Categoría: Accion sindical

  • A Xunta precariza o emprego: cambia a empresa de rastrexo COVID por unha máis barata

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia lamenta que a adxudicación dun servizo esencial como o dos rastrexadores para o Sergas se tomou primando os custos sobre os aspectos técnicos.

    Segundo a documentación pública da adxudicación, a empresa que viña prestando os servizos até a data reunía unha puntuación técnica máis elevada, con todo viuse superada en puntuación na parte económica pola empresa que finalmente levou o servizo.

    Desde CCOO quérese denunciar o feito de que os principais impulsores da precariedade laboral sexan as administracións públicas. Basear a adxudicación de calquera servizo público no abaratamento de custos en lugar da calidade técnica é non velar porque se respecten as condicións laborais do persoal e acaba repercutindo na calidade dos servizos públicos.

    O sector de Contact Center ocupa a máis de 90.000 persoas en todo o Estado español e aproximadamente 9.000 na CCAA de Galicia. Desde este sector préstanse servizos esenciais como os enerxéticos, telecomunicacións, bancarios e mesmo de asistencia sanitaria en servizos como os rastrexadores, urxencias ou atención telefónica de primeiro nivel en materia de información do COVID19.

    É hora de que tanto as administracións públicas como as empresas privadas deixen de precarizar este sector, obrigando ás empresas a competir en prezos á baixa e fomentando o dumping empresarial. Débense eliminar estas políticas de adxudicacións a baixo custo xa que os últimos prexudicados son os cidadáns/as e o persoal que ve constantemente precarizadas as súas condicións de traballo.

  • Concentración e folga en Bosch Service Solutions Vigo

    O comité de Bosch Service Solucions, a segunda maior empresa de Vigo por volume de traballadores e traballadoras, convocou folga para hoxe, 16 de xullo, e tamén unha concentración diante da sede da empresa.

    Á folga están chamados os máis de 1900 empregados e empregadas da firma, que rexeitan a continua deterioración das condicións laborais.

    Entre as principais reivindicacións están o recoñecemento das categorías profesionais conforme ás funcións realizadas e sen precisar acudir ao xulgado, unha compensación xusta dos gastos ocasionados polo teletraballo desde o comezo da pandemia, rematar coa «práctica habitual» da empresa de impoñer determinados días de vacacións ou o atraso na presentación da documentación ante o SEPE para o persoal que entrou en ERTE no mes de xuño —a día de hoxe, estas persoas non teñen garantido sequera cobrar no mes de agosto.

    Imaxes da concentración

  • CCOO Servizos proponlle á Xunta medidas pola sinistralidade no saneamento gandeiro

    Unha representación da Federación de Servizos de CCOO, xunto con persoal de Tragsatec, reuniuse o pasado venres co director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Silvestre José Balseiro. Por parte do sindicato participaron a secretaria xeral de CCOO-Servizos, Lucía Trenor, a delegada de prevención de CCOO en Tragsatec na Coruña, Belén Vázquez, a delegada de CCOO e presidenta do comité da empresa en Lugo, Carmen Seoane, e o asesor en saúde laboral de CCOO-Servizos, Héctor Ortega. Ler máis

    O obxectivo da reunión foi transmitir a inquedanza e máxima preocupación do sindicato, tanto pola elevada incidencia como polos graves accidentes ocorridos nos últimos tempos no saneamento do gando vacún, preocupación compartida por ambas as partes.

    Na análise das posibles causas, a representación de CCOO achegou propostas que, na opinión do sindicato, mellorarían a seguridade dos traballadores e traballadoras en Tragsatec.

    — Lexislativas. Reformas que regulen e definan as condicións que deben cumprir as explotacións de gando vacún, tal e como existen para o resto de especies. Nomeadamente, promover a modificación da normativa estatal de ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal do gando vacún.

