Categoría: Accion sindical

  • CCOO esíxelles ás patronais da hostalaría que garantan a seguridade do persoal e da clientela

    A Federación de Servizos de CCOO esíxelles ás patronais de hostalaría de Galicia que garantan a seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras e da clientela no actual escenario de emerxencia sanitaria, certificando que no establecemento están implantadas medidas de prevención adecuadas para asegurar que non existen riscos para a saúde. Ler máis

    A finalización do estado de alarma non significa que a emerxencia sanitaria acabase. De feito, a situación pódese volver máis perigosa a partir do 1 de xullo cando abran as nosas fronteiras, especialmente en Galicia que, atendendo a todos os índices publicados polas autoridades sanitarias, preséntase este próximo verán como un dos destinos turísticos máis seguros.

    Esta tendencia positiva tense que consolidar coa responsabilidade e o esforzo de todos os axentes implicados no sector do turismo, para que se converta en estable e duradeira no tempo, de forma que poida reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro de cara ao próximo ano Xacobeo. Neste contexto, é imprescindible garantir a seguridade e a saúde do persoal e a clientela dos establecementos hostaleiros.

    A Federación de Servizos de CCOO Galicia lembra que, en cumprimento do que establece a Lei de prevención de riscos laborais (LPRL), as empresas teñen a obriga de avaliar o risco e establecer medidas de prevención adecuadas para protexer a saúde do persoal. Por tanto, urxe establecer plans de continxencia, activando os órganos paritarios de prevención. Tamén cumprirá unha actualización da avaliación dos servizos de prevención alleos para poder establecer os devanditos plans de continxencia.

    Un instrumento que pode axudar a garantir o cumprimento da LPRL son as «Guías para a redución do contaxio polo coronavirus SARS-COV-2 no sector turístico» do MINCOTUR, coordinadas polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), xunto coa Secretaría de Estado de Turismo, en coordinación co Ministerio de Sanidade. Elaboráronse con ampla participación e consenso de Administracións autonómicas e locais, asociacións sectoriais, patronais e os sindicatos CCOO e UGT; tamén foron acordadas coa Asociación Española de Servizos de Prevención Laboral (AESPLA). Ademais, a estas Guías déuselles rango de «Especificacións UNE».

    Para CCOO, a mellor vía para garantir que nun establecemento se implantan as medidas de prevención adecuadas é mediante unha certificación, que non pode basearse só nunha avaliación inicial; hai que activar un Comité de Seguridade e Saúde no que estea presente a representación legal dos traballadores, que asegure o cumprimento da Lei de prevención de riscos laborais e realice unha reavaliación dos postos de traballo tendo en conta as excepcionais circunstancias da crise sanitaria. Finalmente, para garantir os dereitos de información, consulta e participación do persoal que establece a citada LPRL, a representación legal dos traballadores e traballadoras, delegados e delegadas de prevención débense ir incorporando prioritariamente da situación de suspensión por ERTE.

    Así mesmo, máis aló do que recolla a prórroga dos ERTE, deben convocar a representación legal das persoas traballadoras para abordar as desescaladas e desafectacións, para garantir que estas se producen con normalidade e equidade.

    Carta conxunta

  • CCOO convoca folga en Lidl para esixir medidas que reduzan os riscos a que se expón o persoal

    CCOO e UGT convocan para mañá, 4 de xuño, unha xornada de folga en Lidl. Esixen medidas que reduzan os riscos a que se expón o persoal, amais doutras cuestións de carácter laboral derivadas da crise da COVID-19. A cadea de supermercados ten aproximadamente oitocentos traballadores e traballadoras en Galicia. CCOO, sindicato maioritario coa metade da representación —16 delegados e delegadas—, acusa a empresa de romper a homoxeneidade das condicións de traballo, pois pactou un acordo de aplicación exclusivo para o País Vasco.

    Tras unhas primeiras semanas en que o diálogo entre empresa e sindicatos foi a tónica xeral, Lidl decidiu abandonar a negociación tanto de medidas para garantir unha desescalada segura para o persoal, como doutras que compensen o esforzo realizado por este durante a crise sanitaria, exposto a gran tensión física e psicolóxica.

    Entre as reivindicacións sindicais priman as relacionadas coa redución de riscos. Comisións critica que non existan protocolos de prevención «para iniciar a actividade de forma segura en seccións recentemente abertas ao público, como o téxtil», explica Patricia Mariño, secretaria de Acción Sindical da sección sindical de CCOO en Lidl. Outras reivindicacións sindicais son reforzar a vixilancia nas tendas e aumentar as horas de contrato conforme a carga de traballo que realmente existe.

    Os sindicatos tamén piden condonar as horas negativas que a empresa provocou polos seus criterios de planificación da xornada, o pagamento ao 150 % dos excesos de xornada programados en marzo —tal como recolle o acordo asinado coa empresa—, así como a consolidación das horas a máis realizadas de media nos dous últimos anos por cada traballador ou traballadora.

