Categoría: Accion sindical

  • A patronal de Contact Center resístese a aplicar a Reforma Laboral

    O 21 de febreiro levouse a cabo unha asemblea de delegados/as do sector de Contact Center de Galicia na que interviron a secretaría xeral da Federación de Servizos de Galicia, Lucía Trenor, o secretario de acción sindical Juan Zas, o responsable do sector de Contacr Center en Galicia Xosé González, e o responsable de Servizos Técnicos Iván Cordeiro.

    Nas intervencións expuxéronse ante os participantes, delegados e delegadas do sector en todas as provincias da comunidade autónoma, temas de total actualidade no sector, tales como:

    • Situación da negociación colectiva no Contact Center.
    • Calendario de mobilizacións para defender a plataforma sindical.
    • Importancia do labor da Representación Legal das Persoas Traballadoras RLPT nas empresas.
    • Afectación dos últimos decretos do Goberno: Reforma Laboral; Plans de Igualdade e Auditoría Salarial; Salario Mínimo Interprofesional.

    Ler máis

    Durante a asemblea realizouse un debate sobre os temas abordados, con participación das persoas asistentes nos cales se lembrou a importancia de facer chegar ao persoal a necesidade de participar nas mobilizacións que se van a levar a cabo durante o mes de marzo para conseguir o obxectivo marcado: un convenio colectivo que acabe coa precariedade do sector.

    Estas mobilizacións empezaron hoxe cunha concentración ante o Hotel Ritz de Madrid, hotel de Gran Luxo 5 estrelas, onde con total desvergoña, a patronal do sector, CEX, decidiu realizar o seu congreso. Todo isto mentres pretende coas súas propostas de convenio, condenar a un persoal profesionalizado e responsable á precariedade e a cobrar salarios coincidentes co SMI.

  • Convenio comercio alimentación Coruña: Nova decepción

    Pouco que dicir na nova reunión da mesa do convenio celebrada onte mércores, e nova decepción: A patronal propón un Convenio de “estabilidade” que dure 8 anos sen ningunha proposta de incremento salarial.

    En CCOO preguntámonos para quen é a “estabilidade” cando a pretensión é que dure 8 anos nos que nada se poderá negociar nin mellorarse ademais de non aceptar moitas das nosas propostas: Ler máis

    • Pretenden que durante 8 anos sigamos tendo a maior xornada anual 1812 horas ao ano, cando o resto xa baixa das 1790.
    • Que mentres o resto do sector empeza a contemplar fins de semana de descanso de calidade, con sábados e luns libres ao ano, nós esteamos 8 anos sen poder negocialo.
    • Que durante 8 anos as xornadas sigan sendo partidas e non adquirir o compromiso de que o persoal poida conciliar a súa vida laboral e familiar con xornadas continuas.
    • Seguir contratando durante 8 anos á xente no nivel máis baixo de salarios en lugar do que lle corresponde pola función que vai realizar.
    • Queren seguir durante 8 anos dando a imaxe de empresas que están na época das cavernas asinando o rexistro da xornada nun papel, ou non querendo xestionar a transición dixital que está a afectar en todo o comercio, e tampouco abordar como xestionalo para evitar que afecte os empregos.
    • E aínda que non o sabemos, porque teñen medo ou vergoña de dicilo, supoñemos que pretenden unha subida salarial “raquítica”, que non permita revisión de IPC e que durante 8 anos poda abocar á miseria e á precariedade o persoal, cobrando soldos próximos ou iguais ao salario mínimo interprofesional en empresas que están nos postos máis altos do ranking por ganancias millonarias no sector.

    Desde CCOO, preguntámoslles se queren persoais profesionalizados, cualificadas e ben remuneradas, ou 8 anos de “estabilidade” nos seus gastos de persoal e nos beneficios sociais para incrementar as súas ganancias empresariais.

  • CCOO esixe aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia

    Comisións Obreiras (CCOO) inicia unha campaña co obxectivo de aproveitar o pulo da reforma laboral para reducir a precariedade da hostalaría en Galicia, unha situación que padecen de maneira especial as mulleres. Para CCOO, non hai escusas para non reducir as taxas de traballo temporal, de contratación a tempo parcial ou de horas extras non remuneradas. Neste punto, o sindicato advírtelles ás empresas que «traballar gratis é escravitude». Ler máis

    A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, considerou moi acaída no tempo a presentación desta campaña, xusto no día a seguir da aprobación da reforma laboral que se pactou no diálogo social. «Este sector é un exemplo da precariedade que esta reforma vai corrixir», apuntou. «Non podemos consentir que se minusvalore un sector tan importante como é a hostalaría. Non son traballadoras ou traballadores de segunda», insistiu a sindicalista.

    En relación coas críticas ao texto aprobado, a secretaria xeral de CCOO asegurou que «a realidade vai colocar a cada un no seu sitio», en especial «a aqueles partidos que se din de esquerdas e votaron en contra».