    — Preventivas. Seguimento das incidencias e deficiencias detectadas nas explotacións e aumento da acción inspectora da Administración. Revisar ou crear protocolos de actuación e impartir formación específica en seguridade e saúde no sector. Tamén, apoiarse no grupo de traballo do ISSGA sobre sinistralidade, do que forma parte o Gabinete de Saúde Laboral de CCOO.

    — Económicas. Difusión das axudas existentes e fomento da renovación ou instalación de novas infraestruturas que teñan como principal cometido a seguridade e a saúde, como son as mangas e as ancoraxes, entre outras.

    Desde a Dirección Xeral manifestaron a súa disposición a estudar as propostas presentadas por CCOO, sinalando que varias delas están en desenvolvemento e estudo e outras xa acordadas coa dirección da empresa. Por último, manifestaron a disposición a manter abertas canles de comunicación para afondar nas cuestións expostas, que poderán ser tratadas en novas reunións.

    Coa intención de que as medidas sexan efectivas canto antes, CCOO-Servizos porá todos os medios para avanzar nas materias propostas. Neste senso, o pasado luns, día 12, volveuse reunir o grupo de traballo do ISSGA, no cal CCOO insistiu nas súas propostas, cuxa posta en marcha ha contar coa base técnica máis rigorosa posible.

     

  • Burguer King despreza o seu persoal: irregularidades en salarios, horarios e saúde laboral

    CCOO-Servizos insta a Burger King a cumprir os dereitos do seu persoal, especificamente no que se refire ao pagamento dos salarios, quendas de traballo e protección da saúde. Este mediodía houbo unha concentración na Coruña, pero os problemas veñen de meses atrás. Durante o último ano, o sindicato convocou a empresa en diferentes ocasións para procurar solucións, pero ante a súa negativa houbo que recorrer á Inspección de Traballo.

    CCOO denunciou ante a autoridade laboral irregularidades en cadrantes horarios e tempo de traballo, así como no abono de salarios e complementos.
    Con todo, a Burger King teima na súa actitude e reincide canto ao pagamento das horas complementarias, o atraso no abono dos salarios, os horarios e calendarios, a excesiva carga de traballo pola falta de persoal, ou aspectos relacionados coa seguridade e a saúde laboral. Ler máis
     

    Estes problemas, xa de seu graves en calquera empresa, sono aínda máis nun sector tan precarizado como o da comida rápida, cun exceso de xornadas parciais que provocan salarios moi baixos e que levaron ao límite ao persoal destes centros, que ven como a empresa xoga coas súas remuneracións, utilizando a precariedade como medida de presión.

    A nova negativa da empresa a reunirse cos delegados de CCOO, representantes do persoal, é unha demostración clara e palpable dunha ineficacia absoluta na súa política de relacións laborais e non deixa outra alternativa máis que seguir denunciando esta situación ante a autoridade laboral, á vez que realizar mobilizacións que fagan saír á luz pública a grave situación que está a vivir o persoal dos centros de Burger King.
     

    Vídeo denuncia

    Imaxes das concentracións

  • Nova xornada de folga contra o «despropósito» de ERE en Caixabank

    Desde CCOO denuncian que o volume de despedimentos que pretende realizar a empresa non está xustificado, xa que «é imposible atender a rede coa redución de persoal que se pretende».

    O sindicato tamén rexeita que as extincións de emprego sexan forzosas, máis aínda cando se trata dunha empresa con beneficios «e das máis produtivas do país», polo que tampouco ten necesidade de reducir custos.

    O último paso dado por Caixabank foi o de «endurecer a súa proposta», tanto pola nova distribución provincial como polos topes para saír entre os 55 e os 52 anos —o que aumentaría a cifra de despedimentos forzosos.

    «É un despropósito que, despois de dous meses de negociación, teñamos que vernos obrigados o ultimo día a manter convocada a segunda xornada de folga porque se endureceu a formulación nos excedentes ,cando este é ademais o motivo principal do desacordo», denuncia CCOO.

    Vídeo do manifesto