    Malia a súa negativa a atender estas reivindicacións no ámbito estatal, Lidl aceptou moitas delas nun acordo exclusivo para o País Vasco, o que supón «dividir o persoal en traballadoras e traballadores de primeira e outros de segunda, rompendo a homoxeneidade conseguida co convenio de empresa».

    Hai uns días, os sindicatos e Lidl acudiron a unha mediación, que fracasou «pola negativa da empresa a negociar incluso os aspectos máis básicos», reprocha Mariño.

    Concentracións

    Haberá concentracións en todas as provincias galegas, agás en Pontevedra, xa que a Subdelegación do Goberno denegou polo de agora os permisos.

    — Arteixo, de 09:30 a 10:30

    — A Coruña (Ofimático), de 11:00 a 12:00

    — Santiago de Compostela (A Rocha), de 09:30 a 10:30

    — Santiago de Compostela (Costa Vella), de 11:00 a 12:00

    — Ourense (N-120), de 10:30 a 11:30

    — Lugo (Infanta Elena), de 10:00 a 11:00

  • CCOO de Servicios non asina o ERTE de Adolfo Domínguez

    Inicialmente, entendiamos que a decisión de abrir o período de consultas para un ERTE ETOP (Suspensión temporal del contrato o reducción de jornada por causas económicas, técnicas, organizativas o de producción) era precipitada, xa que sen ter claro como se desenvolverían as fases de desescalada nas diferentes comunidades autónomas ou provincias, era imposible negociar criterios que permitisen un ERTE ecuánime e que impedise que as persoas con contratos máis precarios se visen máis prexudicadas pola súa aplicación.

    Por outra banda, tamén desde o inicio expresamos a nosa prioridade para que nestes criterios prevalecese a prevención de riscos e a seguridade do persoal. Ler máis

    O motivo de non asinar con acordo, baséase en que entendemos que as pretensións da empresa non cumpren con eses criterios e fundamentámolo nas seguintes circunstancias:

    • Preocúpanos especialmente como se van poder cumprir as medidas preventivas establecidas pola Autoridade Sanitaria, coa participación de CCOO, sindicatos máis representativos e as patronais do sector. Coa presenza mínima nas tendas prevista pola empresa, unha única persoa tería que desempeñar diferentes funcións habituais, levar a tenda e a responsabilidade de que se cumpran as medidas preventivas pola clientela e sería moi complicado por non dicir imposible.

    • Preocúpanos a implantación de quendas partidas, xa que facilita a contaminación cruzada, complica a obrigatoriedade de dúas desinfeccións diarias e sáltase as indicacións do goberno con respecto á posibilidade de controlar a trazabilidade en caso de contaxios.

    • Preocúpanos non ter contestación ás nosas propostas respecto da ventilación e aire acondicionado dos centros de traballo, da obrigatoriedade de uniformidade suficiente para que se poidan lavar cada día a temperaturas entre 60º e 90º para a súa desinfección, de colocación de biombos e outras medidas presentadas.

    • Preocúpanos que o ERTE non sexa rotativo, deixando desprotexida durante toda a súa duración ás contratacións de tempo parcial que tan só cobrarían unha prestación do 70% da base de cotización.

    • Preocúpanos que a empresa propoña que o persoal de limpeza sexa o último en ser desafectado do ERTE, cando nunha situación de pandemia por motivos sanitarios, debe prevalecer a limpeza e a desinfección.

    • Preocúpanos que a empresa non haxa tan sequera valorado a solicitude de complementar a prestación por desemprego non abonar a totalidade das pagas extras sen desconto, a pesar de que presentamos a posibilidade de que non se fixese neste momento e aprazarase o pago até saír desta situación.

    Desde a Federación de Servizos de CCOO fomos proactivos, presentamos documentos e formulacións en cada unha das reunións, pero ningún foi escoitado e ante esta situación é imposible asinar ningún acordo, xa que a pretensión da Dirección é actuar como unha apisoadora e que aceptemos todas as súas medidas sen discusión.

  • CCOO-Servizos avalía positivamente a derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais

    A Federación de Servizos de CCOO de Galicia avalía positivamente a inminente derrogación da norma que dá liberdade horaria aos establecementos comerciais. O Centro de Coordinación Operativa da Xunta reunirase hoxe para, entre outras cuestións, deixar sen efecto o punto cuarto do acordo adoptado o pasado 15 de marzo, que outorga liberdade de horarios «sen limitacións» aos establecementos comerciais de primeira necesidade. Deste xeito, volverase á situación previa, coas limitacións establecidas na lei 13/2006 de horarios comerciais de Galicia, que fixa que só teñen liberdade horaria os establecementos de ata 300 m 2 , entre outras excepcións.

    Nos últimos dous meses, a Federación de Servizo de CCOO pediu a derrogación desta liberdade horaria, decretada ao abeiro da declaración do estado de alarma, por vela «inapropiada e inadecuada». Na práctica, só se estaba a beneficiar desta prerrogativa unha única empresa, pois a maioría do sector non a aplicou, pois dificulta a necesaria atención tanto á reposición da mercadoría, como á desinfección das instalacións. Desta maneira, reducindo horarios contribuíron a preservar as garantías de saúde do persoal e dos propios clientes.

