Categoría: Accion sindical

  • SE TRABALLAS EN HOSTALARÍA OU COMERCIO… Sobre o peche de centros de traballo e como afectará aos cadros de persoal

    Ante o peche de determinados centros de traballo, desde a Federación de Servizos de CCOO de Galicia queremos contestar a aquelas preguntas que poden facerse as persoas que forman parte do persoal do sector: Ler máis

    Que vai pasar cos traballadores/as?

    As empresas afectadas veranse na obrigación de solicitar un ERTE de carácter urxente por causa de forza maior ante o peche obrigado dos centros.

     

    Que é un ERTE?

    É un Expediente de Regulación de Emprego Temporal, é dicir, unha suspensión temporal dos contratos.

     

    Como nos afecta o ERTE?

    O traballador/a pasa a cobrar a prestación por desemprego os días de duración do expediente.

    Salvo que o Goberno lexisle doutra forma, dadas as circunstancias excepcionais da situación, até o momento a percepción será do 70% da base reguladora, existindo melloras destas contías en caso de ter fillos menores a cargo.

     

    Ten o traballador/a que facer algún trámite?

    Salvo que haxa modificación neste aspecto, polo momento SI. Débese solicitar cita, de forma online ou telemática, no SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) para tramitar a presentación.

    As oficinas de emprego estableceron un protocolo de contención do virus, polo que non van atender presencialmente a ninguén. Farase toda xestión de forma telemática e/ou telefónica. Por iso, NON se terán en conta os prazos establecidos para solicitar as prestacións para que non se prexudique ningún dereito.

     

    Teñen que comunicar algo as empresas aos traballadores/as?

    Si, deben comunicar a todos os seus traballadores/as por escrito a orde de non asistir ao seu posto de traballo e informar o trámite do ERTE por causa de forza maior.

    Unha vez aceptado o ERTE deben emitir unha nova comunicación que sirva para o trámite individual da prestación por desemprego.

    Que documentación necesito para solicitar a prestación?

    – Comunicación da empresa onde se indique a afectación do traballador/a por o expediente

    – Demanda de emprego (debe tramitarse previamente no INEM)

    – Libro de familia

    – DNI

    – N° de conta onde quere que lle ingresen a presentación

     

    Afecta o ERTE ás miñas condicións laborais?

    Ao finalizar o ERTE, os traballadores/as incorporaranse ao seu traballo nas mesmas condicións salariais, de xornada, antigüidade, etc., que tivesen antes de iniciarse o mesmo.

    En caso de despedimento posterior, o período de ERTE computaría a efectos de indemnización.

    Para calquera outra dúbida, consulta ou pregunta, se hai representantes de CCOO na túa empresa, diríxeche a estas persoas. Se non é así, podedes contactar co voso sindicato no seguinte correo:

    comunicaciongalicia@servicios.ccoo.es

    Se pertences a unha empresa que pola súa actividade vai permanecer aberta e tes calquera dúbida, contacta tamén na dirección de correo anterior. Pedímosvos comprensión se tardamos un pouco en contestar as vosas dúbidas, estamos ante unha situación moi especial. Grazas.

  • 8 de marzo: construíndo e sumando pola igualdade real

    As confederacións sindicais de Comisións Obreiras e a Unión Xeral de Traballadores, ante a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, MANIFESTAMOS o noso compromiso de seguir construíndo a igualdade real entre mulleres e homes, a nosa vontade de seguir sumando neste esforzo colectivo e de combater todas as formas de discriminación e violencia contra as mulleres, sendo o noso ámbito prioritario a loita contra todas as discriminacións relacionadas co emprego.

    Para UGT e CCOO, o logro da igualdade efectiva entre mulleres e homes é un obxectivo que se insire nos nosos principios e plásmase nas nosas accións por unha sociedade máis xusta, inclusiva e solidaria.

    Despois dunha década regresiva, coa conxunción de crise económica, financeira, políticas de recorte do sistema de benestar, de reformas retrógradas en materia laboral, educativa, cidadá, etc., e de recortes e esquecementos na obrigación dos gobernos de achegar os recursos para o avance en políticas de igualdade, chegou o momento de avanzar substancialmente en igualdade real e de corrixir os efectos destas políticas regresivas que fixeron aumentar as desigualdades sociais e de xénero.

    A igualdade legal recibiu en marzo do ano pasado un pulo a través do Real decreto lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para a garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación. As medidas contidas nesta norma corresponden a reivindicacións históricas das organizacións sindicais CCOO e UGT. Entre elas, a equiparación dos permisos para os dous proxenitores por nacemento e coidado de lactante. Introdúcese o rexistro salarial desagregado por sexo no Estatuto dos Traballadores e as auditorías salariais nos plans de igualdade. Esténdese a obrigación de contar cun plan de igualdade ás empresas de máis de 50 traballadores e traballadoras. E esperamos contar o máis axiña posible cun desenvolvemento regulamentario que xurda do Diálogo Social.

