e familiar no comercio galego en risco

    Desde hai anos, a Xunta de Galicia négase a garantir a conciliación laboral e familiar do persoal do sector do comercio, consolidando un modelo insostible que deteriora o pequeno comercio e empeora a calidade de vida das traballadoras e traballadores.

    Apertura en domingos e festivos: impactos en 2025

    A situación agrávase en 2025 coa inclusión do 26 de xullo e do 15 de agosto como días de apertura, impedindo que o persoal poida gozar de fins de semana libres en pleno verán. A Federación de Servizos de CCOO sinalamos que estes días deberían ser un dereito básico para o descanso e a vida familiar.

    A postura de CCOO: apertura innecesaria

    CCOO insistimos en que a apertura en domingos e festivos non é necesaria: os horarios semanais xa permiten facer compras sen ampliar a actividade nestas datas. Ademais, neste exercicio a Xunta nin sequera pediu valoración ao sindicato, ignorando a voz das persoas traballadoras do comercio.

    Contexto de xornada laboral e horarios comerciais

    Nun contexto de demanda de redución da xornada laboral e racionalización dos horarios comerciais, para evitar xornadas interminables que chegan máis alá das dez da noite, o Goberno do PP toma a decisión contraria: suprimir de golpe dous fins de semana libres, recortando descanso e favorecendo só os intereses empresariais.

    Compromiso de CCOO

    CCOO seguiremos denunciando esta política regresiva e defenderemos un modelo de comercio xusto, sostible e conciliable.

    Noticias en prensa:

    Galicia Press: Críticas a la Xunta por permitir a los comercios abrir domingos y festivos: "Consumismo por delante de derechos"

    Galicia ConfidencialCC.OO. reprocha á Xunta que manteña a apertura dos comercios os domingos e festivos: "Castiga aos traballadores"

  • CCOO, UGT e CSIF denunciamos a precariedade laboral en Paradores

    CCOO, UGT e CSIF denunciamos a precariedade en Paradores e anunciamos mobilizacións. Neste sentido, o vindeiro 7 de outubro haberá unha protesta diante da sede central desta empresa pública, en Madrid. Actualmente, Paradores emprega unhas 5500 persoas en todo o Estado.

    Os sindicatos explicamos que a negociación do novo convenio leva catro anos bloqueada, sen avances reais, pola falta de autorización do Ministerio de Facenda. Mentres, a dirección négase a mellorar as condicións laborais e mantén un sistema retributivo desfasado, con soldos de base próximos ao salario mínimo. Porén, a empresa decidiu unilateralmente incrementar en 9600 euros anuais os salarios no Parador de Eivisa, o que a parte sindical considera unha discriminación intolerable.

    A precariedade agrávase polas ofertas públicas de emprego con exceso de contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, o que provoca entre un 20 e un 25% de prazas desertas. A temporalidade supera con moito o 8% que esixe a UE no sector público.

    CCOO, UGT e CSIF reclamamos medidas urxentes. Entre elas, a redución da xornada a 35 horas semanais, consolidación das xubilacións parciais, recoñecemento da antigüidade e melloras salariais. Todo isto nun contexto de récord histórico de beneficios para a compañía (máis de 346 millóns de euros de ingresos e 40 millóns de beneficio neto en 2024) mentres a carga de traballo provoca máis de 123.000 días perdidos por incapacidade temporal.

  • A hostalaría da Coruña mobilízase en Santiago contra o bloqueo patronal do convenio, convocada por CCOO xunto con UGT e CIG

    26-9-2025.- CCOO, xunto con UGT e CIG, convocamos as traballadoras e traballadores do sector hostaleiro a participar nunha concentración na Praza do Toural de Santiago de Compostela. Reclamamos o desbloqueo das negociacións do convenio provincial de hostalaría da Coruña, que regula as condicións laborais de arredor de 20 000 persoas.
    Os sindicatos acusamos a patronal de negarse a incluír melloras e, incluso, de pretender recortes en dereitos xa consolidados, como o complemento por incapacidade temporal.

