Categoría: Accion sindical

  • Exposición ao contaxio: Os Comités de empresa de Gadis Pontevedra ratifican a denuncia de CCOO Servizos ante a empresa

    Con data 14 de marzo CCOO Servizos denunciamos ante a dirección da empresa Gadis (Mercartabria Coruña) unha serie de carencias que colocaban nunha situación de vulnerabilidade ao persoal ante a ameazada de infección por COVID19.

    Hoxe os comités de empresa de Gadis Pontevedra ratifican que en Gadis seguen prevalecendo os intereses económicos por diante da saúde do persoal, xa que a día de hoxe mantén o horario habitual, cando a maioría de supermercados e hipermercados acurtaron o tempo de apertura como medida preventiva.

    Xuntamos carta dirixida á dirección da empresa por parte de CCOO Servizos e comunicado emitido polos comités de Gadis Pontevedra

    Icons made by Flat Icons from www.flaticon.com

    Carta de CCOO Servizos a GADIS

    Comunicados comités de empresa

  • El Corte Inglés pon en perigo a saúde do seu persoal co COVID19

    NON IMPORTA A SAÚDE, nestes momentos para O Corte Inglés prevalece a súa ansia carroñeira e o seu afán de usar esta epidemia para facer caixa e incrementar os seus beneficios.Cando todas as indicacións sanitarias parecen dirixirse cara ao contrario, diminuír a presenza do persoal nos centros de traballo para tentar deter esta pandemia, O Corte inglés, nunha actitude mercantilista e que só pensa en beneficios económicos, decidiu expor durante máis tempo ao virus, tanto aos seus traballadores e traballadoras como aos seus clientes.

    CCOO entende isto como un acto de IRRESPONSABILIDADE, pero hai que deixar claro que conta co visto e prace e aval da Xunta de Galicia, que co seu decreto de liberdade horaria presentado polo Presidente Feijoo xusto antes da situación de alerta, permite esta calamidade.

    Como acto irresponsable o entenderon a maioría de empresas do sector de hipermercados e supermercados, xa que todas reduciron o seu horario, con excepción do grupo GADISA, empresa á que xa interpelamos tamén mediante escrito á súa dirección pola súa irresponsabilidade ao manter o horario de apertura. Ler máis

    Desde CCOO queremos facer público que tomaremos todas as medidas necesarias para tentar evitar esta actitude de competencia desleal, outras empresas pensaron primeiro tanto no seu persoal como no risco para a saúde da sociedade. Na decisión de aumentar o tempo de apertura, O Corte Inglés queda só.

    Tanto o seu persoal, como o do resto do sector da alimentación, merécese un respecto polo traballo, o sacrificio e o perigo ao que está exposto polo labor de abastecer a esta sociedade nestes momentos tan duros. A Dirección do Corte Inglés, NON ESTÁ Á ALTURA da xente que traballa para ela.

    Desde CCOO queremos solicitar da sociedade que sexa responsable, que faga prevalecer o interese por preservar a saúde das persoas e que reduza os tempos de compra, evitando especialmente acudir a comprar en domingo.

    Tamén comunicamos que nos poremos en contacto co presidente da Xunta o máis axiña posible, para solicitar que rectifique de forma urxente o decreto de apertura.

    De Luis García, CC BY-SA 3.0 es, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=29717801

  • CCOO Servizos velaremos polas garantías laborais do ERTE de Bosch SS Vigo

    Con data 19 de marzo a empresa Bosch Services Solution, situada en Vigo, notificou á representación sindical existente na empresa a súa intención de iniciar un Expediente de Regulación de Emprego Temporal (ERTE) que afectaría a unhas 1309 persoas dun total de 1549 persoas e a finalización dos contratos existentes a día de hoxe por ETT.

    Na notificación realizada á RLT fundamenta a necesidade de levar a cabo o ERTE baseado en causas obxectivas organizativas e produtivas derivada da situación de alerta sanitaria decretada polo Goberno de España. A intención da empresa é levar a cabo devandito ERTE durante un prazo máximo de 6 meses.

    Desde a Federación de Servizos velaremos por que se dean todas as garantías laborais durante este proceso e esixiremos que a duración do ERTE anunciado non se prolongue máis aló da situación de alarma sanitaria existente no noso país. Así mesmo esixiremos á empresa que garanta o 100% dos salarios, facéndose cargo da diferenza entre as prestacións abonadas polo SEPE e o salario real do persoal.

  • CCOO insta a Bosch e Unísono a garantiren a seguridade e saúde laboral nos seus centros de Vigo

    17-3-2020.- A Federación de Servizos de CCOO dirixiuse ás empresas Bosch e Unísono para esixirlles medidas que garantan a seguridade e saúde laboral nos seus centros de traballo de Vigo. Nestas empresas, un numeroso cadro de persoal comparte espazos moi próximos, sen que se teñan tomado medidas especiais para previr un contaxio por coronavirus COVID-19. Por esta razón, o sindicato puxo os feitos en coñecemento da Inspección de Traballo. Ler máis

    No día de onte, Bosch manifestou a súa vontade de implementar medidas de contixencia e permisos para o persoal. Porén, hoxe responde que só se fará «en casos excepcionais», polo que actualmente as traballadoras e traballadores fan o seu laor habitual, sen que se teña en conta a normativa actual relativa ao COVID-19.

    Canto a Unísono, o persoal entrou e saíu dos seus postos de traballo sen poder manter a distancia de seguridade. Os postos non foron hixienizados e están a unha distancia inferior a un metro. Tampouco hai a disposición xeles para as mans.

