Categoría: Accion sindical

  • Seguimento do 90% da folga de Bosch en Vigo

    Transcorridas xa as dúas primeiras xornadas de folga no centro de traballo de Vigo de Bosch Service Solutions, a convocatoria foi seguida por case o 90% do persoal, segundo informa o comité de empresa.

    Bosch Service Solutions é unha empresa do sector de centros de chamadas (contact center) que presta servizos a clientes como Vodafone, Repsol, Orange ou Iberdrola.

    Desde o 2019, antes da pandemia, a empresa encadeou varios ERTE que afectaron principalmente á campaña para Vodafone. A finais do pasado decembro, a empresa presentou un ERE para eses mesmos servizos, alegando unha hipotética redución de carga de traballo futura. Ler máis

    O comité negouse a negociar ese «ERE preventivo», polo que a empresa se comprometeu a retiralo sempre que a representación legal do persoal aceptase pactar unha modificación substancial das condicións de traballo para todo o persoal asignado a Vodafone.

    Novamente, o comité rexeitou a «chantaxe» proposta pola empresa. Con todo, Bosch retirou o ERE e abriu un período de consultas para a devandita modificación das condicións de traballo.

    Folga e concentración

    Ante isto, o comité decidiu convocar os case 1600 traballadores e traballadoras de Bosch (a segunda maior empresa de Vigo por cadro de persoal) a tres días de folga en defensa das condicións de traballo. As dúas primeiras tiveron lugar o mércores e venres desta semana e a terceira será o vindeiro luns, 10 de xaneiro.

    Precisamente, durante a folga do venres houbo unha numerosa concentración diante das instalacións de Bosch en Vigo, na que o persoal denunciou que a empresa pretenda deteriorar as súas condicións laborais.

  • Por que CCOO asina o convenio de Eroski?

    Como todos sabedes o pasado 28 de Xullo Fetico e UGT asinaron un preacordo para asinar un convenio cunha subida salarial do 1% ano o 2021 e 1% o 2022 na que se mantiña a non compensación e absorción de salarios por encima de 18.000€, ademais de adherirse ás nosas propostas de iniciar licenzas en días laborais.
    Desde CCOO Servizos advertimos que esa proposta era claramente insuficiente e que se poderían conseguir incrementos substanciais mantendo unha postura máis ambiciosa por parte de todos os sindicatos. Ler máis

     

    Pensaron que CCOO nos sumariamos porque segundo dicían "era o mellor aínda que non estaban do todo de acordo". Pois ben, grazas á nosa firme decisión de non asinar inicialmente e á nosa presión conseguimos:

    • Pasar dese 2% en dous anos a un 6.5% en tres cun incremento no 2022 do 2.5 % (xa superior ao asinado para toda a vixencia do acordo que se ía a asinar) ademais do 1% con carácter retroactivo a 1 de Xaneiro do 2021 e un 3% para o 2023 tamén se incrementa a 19.000 € o importe dos salarios non compensables e absorbibles.
    • Fixación do vital compromiso de empezar a negociar desde xaneiro mesmas melloras de condicións e unificación das mesmas nos distintos territorios.

    Para CCOO Servizos é un paso cara ao camiño de conseguir unhas condicións dignas nun momento en que todas as persoas que traballamos no grupo Eroski demostramos o noso compromiso nos momentos duros da pandemia, se non loitamos polos nosos dereitos ninguén nolos vai a regalar.

    Por todo isto CCOO asina o convenio: 

    • Subida Salarial: 1 xaneiro 2021: 1%, 1 xaneiro 2022: 2.5 %, 1 xaneiro 2023: 3 %
    • Contía mínima para compensación absorción  19.000€
    • Licenzas en días laborais
    • Reunións de traballo periódicas para ir negociando materias e poder introducilas no convenio

    Desde CCOO sempre mantivemos a mesma postura, como demostran os nosos comunicados, esperemos que o resto faga o mesmo.
     