    O sector da hostalaría bate récords de turismo e facturación, pero non melloran os salarios

    Mentres o sector rexistra récords de turismo e facturación, os salarios permanecen próximos ao SMI e as condicións laborais apenas melloran. Por iso, CCOO e o resto de sindicatos esiximos unha negociación real con perspectiva social, a actualización dos salarios e, en definitiva, «un convenio xusto e digno».

    Amplo apoio social ás protestas do persoal de hostalaría

    Esta mobilización chega despois dunha primeira protesta na Coruña coincidindo co Burger Fest, así como da masiva recollida de sinaturas levada a cabo nesa cidade e en Santiago de Compostela. Isto confirma o amplo apoio do persoal ás reivindicacións defendidas por CCOO e os outros sindicatos.

    A hostalaría é motor económico en Galicia, pero as condicións laborais seguen precarias

    A hostalaría é hoxe un dos principais motores económicos de Galicia, con máis de 73 000 persoas afiliadas á Seguridade Social en agosto de 2025 e un crecemento anual do 2,2 %.
    Ademais, no primeiro semestre de 2025, os ingresos do sector hoteleiro galego ascenderon a 165,5 millóns de euros (+4,3 %). Porén, este dinamismo económico non se traduce en melloras laborais: o persoal continúa soportando sobrecargas de traballo, horarios partidos e salarios próximos ao SMI, nun contexto de riscos psicosociais crecente.

    O contraste co convenio de Pontevedra: melloras salariais e recoñecemento social

    Por último, desde CCOO destacamos o contraste co convenio asinado recentemente para a provincia de Pontevedra, que inclúe unha suba salarial do 7 % para o período 2024-2025, unha cláusula de revisión vinculada ao IPC real e melloras sociais históricas, como o recoñecemento profesional das camareiras de piso, que a partir de 2027 ascenderán de categoría en hoteis de 3 a 5 estrelas.

    convenio hostalaría Coruñaconvenio hostalaría Coruñaconvenio hostalaría Coruñaconvenio hostalaría Coruñaconvenio hostalaría Coruñaconvenio hostalaría Coruñaconvenio hostalaría Coruña

  • Lamentamos que o novo récord de turismo en Galicia non se traduza en mellor emprego

    Con motivo do Día Mundial do Turismo, CCOO Servizos lamentamos que o novo récord de turismo en Galicia non se traduza en mellor emprego. Os datos dun estudo realizado polo noso sindicato amosan que o verán de 2025 pechou cunhas cifras moi positivas, mais o pulo no sector non veu da man dunha mellora proporcional das condicións laborais. Moi pola contra, as cifras que hai unha maior concentración de traballadores e traballadoras en cada establecemento do sector e unha intensificación das cargas de traballo, coas consecuencias que iso ten a nivel de saúde.

    O estudo de CCOO recolle que máis de 1,9 millóns de persoas viaxaron pola comunidade autónoma, o que supón 41 432 visitantes máis que no mesmo período de 2024 (+2,2 %). En paralelo, o sector ocupou 70 870 persoas fronte as 69 260 do ano anterior, isto é, unha suba 1610 traballadores e traballadoras (+2,3 %). Porén, a mellora do emprego prodúcese malia a caída no número de establecementos abertos: en agosto de 2025 funcionaron 1827, fronte aos 1896 rexistrados en agosto de 2024. 

    Aínda co reforzamento do cadro de persoal, non se conseguiu absorber a sobrecarga derivada do incremento da demanda. As consecuencias recaen especialmente sobre colectivos vulnerables, como as camareiras de piso, maioritariamente mulleres migrantes de máis de 45 anos e con baixa cualificación. Mentres tanto, a rendibilidade hoteleira medrou: en agosto, a tarifa media diaria incrementouse un 6,22 % respecto ao mesmo mes de 2024, o que evidencia que os beneficios crecen canda a precariedade.

