Categoría: Accion sindical

  • Gadis atende as demandas de CCOO e decide pechar as suas tendas o xoves santo.

    Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia valoramos como positiva a medida tomada por Gadis de pechar o Xoves Santo, dándolle así dous días de descanso ao seu persoal, no sentido correcto de salvagardar a saúde das persoas e contribuir á prevención e contención do virus.

    Tamén consideramos como moi oportuna a achega dunha gratificación ao seu persoal, como xa fixeron outras marcas, para compensar o sobreesforzo, entrega e xenerosidade amosada por un persoal que leva traballando ao límite desde o inicio desta crise.

    Esperamos e desexamos que está medida sexa implantada polo resto de empresas do sector, supermercados e hipermercados, así como que atendan a demanda de non abrir os domingos.

    Insistimos na necesidade da derrogación inmediata pola Xunta de Galicia da medida adoptada respecto da Liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade. Debe acometerse a modificación da RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, para os establecementos comerciais cuxa apertura se definiu baixo principios de abastecemento esencial, xustamente para definir os seus horarios de apertura baseándose nos devanditos principios e a limitación de permanencia para a contención da emerxencia sanitaria.

    Cuarto. Todos os establecementos comerciais de primeira necesidade exceptuados da suspensión no Acordo do Consello de la Xunta de Galicia do 13 de marzo e neste acordo, e que, polo tanto, poden continuar abertos, terán liberdade horaria para fixaren sen limitacións os horarios dos seus establecementos comerciais”.

  • As ETTs deixan tirados e abandonados aos traballadores e ás traballadoras con contratos de «posto a disposición»

    Desde CC.OO. e UXT, imos denunciar a todas as empresas de traballo temporal (ETTs) que deixaron tiradas e abandonadas a centos, mesmo miles de persoas que estaban postas a disposición en empresas usuarias, que despediron dos seus postos de traballo e que lle foron extinguidos os seus contratos temporais.

    Desde os primeiros momentos desta crise sanitaria do COVID19, as ETTs despediron, maioritariamente por finalización de actividade, a un alto volume de persoal que prestaba os seus servizos en empresas usuarias, cando, na nosa opinión, terían que suspender os contratos, posto que, xeralmente, o que pasou é que se suspendeu a actividade nas devanditas empresas "cliente". Así o demostra o feito de que a inmensa maioría das empresas usuarias acometeron ERTEs do seu persoal, para que unha vez termine esta situación da pandemia do coronavirus, volvan aos seus postos de traballo. Ler máis

    Entendemos que os máis de 300.000 traballadores e traballadoras cedidos en misión a empresas de todos os sectores produtivos, non poden ter un nivel de cobertura menor que o resto dos traballadores/as das empresas usuarias, o que implica que as distintas situacións que puidesen emanar dos efectos do COVID-19, teñen que articularse mediante medidas equivalentes ás xa adoptadas ou que se puidesen adoptar nun futuro para o resto das empresas ou sectores.

    Esiximos, por tanto, a través do Ministerio de Traballo e do Servizo Público de Emprego, que se fiscalice de oficio, semellantes irregularidades laborais perpetradas contra este importantísimo colectivo de persoas traballadoras e, en caso de detectarse, aplicar todo o peso sancionatorio que establece a lexislación para estes abusos laborais.

    Esta actuación totalmente reprochable das ETTs ten unhas consecuencias moi graves para os traballadores e as traballadoras de ETTs en misión, xa que non van poder acceder aos beneficios de prestacións que se estipulan no RDL 8/2020 de 17 de marzo, de medidas urxentes ante a extraordinaria situación de gravidade que presenta o COVID19, que reforza a cobertura ás persoas afectadas por un ERTE, posibilitando o acceso a prestacións de desemprego aínda que carezan do período mínimo de cotización, e que estes períodos de suspensión non conten para os máximos de percepción do desemprego. Así, as persoas despedidas por ETTs que non conten con cotización suficiente non van poder acceder ao paro, e non terán opción de descontar este tempo do seu período máximo de desemprego xerado.

    Desde UXT e CCOO asesoraremos a todas as traballadoras e traballadores que nolo soliciten, que fosen despedido nestas circunstancias, posto que consideramos que son despedimentos totalmente inxustos e que non se axustan a dereito. Igualmente investigaremos a todas aquelas ETTs que efectuaron estas prácticas reprobables para comprobar o número de casos que se atopen nesta situación, e interporemos demandas de conflito colectivo por ERE encuberto por non proceder como marca o art. 51 do Estatuto dos Traballadores.

    É vergoñento observar como estas empresas están a actuar co seu propio persoal en misión, traballadores e traballadoras xa de por se en situación de precariedade, engadindo ademais unha situación de indefensión e de dificultade de acceso ás súas prestacións.

    Aos TRABALLADORES E As TRABALLADORAS DE ETTs NON HAI QUE DESPEDILOS NESTA CRISE, TEÑEN Os MESMOS DEREITOS QUE O RESTO: SUSPENSIÓNS TEMPORAIS DOS seus CONTRATOS.

  • CCOO Servizos pídelle á Xunta que o Xoves Santo sexa declarado inhábil no sector da alimentación

    Desde a Federación de Servizos de CCOO entendemos que, a pesar de que a lei permite a apertura nese festivo, dada a actual situación cómpre tomar medidas para a prevención e a contención do virus. Recollemos así as demandas de numerosas traballadoras e traballadores do sector.

    CCOO Servizos instamos a Xunta de Galicia a que non permita que o sector da alimentación abra o Xoves Santo, en pleno estado de alarma. Todos os anos, a fixación de festivos para a apertura xera un forte debate entre empresarios e sindicatos, pero este ano abrir o Xoves Santo, ademais, é inseguro e innecesario.