  • Solitium Noroeste pretende conxelar os salarios e empeorar as xornadas de traballo

    A empresa SOLITIUM NOROESTE é na actualidade concesionaria dos Servizos de impresión documental nos xulgados de Galicia e nos hospitais do SERGAS, polo que  as 145 persoas traballadoras que forman parte do seu persoal son esenciais nestes momentos tan complicados que estamos a vivir por mor da pandemia. Ler máis

    Os sindicatos UGT, CCOO e CIG queremos denunciar publicamente o bloqueo por parte  da empresa da negociación da revisión salarial para os anos 2020 – 2021 e 2022, xa que SOLITIUM NOROESTE négase a actualizar os salarios do seu persoal desde hai dous anos, coa perda de poder adquisitivo que isto supón para eles e as súas familias, tendo en conta que o IPC para o ano 2021 pode rebasar o 5,5%. 

    Desde CCOO, CIG e UGT non convocamos ningún tipo de mobilización ata o momento,  porque crimos necesario facer un exercicio de responsabilidade, sabendo os graves problemas que suporían para a cidadanía, o bloqueo dos xulgados, xa saturados de traballo  na actualidade, e dos hospitais coa situación que están a vivir pola pandemia provocada polo Covid-19. 

    Por último, queremos trasladar desde CIG, UGT e CCOO, que ademais do Bloqueo da  Revisión Salarial, SOLITIUM NOROESTE pretende empeorar de xeito unilateral as condicións  laborais do seu persoal no referente a horarios e xornadas laborais, incumprindo o  pactado no Convenio Colectivo que se atopa en VIGOR ata o 31 de decembro de 2022. 

    Por todas estas cuestións queremos comunicar que aos tres sindicatos terminóusenos a paciencia, e que chegaremos ata onde haxa que chegar para defender o poder adquisitivo e os dereitos laborais dos 145 traballadores e traballadoras de SOLITIUM NOROESTE.

  • CCOO asina importantes melloras económicas e sociais no convenio de comercio téxtil de Ourense

    A Federación de Servizos de CCOO asinou hoxe canda outras organizacións o convenio do comercio téxtil da provincia de Ourense 2020-2022. Comisións, sindicato con máis representación na mesa de negociación, salienta que o novo convenio recolle un incremento salarial do 5 %, o que vai permitir rematar coa conxelación de salarios que padecía o persoal. Ademais do aspecto económico, conséguense importantes melloras sociais en cuestións como as licenzas, excedencias ou clasificación profesional. Ler máis.

    Canto a este último punto, pactouse a promoción automática aos tres desde a categoría de auxiliar de dependenta a dependenta. «Isto vai significar tamén un incremento económico para moitas traballadoras e remata cunha longa discriminación», apunta CCOO.

    O novo convenio tamén actúa na contratación a tempo parcial, de xeito que os contratos que sigan esta fórmula deberán ser dun mínimo de trinta horas semanais —agás excepcións como a garda legal—, o que tamén significará elevar o nivel de ingresos das persoas así empregadas.

    Outras melloras son o aumento do pagamento da nocturnidade e a creación dun complemento para compensar o traballo realizado os días 24 e 31 de decembro.

    Como novidade, o texto introduce artigos como a obriga de entrega de uniforme —non estaba recollido e resultaba especialmente incomprensible no sector téxtil—, a desconexión dixital —para evitar comunicacións fóra da xornada laboral— e o rexistro de xornada —para un maior control do uso abusivo das horas extraordinarias.