    Situación dos convenios da hostalaría

    No conxunto do Estado, máis de 39 millóns de persoas viaxaron por España este verán, o que supón 949 000 máis que en 2024 e 2,6 millóns máis que no verán previo á pandemia de 2019. Estas cifras amosan que a demanda turística continúa en expansión, pero tamén indican que non se acompaña de melloras laborais suficientes.

    O contraste é evidente nas negociacións colectivas. Na provincia da Coruña, o convenio da hostalaría permanece bloqueado desde comezos de ano, o que deu lugar a diversas mobilizacións —a última, o venres en Santiago—. Pola contra, en Pontevedra asinouse recentemente un convenio provincial para 2024-2025 con avances salariais e sociais. A isto engádese o sobrecusto da vivenda en zonas turísticas, que erosiona o poder adquisitivo de quen reforza os cadros de persoal durante a tempada alta.

    Reforzar o emprego

    CCOO Servizos coidamos imprescindible reforzar o emprego nos picos de actividade para aliviar as cargas de traballo; avanzar cara a un pacto da industria hoteleira que aposte pola calidade laboral, a formación continua e os plans de carreira profesional; e impulsar medidas de sostibilidade social e ambiental que inclúan, por exemplo, taxas turísticas destinadas a financiar servizos públicos en destinos saturados e certificacións de turismo responsable.

    Só a través dun modelo sostible, con emprego digno e condicións de vida equilibradas entre residentes e visitantes, Galicia e España poderán manter a súa competitividade internacional e garantir que o turismo sexa un verdadeiro motor de benestar social, conclúe CCOO.

    Informe turismo de verán 2025

  • CCOO reclamamos á Xunta medidas urxentes e compromiso co futuro do CTAG

    Reunión entre CCOO e a Xunta de Galicia polo CTAG

    Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2025.
    O secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia, Iván Cordeiro Fernández-Noriega, xunto coa secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez Álvarez, e representantes da sección sindical de CCOO no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), mantivemos unha reunión coa Xunta de Galicia para abordar a situación actual do centro.

    Na xuntanza participaron por parte do Goberno galego Pablo Fernández López (secretario xeral de Emprego), Covadonga Toca Carús (directora xeral do IGAPE) e Zeltia Lado Lago (directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego).

    CCOO alertamos sobre a perda de proxectos e os despedimentos no CTAG

    Durante o encontro, CCOO trasladamos a nosa preocupación pola perda de proxectos estratéxicos e polos 23 despedimentos executados nos últimos meses. Estes recortes supoñen unha descapitalización sen precedentes nun centro que, en máis de 20 anos de traxectoria, nunca afrontara unha crise similar.
    Lembramos que parte destas dificultades están ligadas á redución de encargas por parte dalgunhas empresas do padroado.

    Propostas de CCOO para garantir o futuro do CTAG

    Ante este escenario, CCOO reclamamos á Xunta:

    • Axilizar as liñas de financiamento público para dar resposta inmediata ás necesidades do centro.

    • Impulsar novos proxectos estratéxicos que aseguren estabilidade e futuro.

    • Apostar por novas áreas de negocio e reforzar o papel do CTAG como motor tecnolóxico e innovador da automoción en Galicia.

    Advertimos de que non abonda con medidas de curto prazo: é preciso un compromiso firme para consolidar o futuro do centro.

    Resposta da Xunta de Galicia

    A representación da Xunta expresou a súa vontade inequívoca de colaboración e subliñou que para o Goberno galego o CTAG é un centro estratéxico que “non se vai deixar caer”.
    Ademais, comprometeuse a explorar fórmulas de apoio que dean resposta ás necesidades inmediatas e consoliden a súa viabilidade a longo prazo.

    CCOO comprometémonos co persoal do CTAG

    Desde CCOO seguiremos defendendo o cadro de persoal con firmeza e responsabilidade, e reclamando a implicación de todas as partes para que o CTAG siga sendo referencia de innovación e emprego cualificado en Galicia.