Categoría: Accion sindical

  • Asinado o Convenio Comercio-Alimentación de Pontevedra

    O pasado venres 18 asinamos o convenio de Comercio Alimentación da Provincia de Pontevedra. Este novo convenio mantén o anterior convenio excepto nos seguintes aspectos:

    • Ámbito territorial, persoal e funcional, no que se mellora a redacción para garantir a inclusión de tódalas actividades de comercio alimentación e gandería.

    • Promoción profesional. Inclúese a promoción aos tres anos das categorías de telefonista, persoal de limpeza, axudante do grupo C, que comezarán a promocionar a partir do 1 de xaneiro de 2021, e a categoría de profesional de oficio de 2ª – Chofer de 2ª para as que se crea unha nova categoría de promoción, estas a partir do 1 de xaneiro de 2023.   Ler máis

     

    • Creación dunha comisión para tratar ao longo da vixencia do convenio as cuestión referidas sobre todo a clasificación profesional (definición das categorías profesionais, inclusión das categorías de seccións) e xornada, ademáis da que obriga a lei e atingue aos Plans de Igualdade, transparencia retributiva e fenda salarial.

    • Seguro de vida por accidente laboral de 12.000 €

    • Incremento salarial en tódolos conceptos: (Adxuntamos as táboas)

    • Ano 2020: 1% con caracter retroactivo a 1 de xaneiro

    • Ano 2021: 1,5%

    • Ano 2022: 1,5%   

    Tras asinar o convenio o seguinte paso é que sexa revisado pola Consellería correspondente e que se publique no boletín para a súa aplicación definitiva. Nesta ocasión e debido a que a patronal se negou a facer no día da sinatura ningún cambio sobre o acordado con o AGA, temos claro que nos veremos obrigados a facer modificacións en artigos que non se axustan á legalidade polo que o texto definitivo non o teremos ata que sexa publicado.

    Como sempre, CCOO poñémonos a disposición das persoas traballadoras do sector, para que as condicións recollidas no convenio se cumpran. Temos claro que non podemos relaxarnos unha vez acadado o acordo, e que calquera convenio non é bo nin malo por si mesmo, senón porque realmente se aplique.

    En canto comece o ano 2021 temos que por en marcha a comisión para, como cuestión principal, regular as categorías profesionais. É preciso profesionalizar o sector e eso pasa por marcar as funcións das diferentes categorías e creas as categorías de seccións.

    Podes consultar os artigos actualizados do convenio no PDF adxunto

    Artigos actualizados e táboas salariais

  • Solucionado o problema dos contratos posteriores ao 17 marzo en situación de ERTE

    Con respecto ao problema das persoas traballadoras con alta na empresa posterior ao 17 de marzo de 2020, ás que se lles denegou a prestación de desemprego e, ademais, ao entrar en ERTE teñen que xestionar elas mesmas e individualmente o cobramento da súa prestación, COMUNICAMOS:

    • Que desde que detectamos o problema o pasado 20 de novembro, traballamos para que desde a Administración, SEPE, se dea unha solución ao problema de desamparo e indefensión en que quedaba a xente afectada por este grave problema.

    • Que, tras estas xestións, temos coñecemento de que con data do 6 de decembro de 2020, a Dirección Xeral de Traballo emitiu un ditame que soluciona o problema, indicándolle ao SEPE que debe recoñecerse o dereito ao cobramento das prestacións por desemprego ás persoas traballadoras afectadas, aínda que carezan do período de ocupación cotizado mínimo necesario.

    • Tamén se entende neste ditame que o propio SEPE xestionará, de forma automática e sen necesidade de reclamación previa, a resolución positiva das prestacións que por este motivo fosen denegadas durante as pasadas datas.

    Animámosvos a que, se pasados uns días o SEPE non vos comunica esta resolución positiva ao cobramento de prestación, vos poñades en contacto coa asesoría de CCOO para realizar as reclamacións oportunas.

     

  • Protestas en Unitono Ourense para reclamar teletraballo

    Na actualidade, UNITONO é o único provedor de MAPFRE CETEX que ten a todos os seus axentes traballando en plataforma a pesar de estar nunha situación de pandemia mundial.

    As cinco seccións sindicais que conforman os comités de Ourense e Madrid (UGT, CCOO, CIG, CGT e USO), interpuxeron unha SIMA para tentar chegar a un acordo coa empresa para activar novamente o teletrabajo para este servizo, recollendo así o sentir de todos os traballadores e traballadoras que ven perigar a súa saúde compartindo salas e espazos comúns sen a seguridade necesaria. Ler máis

    O SIMA finalizou sen acordo posto que Unitono, que pertence ao grupo GSS Covisian, négase á posibilidade de facilitar de novo o teletraballo de maneira voluntaria ás traballadoras e traballadores, cando en marzo se activou de forma inmediata e sen problemas. UNITONO considera a volta ao teletraballo na plataforma de Madrid, pero en Ourense néganse rotundamente.

