Categoría: Accion sindical

  • CCOO rexeitamos a rescisión do contrato con Unitono-Ourense por parte de Naturgy

    A Federación de Servizos de Comisións Obreiras de Galicia rexeitamos a rescisión do contrato con Unitono-Ourense por parte de Naturgy, que se producirá a partir do 15 de novembro. Desde comezos de ano, viñamos denunciando a política de deslocalizacións da compañía enerxética, reducindo carga de traballo nos centros de chamadas da Coruña e Ourense. Ler máis

    No ano 2018, entre Teleperformance (A Coruña) e Unitono (Ourense) sumaban máis de 460 postos de traballo. A día de hoxe mantéñense 150 empregos na primeira, mentres que a segunda podería perder máis de cen, ficando en preto de cincuenta.

    Mantivemos reunións coa Xunta de Galicia para que actuase de intermediaria entre o comité de empresa de Unitono-Ourense e Naturgy. Froito desta mediación, a compañía enerxética comprometeuse co mantemento do servizo en Galicia e, concretamente, en Ourense.

    Porén, a dirección de Unitono acáballe de comunicar ao comité de empresa a perda do servizo prestado a Naturgy. Con todo, ata o asinamento da adquisición da empresa por parte do grupo GSS, que se prevé para comezos de novembro, non se aplicaría medida ningunha canto ao persoal.

    Comisións rexeitamos a destrución de emprego que se está a producir no sector dos centros de chamadas, que responde a intereses «puramente económicos que non valoran a calidade dos servizos que se prestan aquí», apunta Iván Cordeiro, responsable da Agrupación de Servizos Técnicos de CCOO.

  • O cliente non sempre ten a razón. Por un lugar de traballo seguro para as camareiras de pisos

    É necesario garantir un lugar de traballo seguro para as camareiras de pisos, persoal especialmente exposto ao acoso sexual. Estas condutas que teñen as súas raíces na persistente desigualdade entre mulleres e homes maniféstanse en comportamentos de violencia e acoso sexual que poden ir desde os requirimentos ou proposicións, comportamentos físicos até a agresión sexual. O feito de desenvolver gran parte da súa actividade laboral no interior das habitacións dos clientes, supón para elas un risco que fai incuestionable a necesidade de establecer medidas e estratexias para previlo. Ler máis

    No ámbito laboral, traballamos sindicalmente por erradicar o acoso sexual ou laboral que se pode producir nos centros de traballo mediante protocolos contra o acoso, e as medidas preventivas necesarias para que este non ocorra. Pero que sucede cando o acoso ten a súa orixe nas accións das persoas que se senten empoderadas e protexidas só polo feito de ser “o cliente?

    Existen mecanismos para protexelas, desde como se organiza o traballo diario a procedementos e recursos que garantan a súa seguridade:

     

    • Dispor de botóns antipánico, handys ou teléfonos para estar en contacto co resto do equipo ante casos de emerxencia.
    • Manter a porta da habitación aberta e bloquear o acceso de entrada cos carros de limpeza.
    • Nunca limpar unha habitación se o hóspede permanece dentro. No caso de que o persoal de piso se atope limpando a habitación e o hóspede solicite entrar, a traballadora debe saír da habitación e regresar máis tarde.
    • Ao realizar unha entrega extra de toallas, artigos de toilette ou de room service, o persoal non debe entrar na habitación, ou facelo en parellas.
    • Evitar traballar illadas, garantindo que o número de traballadoras é apropiado para cada tarefa e para cada momento do día, extremando as precaucións nas quendas de noite, máis vulnerables.
    • Que todas as dependencias do hotel, como corredores, escaleiras de emerxencia, almacéns, cuartos de almacenaxe, conten con iluminación de detección de presenza.
    • Que os hoteis se doten dos servizos de seguridade necesarios en caso de incidentes.
    • Roupa de traballo adecuada para a tarefa. Libre elección de uniforme (saia/pantalón)
    • En caso de danos físicos e/ou psíquicos, por agresión verbal ou física, abuso ou violación, as empresas deben pór a disposición da afectada todos os medios sanitarios e xurídicos posibles, asumindo o seu custo, así como o recoñecemento de accidente laboral.
    • Programas de sensibilización, formación, e información.

    CCOO Servizos, pide ás institucións (Goberno) a ratificación formal do Convenio 190 da OIT sobre a Eliminación da Violencia e o Acoso no Mundo do Traballo e demanda ás empresas do sector que adquiran un compromiso firme contra esta secuela, considerando o acoso sexual por parte de persoas alleas á empresa como un risco a ter en conta nas súas instalacións, adoptando todas as medidas preventivas posibles para que as súas traballadoras non sufran ningún dano.

    Publicaciones de la campaña "Trabajo seguro para las camareras de piso" en hoteles

    Manifiesto de la Campaña de Seguridad en el Trabajo para la Camareras de piso

  • As centrais sindicais convocan manifestación o 22 de outubro contra o traslado de servizos e emprego iniciado por R Cable

    As centrais sindicais CCOO, CGT, CIG e UGT convocan unha manifestación o vindeiro martes 22 de outubro, para esixir a R Cable a paralización inmediata do proceso de traslado de servizos e do emprego fóra de Galiza. Unha deslocalización que, no caso do servizos de que operación e mantemento de rede, previsibelmente se fará efectiva a data de 31 de outubro, afectando a numerosas empresas e a centos de traballadores e traballadoras en toda a provincia.

