Categoría: Accion sindical

  • CCOO asina un acordo para reforzar as medidas preventivas e compensar o persoal de Lidl polo esforzo realizado durante o estado de alarma

    Tras a folga convocada en solitario por CCOO-Servizos, a dirección de Lidl España rectificou e decidiu sentar a negociar co sindicato. O resultado é un acordo que reforza as medidas de prevención nos centros de traballo da cadea de supermercados e compensa tamén o esforzo realizado polo persoal desde que se estableceu o estado de alarma. Ler máis

    Entre as medidas preventivas cabe destacar o compromiso da empresa por controlar a cabida das tendas e a creación dunha comisión de seguimento COVID-19 para xestionar os posibles brotes e actuar en consecuencia. Por outra banda, chegouse tamén a un acordo para xestionar as horas negativas, isto é, as horas en que non se puido traballar pola redución do horario das tendas durante o estado de alarma.

    CCOO-Servizos valora de forma moi positiva este acordo, tanto polo seu contido, como por representar a finalización deste conflito colectivo e o cambio de actitude da empresa. Lidl ten aproximadamente oitocentos traballadores e traballadoras en Galicia e CCOO é o sindicato maioritario, con 16 delegados e delegadas, que supoñen a metade da representación sindical na empresa.

    Acordo Covi19 LIDL

  • Teletraballo, veu para quedar. Desconexión dixital

    O teletraballo é unha forma de organización e prestación do traballo que responde tanto á innovación e implementación das novas tecnoloxías da información e a comunicación, canto aos requirimentos de maior flexibilidade organizativa nunha contorna cambiante.

    A esta forma flexible de organización é frecuente atribuírlle extraordinarias capacidades en orde a mellorar as necesidades, sexa de conciliación da vida laboral e familiar, de flexibilidade, de produtividade, sexa, mesmo, de incrementar a activación de colectivos especialmente vulnerables, como serían as persoas con discapacidade

    O teletraballo non é apto para todo tipo de traballos, senón que só é posible para aquelas tarefas teletraballables, é dicir, aquelas que poden realizarse a través de medios tecnolóxicos.

    Aínda que, aos comezos nos que se empezou a falar e implantar este modo de traballo se previron unhas grandes expectativas de desenvolvemento e implantación, e a pesar da maior dispoñibilidade de medios tecnolóxicos cada vez máis avanzados, non tivo o desenvolvemento previsto. O porqué non se cumpriron esas expectativas é un tema controvertido, prognosticábase en moitos foros e investigacións un gran número de persoas teletraballando nun limitado espazo de tempo que despois non chegou a cumprirse, chegouse a supor que o teletraballo podía supor unha revolución nas formas de organizar o traballo, pero isto non chegou a materializarse. Os expertos din que un dos principais factores para que non se alcanzaron as cifras prognosticadas xorde pola falta de formación, malestar pola xestión nas empresas dos programas flexibles de traballo e á escaseza de información.

    Aínda que a porcentaxe de persoas teletraballando vai en aumento, parece que até agora moitas empresas se resistiron a adoptar medidas dirixidas á adopción do teletraballo.

     

    Informe completo: Teletrabajo, ha venido para quedarse Desconexión digital

  • CCOO consegue a mellora de condicións de case 500 traballadores e traballadoras de Prosegur AVOS en Galicia

    A Federación de Servizos de CCOO consegue a mellora de condicións laborais de case 500 traballadores e traballadoras de Prosegur AVOS en Galicia. Esta semana asinouse na Audiencia Nacional o acordo que remata co conflito colectivo iniciado en 2018 e que implica importantes novidades para todo o persoal, algo máis de 400 persoas na Coruña e máis de 80 en Vigo.

    Mediante este acordo, queda sen efecto o convenio de empresa con data retroactiva ao 1 de xuño deste ano, pasando todo o persoal a rexerse polo convenio estatal de centros de chamadas (contact center), o que implica subas salariais e maiores dereitos sociais. Segundo informa CCOO-Servizos, os incrementos salariais derivados do presente acordo, así como o pagamento de atrasos, non se fará efectivo ata a nómina do mes de xullo.

