Categoría: Accion sindical

  • As traballadoras e traballadores dos centros de chamadas maniféstanse na Coruña en defensa do seu convenio

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia informa de que as traballadoras e traballadores dos centros de chamadas (contact center) se manifestarán na Coruña o venres en defensa do seu convenio colectivo. Segundo o sindicato, as negociacións están bloqueadas por mor da actitude da patronal. A mobilización partirá do Obelisco e rematará na praza de Mina, pasando o seu percorrido por diante das principais empresas do sector e dos seus grandes clientes.

    Deste xeito, a marcha transitará por diante das instalacións de centros de chamadas como Teleperformance, Konecta, Gestión C, Prosegur Avos ou DXC Techonology, así como das oficinas de Abanca, Santander, BBVA, Caixabank ou R Cable, principais destinatarias en Galicia dos seus servizos. Ler máis

    Segundo CCOO, o sector dos centros de chamadas emprega en Galicia a máis de dez mil persoas cuxo convenio leva caducado máis de dous anos —expirou o 31 de decembro do 2019— e os salarios conxelados.

    CCOO-Servizos lembra que, debido á pandemia, o sector experimentou unha «excepcional» carga de traballo, permitindo que empresas consideradas esenciais puideran xestionar servizos «vitais» e mantiveran a atención ao público. Malia o esforzo realizado, nin sequera se lles retribuíron os gastos derivados do teletraballo, denuncia Comisións.

    O bloqueo das negociacións débese, segundo CCOO, á pretensión da patronal de «desvalorizar cada vez máis as condicións laborais neste sector, xa de seu precarias»». O sindicato denuncia que as empresas do sector e os seus clientes —a meirande parte cotizando no IBEX-35— leven anos incrementando facturación e beneficios, mentres as traballadoras e traballadores perciben salarios «en niveis do SMI e perdendo poder adquisitivo pola conxelación salarial e a inflación».

    Convocatoria

    –  Día: venres, 18 de marzo de 2022

    –  Hora: 11:30

    –  Lugar: saída do Obelisco e remate na praza de Mina, na Coruña

    – Asunto: o sector dos centros de chamadas maniféstase na Coruña en defensa do seu convenio

  • Lento avance no convenio de Comercio Alimentación Coruña

    Discutimos sobre os novos modelos de contratación e a aplicación da reforma laboral para conseguir unha maior estabilidade da contratación indefinida. Aínda que para nós este tema é moi importante, desde logo non pode ser o único en que centrar a negociación.

    Demos tamén contestación a algunha das propostas da patronal:

    • Non podemos asinar, como pretenden, un convenio a 8 anos coa incerteza actual e sen un compromiso de mantemento do poder adquisitivo se o IPC segue polas nubes.

    • Non cremos necesario incrementar os períodos de proba para as novas contratacións.

    • Non estamos dacordo no tratamento que pretenden dar a algunhas licenzas.

    • E o que é incocebible a estas alturas é que sigamos sen saber que pretenden propor como incremento salarial.

    CCOO entenderá un intento de paralizar a negociación de forma inxustificada se na próxima reunión que se celebrará o día cinco de abril, a patronal non trae unha proposta de incremento salarial,

    Xa é hora de que a patronal saia do seu inmobilismo, de que aporte unha proposta salarial e de empece a falar con seriedade doutros temas importantes como por exemplo:

    • Xornada de traballo: Redución Xornada Anual, Xornada Continua.

    • Fins de Semana de Calidade: Garantir un Mínimo Anual.

    • Licenzas Retribuidas: Melloras e recoñecemento real de parellas de feito.

    • Eliminación do Grupo IV: Que se usa para reducir salarios inxustificadamente.

  • CCOO informa dun novo impagamento de nóminas en Abante BPO Lugo e presenta unha denuncia na Inspección de Traballo

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia denuncia que continúan os incumprimentos de Abante BPO Lugo no que respecta ao pagamento dos salarios. Segundo o sindicato, a día de hoxe a empresa aínda non pagou a extra de decembro nin tampouco a nómina ordinaria do mes de febreiro. CCOO amosa a súa preocupación polo rumbo de Abante ante a «nefasta xestión» da súa dirección, o que lle valeu ata o momento dúas denuncias na Inspección de Traballo.