    Cremos que é prioritario asegurar a protección das persoas traballadoras, especialmente expostas nesta situación, e abrir nun festivo como este resulta contrario ao sentido común. Hai que ter en conta, ademais, que ante a enorme presión sufrida por estas traballadoras, a necesidade de descanso é evidente.

    A Federación de Servizos de CCOO subliñamos que con esta petición recollemos o sentir de centos de traballadoras e traballadores que cada día acoden ao seu posto de traballo con inquietude e preocupación.

    Abundando na mesma idea, consideramos que debe acometerse a modificación da RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, para os establecementos comerciais cuxa apertura se definiu baixo principios de abastecemento esencial, xustamente para definir os seus horarios de apertura baseándose nos devanditos principios e a limitación de permanencia para a contención da emerxencia sanitaria.

    Moi especialmente, entendemos que a regulación relativa á definición de “zonas de grande afluencia turística” (ZGAT) e aperturas en domingo debe suspenderse todo o tempo que prolongue o estado de alarma, xa que —ocioso é dicilo—, pola súa propia definición carece de sentido nunha situación como a presente, incluíndo a curto prazo o referente ao período de Semana Santa.

    Cremos que debe ser compatible a debida garantía de acceso a produtos básicos alimentarios ou de hixiene coa seguridade e saúde dos cadros de persoal; e pensamos que recentes normativas liberalizadoras son inconvenientes e poden ter “un efecto chamada” xusto no momento de maior confinamento da poboación, polo que deberían restrinxirse e racionalizarse os horarios de atención nos días festivos.

    Por último, tamén queremos recoñecer a enorme tarefa das traballadoras e traballadores do sector da alimentación. Son moitas as profesións que están sendo clave nesta crise, son moitas as persoas que están a traballar para poder pasar esta situación dunha mellor maneira e, sen dúbida, este sector tamén merece o noso aplauso.

    Carta Xunta de Galicia – Xoves Santo

  • Carta ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo: CCOO solicita que equipare en todas as CCAA os horarios de apertura de establecementos comerciai

    O art. 10 do RD 463/2020 supón unha redefinición dos establecementos comerciais comerciantes polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade, en termos de sector esencial para garantir o abastecemento da poboación nesta situación, asegurándose de que "a permanencia nos establecementos comerciais cuxa apertura estea permitida (sexa) ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan realizar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade".

    Por iso, CCOO Servicios considera que debe abordarse os termos de aplicación presentes e concretos da Lei 1/2004, de 21 de Decembro, de horarios comerciais, para os establecementos comerciais cuxa apertura se definiu baixo principios de abastecemento esencial, xustamente para definir os seus horarios de apertura en base aos devanditos principios e á limitación de permanencia para a contención da emerxencia sanitaria. Ler máis

    Moi especialmente, CCOO Servicios entende que debe suspenderse sempre que prolongue o estado de alarma, a regulación relativa á definición de "zonas de gran afluencia turística". No mesmo sentido, deberían suspenderse durante o estado de alarma normativas autonómicas de liberalización de horarios comerciais, existentes ou que puidesen articularse.

    En definitiva, o sindicato entende que deberían unificar a definición de horarios de apertura dos establecementos comerciais previstos no RD 463/2020 baixo os criterios xa indicados de garantía de abastecemento esencial e seguridade para persoais e clientela. O que iría na liña das recomendacións da Guía de Boas Prácticas de Prevención da Saúde recentemente publicada polos ministerios de Sanidade e de Industria, Comercio e Turismo

    Desde CCOO Servicios enténdese que é moi recomendable tentar que as quendas e os horarios sexan sustentables e máis reducidos para uns persoais que están a facer un sobre esforzo considerable, acumulando cargas de traballo e véndose reducidas polos contagios e os consecuentes procesos de corentena, que aparellan protexer a toda a contorna.

    Carta Ministerio Comercio Industria e Turismo sobre horarios comerciais

  • Carta á Xunta de Galicia: A liberdade de horarios vai en contra da saúde

    Desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia, entendemos como «inapropiada e inadecuada» a resolución sobre liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade, recollida no DOG núm. 51 do 15 de marzo de 2020.

    O acceso aos bens imprescindibles xa está garantido polo RD no que o Goberno declarou o estado de alarma, ademais da garantía expresada en múltiples comunicados por parte das grandes distribuidoras de alimentación, que indican que o abastecemento de todos os supermercados e hipermercados desta comunidade autónoma, ademais dos do resto do país, está garantido.

    A maioría das empresas do sector tomaron a decisión de reducir o seu horario comercial, co fin de poder atender tanto a reposición de mercadoría, como a desinfección dos centros, e así preservar as garantías de saúde do persoal e dos propios clientes, polo que non cabe facer normas que alenten un efecto chamada cara aos comercios de alimentación, cando o importante é que prevaleza a mensaxe á cidadanía #QuedaNaCasa Ler máis

    Por outra banda, este tipo de normas promove de maneira subrepticia, en opinión da Federación de Servizos de CCOO, a competencia desleal entre formatos comerciais no momento máis inoportuno. Non é hora de facer negocio e, sobre todo, non é o momento de poñer máis en risco a saúde das persoas traballadoras.

    Por todo iso, solicitamos da Xunta de Galicia a derrogación inmediata da medida adoptada respecto da Liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade.

    «Todos os establecementos comerciais de primeira necesidade exceptuados da suspensión no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo e neste acordo, e que, por tanto, poden continuar abertos, terán liberdade horaria para fixaren sen limitacións os horarios dos seus establecementos comerciais».

    Carta á Xunta de Galicia