    Precariedade con rostro de muller

    Segundo a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, a hostalaría recuperou practicamente os niveis de actividade previos á pandemia, pero aínda falta por recuperar o mesmo volume de emprego, principalmente polo uso abusivo dos contratos temporais e a tempo parcial, así como a prorrogación das xornadas laborais. Actualmente, o 45 % dos contratos no sector son temporais e o 29 % do persoal traballa a tempo parcial, moi por riba do promedio doutros sectores —25 e 16 %, respectivamente.

    A precariedade e baixos salarios teñen, ademais, rostro de muller. «Un home en calquera sector cobra o que dúas mulleres na hostalaría», denunciou.

    Patronais reaccionarias

    O secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, Juan Zas, relatou as dificultades con que bate a negociación colectiva neste ámbito, principalmente debido ás actitudes «reaccionarias» dalgunhas patronais.

    Como exemplo, sinalou a actitude abertamente contraria dalgunhas empresas a que se negocien cuestións «tan básicas» como protocolos contra o acoso sexual no traballo. «Se se opoñen a algo tan elemental, xa non falemos de que nos dean acceso aos rexistros retributivos para combatermos a discriminación salarial contra as mulleres», reflexionou o sindicalista.

    Neste punto, a secretaria xeral de CCOO-Servizos foi contundente. «Se non cumpres coas túas obrigas como empresario, non podes ter unha empresa».

  • A postura da patronal do Comercio Alimentación de Coruña é inaceptable e inasumible

    Na última reunión da mesa do convenio Comercio Alimentación Coruña a patronal calificou a nosa plataforma como "inasumible" alegando os seguintes motivos:

    • A situación económica é moi mala.
    • O IPC está disparado e polas nubes.
    • Deste xeito non poderían competir coas outras empresas do sector.
    • Porque cuantificado o seu custo, o importe de todas as melloras que pedimos, está por encima do que eles pretenden gastarse en negociación do convenio. Ler máis

    Do mesmo xeito din non estar dispostos a asumir:

    •  Unha subida de salario acorde á subida do custo da vida.
    • Xornadas continuas de mañá e tarde.
    • Un número de fins de semana de calidade e descanso ao ano para compartir coas nosas familias.
    • Máis contratos de fixos de 40 horas e menos parcialidade e temporalidade.

    A posición de CCOO quedou definida coa réplica nos seguintes termos:

    1. A suba do IPC, o custo da vida, alugueres, luz, os problemas en xeral da economía, tamén afecta o persoal e de forma máis grave que á propia empresa, xa que ten que asumir todas esas subidas con baixos salarios, contratos temporais e moitas veces a tempo parcial.
    2. Non ten en conta o esforzo que está a facer o persoal nestes tempos, con risco para a súa saúde e a das súas familias, ademais da sobrecarga de traballo que significa cubrir ao compañeiro e compañeiras que caen de baixa por covid.
    3. Prodúcese un grande agravio comparativo xa que outros compañeiros e compañeiras do sector teñen xornadas continuas de mañá e tarde que lles permite conciliar a súa vida laboral ou familiar e gozan de fins de semana libres por convenio, aquí hai que rogalos ou cambialos polos días de asuntos propios. 

    Xa abonda, teñen que dedicar un montante maior de diñeiro a mellorar as condicións do persoal, porque aínda así seguirán mellorando as súas contas, segundo a información que eles mesmos publican nos medios de comunicación con records de beneficios cada ano. É a hora de facer un esforzo maior co seu persoal, ese que fai pouco era considerado indispensable pola sociedade 

  • CCOO denuncia a falta de pagamento de nóminas en Abante BPO

    CC.OO denuncia a falta de pagamento da nómina extraordinaria de decembro na empresa ABANTE BPO LUGO tras o cambio de propietarios anunciado en decembro.

    Desde o pasado 13 de decembro de 2021, despois de que o Comité de Empresa se reunise coa nova dirección, non se tiveron máis noticias por parte de ABANTE BPO LUGO. A Sección Sindical de CCOO tentou en numerosas ocasións pórse en contacto coa empresa para obter máis información sobre a súa situación real, non obtendo ningunha resposta.

    Ante o incumprimento do abono da paga extra e a falta de noticias, a Sección Sindical de CCOO procedeu a pór unha denuncia ante Inspección de traballo reclamando que se obrigue á empresa a facer fronte ás súas obrigas de pago. CCOO considera que a falta de pagamento da paga extra de decembro supón un grave prexuízo para o persoal nunhas datas tan sinaladas como o nadal e nun sector onde se cobra a xornada completa apenas 1000 euros mensuais.

    A Federación de Servizos de CCOO en Galicia ve con preocupación a situación que atravesa ABANTE BPO, empresa do sector de Contact Center que chegou a dar traballo na provincia de Lugo a máis de 450 persoas e que a día de hoxe conta con escasas 100 persoas empregadas.