     

    Dá resposta á reunión do mércores

    Esta decisión dá resposta a unha das cuestións que o sindicato formulou na videoconferencia do pasado mércores, día 13 de maio, co presidente da Xunta e cos conselleiros de Facenda e Economía, Emprego e Industria. Nesta reunión, unha das representantes de CCOO foi a secretaria da Federación de Servizos, Lucía Trenor, quen ademais de pedir a derrogación da liberdade de horarios, expuxo outras importantes reivindicacións para o persoal do sector. Entre outras, a necesidade de participación sindical no deseño de alternativas para os sectores do comercio, o turismo ou a hostalaría; ou o cambio de modelo produtivo, apostando pola mordernización tecnolóxica e situar a Galicia na vangarda da dixitalización.

    Foto de Personas creado por drobotdean – www.freepik.es

  • CCOO pídelle á Xunta un plan para a recuperación social e económica de Galicia

    Unha representación de CCOO reuniuse esta mañá por videoconferencia con Alberto Núñez Feijóo para propoñerlle varias medidas con esta finalidade. Na xuntanza co presidente participaron o secretario xeral do sindicato, Ramón Sarmiento, a a secretaria xeral da Federación de Servizos, Lucía Trenor, o secretario xeral da Federación de Industria, Víctor Ledo, e coordinadora da Área Pública, Emilia Lamas. Ler máis.

     

     

    Nesta longa reunión de case dúas horas e media, tanto Feijóo como os conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez, e Economía e Industria, Francisco Conde, amosaron «boa disposición», segundo Sarmiento, para establecer un «principio de arquitectura» sobre este proceso de diálogo. «Entendemos que ten que haber un emprazamento do Goberno galego ao conxunto de axentes sociais, económicos e políticos para chegar a un amplo pacto de reconstrución no ámbito social e laboral», apunta o dirixente sindical.

    O Plan de recuperación social e económica solicitado por CCOO «debe supoñer a redefinición do Plan estratéxico de Galicia 2021-2030», explica Ramón Sarmiento, pois a «actual situación ten un impacto non previsto hai tan só dous meses», data en que rematou o proceso de consultas do dito plan.

    Para isto, será necesario «abrir un proceso extraordinario de concertación» no que se convoque as organizacións sindicais máis representativas, a patronal galega e os partidos políticos presentes no Parlamento e representantes das Administracións provinciais e municipais.

    Segundo o secretario xeral de CCOO, o actual contexto en Galicia superponse a unha situación «especialmente delicada» en diversos ámbitos industriais, como o aluminio, o naval, o termoeléctrico, o pasteiro ou o binomio mar-industria, «nos que cómpre adoptar decisións con urxencia», apunta Sarmiento. Así mesmo, esta crise demostrou que é preciso «articular respostas amplas que faciliten o cambio a un modelo produtivo máis sostible», sinala o dirixente sindical.

    O secretario xeral de CCOO tamén coida «imprescindible» reformular e reforzar as respostas nos eidos da saúde, especialmente no que atangue á atención primaria, na dependencia e nos servizos sociais, aumentando a dotación de recursos. No ámbito educativo, a capacidade de integración do noso modelo está «seriamente deteriorada e débese iniciar xa o diálogo necesario» co conxunto da comunidade educativa de cara ao vindeiro curso. Canto ao turismo, o comercio e a hostalaría, «os desafíos existentes requiren predisposición para promover unha resposta de país».

    En definitiva, Galicia precisa que progresivamente «se recuperen a normalidade e a capacidade de crecemento económico», cunha repartición máis xusta, impulsando a mellora do emprego e combatendo a precariedade. Un proceso que, «por forza, debe ser inclusivo nos ámbitos da dixitalización e da transición tecnolóxica, cunha resposta transversal ao cambio climático», conclúe Sarmiento.

    Diálogo social, emprego público e liberdade horaria

    Outras cuestións abordadas na xuntanza do presidente foron a concertación social, as ofertas de emprego público e a liberdade dos horarios comerciais. CCOO esixiulle á Xunta de Galicia a execución dos acordos do diálogo social asinados o ano pasado —incluíndo as achegas asumidas na reunión do 22 de abril—, así como dos pactos laborais na Administración autonómica —execución dos acordos de estabilización e consolidación 2020 e anticipación da oferta de emprego público 2021—, para responder á necesidade de reforzar os servizos públicos e a imprescindible xeración de emprego.

    O sindicato tamén instou o Goberno galego a reverter a norma aprobada ao inicio da crise sanitaria que permite liberalizar os horarios comerciais, unha situación que, na práctica, está beneficiando a unha única empresa. No ámbito social, CCOO reiteroulle ao presidente da Xunta a necesidade de implantar unha axuda extraordinaria para conciliación, na liña da proposta xa o pasado 20 de marzo na Comisión de seguimento laboral do COVID-19.