    A manifestación do día 22 sairá ás 19:00 horas da tenda de R situada na rúa Compostela (zona da Praza de Lugo) e rematará fronte ao edificio de R Cable situado no Obelisco.

    Previamente, o mércores 16 de outubro, terá lugar ás 12 horas unha concentración na Coruña diante do edificio administrativo da Xunta en Monelos, onde os sindicatos emprazarán por escrito o conselleiro de Industria para que exerza dunha vez a súa responsabilidade e convoque unha reunión con todas as partes implicadas (R Cable, auxiliares, sindicatos e Administración) co obxectivo de abordar o futuro dos empregos.

    As centrais sindicais reclamamos que a Xunta se implique activamente no conflito para impedir que se consume esta deslocalización e para que obrigue a R Cable e a súa propietaria Euskaltel, a negociar coa representación social.

    A Xunta non pode inhibirse diante deste novo ataque ao emprego e ten que actuar para garantir os postos de traballo e a calidade duns servizos de telecomunicacións que se construíron a conta dos cartos públicos de todas as galegas e os galegos. A utilización dese diñeiro ten que reverter no noso desenvolvemento económico, social e tecnolóxico e non pode servir para que empresas privadas se lucren e incrementen beneficios a base avanzar na deslocalización da súa actividade e a precarización das condicións laborais.

    + Para máis información:

    • Ivan Cordeiro , da Federación de Servizos de CCOO: 660 505 349

  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condena á Fundación Monte do Gozo (Proxecto Home Galicia) por actitude antisindical

     Tal e como ven denunciando dende o ano 2017 a Federación de Servizos de CCOO de Galicia en diferentes reunións, mobilizacións e roldas de prensas, os informes da Inspección de Traballo da Coruña e Vigo recoñecían irregularidades graves na actuación da empresa e xeraban por iso unha
    serie de requirimentos e sancións. Súmase agora unha sentenza do TSXG de Galicia de data 23 de xullo de 2019, na que se ratifica de forma contundente a ACTITUDE ANTISINDICAL contra CCOO, contra a súa delegada e afiliadas e afiliados na Fundación Monte do Gozo, Proxecto Home Galicia. Ler máis

    A sentenza é demoledora tanto no relativo aos feitos probados, como aos fundamentos de dereito, nos que o tribunal fala de presións á hora de dirixir o voto contra CCOO, da manipulación por parte do xerente para tentar conseguir un convenio de empresa que empeore as condicións laborais do persoal e a represión interna tanto cara á afiliación de CCOO e a todas as persoas que discrepan coa actitude autoritaria e caciquil que se vive nos centros.
    A sentenza do TSXG Condena á Fundación monte Do Gozo-Proxecto Home Galicia ao cesamento inmediato de tal comportamento antisindical así como a abonar ao Sindicato demandante unha indemnización de 15.000 euros polos danos morais provocados e pola súa conduta antisindical.
    Esta indemnización, súmase ás importantes cantidades que A Fundación tivo que pagar en concepto de sancións á Inspección de Traballo e  indemnizacións a traballadoras despedidas de forma improcedente tal e como recoñecen diferentes sentenzas xudiciais.
    CCOO xa ten manifestado en roldas de prensa a xestión irresponsable da Fundación monte Do Gozo-Proxecto Home Galicia: non ten o máis mínimo escrúpulo en destinar miles de euros do diñeiro procedente de subvencións e doazóns, ao pago de sancións e indemnizacións, mentres mantén unha
    situación de precariedade no seu persoal que afecta gravemente á atención dos usuarios e usuarias dos seus centros, sen que a administración ou o padroado, coñecedores destes feitos, tomen ningún tipo de medida respecto diso.

  • CCOO revalida a maioría en Teleperformance e amplía a súa representación

    Onte, catro de xuño, tiveron lugar as votacións para elixir os membros do Comité de Empresa de Teleperformance A Coruña e, de novo, o persoal elixiu de forma maioritaria a candidatura de CCOO.

    O persoal outorgou cos seus votos a confianza aos nosos candidatos recollendo a proposta de CCOO de que sumando se poden acadar as metas que nos propoñamos, defendendo as condicións laborais do persoal e o emprego.

    Hai que destacar o alto índice de participación nas votacións para un comité, que pasou de 17 a 21 membros, nas que CCOO obtivo case o 43% dos vinte e un delegados/as que se elixían, quedando a súa composición do seguinte xeito: CCOO 9, CIG: 6, UGT: 4 e CGT: 2

    Desde CCOO queremos agradecer ás traballadoras e traballadores de Teleperformance A Coruña a súa implicación no proceso electoral e a súa confianza no noso sindicato, cuxas delegadas e delegados, desde o primeiro día en que foron elixidos, fai xa máis de catro anos, traballaron duramente en mellorar as condicións laborais de todo o cadro de persoal, o cal, agora, recoñece este labor cos seus votos, e que nos permite renovar o noso compromiso de seguir traballando para estar á altura das súas expectativas.

    CCOO agradecemos o apoio do persoal pola súa participación democrática e polo apoio outorgado aos nosos candidatos e candidatas e comprometémonos a traballar para ser útiles e eficaces e poder intervir con máis garantías no devir da empresa e do sector.