    En vista de que a empresa segue sen pór a saúde dos seus traballadores/as por encima doutras cuestións, convocamos paros parciais dunha hora tanto na plataforma de Ourense como na de Madrid para as seguintes datas:  MÉRCORES 9 de decembro, LUNS 14 de decembro, LUNS 21 de decembro, LUNS 28 de decembro.

    Os horarios dos paros convocados son: De 11.00h a 12.00h en quenda de mañá, de 18.00h a 19.00h en quenda de tarde

    Pedimos que deixen de tratarnos como traballadores de segunda e se UNITONO segue sen apostar por Ourense reservarémonos o dereito de adoptar calquera outra actuación na defensa do noso traballo e a nosa saúde.

    Necesitamos que TODOS os compañeiros dos dous centros secunden os paros e estean unidos, porque hoxe é Mapfre Cetex pero mañá pode ser outro servizo.

    DEFINITIVAMENTE, UNITONO PÁRASE!!!

  • O teu contrato é posterior ao 17 marzo e estás ou estiveches en ERTE? Contacta con nós!

    Como comunicamos anteriormente a administración diferenciou entre dous colectivos de traballadores e traballadoras afectados por ERTEs:

    1.- Con alta na empresa anterior ao 17 de marzo de 2020, persoas que teñen recoñecido o dereito a cobrar a súa prestación aínda que non teñan o período mínimo cotizado de 180 días e cuxo cobro se xestionará de forma colectiva pola empresa.
    2.- Con alta na empresa posterior ao 17 de marzo de 2020, persoas que non teñen recoñecido o dereito á prestación se non cotizaron un mínimo de 180 días e ademais ao entrar en ERTE teñen que xestionar elas mesmas e individualmente o cobro da súa prestación.

    Desde CCOO entendiamos que esta decisión deixaba en total desamparo a un importante colectivo de persoas co correspondente prexuízo e discriminación e por iso nos diriximos á Administración do Estado para que actuase e rectificase para igualar as condicións de acceso á prestación destes dous colectivos.

    Aínda que non temos contestación oficial respecto da carta que neste sentido enviamos o venres pasado á Administración, ante a gravidade do problema desde CCOO seguiremos insistindo para que as medidas solicitadas sexan aceptadas o máis axiña posible, con urxencia e por tanto se recoñeza o dereito ao cobro das novas prestacións, ademais de tramitar as previamente denegadas e as pendentes, e que tamén se admita a inclusión nas relacións colectivas de ERTEs entregadas polas empresas.
    Pedímosvos que esteades pendentes dunha posible comunicación do SEPE neste sentido, á vez que vos lembramos que desde a asesoría de CCOO estamos á vosa disposición para calquera aclaración ou reclamación respecto deste tema.
     

  • CCOO esíxelle ao Concello de Santiago a adopción de medidas inmediatas para axudar as pemes

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia, que engloba os sectores de hostalaría e comercio, especialmente afectados pola pandemia, e a Unión Intercomarcal de CCOO de Santiago-Barbanza, esíxenlle ao Cocnello de Santiago a adopción de medidas inmediatas para axudar as pemes. A proposta sindical realízase sen prexuízo do diálogo establecido no Consello Económico e Social e no Plan Compostela Móvese Covid-19. Ler máis

    Así mesmo, ambas as dúas organizacións de CCOO dirixíronse por carta a todos os concellos das comarcas de Santiago e Barbanza pedíndolles que acorden medidas para o emprego na hostalaría e no comercio nos seus respectivos municipios.

    CCOO coida que a precaria situación en que se atopan as pemes e autónomos tamén repercute moi negativamente na situación do persoal asalariado. Para o sindicato é unha «prioridade absoluta» evitar que se perda tecido empresarial, polo que se propón apostar por mecanismos de financiamento, axudas, moratorias e liquidez, que permitan o sostemento das empresas, maioritariamente de autónomos e pemes, pero en termos recíprocos: as empresas deben comprometerse a soster o emprego.

    CCOO considera que hai que incidir prioritariamente en: axudas a contratación; renegociación dos alugueres; dixitalización; axudas ao turismo; adiamento, reducións ou eliminación temporal dos impostos locais, ou fomento do consumo da hostalería e comercios locais.

    Segundo CCOO, estas axudas deben ir ligadas a unha serie de requisitos por parte das empresas: non estar sancionadas pola inspección de traballo; estaren ao día coas nóminas e obrigas con Facenda e Seguridade Social; a obriga de ter medidas de seguridade; así como o fomento da igualdade, da conciliación e da non discriminación.