    Nota informativa

    Noticia en La Voz de Galicia

    Noticia en Faro de Vigo

  • CCOO ponlle nome á precariedade e explotación laboral no comercio: «traballar gratis é escravitude»

    A Federación de Servizos de CCOO inicia en todo o Estado unha campaña para denunciar a precariedade e as cargas de traballo «extremas» no sector do comercio. En Galicia, segundo o informe que o sindicato presentou este martes, esta rama da actividade está marcada pola temporalidade e, sobre todo, o predominio da xornada parcial. Todo isto, malia que foi considerado un sector considerado «esencial» durante a pandemia, o cal non se traduciu nunha mellora das condicións laborais. Ler máis

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Amelia Pérez, explicou que a precariedade laboral e o abuso da contratación a tempo parcial predominan nas grandes empresas, «grandes cadeas de moda que nestes intres amplían horarios, modifican horarios, recorren a horas complementarias» porque hai un marco normativo que llelo permite.

    Neste sentido, a dirixente sindical sinalou que «é imprescindible a derrogación da reforma laboral», para modernizar o mercado de traballo como para «eliminar dunha vez» a precariedade, especialmente o fenómeno da pobreza laboral «que padecen moitos traballadores e traballadoras que, a pesar de teren un emprego, non conseguen chegar a fin de mes».

    A secretaria xeral de CCOO, concluíu afirmando que o «necesario» cambio de modelo produtivo do país ten que ir da man dunha mellora das condicións de traballo, especialmente no sector do comercio.

    Pola súa parte, a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, sinalou que a precariedade no comercio prexudica de xeito especial as mulleres, pois é un sector altamente feminizado. Hai un abuso na figura dos contratos de xornada parcial, que en máis da metade dos casos obedecen a unha decisión da empresa por non ofertar unha xornada completa.

    A sindicalista demandou que o carácter «esencial» que se lle outorgou ao persoal desde o comezo da pandemia se traduza en condicións laborais dignas. Esixiu que se cumpran todas as condicións laborais e salariais, que se respecte o descanso diario e semanal, políticas de contratación baseadas na estabilidade, melloras en prevención de riscos, a ampliación de persoal cando haxa máis carga de traballo, racionalización dos horarios comerciais e investimento en formación para unha transición dixital xusta.

    Trenor tamén demandou que as empresas retribúan o tempo adicional traballado para a apertura e peche dos establecementos —é habitual ter que estar minutos antes da apertura e minutos despois do peche— e que se aboen todas as prolongacións de xornada. Neste sentido, foi tallante: «traballar gratis é escravitude».

    Negociación colectiva

    O secretario de Acción Sindical de CCOO-Servizos, Juan Zas, denunciou a parálise da negociación colectiva no comercio. «Hai moitas patronais que nin sequera teñen interese en sentar nunha mesa de negociación», criticou. Isto, malia que os convenios colectivos «falan de moito máis que o salario». De feito, un dos principais problemas está a ser cos sistemas de control de entrada, que en moitas empresas aínda se está a facer en papel, «que é un sistema totalmente manipulable».

    Outros puntos de conflito coas empresas son o abuso da contratación a tempo parcial, incluso cando pola carga de traballo podían ser contratos a xornada completa, ou o dereito á desconexión dixital.

    Sector número 1 en fraude na contratación temporal

    Por último, a responsable de comercio de CCOO-Servizos, Patricia Mariño, deu uns apuntamentos sobre o informe elaborado pola Inspección de Traballo tras acometer un plan de choque para reducir a fraude na contratación neste sector.

    A sindicalista salientou que o labor da Inspección se produciu tanto por iniciativa propia da autoridade laboral como polas denuncias presentadas polos sindicatos. Neste sentido, puxo en valor o «importante» papel das delegadas e delegados sindicais de CCOO á hora de asesorar os traballadores e traballadoras e poñer en coñecemento da Inspección as irregularidades detectadas.

    A principal conclusión do informe da Inspección de Traballo é que o comercio é o sector número 1 en fraude na contratación temporal, ao tempo que ocupa un dos primeiros postos canto á contratación a tempo parcial.

    Vídeo rolda de prensa

    Informe CCOO fronte a "Black Reality" do Comercio en Nadal