    Despois dun período de inestabilidade gobernamental, por primeira vez na nosa historia recente hai un Goberno de coalición progresista. UGT e CCOO esperamos que sexa unha oportunidade para poñer en primeira liña da acción política medidas e recursos humanos e económicos para conseguir que a igualdade legal contida nas normas por fin sexa igualdade real e efectiva. Queremos que este 2020 sirva para avanzar sen posibilidade de retorno cara a unha sociedade xusta, sostible, solidaria e con igualdade de xénero.

    Manifesto

  • «En Zara non queremos ser traballadoras de segunda»

    O cadro de persoal das tendas está crispado xa que leva moito tempo reivindicando a equiparación de condicións co persoal de loxística, ao que Zara resposta que “non se contempla”.

    Cabe salientar que o persoal das tendas é fundamentalmente feminino e na área de loxística masculino, o cal potencia aínda máis a brecha salarial. As tendas están discriminadas en condicións laborais, salarios e beneficios, ademais de sufrir recentemente a redución da posibilidade de acumular horas para utilizar libremente. Ler máis

    Na área de loxística teñen axudas para as escolas infantís, descontos e axudas nos libros para os fillos, até plus cando chegan á universidade, plus de sábados, plus de vacacións se as gozan fóra dos períodos máis demandados, comen por 25 céntimos na central de Arteixo, o persoal das tendas ten que levar a comida a un recuncho e ningunha desas axudas.

    Tamén se producen agravios en relación ás facilidades para conciliar: hai casos de compañeiras ás que non se lles aceptan as reducións de xornada. Solicítanse pero daquela a empresa negocia e obríga a ir sábados ou algunha tarde. Os casos rematan ante o xulgado.

    Os postos de responsabilidade en tenda teñen un incentivo por vendas cunhas cantidades de suplementos que ás veces son obscenas e as dependentas non teñen ese plus. Levamos anos pedindo que se reparta, por suposto de forma proporcional ao salario, entre todas as traballadoras da tenda.

    Lévase tempo pedindo un plan de xubilacións e de redución de xornadas cando se alcanza unha certa idade. Porque, aínda que non se vexa, nas tendas tamén hai un gran traballo de almacén, con accións repetitivas e transporte de cargas.

    Por todo iso hoxe comenzamos mobilizacións no Centro Comercial de Marinaleda de A Coruña para deixar claro que o persoal de tenda tamén pertencen ao grupo Inditex e pedir que a empresa se sente a negociar.

    Galería de imaxes

  • Concentración na Coruña contra os despedimentos no Banco Caixa Geral

    Comisións Obreiras (CCOO) participou na concentración deste martes na Coruña para rexeitar os despedimentos no Banco Caixa Geral. A protesta tivo lugar desde as 11:30 horas diante da oficina principal de Abanca, na coruñesa rúa Nova, xa que esta entidade é a propietaria do banco.

    Segundo CCOO, desde que Abanca se fixo coa filial española da entidade portuguesa Banco Caixa Geral, comezou cunha serie de despedimentos por causas presuntamente obxectivas (baixo rendemento e causas organizativas), aboando ademais a indemnización mínima que prevé a normativa laboral (vinte días por ano, cun máximo de doce mensualidades).

    A escasos días de comezaren os despedimentos, as seccións sindicais recibiran unha comunicación formal na que se indicaba que non se tomara "decisión ningunha" en relación con posibles medidas no ámbito laboral para acometer a integración das dúas entidades.

    A Federación de Servizos de CCOO esixe a "readmisión inmediata" das persoas despedidas, así como unha negociación sobre o emprego nos servizos centrais do Banco Caixa Geral.

  • O Grupo Común da Esquerda coincide con CCOO na situación dos centros de chamadas

    Este mércores tivo lugar unha xuntanza entre Comisións Obreiras e o Grupo Común da Esquerda para tratar a situación dos centros de chamadas en Galicia, especialmente tras a decisión de Naturgy de finalizar o contrato con Unitono-Ourense. Ler máis

    Segundo expuxo CCOO na reunión, o sector dos contact center (centros de chamadas) dá traballo a máis de dez mil persoas en Galicia. O grupo parlamentario coincidiu co sindicato na necesidade de que as Adminstracións públicas impusen políticas activas de emprego no sector e garantan a prestación de servizos de atención en galego desde a nosa comunidade, non desde outras.

    Así mesmo, concordaron en esixir cláusulas de garantía de creación ou mantemento de emprego nas licitacións públicas, obrigando á devolución das subvencións por parte daquelas empresas que incumpran os compromisos adquiridos.

    De igual maneira, ven necesario fomentar políticas de responsabilidade social corporativa, que han comezar polo coidado das condicións laborais; e que a nivel lexislativo se promovan leis que impidan a fuga de datos, suxeitos ao Regulamento de protección de datos europeo, cara a terceiros países que non teñan as mesmas garantías de privacidade.