    CCOO pediulle á Inspección de Traballo e Seguridade Social que transmita as pautas de actuación a seguir, co obxectivo prioritario de actuar «coa máxima dilixencia posible» nos centros de chamadas no caso de que se confirme algún caso de contaxio por coronavirus.

     

    Medidas solicitadas por CCOO

    CCOO-Servizos pídelles ás empresas do sector dos centros de chamadas que implanten o teletraballo como fórmula prioritaria para todas as campañas, sempre de xeito voluntario. Tamén, a adaptación de horarios e flexibilización nas entradas e saídas; o establecemento de 1,5 metros de seguridade entre persoas, o que implica deixar un posto baleiro entre cada traballador ou traballadora; fornecer xeles desinfectantes hidroalcohólicos; a apartura das portas dos centros de traballo, para evitar riscos innecesarios; a limpeza completa de todos os elementos dos postos nos cambios de quendas; facilitar cascos e auriculares individuais como medida adicional; limpeza exhaustiva todos os días, previa ventilación do centro de traballo; e o permiso retribuído para persoas inmunodeprimidas ou en situacións vulnerables de risco.

    Segundo CCOO, desde o primeiro momento desta crise sanitaria, o sindicato bateu coa negativa das empresas a realizar teletraballo aludindo a motivos de protección de datos. Por esta razón, Comisións tamén se dirixe aos seus clientes —entre os que están Administracións e grandes empresas como Iberdrola, BBVA, Teléfonica ou Orange— para lembrarlles que as medidas sanitarias «son para toda a sociedade, sen distincións».

    CCOO agarda que se produza unha pronta rectificación na actitude das empresas, xa que nalgúns centros de chamadas galegos xa tivo que acudir a policía para levantar acta e mesmo, no caso máis grave, obrigar a pechar o centro de traballo.

  • Toda a información sobre prestacións e desemprego durante o Estado de Alarma

    A atención presencial no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) queda suspendida a partir deste luns 16 de marzo debido á pandemia do Coronavirus, pero si funcionará a vía telemática, que está a ser reforzada para garantir a tramitación das prestacións por desemprego e o resto de dereitos da cidadanía. En todo caso, o Ministerio de Traballo e Servizo Público de Emprego informou que non se terán en conta os prazos establecidos para solicitar prestacións mentres dure o Estado de Alarma. Ler máis

    Ligazón de listaxe de teléfonos do SEPE (para prestacións) á cidadanía

    E as xestións nas Oficinas de Emprego?
     

    • Non fai falla que seles o paro

    A Oficina de Emprego vai proceder a renovar de oficio todas as demandas de emprego. Enviaranche ao teu correo a demanda de emprego selada coa próxima data na que terás que renovar.

     

    • Si podes inscribirte como demandante de emprego

    Se necesitas a demanda de emprego, non hai problema. Fai a túa inscrición telemáticamente no portal de emprego da Xunta de Galicia, co DNI electrónico ou o Certificado Dixital. Se non dispós eses recursos podes enviar unha solicitude de inscrición ao correo electrónico da oficina que che corresponda, indicando un teléfono, correo electrónico ou dirección física para recibir as comunicacións relativas á demanda e o formulario de inscrición. Tamén, se solicitas cita previa na páxina web do Servizo Público de Emprego Estatal, as oficinas da Xunta de Galicia obterán os teus datos e daranche de alta de oficio. Despois enviaranche a demanda por correo electrónico.

     

    • Se che afecta un ERTE de forza maior

    Non tes que realizar trámite algún en relación á alta na demanda porque é a Dirección Xeral de Traballo quen remitirá a relación dos afectados ao Servizo Público de Emprego para tramitar de oficio a demanda. As empresas deberán facilitar todos os datos (DNI, Nome e apelidos e medio de contacto) para levar a cabo esta xestión.

     

    • Contacta coa túa Oficina de Emprego

    Podes comunicar coa túa Oficina de Emprego a través dos correos electrónicos e teléfono de contacto. Aquí tes a ligazón con todas as direccións e teléfonos

     

    • Se tes unha cita co teu orientador na Oficina de Emprego, queda anulada?

    Suspéndese temporalmente a xestión presencial de citas individuais e grupais, de orientación, intermediación e o resto de actividades. Tamén se inhabilita temporalmente o sistema de cita previa. Desde a Oficina de Emprego tentarán porse en contacto contigo para informarte da situación do teu itinerario de orientación. Se tes algunha dúbida ponte en contacto co teu orientador a través do teléfono ou o correo electrónico que che proporcionou.

     

    • Ofertas de emprego

    Suspéndese con carácter xeral a xestión de ofertas de formación e emprego. Atenderanse con caracter de urxencia as relativas a servizos relacionados coa crise do COVID 19, preferiblemente por medios telemáticos ou telefónicos.

     

    • Se tes que acreditar a realización da Procura Activa de Emprego para cobrar o teu subsidio faino a través do correo electrónico

    Durante a duración do Estado de Alarma o SEPE non esixirá a acreditación previa de Procura Activa de Emprego para o cobro do Subsidio Extraordinario de Desemprego ou a Renda Activa de Inserción. Pero se queres solicitar a acreditación podes dirixirte por correo electrónico á túa oficina de emprego (ligazón a direccións e teléfonos). Debes achegar a documentación acreditativa pertinente e o número de teléfono e/ou correo electrónico de contacto. Para esta acreditación admitirase unha declaración responsable do demandante indicando que realizou as accións esixidas.

     

    • Como obter os certificados que emiten as Oficinas de Emprego

    Podes obter os certificados entrando no portal de emprego da Xunta de Galicia co teu usuario e contrasinal ou utilizando DNI Electrónico ou Certificado Dixital

    Ligazón de listaxe de teléfonos do SEPE (para prestacións) á cidadanía