    Desde que os actuais xestores se fixeron cargo de Abante, o comité só conseguiu reunirse en dúas ocasións coa dirección. A primeira, o pasado 13 de decembro, cando se anunciou a compra. A segunda, o 3 de febreiro, cando a dirección informou de que estaba a facer as xestións oportunas para poder pagar a extra de decembro, non aboada «por problemas de liquidez».

    Constatado tamén o atraso no pagamento da mensualidade de febreiro, a sección sindical de CCOO tentou poñerse en contacto coa empresa en reiteradas ocasións para instala a reunirse co comité. A resposta foi que se estaban a facer «esforzos» para o pagamento e declinando convocar xuntanza ningunha.

    Ante esta situación, CCOO presentou unha nova denuncia na Inspección de Traballo, que se suma á interposta xa o pasado mes de decembro.

  • Convenio Comercio Téxtil Ourense: Tardes do 24 e 31 de decembro e asuntos propios

    O día 25 de febreiro reuniuse a comisión paritaria do convenio colectivo comercio téxtil da provincia de Ourense coa finalidade de chegar a acordo sobre a interpretación dos seguintes artigos: Ler máis

    Art. 7 e 10, Traballo das tardes do 24 e 31 de decembro: A Comisión Paritaria no exercicio da súa función de interpretar o contido do convenio, segundo o previsto no apartado a) do artigo 36 do convenio colectivo, di por unanimidade que a referencia ao comezo dos efectos económicos do artigo 7 só se refire ao salario, e dado que o traballo o 24 e 31 de decembro ten un artigo que o regula especificamente, debe regularse en función do pactado expresamente para eses días, que era, neste caso, que a partir de decembro de 2021, as horas que se traballen a partir das 16:00 horas os días 24 e 31 de decembro terán unha recarga de 10€/hora efectiva traballada".

    Art. 12,- Xornada Laboral: "……. Os traballadores afectados por este convenio terán dereito en 2022 a tres días laborables e non recuperables, como consecuencia da aplicación do calendario laboral. Estes días fixaranse de común acordo entre a empresa e os traballadores. A falta de acordo, os traballadores terán dereito a gozar en 2022 os días 7 e 14 de novembro e 28 de novembro. De gozarse noutras datas non serán acumulable a vacacións, ou festivos, nin se poderá solicitar coincidindo cos períodos de máis venda para o comercio."

    Até a firma do convenio con vixencia 2021-2022, o persoal tiña dous días e medio libres e só respecto dese medio día, o convenio dicía que non era acumulable a vacacións, festivos ou datas de máis venda. Tras sometelo a deliberación a Comisión Paritaria acordou que:

    Dos tres días de asuntos propios que ten o persoal, un deles non poderá acumularse a vacacións, festivos ou períodos de máis vendas para o comercio. Negociándose en calquera caso as datas da súa goce de común acordo coa empresa.

  • Traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo concentráronse hoxe para esixir a súa subrogación ou que os indemnicen

    Traballadores e traballadoras do Hotel Balneario do Tremo, no concello de Brión, concentráronse hoxe, 26 de febreiro, para esixir a súa subrogación ou ben que os indemnicen pola rescisión dos seus contratos. A protesta tivo lugar fronte ao propio hotel entre as 13 e as 14 horas.

    Segundo CCOO, sindicato que asesora os traballadores, a empresa —anteriormente denominada Hotel Balneario de Compostela— pechou a comezos do ano 2021 no marco dun procedemento concursal previo á liquidación da sociedade. Contaba nese momento cun cadro de persoal de aproximadamente trinta persoas.

    O proceso concursal pechouse o 21 de maio. Menos dun mes despois, o 17 de xuño, rexístrase a nova sociedade Hotel Balneario do Tremo, que se fai cargo das instalacións e contrata só unha parte do persoal que previamente había, sen subrogarse nas súas condicións de traballo.

    CCOO apoia os traballadores e traballadoras nas súas reivindicacións, esixindo que a nova sociedade —que comparte mandatarios, apoderados, socios e colaboradores do grupo de empresa matriz da anterior— se faga cargo das obrigas adquiridas pola empresa extinguida. En resumo, que readmita a totalidade do persoal ou ben proceda ao pagamento da indemnizacións correspondentes a un despedimento improcedente.