    Asemade, mantense a aplicación do convenio de oficinas e despachos para os colectivos procedentes da subrogación de persoal de HP Procesos de Negocio e CISER. Tamén se manteñen os acordos de mellora asinados pola empresa e os distintos comités: horarios reducidos en semana grande de agosto ou nos días 24 e 31 de decembro, permiso retribuído para asistencia a médica a centros privados de determinadas especialidades, acompañamento de menores e maiores a cargo ou pagamento de festivos, entre outros.

    Por último, cabe salientar que todo o persoal dado de alta na empresa a data do asinamento do acordo terá tamén dereito a gozar de vinte e catro días laborables de vacacións.

  • O comité de empresa de Froiz na provincia da Coruña esixe xornadas de traballo continuas

    O comité de empresa de Froiz na provincia da Coruña convocou este mediodía unha concentración na cidade herculina para esixir xornadas de traballo continuas, de xeito que se facilite a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

    Actualmente, existen dúas modalidades de xornada nos centros de Froiz na provincia: partida e mixta. Neste segundo caso, o persoal goza de catro días con xornada continua e outros dous con xornada partida.

    Durante a pandemia da COVID-19, unha das medidas adoptadas pola empresa foi a xeneralización da xornada continua para todo o persoal. Malia se tratar dunha situación puntual, demostrouse que organizativamente era posible que todas as traballadores e traballadoras gozasen desta modalidade de xornada.

  • Por un pacto pola reconstrución social de España e de Galicia

    A pandemia provocada pola extensión da COVID-19 tivo consecuencias dramáticas para España, para Europa e para todo o mundo. Enfrontámonos a unha experiencia inédita, na que —para evitar a extensión do virus e o agravamento aínda maior do número de persoas contaxiadas, enfermas ou falecidas— tomáronse medidas de paralización da actividade económica ou restricións á mobilidade, como nunca coñeceramos.

    A economía quedou profundamente afectada tamén na nosa Comunidade: caída do PIB e incremento do desemprego, e milleiros de traballadores e traballadoras aínda seguen suxeitos aos ERTEs.

    Esta contracción da actividade económica incide nunha mala tendencia en relación á participación dos sectores industriais. Cómpre potenciar e apostar pola industria, pois é un vector fundamental para poder afrontar a recuperación económica.Queremos enviar toda a solidariedade, o apoio e o acompañamento sincero a todas as persoas afectadas, enfermas e ás familias e achegadas das persoas falecidas. Ler máis.

    España e Galicia sufriron e sofren, pero o noso pobo vai saír adiante. Vaino facer desde a reivindicación e o recoñecemento ao mundo do traballo. Ese que, cando case todo se detivo, estivo aí para garantir as subministracións básicas de toda a poboación, ás veces sen as medidas de protección sanitaria necesarias e poñendo en risco a súa propia integridade.

    Imos saír adiante se reforzamos os nosos servizos públicos, que son garantía para exercer os dereitos de cidadanía en igualdade. O noso sistema sanitario, sociosanitario e de coidados mostrou o valor dos seus profesionais, pero é o feito de contar cun sistema público e universal suficientemente financiado o que garante o acceso de toda a poboación á saúde e aos coidados. Nunca máis recortes en sanidade. Nunca máis mercantilización dos coidados.

    Demandamos uns servizos públicos de calidade, con empregos estables e con financiamento adecuado. A día de hoxe estamos lonxe dos obxectivos de converxencia coa UE: en relación ao PIB galego, como acontece no gasto sanitario, que supón o 6%, mentres na Unión Europea é do 7,9%.

    E sairemos adiante se non nos deixamos arrastrar pola confrontación e o odio. A crise sanitaria e económica máis intensa que coñecemos en tempos de paz non se pode acometer desde a dialéctica da guerra.

    Pedimos ás forzas políticas, sociais e económicas un gran pacto para a reconstrución social de España e Galicia. Unha aposta por reforzar os nosos servizos públicos. Un país, que é o noso, e que necesita traballar desde a concordia e afastarse da crispación.

    Nada máis. E nada menos.